Domingo, 4 Maio de 2025

Concello e Deputación seguen traballando para facer realidade o acceso sur do porto da Guarda

O proxecto do acceso sur do porto da Guarda foi redactado pola Deputación, a solicitude do alcalde, Antonio Lomba, no ano 2018. A propia administración provincial está a facerse cargo da tramitación diante dos diferentes organismos para a obtención dos informes sectoriais necesarios para poder executar a obra.

Aínda que se seguiron as indicacións dadas por patrimonio nun informe do ano 2018 e se redactaron os documentos que pedía: un Proxecto de Prospección Arqueolóxica e o Estudo de Impacto Cultural; no proceso de tramitación, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu un informe desfavorable sen dar a posibilidade ao proxectista e aos técnicos da Deputación de defender as solucións adoptadas. En vista deste informe mantívose unha reunión entre responsables de patrimonio, técnicos da Deputación e o alcalde da Guarda para poñer sobre a mesa as cuestións que tiña que abordar e modificar o proxecto para poder obter un informe favorable.

Na actualidade o equipo redactor do proxecto está traballando coas suxestións feitas dende patrimonio para mellorar o proxecto dende o punto de vista de impacto na paisaxe cultural, para poder así conseguir o visto bo de patrimonio e continuar co procedemento. Conseguir o informe favorable para este trazado conlevaría axilizar a tramitación, dado que xa conta cos demais informes sectoriais a favor. Se houbera que cambiar o trazado habería que redactar outro proxecto e empezar a tramitación dende o principio o que implicaría tirar un proceso de anos ao lixo.

A alternativa de trazado 2, pola que se inclinaron dende o principio concello e deputación é a mellor valorada polos proxectistas nun análise multicriterio, ponderando, entre outros factores, o trazado, a funcionalidade e permeabiliade, a afección ao medio humano, o impacto medioambiental e o presuposto. Esta  alternativa, que discurre a media ladeira, tamén da satisfacción ao equipo de goberno do concello da Guarda xa que non produce afección sobre os terreos das vivendas construídas, nin sobre o litoral e sobre todo porque permitirá manter como principal uso da senda litoral, o peonil e ciclista, reducindo o tráfico de coches.

Para o equipo de goberno o acceso sur do porto da Guarda é unha obra prioritaria. É fundamental para que, xunto con outras actuacións, se reactive o noso porto. Tamén é moi importante para eliminar tránsito de vehículos polas rúas do centro da vila e poder ter así unhas rúas máis humanizadas, ofrecendo a vez un bo acceso rodado á principal zona de restauración da localidade. O que necesitamos é que a Xunta de Galicia se implique tamén neste proxecto, non pode deixar de lado unha infraestrutura da que depende o futuro do porto da Guarda.