15.5 C
Pontevedra
Luns, 7 de Outubro de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelLuz Darriba, «Xoguetes para nenos cegos»

    Luz Darriba, «Xoguetes para nenos cegos»

    «Xoguetes para nenos cegos» é unha novela breve publicada xa fai algúns anos en castelán pola artista uruguaia afincada en Galicia, Luz Darriba. Mais, tal e como explica Helena Villar Janeiro no prólogo, foi concibida dende o principio en galego. Eran os primeiros pasos que a autora daba na nosa lingua, o que xa deu outros froitos, como a novela «Abril», un esforzo pola súa parte que nos enche de ledicia e que agradecemos. Estamos, xa que logo, diante da recuperación do espírito orixinal da narración de Luz Darriba, da man da editorial Belagua.

    Pese á súa brevidade, a novela é profunda e intensa. O «neno cego» a que fai referencia o título é Xan, fillo dun militar do bando vencedor da Guerra Civil, con todas as implicacións que iso conleva. O «xoguete» é Xosé, un neno da aldea na que se desenvolve a trama, máis próximo ao bando perdedor, contratado (ou, máis ben, «confiscado»), para ser os ollos de Xan. Xosé é o responsable de narrar en primeira persoa e dende a perspectiva da vellez a difícil relación que se establece entre eles nun tempo no que o xogo do poder ten unha relevancia estrema, pois tal é o tema central do relato: o poder e a capacidade dos poderosos para dobregar as vontades ata chegar á submisión absoluta.

    O invidente é un rapaz intelixente e consentido, un manipulador nato capaz das meirandes atrocidades polo puro capricho de cumprir a súa vontade. Xosé, un neno apoucado que ve na súa chegada á «casa grande» da aldea unha oportunidade para saír da miseria (velaí o papel dos plátanos e do chocolate como anzó), terá que someterse aos seus antollos e asumir esa submisión total da que falabamos. Establécese, desta maneira, entre os dous protagonistas, unha simbiose completa ata o punto de repetir en varias ocasións ao longo da novela que ambos os dous son unha mesma persoa, a cara e a cruz da mesma moeda. Velaí a verdadeira faciana do poder absolutista: a de facernos esquecer a nosa propia personalidade no seu favor.

    Non vou dar pistas sobre o desenlace da trama para non estragar a súa lectura, pero si direi que hai momentos moi inquedantes, mesmo sórdidos, e que a intensidade do relato vai crecendo a medida que nos adentramos nas súas páxinas até o clímax final. A dosificación de información está perfectamente medida para arrastrar ao lector, mesmo logo de certos xiros argumentais que non sabemos se asumir como certos ou se forman parte da capacidade manipuladora do cego. E ata aí podo contar…!

    Se «Abril» destapara para as nosas letras a unha autora arriscada e comprometida, «Xoguetes para nenos cegos» afonda nesa percepción facéndonos depositar moitas esperanzas no seu futuro entre nós.

    Luz Darriba

    Xoguetes para nenos cegos

    Belagua