Martes, 10 Decembro de 2024

O sistema amurallado tudense II: a falsa braga ou barbacana do século XV-XVI

Na anterior entrega desta sección falabamos da muralla tudense en época medieval e como esta sistema fortificado aínda está presente na configuración urbana de Tui e podemos ollalo en diversos lugares da nosa cidade.

Como sinala Iglesias Almeida “parece que la muralla tudense quedó, a lo menos en su principio, bajo el dominio real. De esta manera se entiende que los judios tuviesen su Sinagoga junto a la misma en la antigua zona de A Oliveira, circunstancia que de una manera general se daba en la mayoría de las ciudades españolas como acogimiento de este colectivo humano bajo el directo poder real, fruto de substanciosos tributos”

Ao longo da Idade Media o mantemento da muralla foi obxecto de múltiples polémicas ao estar compartido entre o Cabido da catedral e o Concello. O 2 de agosto de 1419 o bispo Juan Fernández de Soutomaior II convoca ao Cabido da Catedral e ao Concello pata tratar sobre a reparación da muralla e as súas portas e as quendas de vixilancia; aínda que os responsables municipais argumentaban que os responsable eran o Bispo e Cabido ao ser unha cidade de señorío episcopal, sen embargo se acada un acordo de reparto dos custes das reparacións alternativamente. Será un tema constante de conflitos e mesmo o Cabido apela a Roma contra as esixencias de mantemento e vixilancia da muralla pero sen conseguir cambiar o establecido.

Os continuos episodios bélicos co reino de Portugal e as loitas nobiliares do século XV, que teñen como principais expoñentes a ocupación da cidade polos irmandiños en 1467 e o prolongado enfrontamento entre Pedro Álvarez de Soutomaior (“Pedro Madruga”) e o bispo Diego de Muros que chegará ata 1482 coa derrota do Conde de Camiña, provocan unha grande crise na cidade e nos seus equipamentos, entre eles a muralla. Como di o propio bispo Diego de Muros tras recuperar o control da cidade: esta padeció muchos males e dannos, robos e muerte de vezinos, de manera que ha venido casi en despoblación e tan grande disminución de lo que solía ser que non tiene semblante nin apariencia de cibdad”.

No século XV asistimos a aparición de novas técnicas militares que provocan novas necesidades defensivas que modificaran substancialmente a fisionomía do sistema amurallado tudense. A aparición da pólvora e por tanto da artillería e o uso de canóns nos ataques militares deixan obsoleto o sistema amurallado medieval e obrigan a unha remodelación do mesmo.

Ao redor de 1443 se inicia a transformación destas murallas coa edificación dunha serie de fortes e baterías para aumentar a defensa da Porta do Carballo (ou dos Ferreiros na documentación medieval) que era a máis próxima á fortaleza de Valença. Pero a modificación máis significativa e que muda o aspecto da muralla tudense é a construción da ‘falsa braga’, barbacana ou antemuro baixo que rodea o recinto fortificado medieval. A ‘falsa braga’ tudense rodea por completo á muralla medieval converténdose na primeira liña defensiva da cidade fronte ao fogo da artillería. Este trazado paralelo á muralla medieval permite contar cun amplo paseo de rolda para mobilizar con máis facilidade ás tropas. Agora o importante xa non é a altura dos muros, o principal recurso defensivo nos séculos anteriores; ao contrario os paramentos son baixos, substituíndo o tipo de muralla alta e estreita, con dous paramentos (interior e exterior) incapaz de resistir á embate da artillería, por un único paramento exterior que en realidade funciona como muro de contención dunha masa de terra que absorbe sen problema os embates dos proxectís.

Temos a sorte de contar cunha imaxe desta ‘falsa braga’ tudense. Trátase do debuxo da cidade de Tui realizado polo portugués Duarte D’Armas arredor de 1510. A imaxe máis antiga que conservamos de Tui. Este debuxo forma parte do denominado ‘Livro das fortalezas’ encargado polo rei portugués Manuel I ao seu escudeiro Duarte D’Armas. O monarca, no seu proxecto centralizador e reformador, encárgalle a Duarte D’Armas inspeccionar todas as fortalezas da fronteira do reino de Portugal e o seu estado de conservación. O escudeiro percorre toda a fronteira e realiza os esbozos en papel e debuxos así como a planta dos castelos, informando das necesidades de cada fortaleza. Visitou 59 poboacións/fortaleza e rematou a súa obra no ano 1510.

Deste Livro conservamos un debuxo da cidade de Tui e especialmente das súas defensas. Por unha banda a muralla medieval con todas as torres que posuía ao Norte, visible dende a perspectiva do debuxante. Salientan ademais dous elementos. A denominada coraça, coiraza ou coracha. No caso tudense esta estrutura medieval estaba formada por dobre muro con parapetos e almeas rematando nunha torre circular. Esta coiraza permitía o abastecemento de auga da cidade dende o río Miño. Se accedía á mesma dende unha pequena porta inmediata ao Postigo da Ribeira, situado na praza do Pexigo.

Debuxo de Duarte D’Armas no que se pode comprobar como a ante-muralla estaba xa completada no lado sur e este da cidade

No debuxo de Duarte D’Armas comprobamos como esta ante-muralla estaba xa completada no lado sur e este da cidade, lugares onde as defensas debían estar en óptimas condicións para repeler os ataques dende as terras do reino de Portugal; descoñecemos se nos outros flancos estaría tamén rematada esta falsa-braga aínda que o lóxico sería que asi fose.

A falsa-braga e o espazo inmediato conservouse practicamente ata o século XIX, a pesar da edificación do sistema amurallado do século XVII (do que nos ocuparemos na seguinte entrega). Así o podemos observan nun plano de 1892 de Josef Lafuente que describe integramente esta barbacana dende a Porta do Carballo ata a zona de San Domingos.

No século XIX a inexistencia de conflitos militares e o progreso das cidades implica a desaparición das murallas e os sistemas defensivos que permiten a ampliación do recinto urbanizado, a creación de novos espazos e servizo públicos e o ingresos á Facenda pública ao realizar, en moitos casos, procesos de poxa pública por estes terreos defensivos.

No caso tudense a reforma e apertura da Praza do Comestible, que comunicaba a Porta da Pía coa Corredeira polo norte, foi realizada sobre os espazos da falsa-braga; sobre o espazo que ocupaba esta barbacana se constrúe un novo acceso á cidade como será a rúa Nova, paralela á muralla medieval e construída sobre a mesma colmatando parcialmente o foxo da muralla medieval.

Hoxe esta barbacana ou falsa-braga aínda é posible recoñecela na zona do Paseo fluvial e nalgúns tramos do sur, na zona do Piñeiro e actual Rúa Martínez Padín, reutilizada moi facilmente como bancal ou solcalco como podemos observar nas fotografías.

Estas imaxes evidencian tamén a necesidade dunha intervención non xa para a limpeza destas áreas históricas (algo urxente pois oculta completamente a visión das mesmas) senón para garantir a conservación destes elementos históricos do noso sistema amurallado hoxe moi alterados pero que unha intervención axeitada, eliminando materiais que degradan estes espazos posibilitaría unha visión máis axustada á historia e evolución da fortificación tudense.

[su_image_carousel source=”media: 5996,5995,5994″ crop=”16:9″ link=”lightbox” autoplay=”0″]