14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelXesús Fraga, «Virtudes (e misterios)

    Xesús Fraga, «Virtudes (e misterios)

    ‘Virtudes (e misterios)’ é, cando menos, unha desas novelas peculiares nas que a ficción parece deixarlle paso ao relato veraz e contrastado sen por iso perder a súa capacidade de entretemento que é, á postre, unha das finalidades de calquera novela. Esa mistura entre realidade e ficción, aínda que sería máis correcto falar de “realidade ficcionada”, valeulle a Xesús Fraga a concesión dun premio da categoría do Blanco Amor. E iso xa é dicir moito.

    A pesar do título, que parece centrar a nosa atención nun dos personaxes principais da trama, a avoa do protagonista, o certo é que a historia esténdese ao longo de tres xeracións dunha mesma familia que se viron marcadas por un elemento común: a emigración. De primeiras, por parte dun avó que marcha a Venezuela e que desaparece por completo das súas vidas; despois, por parte da súa dona, Virtudes, que ve en Londres a mellor oportunidade de progreso e de alicerzar un futuro que se lle escapa no entorno inmediato. Máis tarde, Virtudes verase acompañada pola súa filla maior e, co tempo, verá nacer ao seu neto, o relator da historia, á beira do Támesis. Asistimos, xa que logo, a toda unha saga familiar que se espalla ao longo da segunda metade do século pasado e os primeiros anos do actual, e que mesmo garda para o final unha sorpresa que, de non ser pola veracidade dos feitos, mesmo parecería algo novelesca de máis.

    Destacaría dous elementos que considero esenciais dentro da trama. O primeiro é o papel da muller galega como verdadeiro celme familiar. A cotío vémolo dende a perspectiva das “viúvas de homes vivos”, que dicía Rosalía; aquí vémolo ademais, dende o outro lado. A afouteza de Virtudes e de Isabel, a súa filla, soportan o peso da narración con resignación e bravura. O segundo sería a evolución da sociedade betanceira en todo este tempo; a bisbarra da Cidade dos Cabaleiros e, en menor escala, A Coruña, son o centro neurálxico no que as personaxes desenvolven as súas vidas. Mesmo no que lle dan pulo ás súas arelas, incluso cando estas se perfilan dende alén da fronteira. O retorno ás veces soñado, que se pode transformar nunha realidade moi distinta da imaxinada, debúxase a través do contraste entre as dúas sociedades, a británica e máis a betanceira, con meridiana claridade.

    Nesta novela, que mesmo poderiamos chamar hiperrealista, o que fai o autor vén sendo, no fondo, un recoñecemento a ese enorme corpus de familias galegas que comparten algunha galla na emigración, centrándose na que mellor coñece, a europea. Pero Xesús Fraga, amais de escritor e tradutor, é tamén xornalista. E iso déixase notar dunha maneira moi clara ao longo de todo o relato. Esa linguaxe directa e sen adobíos, ese coidado polos detalles máis nimios, esa visión global aínda falando de miudezas, ese xeito de enfatizar e contrastar os datos, denotan un amplo dominio dos recursos xornalísticos ata o punto de que poderiamos considerar o libro coma unha longuísima reportaxe. E a pesar das grandes diferencias que hai entre ambas as dúas linguaxes, a literaria e a puramente informativa, consegue acadar un equilibrio que non sempre é doado e co que fai da lectura algo ameno e, por momentos, transcendente.

    Xesús Fraga

    Virtudes (e misterios)

    Galaxia