10.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoOiaOia traslada á igrexa de Santa María unha lápida sepulcral do século...

    Oia traslada á igrexa de Santa María unha lápida sepulcral do século XIII

    A lápida dun abade do Mosteiro de Santa María de Oia que permanecía nun pequeno alpendre do barrio do Arrabal e reempregada como lintel, xa descansa na igrexa do conxunto monacal. A estrutura foi trasladada este martes ao seu lugar definitivo nun proceso que contou con supervisión arqueolóxica a fin de garantir a integridade e conservación do ben.

    Esta lauda sepulcral, a única ata o de agora coñecida dun abade do cenobio cisterciense de Oia, formaba parte dunha pequena construción do barrio histórico do Arrabal, a poucos metros do convento cisterciense. Xa naquel emprazamento podíase distinguir un gravado coa forma de báculo abacial e máis unha inscrición que remitía ao século XIII.

    A precaria situación estrutural na que se atopaba o alpendre, susceptible de acabar danando a lápida, facía necesario buscar unha nova localización que garantise a conservación do ben patrimonial. Ao mesmo tempo, houbo que adoptar unha solución técnica para o traslado do elemento patrimonial en condicións de seguridade.

    Unha vez realizadas as correspondentes xestións coa propiedade do inmoble e obtido o visto bo de Patrimonio da Xunta de Galicia, varios operarios procederon a primeira hora desta mañá ao traslado da estrutura desde a súa localización ata a igrexa parroquial de Santa María de Oia. Os traballos foron supervisados pola arqueóloga Elisa Pereira e desenvolvéronse sen ningún tipo de incidente.

    Doazón ao Concello

    O Concello de Oia recibiu a lápida como doazón das propietarias do alpendre, Joaquina Mariño e Carmen Blanco, e a partires de aí encargouse de solicitar os permisos e tamén se fixo cargo do traslado.

    A partires de agora, a lápida permanecerá na igrexa parroquial, que forma parte do conxunto monacal declarado BIC no ano 1931. Cóntase coa colaboración do párroco, Daniel Goberna, para a adecuación do entorno no que a lauda quedará exposta.

    A lápida dun abade do século XIII

    Esta estrutura foi atopada en 2013 de xeito fortuíto por Lorena González, veciña do Arrabal, sendo o historiador Fernando Javier Costas Goberna quen a identificou como lápida. A raíz do achado e das actuacións promovidas pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Oia (ACAMO), saíron á luz as primeiras hipóteses sobre a datación deste ben patrimonial e a identificación do abade ao que pertencía.

    Concretamente, e segundo a interpretación que fai a historiadora Ana Paula Leite Rodrigues, esta lauda correspondería ao frade Lourenzo, décimo terceiro abade do Mosteiro de Oia. En canto á cronoloxía, a data do falecemento que figura na epigrafía sería o 11 de xullo de 1277.

    Descoñécese o momento no que a lápida abacial pasou a formar parte do alpendre no que foi achada, se ben os estudos históricos feitos ata o de agora apuntan á posibilidade de que o reemprego da lousa fose produto dos longos procesos de desamortización de bens das ordes relixiosas que se desenvolveron nos séculos XVIII e XIX.

    A nova localización da lauda sepulcral permitirá unha mellor visualización dos gravados e inscricións e, polo tanto, un estudo máis polo miúdo deste importante elemento patrimonial fortemente vinculado á historia de Oia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.