Martes, 18 Marzo de 2025

A mostra «Rompe. Xoga en Igualdade» da Deputación chega o xoves á Guarda

Dende este xoves, 7 de marzo, e ata o vindeiro 31 de marzo, A Guarda acollerá a mostra «Rompe. Xoga en Igualdade», coa que a Deputación de Pontevedra denuncia a discriminación e a desigualdade que sofren as mulleres. Poderá verse na Casa do Alonso, o edificio no que está a actual sede do Concello, de luns a venres, de 8:00 h a 15:00 horas.

«Rompe. Xoga en Igualdade» é unha exposición itinerante creada por Isabel Blanco e Irene Silva e con fotografías de Noemí Chantada. Está protagonizada polas famosas bonecas «Barbie», que foron intervidas para denunciar de forma impactante e rompedora a desigualdade entre homes e mulleres co obxectivo de golpear as conciencias e para facer pensar e reflexionar. Pretende ‘romper’ e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes, así como concienciar á sociedade da igualdade de oportunidades entre mulleres e home e do fin da discriminación e da violencia contra o 52 % da poboación.

As protagonistas dos paneis amosan as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres dende nenas, recalcando a importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación de nenas e nenos. As bonecas seleccionadas para a mostra foi a ‘Barbie’ por tratarse da máis famosa da historia e coa que, a diario, xogan milleiros de nenas no mundo, pero que, ao mesmo tempo, presenta a unha muller obxecto que transmite valores sexistas que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas dos nenos e nenas.