Mércores, 11 Decembro de 2024

A Guarda segue a reclamar un futuro para o seu porto

A comisión de seguimento informou aos representantes das asociación guardesas sobre as xestións realizadas

O antigo local da confraría de pescadores da Guarda acolleu, este pasado venres 24 de xaneiro, unha reunión informativa na que estaban presentes todas as asociacións que reclaman un futuro para o porto guardés. O alcalde Antonio Lomba e os membros da Comisión de Seguimento –Confraría de Pescadores, Piuerio, ORPAGU e Alagua), informaron sobre o contido da reunión mantida en Santiago, o pasado 15 de xaneiro, coa Conselleira do Mar, Rosa Quintana e a presidenta de Portos, Susana Lenguas.

Antonio Lomba trasladou ás e aos presentes a resposta ás demandas feitas na antedita reunión coas representantes da Xunta.

A principal demanda que se propuxo na xuntanza mantida en Santiago foi a construción dun novo espigón ao sur do porto, que parta da zona do Baluerio e que remate por fora do espigón norte. Esta infraestrutura evitará a entrada dos mares que na actualidade fan impracticable o porto con mal tempo, permitirá o seu uso durante todo o ano e a dotación de servizos e infraestruturas de atraque. 

O alcalde informou que as responsables da Xunta de Galicia entenderon ás demandas que lle trasladaron dende a Guarda e que se comprometeron a facer unha valoración da viabilidade técnica e económica en relación ao espigón sur. 

Como xa é coñecido, as melloras que reclaman os veciños e veciñas da Guarda, (representados polas súas asociacións) en relación ao  porto, teñen que ver co uso mais intensivo da lámina de auga, tanto para profesionais como para actividades náutico deportivas. O principal obxectivo é recuperar a importancia que o porto tivo no pasado como motor económico da localidade.

As distintas intervencións dos asistentes á reunión resaltaron a importancia de manter esta reclamación da sociedade guardesa o tempo que faga falta para que esta obra se converta nunha realidade. Encargaron ao alcalde o seu seguimento e comprometéronse en ir traballando para concretar máis polo miúdo as súas demandas respecto do porto guardés, co obxectivo de poder asesorar, no seu momento, aos técnicos que redacten o proxecto do espigón sur.

A súa vez manifestaron a necesidade da construción do acceso sur do porto, cuxo proxecto foi redactado pola Deputación de Pontevedra e está pendente de informes sectoriais. 

Por último trasladaron o seu desexo de que as responsables da Consellería do Mar e de Portos de Galicia visiten a Guarda, respondendo ao convite que a comisión de seguimento lles fixo na reunión mantida en Santiago.