14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelRexina Vega, «O estado intermedio»

    Rexina Vega, «O estado intermedio»

    Son moitas as novelas que xiran en torno á memoria como forza motriz do relato, pero poucos casos teño encontrado en que o fagan con tan desbordante despregue de imaxinación como o fai Rexina Vega na súa nova obra, ‘O estado intermedio’, ou que manexen coa soltura dunha mestra no oficio a realidade e a fantasía. E menos aínda que sexan capaces de mesturar o arrepío coa gargallada dun xeito tan demoledor coma neste caso. A autora é quen de crear mundos novos e recrear mundos pasados cunha aparente naturalidade que lle permite ao lector navegar con fluidez a través das páxinas do libro, de maneira que non lle queda outra que ficar atrapado para sempre entre as liñas sobranceiras da escrita dunha das autoras máis persoais do noso panorama literario.

    ‘O estado intermedio’ coloca o acento sobre unha rapaza que, unha vez morto o seu pai, decide baleirar a casa familiar para poñela á venda e, ao tempo, soterrar para sempre a súa memoria nunha especie de gran acto final de tintes freudianos. Ao tempo, asistiremos á chegada do espírito do pai a ese estado ao que fai referencia o título e que, tal e como explica Rexina ao principio do libro, vén sendo unha sorte de limbo budista no que as almas dos mortos se preparan para o seu paso definitivo ao outro mundo. Nese lugar, que a autora representa como unha estación de tren abandonada, o morto deberá enfrontarse ao seu propio pasado nun xuízo ben peculiar no que repasa as súas vivencias. Desta maneira, saltaricando entre os dous mundos, pai e filla reconstrúen a vida do finado poñendo o acento na súa propia relación. A memoria de ambos conflúe nunha trama na que se nos van desvelando as razóns desa ansia coa que a rapaza se afana en eliminar calquera rastro do pai.

    Así, a narración estrutúrase en torno a dous planos ben diferenciados. Por unha banda o aquén, onde a rapaza pasa toda unha noite enfrontándose aos seus recordos a través dos obxectos, documentos ou fotografías que vai atopando. Este é un plano reflexivo e de tintes realistas, malia que de cando en vez se deixe arrastrar por pequenas chiscadelas imaxinativas, como conversas cos animais que a rodean, por poñer un exemplo. Pola outra banda, o (case) alén, un lugar no que a fantasía de Rexina se desborda e se derrama. Na cantina da estación, un monxe budista, un mono saltimbanqui e unha máquina comecartos que marca as datas revisadas, van recreando todo un universo surrealista e sorprendente que a min me recordou, por momentos, a Lovecraft.

    Con todo e pese ao enriquecedora que resulta, insisto, a imaxinación de Rexina Vega para argallar o relato e aos moitos transfondos que o lector poderá atopar durante a lectura, o mellor de ‘O estado intermedio’ é, ao meu entender, a escrita. Xa dixen que estamos diante dunha das nosas autoras máis persoais e iso é algo que se deixa ver liña a liña. Non só exhibe unha prosa rica e fluída, con imaxes poderosas, irreverentes, rocambolescas e sempre sorprendentes, senón que é quen de engaiolar ao lector e atrapalo entre as súas páxinas. Mesmo consegue que lamentemos cada paso que damos na lectura porque, deste xeito, sabemos que quedan menos páxinas para chegar ao remate da novela. Non é, dende logo, algo doado de conseguir; e menos aínda con esa aparente naturalidade coa que o fai a autora. E subliño o de “aparente” porque, no fondo, agocha un traballo moito máis duro do que parece.

    Rexina Vega

    O estado intermedio

    196 páxinas