10.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalRamón Fernández Leal toma posesión como novo concelleiro de Participación Veciñal e...

    Ramón Fernández Leal toma posesión como novo concelleiro de Participación Veciñal e Voluntariado do Rosal

    Durante o pleno extraordinario celebrado este luns tamén se aprobou o convenio coa Deputación para a mellora da mobilidade peonil entre Tabagón-As Eiras-Goián

    O Concello do Rosal celebrou este luns un pleno extraordinario no Centro Social Polivalente no que tomou posesión o novo concelleiro municipal, Ramón Fernández Leal, que estará ao fronte dos departamentos de Participación Veciñal e de Voluntariado, de nova creación, para darlle un maior peso a unhas áreas de grande importancia no municipio, que conta cun amplo e activo tecido asociacionista.

    Mestre xubilado, con experiencia política e moi comprometido socialmente, Fernández Leal tamén complementará outras áreas do Concello e se sumará a un proxecto de equipo no que achegará o seu saber estar e escoitar, a súa veteranía e a súa dispoñibilidade para dedicar tempo á xestión municipal.

    Mobilidade sostible

    Durante o pleno tamén se aprobou o convenio de colaboración coa Deputación para a execución da fase 1 das obras de mellora da mobilidade peonil entre dous núcleos da ribeira do Rosal como son Tabagón e As Eiras, así como con núcleo urbano de Goián. Un proxecto na estrada provincial EP 3303 de importante calado para o concello rosaleiro co que se busca mellorar as comunicacións dun xeito sostible no que as persoas sexan a prioridade, fomentando a calidade de vida no rural. O convenio aprobouse cos votos a favor de BNG e PSOE e coa abstención do PP.

    Enmarcado no Plan de Mobilidade Urbana e Sostible do Concello do Rosal, o proxecto busca recuperar espazos para as persoas dun xeito planificado e ordenado e seguindo criterios obxectivos consensuados coa administración provincial. Trátase dun “novo concepto de mobilidade que suporá unha transformación total en termos de comunicación entre os núcleos rurais que se realizará grazas á capacidade do Concello para sacar adiante en menos dun ano un proxecto considerado prioritario para a Deputación de Pontevedra, que xa comprometeu gasto para facelo realidade”, subliña a alcaldesa, Ánxela Fernández.

    A posta en marcha destas obras é unha “oportunidade histórica despois de estar catro anos sen que se executasen proxectos e seguiremos traballando noutras iniciativas de mobilidade para transformar O Rosal”. “É hora de pensar a mobilidade dun xeito novo e diferente no que se lle dea protagonismo ao que verdadeiramente importa: as persoas. E hai que facelo apostando sempre pola sostibilidade e poñendo en valor o ámbito natural”, recalca a rexedora.

    A fase 1 do proxecto contempla a creación dunha senda peonil e ciclista nesta estrada, ademais da renovación da rede de drenaxe existente, a execución da canalización soterrada para a futura renovación da rede de alumeado público ou a instalación de medidas redutoras de velocidade, entre outras accións. Estas obras terán un custe total de 650.000€, dos que o 80% irá a cargo da Deputación de Pontevedra e o outro 20% do Concello do Rosal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.