11.6 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelLedicia Costas, «O neno de lume»

    Ledicia Costas, «O neno de lume»

    Ledicia Costas ten unha imaxinación poderosa e unha rara habilidade para a construción do que poderiamos chamar «relato marabilloso», ese que mistura realidade e fantasía, no que conviven persoas do común con seres sobrenaturais dotados de habilidades especiais, e consegue que todos eses elementos conflúan sen atrancos nun texto capaz de espelir a creatividade dos máis pequenos. Demostrouno en 2014, ano do seu primeiro Premio Merlín, con «Escarlatina, a cociñeira defunta»; volveuno a demostrar posteriormente con algunhas das súas obras para nenos (e, en certa medida, tamén nas obras para adultos), e volve a conseguilo de novo con «O neno de lume», co que tamén foi galardoada na última edición do Premio Merlín.

    Trátase dunha novela protagonizada por un neno peculiar, Morgan, que un día apareceu nunha cesta na porta da señora Culpepper, na cidade de Lilitown. O máis sorprendente desta personaxe é que anda sempre acompañado dunha pequena lapa que só el pode ver, que aniñou no seu ombreiro, coa que mantén conversas e á que chama Luminaria. Morgan ten unha amiga de confianza, Anna, coñecida como «a nena Morcego». Un día no que unha néboa moi peculiar, moi mesta e que sabe a sopa, invade a cidade, Morgan e Anna iniciarán unha aventura na procura de tres misteriosas irmás vinculadas dalgún xeito descoñecido ao pasado do neno de lume e supostas responsables da brétema que asolaga a vila.

    O relato sérvelle de coartada a Ledicia Costas para tratar de explicarlle aos máis pequenos algunhas cuestións básicas relacionadas coa meteoroloxía, o nacemento da chuvia, o papel dos ventos ou a forza do sol. Pero é tamén un pretexto para afondar nas relacións persoais, a amizade, a colaboración mutua e mailo rol que cada un de nós xogamos no entorno que nos tocou vivir. Cuestións non menores, dende logo. O relato aborda todos estes temas e moitos máis nun ambiente de máxica irrealidade que nos fai lembrar os contos clásicos, eses que pasaron de xeración en xeración marcando o noso xeito de entender o mundo.

    A autora ten oficio, e iso nótase na fluidez coa que desenvolve a trama, na súa habilidade narrativa e na capacidade para acadar resolucións sorprendentes aos conflitos prantexados. Mesmo dirixíndose directamente ao lector e incitándoo á lectura da obra, algo habitual nas primeiras páxinas dos seus relatos. E todo iso facendo gala dunha imaxinación desbordante e sen perder por un momento a súa retranca habitual, un dos sinais de identidade máis característicos dos textos para nenos de Ledicia Costas.

    Ledicia Costas

    «O neno de lume»

    Ilustracións de Iván R.

    Xerais