12.2 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiO comercio local de Tui fará gala de orixinalidade e creatividade este...

    O comercio local de Tui fará gala de orixinalidade e creatividade este Nadal

    O comercio tudense fará gala de creatividade e orixinalidade nestas festas para participar no I Concurso de Escaparates de Nadal 2023/24 organizado polo Concello de Tui, a través da concellería de Emprego e Comercio, en colaboración con ACITUI, a Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui. O obxectivo do mesmo é dinamizar o comercio de proximidade e impulsar a actividade comercial durante as festas.

    Deste xeito, con esta iniciativa, os escaparates presentarán propostas orixinais e creativas con temática do Nadal, creando unha historia única en cada establecemento. Isto contribuirá ao ambiente festivo nestas datas, a incentivar as compras e tamén o paseo polas rúas comerciais para coñecer as creacións de cada comercio. Faise tamén unha aposta pola economía circular xa que na elaboración dos escaparates deberanse empregar técnicas sostibles, materiais de refugallo ou elementos naturais. 

    Os establecementos que desexen participar deberán enviar a solicitude ao correo comercio@tui.gal até ás 14 h do luns 11 de decembro. Deberase indicar o nome e emprazamento do establecemento e un nome e teléfono de contacto. Axuntaranse dúas fotografías do escaparate e unha breve memoria explicativa.  A partir do 15 de decembro o xurado – formado por profesionais de recoñecido prestixioso nas áreas de escaparatismo, deseño, mercadotecnia, promoción comercial, fotografía e deseño de interiores, e presidido pola concelleira de Emprego e Comercio – visitará os escaparates participantes, que estarán debidamente identificados. Na súa valoración terán en conta a composición e orixinalidade na temática de Nadal, o uso dos artigos que se comercializan coma elementos decorativos, a interacción co público, o emprego obrigatorio de técnicas sostibles, de materiais de refugallo ou elementos naturais, e o traballo realizado na confección do escaparate. Entre todos elixirán aos dez finalistas, que recibirán un distintivo cun código QR que dará acceso ao público a votar a través da aplicación Easy Promos entre 28 de decembro e o 6 de xaneiro. O martes 9 de xaneiro daranse a coñecer os tres establecementos gañadores que recibirán un premio de 300 € o gañador, 200 € o segundo, e 100 € o terceiro clasificado. Amais todas as persoas que participen na votación optarán a seis vales de compra por importe de 50 € para consumir nos comercios participantes. As bases completas do concurso pódense consultar en tui.gal.

    O comercio local, ACITUI e o Concello de Tui únense nesta iniciativa que será un atractivo máis para achegarse a Tui nestas festas de Nadal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.