Despois de moitos anos de loita a nova escola infantil da Guarda comeza a tomar forma. Deixa de ser un proxecto sobre o papel e empeza a transfórmase nunha realidade longamente desexada tanto polo Goberno local coma pola veciñanza que teñen claro, uns e outros, que asentar poboación nos concellos precisa de tres elementos fundamentais: ensino, sanidade e comunicacións. Sen eses tres elementos interrelacionados entre si, non hai posibilidade de futuro.
A loita pola segunda escola infantil da Guarda non é de agora. Remóntase, tal e como explica o alcalde guardés, Antonio Lomba, ás épocas do anterior alcalde, José Manuel Domínguez Freitas e máis recentemente, dende o 2015 en que Lomba tomaba posesión da alcaldía, converteuse nun dos obxectivos prioritarios do Goberno socialista da Guarda.
“Foron precisas moitisimas viaxes a Santiago, petar en moitas portas ou en poucas moitas veces; mandar moitísima documentación xustificando, unha e mil veces, os motivos polos que se necesitaba esta escola infantil e que viña avalada por simples cuestións de estatística” lembra o rexedor local.
E o certo é que os números, que din son fríos e indiscutibles e non teñen nin cor nin sentimentos, deixan ao descuberto esa necesidade: A Guarda ten un ratio de 20 prazas por cada 100 nacementos cando a propia Xunta de Galicia di que é preciso acadar as 35 prazas por cada 100 nacementos. É dicir a propia administración autonómica contradí na Guarda o que figura nos seus propios plans educativos. “Estábase demostrando claramente a falta de prazas na Guarda”, insiste Antonio Lomba.
Lembra o alcalde unha conversa co exalcalde do Rosal, Jesús María Fernández. “Jesús protestaba á Xunta porque nenos e nenas da Guarda ían a escola infantil do Rosal e que lle sacaban praza a rapazas e rapaces rosaleiros”. “Para min o máis triste –di Antonio Lomba– é que na escola infantil de Oia, na do Rosal, a de Goián e mesmo nalgunha de Portugal, había nenos e nenas da Guarda. Estaban alí porque, ou ben non conseguían aquí praza ou ben nin se lles pasaba pola cabeza solicitala aquí ante a imposibilidade de acadala”. Esa situación provocaba un problema engadido: o Concello Guardés tiña unha lista de agarda que nin tan sequera era real ao haber nenos e nenas do municipio que non tiñan solicitado praza e íanse a outras escolas infantís.

“
Antonio Lomba: “Poder ter unha escola infantil que dea resposta á poboación da Guarda é permitir a compatibilización do traballo e a familia”
A importancia da segunda escola infantil non só hai que mirala dende o punto de vista da educación “senón tamén dende a visión da conciliación”, aclara Lomba. “Poder ter unha escola infantil que dea resposta á poboación da Guarda é permitir a compatibilización do traballo e a familia”. Esa nova infraestrutura, polo tanto, da resposta a esas persoas en idade de traballar e que desexan ter unha familia, eliminando o grave problema de como facer se non teñen avós ou familiares con quen deixar aos seus fillos e fillas e non hai prazas na escola infantil.
O alcalde da Guarda salienta tamén a importancia que ten a nova escola infantil á hora de asentar poboación, que é sinónimo de crecemento e desenvolvemento. “Ter esta nova escola infantil serve para darlle oportunidade ás familias novas a que teñan familia e tamén para que se decidan a vivir aquí porque, ao mellor, tendo as súas raíces nesta terra estudan marcharse a outro sitio no que teñan máis cobertura asistencial e educativa”.
Non dubida Antonio Lomba en cualificalo como “un gran logro” que ten un enorme traballo detrás. “A pesar de que o Concello ten que poñer moitísimos cartos –asegura– consideramos que son cartos ben gastados e desexando que estea rematada para poder dar servizo aos nenos e nenas e que as familias sintan que teñen esa cobertura que lles vai facilitar moito a conciliación laboral e familiar”.
Non quere entrar o alcalde da Guarda en matizacións políticas aínda que non lle cabe a menor dúbida “que houbo un retardo administrativo dende o primeiro momento” provocado pola cor política do Concello. “O conselleiro de Política Social, nunha reunión que tiven con el no 2016 díxome que tiña razón, que os números cadraban e que o financiamento para a Escola Infantil sería do 80/20 –80 % a Xunta de Galicia e 20 % o Concello da Guarda– e que, amais, a redacción do proxecto correría a cargo da administración autonómica”, puntualiza Antonio Lomba.
Dado que no 2017 non se producía avance algún, o Concello decidía realizar o proxecto con fondos propios, algo ao que inicialmente comprometérase a Xunta de Galicia e, a maiores diso “trasladámoslles que en lugar do 80/20 incluso iríamos ao 60/40, poñendo nós o 40 % o que supuña un enorme esforzo económico; aínda así tivemos que impulsala nós, insistir e insistir, non houbo mes, e incluso semana, en que eu persoalmente non chamara ao Consorcio” lembra o rexedor guardés quen engade que ata custou traballo “chegar a un acordo sobre as cuestións técnicas do proxecto. Creo que se fóramos ‘doutra cor política’ houbérase dado unha comunicación mellor e a escola infantil estaría aberta moito antes”.
“Nos meteron no Orzamento da Xunta porque non lles quedou máis remedio” afirma finalmente e con rotundidade Antonio Lomba; “tiñamos unha necesidade demostrada, o proxecto feito, o emprazamento, o apoio dos sectores sociais… e ao final saíu porque xa non podían demoralo máis”.