14.6 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsA porta das TrabancasA peregrinación de Giovanni Battista Confalonieri en maio de 1594

    A peregrinación de Giovanni Battista Confalonieri en maio de 1594

    Unha das mais citadas peregrinacións polo Camiño Portugués é a relatada polo crego italiano, Giovanni Battista Confalonieri, que realiza no ano 1594. O seu relato titúlase Memoria di alcune cose notabili accorse nel viaggio fatto da me, Giovanni Battista Confalonieri, Sacerdote romano da Roma in Portogallo e foi publicado por Gregorio Palmieri en Roma no ano 1891.

    G.B. Confalonieri (Roma 1561-1648) fillo duna familia nobiliar de orixe milanés, estuda no Colexio Romano doutorándose en filosofía e teoloxía. Xa ordenado sacerdote foi secretario do Cardeal Alfonso Gesualdo e logo visitador, secretario e xuíz do do sínodo de Velletri. En 1594 acompaña como secretario ao coletor Fabio Biondo, do que logo falaremos. Froito da súa estadía lisboeta publica unha obra “Della Grandezza e Magnificenza della Città di Lisbona”.

    Retorna a España entre 1597 e 1600 como secretario do nuncio Camillo Caetani. Aínda que volta ao servizo dos cardeales Gesualdo e Biondo, cara ao final da súa vida desempeña diversos cargos de responsabilidade en Roma, sendo en 1616 prefeito do Arquivo do Castello de Sant’Angello, realizando diversas investigacións e publicacións gracias a este traballo como arquiveiro, sobre as fronteiras de Roma e os Estados Pontificios e algunha memorias sobre temática portuguesa.

    Confalonieri visita a Península como secretario de Monseñor Fabio Biondo de Montalto, patriarca de Xerusalén, nomeado Colector apostólico (recadador de rendas) en Portugal polo Papa Clemente VIII. Parten, con outras dignidades da curia romana, dende Roma por vía marítima ata Barcelona, e dende alí cruzan a Península ata a capital portuguesa onde chegan o 11 de maio de 1593.

    No ano 1594, tanto Monseñor Biondo de Montalto como o seu secretario Confalonieri realizan unha peregrinación á tumba do apóstolo Santiago na cidade de Compostela.

    O seu itinerario que vai dende Lisboa, por Santarém, Coimbra, Porto, Barcelos, Ponte de Lima. Na xornada décimo primeira refire a súa chegada a Valença que erguíase nun outeiro amurallado sobre o río Miño, que tiña de atravesar en barca para chegar a Tui:

    Sábado, último día de abril (parten de Ponte de Lima), a comer en la Venta de Pica, que es una sola casita, sin más; las cabalgaduras y el resto quedan fuera la mayor parte. Pasa un riachuelo. Camino malo. Nota: en estas comarcas echan por los caminos unos tallos (o ramaje) a fin de que pudram, para estercolar los campos.

    Desde aqui comienza la montaña de Labrujó, mala de pasar. A tres leguas se encuentra Ponte Cerdal. Después Valença, en el confin de Portugal; villa situada en una colina, amurallada, en ella se hace el registro del dinero, plata y cabalgaduras. Calle larga, casas pequeñas, a la entrada, un pequeño arrabal, y delante de la puerta un porche monumental. Se sigue bajando y se atraviesa el rio Miño, y, al igual que en Vila do Conde, de la otra parte del río Miño se encuentra inmediatamente Tui, ciudad y principado de Galicia. Es pequeña, amurallada, pobre en gente y en dinero. La Catedral es grande y en ella está el cuerpo de San Telmo, abogado de los marineros, sobre el cual hay una capilla en que se celebra, aunque no está canonizado.

    Domingo, 1 de mayo. Celebrada la misa en la capilla mencionada, fuimos a Porriño, villa pequeña, había feria. Dos leguas después, la parroquia de Mos. A comer en Redondela, villa muy extensa, de 2.000 almas. Tiene un brazo de mar. Mucha agua en el interior. Tiene de largo, por así decir, media legua. Visten a la gallega, según se refiere al principio de Galicia, con diadema o turbantes en la cabeza, grandes pendientes, manteos. Gente fea y sucia1.

    Chegan a Santiago de Compostela o 5 de maio de 1594, e tras un día e medio de estadía regresan a Lisboa seguindo o mesmo traxecto, agás en Valença, onde se desvían para visitar o mosteiro de Sanfíns, e tamén en Coimbra onde se encamiñan por Condeixa ata Castinheira de Ribatejo, onde enlazan co camiño de ida, chegando a Lisboa o 20 de maio de 1594.

    O relato de Confalonieri, tanto pola súa precisión xeográfica como pola riqueza de datos é unha das pezas fundamentais do proceso de recuperación do Camiño Portugués.

    O seu relato foi editado no ano 1988 pola Asociación de Amigos de los Pazos de Vigo, que baixo a presidencia de Juan M. López-Chaves Menéndez, estaban traballando arreo na revitalización das rutas xacobeas. En anos anteriores, 1984, tiñan conseguido que a Asemblea do Consello de Europa recoñecese ao Camiño de Santiago como unha elemento substancial do patrimonio europeo, en concreto como un “ben cultural europeo común” e faga unha Recomendación ao respecto ao Comité de Ministros do Consello de Europa. De seguido centran a súa actividade no Camiño Portugués; neste labor a edición desta obra de G.B. Confalonieri foi unha peza básica para avalar a historicidade do Camiño Portugués e documentar esta ruta de peregrinación ao que precedeu en 1984 a celebración en Tui do primeiro encontro sobre o Camiño Portugués.


    1 Confalonieri, Juan Bautista e López-Chaves Menéndez, Juan M.: El camino portugués. Vigo, Asociacion Amigos de los Pazos, 1988, pp. 25-26.