8.1 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalA ‘Explanada do Horizonte’, que dota a Portocelo, no Rosal, dunha nova...

    A ‘Explanada do Horizonte’, que dota a Portocelo, no Rosal, dunha nova área de esparexemento, xa dispoñible para desfrute da veciñanza

    O proxecto foi distinguido cun dos Premios Gran de Area 2020 de Aportación á Arquitectura do Colexios de Arquitectos de Galicia

    A ‘Explanada do Horizonte’ xa está lista para o uso e desfrute da veciñanza. O Concello do Rosal xa recepcionou a obra finalizada dun proxecto de reforma integral e mellora paisaxística que permitiu dotar a Portecelo dunha nova área de esparexemento e acondicionar o tramo do Camiño de Santiago pola costa que pasa ao longo do municipio. O acto de inauguración oficial desta nova zona de lecer deseñada pola arquitecta rosaleira María Fandiño celebrarase en vindeiras datas.

    “Para nós é un orgullo poder contar con María Fandiño neste proxecto, unha arquitecta recoñecida polo seu traballo paisaxista que está acadando numerosos premios a nivel internacional”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. Como explica a rexedora, “non podemos deixar de agradecer a implicación da veciñanza de San Xian e Portecelo, da comunidade de montes do Rosal e da traída de augas, así como do dono do petróglifo do Lapón. Sen a súa colaboración non sería posible sacar este proxecto adiante”.

    Tras meses de intenso traballo administrativo para conseguir as autorizacións necesarias para o desenvolvemento da obra, dende esta mesma semana veciñanza pode desfrutar nesta zona dunha área de descanso, dun merendeiro, dun miradoiro e dun aparcamento. Todo acondicionado co obxectivo de poñer en valor a paisaxe, recuperar os ecosistemas da zona e rexenerar as áreas de descanso dun tramo que consta de elementos naturais que o converten nun conxunto único en Europa.

    Neste tramo do Camiño de Santiago non existían paradas para peregrinos, polo que a ‘Explanada do Horizonte’, chea de escombros dende os anos 70, converterase dende agora nun punto neurálxico ao situarse á metade da ruta ao seu paso polo Rosal. A través deste proxecto creouse un miradoiro ao mar e á Serra da Groba e mellorouse a calidade ambiental da zona, repoboándoa con especies autóctonas, eliminado o recheo e creando novas terrazas de pedra que servirán para novos usos.

    A ‘Explanada do Horizonte’ será unha ferramenta coa que potenciar tamén o Camiño de Santiago, xa que nela márcanse os puntos de parada onde o valor paisaxístico é maior, potenciando a repoboación de arborado e sinalizando elementos culturais situados na contorna, como o petróglifo Laxe do Lapón.

    Premios Gran de Area 2020

    O proxecto de acondicionamento dos espazos públicos da ‘Explanada do Horizonte’ vén de ser distinguido cun dos Premios Gran de Area 2020 de Aportación á Arquitectura, unha aposta do Colexio de Arquitectos de Galicia para o recoñecemento do traballo de arquitectos, promotores, aparelladores e construtores nas obras e proxectos de calidade desenvolvidos nas demarcacións de Vigo, Ourense e Pontevedra. Estes galardóns recoñecen obras que axudan a mellorar a contorna e sexan expresión da cultura arquitectónica e dos valores colectivos desta sociedade e deste tempo. Dende o Concello quérese felicitar unha vez máis á arquitecta do proxecto, María Fandiño, polo gran traballo feito na revalorización e mellora deste espazo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.