Domingo Villar é un dos escritores galegos de maior sona grazas ás súas novelas policiais protagonizadas polo inspector Leo Caldas. Pero o que agora nos presenta neste volume é unha faciana moi diferente daquela á que nos ten acostumados. Nesta entrega non hai crimes, nin intriga, nin tramas reviradas, nin atisbo algún de narración policial nin de literatura negra. Trátase dun proxecto moito máis persoal e cercano, un pequeno capricho feito á medida del e do seu círculo máis íntimo.
O que se recompila en «Algúns contos completos» son dez relatos curtos. A maioría, tal e como o autor explica na introdución, «ían quedando en narracións orais reservadas para xuntanzas familiares», encontros de lecer e amizade aos que, aos poucos, se foron integrando novos elementos, como os debuxos realizados polo seu amigo Carlos Baonza, que agora pasan a formar parte do volume, mesmo unha banda sonora ao piano que, é unha mágoa, quedou fóra do proxecto editorial. Son, xa que logo, pezas ideadas para o divertimento e a celebración en xuntanzas íntimas e de pequeno formato, que Villar, agora, decide compartir con nós. E como tal temos que interpretalas: un divertimento, unha escapada da zona de confort habitual.
Os dez relatos son outras tantas vidas de personaxes peculiares que transitan preto do realismo máxico ao estilo cunqueiriano, homes e mulleres que exhiben historias enchidas de fantasía, nas que ocasionalmente se misturan seres da nosa mitoloxía local, sanadores milagreiros e xentes con desigual fortuna. Deste xeito o autor entronca co noso extenso patrimonio de relatos breves herdados da tradición oral, o que non nos debe estrañar tendo en conta a súa orixe, pois como contos orais naceron. Son historias cheas de sensibilidade nas que o humor está moi presente, ás veces de maneira moi directa, outras non tanto.
Mais, dito todo isto, destacaría como un dos grandes acertos do libro a propia escrita, directa e sinxela, sen grandes adobíos que dispersen a atención da trama e enchida de limpeza e de frescura. É unha escrita tan inesperada e contundente que non tarda en facernos esquecer ao Villar intrigante e escuro das tramas policiais. Aquí, o autor fai alarde dun estilo moi persoal, case íntimo, que combina á perfección cos trazos en branco e negro ideados por Baonza e nos que se reflicte esa concepción harmonicamente feiticeira do proxecto. O resultado é unha desas pezas fermosas e brillantes que un garda en lugar preferente da súa biblioteca para volver a el de cando en vez e deixarse arrastrar polo seu lirismo narrativo.
Domingo Villar
Algúns contos completos
Linogravados de Carlos Baonza
Galaxia
112 páxinas