Baixo o nome ‘de Monumento a Monumento’, o próximo 5 de xuño, celebrarase unha andaina que, saíndo as 10 da mañá do Mosteiro de Oia, percorrerá os 12,5 Kms pola costa que o separan do Montiño, na Guarda. O obxectivo desta conmemoración é o mesmo que, na súa orixe, motivou as persoas que loitaron pola proclamación destes monumentos como parte do Patrimonio Nacional hai 90 anos: poñer en valor estes tesouros nacionais.
Por ese motivo, o Mosteiro de Oia tomou a iniciativa de conmemorar tal acontecemento organizando a andaina coa colaboración dos concellos de Oia e A Guarda, e contando ademais co patrocinio de Frutas Neves. As inscrición poderán facerse no Concello de Oia, o Centro Cultural da Guarda ou no email [email protected] ata esgotar as prazas.
Os participantes poderán desfrutar dunha ruta chea de encanto pegada á agreste Costa que une estes dous puntos do Camiño. No punto de chegada haberá un autobús para levar as persoas participantes novamente ao punto de partida se así o desexan.
Santa Trega
Descuberto en 1913, o enorme poboado castrexo que compón o Castro de Santa Tegra supuxo unha das primeiras campañas turísticas lanzadas en España, chegando a ser o segundo lugar máis visitado en Galicia trala Catedral de Santiago. O indiano portorriqueño Manuel Lomba Peña é a quen se lle debe en maior medida dito logro.
Mosteiro de Oia
O Mosteiro de Oia que data do século XII, é o único da Orde do Císter pegado ao Océano Atlántico. Dirixido polos benedictinos que foron monxes artilleiros e cultivaron as vides e as terras durante sete séculos, pasou, trala desamortización a mans privadas pertencendo ata 1945 á familia do segundo propietario, outro indiano portorriqueño veciño de A Guarda, Joaquín Alonso Martínez.