Unha persoa tivo que ser trasladada despois de sufrir un accidente en tráfico entre dous coches, no concello de Tui. Os feitos aconteceron cara ás 17 horas de hoxe cando un particular chamou ao 112 Galicia para dar aviso dunha colisión entre dous vehículos en Randufe, no enlace da estrada N-551 coa A-55.
Durante a comunicación, a persoa indicaba que había dúas persoas que necesitaban asistencia médica e que, ademais, os coches entorpecían a circulación polo que, por parte do CIAE-112 Galicia procedeuse a mobilizar aos servizos sanitarios e dar aviso á Garda Civil de Tráfico, Policía Local e Protección Civil de Tui, amais dos bombeiros do Porriño.
Ao remate da intervención, os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do municipio confirmaron que, finalmente, unha persoa implicada no choque necesitou ser trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Ademais, para garantir a seguridade na vía, desde o 112 tamén se lle notificou a colisión ao persoal de mantemento de estradas e ao Centro de Xestión de Tráfico.