O festival IKFEM, a Noite Internacional do Miño, os primeiros concertos de Sons na rúa e cinema ao aire libre centran a programación de “Tui, verán na rúa”.
Mañá martes, 25 de xullo, rematará a décimo primeira edición do festival IKFEM que se está a celebrae na Eurocidade Tui-Valença.
Abraham Martínez ofrecerá un concerto no órgano da Catedral de Tui hoxe luns, ás 20 h, baixo o título “Retablo Sonoro. Improvisaciones Hierofánicas”. Ás 22.30h a actividade trasladarase a igrexa de San Domingos cun concerto de música cubana da man da soprano Pilar Moráguez e da pianista Arabel Moráguez.
O IKFEM 2023 despedirá a edición deste 2023 o martes, 25 de xullo, con tres novas propostas musicais. O pianista Daniel Pereira interpretará catro das sonatas máis famosas de Beethoven – Sonata op. 13, Patética; Sonata op. 28, Pastoral; Sonata op. 31, núm. 2, La Tempestad e Sonata op. 23, Appassionata- ás 19 h na Igrexa de San Domingos, nun concerto inclusivo no que se contará con dispositivos especiais para que persoas xordas poidan gozar tamén do concerto a través das vibracións da música. Serán mochilas vibratorias, equipadas cunha tecnoloxía que converte o son en vibración que fará que para que as persoas xordas poidan sentir a música
Para celebrar o Día de Galicia ás 22 h no Paseo da Corredoira actuará a Banda de Gaitas Arume de Malvas con “Percorrendo Camiños” no que plasman a experiencia e as influencias destes nove anos coma agrupación. Por último ás 22.30 h na praza de San Fernando, clausurando o IKFEM, chegará o espectáculo sonoro e visual “Experiencia Sol Invictus” da Fundación Alqvimia Musicae con Abraham Martínez, Alfonso Padilla, Antonio Alcántara, Maria Camps e Beatriz Rivas. Amais cada mañá celebrarase o Balcón do IKFEM no Espazo Xove. A programación detallada pode consultarse en ikfem.com.
“Tui, verán na rúa” ten cita destacada tamén o próximo martes, 25 de xullo, ás 21.30 h no Parque do Laxal en Rebordáns coa Noite Internacional do Miño coa participación dos grupos Hei Show Tamure de Tahití, Akademsko Drustvo Novi Beograd de Serbia e African Zebra Kings de África do Sur. O evento está organizado pola Escola de Baile e Música San Fins, coa colaboración do Concello de Tui.
O venres, 28 de xullo, haberá dobre proposta de lecer: música e cinema.
Así terán lugar os dous primeiros concertos de “Sons na rúa”. Ás 21 h no Paseo da Corredoira actuará Acevedos Delgados. Este grupo de Goián formado polos músicos Andrés Acevedo e Davinia Delgado, interpretará versións de cancións xa populares pero tamén interpretarán os seus propios temas con toques de pop, blues e rock. E ás 22 h na praza do Concello actuará Pacheco Bros. Este dúo, formado polos irmáns vigueses Javi e Diego Pacheco, ofrecerá un espectáculo en acústico combinando guitarras e voces. Percorrerán a historia da música pop rock e o blues dos anos sesenta, con versións de temas máis recoñecidos e tamén actuais.
E por último o venres 28 ás 22.15 h no Paseo Fluvial dentro das proxección de cinema ao aire libre poderase ver “La Canción del Mar” dirixida por Tomm Moore.