26.8 C
Pontevedra
Mércores, 8 de Maio de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiHoxe comeza en Tui a campaña “En Negro” contra a violencia de...

    Hoxe comeza en Tui a campaña “En Negro” contra a violencia de xénero

    O 25N terá lugar o acto institucional e proxectarase a película “Tódalas mulleres que coñezo” de Xiana de Teixeiro

    Tui súmase un ano máis á campaña En Negro contra as Violencias con motivo do 25 de novembro, o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

    Dende hoxe venres, 20 de novembro, e até o sábado 28 deste mes o Concello de Tui, a través da Concellería de Igualdade, súmase a esta iniciativa de sensibilización que se leva a cabo en Galicia coa participación institucións, empresas, colectivos e centros de ensino.  A campaña este ano, dada a actual situación derivada da pandemia da Covid-19, terá unha importante compoñente virtual a través das redes sociais á que se anima a sumarse á cidadanía, asociacións, empresas, centro de ensino,… coa etiqueta #TuiEnNegro.

    As persoas interesadas poden descargar o material da campaña en https://ennegrocontraasviolencias.gal/gl e compartilo nas súas redes sociais xunto a algunhas das etiquetas  #EnNegro2020,   #EnNegro, #ContraAsViolencias, #NonEstásSoa, #QuerémonosVivas.  Tamén se pode recoller o material impreso na Casa do Concello. Amais dos carteis tamén se distribuirán máscaras e chapas coa imaxe da campaña.

    Nas redes sociais municipais – Facebook, Twitter e Instagram – publicarase diariamente o material da campaña dende mañá venres até o sábado 28. Amais serán tamén a plataforma na que se difundan as “Lecturas para a Igualdade” entre o luns 23 e o venres 27. Persoal das librarías tudenses, da Biblioteca Municipal, da comunidade educativa, ou escritoras achegarán a súa recomendación de libros relacionados coa igualdade  e a violencia contra a muller.

    Amais o propio mércores, 25 de novembro, dende a casa do concello terá lugar o acto institucional en liña coa lectura do manifesto deste 25N. Tamén o mércores, ás 18 h no Teatro Municipal proxectarase o filme “Tódalas mulleres que coñezo” de Xiana de Teixeiro, con posterior coloquio coa directora. A capacidade do teatro está limitada a 30 espectadores que deberán reservar gratuitamente a entrada en tui.gal. O coloquio poderá ser seguido a través de Zoom.

    Neste programa de actividades colaboran as Concellerías de Igualdade, Cultura e Servizos Sociais, deixando patente o compromiso do equipo de goberno na transversalidade das políticas de igualdade.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.