Esta acción nace coa intención de crear unha bolsa de persoas voluntarias dependente do Concello da Guarda, que sexa unha ferramenta estable que acolla a toda persoa que por decisión propia e libre teña diversas inquedanzas para colaborar coa comunidade de forma desinteresada.
Durante a situación vivida durante o confinamento da poboación provocado pola crise sanitaria da Covid-19, o Concello da Guarda tratou de dar resposta a diversas circunstancias que se puxeron de manifesto, como a vulnerabilidade de moitos sectores da poboación con apoios sociais máis reducidos ou limitados, desenvolvendo un programa de apoio telefónico a persoas maiores que viven soas. Esta pequena acción visibilizou a necesidade de procurar unha rede de apoio constante e comunitaria que se podería realizar dende o voluntariado.
A persoa voluntaria debe ter en conta que poderá participar en moitas e diversas actuacións como: acompañamento a persoas (maiores e/ou menores) accións medioambientais, eventos puntuais e tamén voluntariado en entidades ou asociacións municipais. As persoas interesadas poden solicitar información na OMIX do Concello da Guarda a través das redes sociais ou do mail [email protected].