Venres, 9 Maio de 2025

Tui

Tui recibirá máis de 350.000 euros para a construción dunha glorieta no enlace da N-550 coa A-55

O Concello de Tui recibirá da Deputación de Pontevedra unha achega por importe de 357.858 euros para acometer a construción dunha glorieta no ramal de enlace da estrada N-550 coa A-55 en Guillarei. Esta obra pretende mellorar a seguridade viaria nas conexións do tráfico co citado ramal da autovía e co núcleo de Sobredo desde a estrada nacional, así como garantir a seguridade das e dos peóns.

Jara García Coello do CEP de Caldelas é a gañadora do concurso escolar da postal de Nadal do Concello de Tui

Jara García Coello, alumna de 2º curso de Primaria do CEP de Caldelas, é a gañadora do primeiro premio do concurso escolar para a elección da postal de Nadal do Concello de Tui para este ano 2020 convocado pola Concellería de Ensino e Cultura, que dirixe a concelleira Sonsoles Vicente Solla.

A Deputación pon fin aos problemas da oficina do ORAL en Tui coa estrea dunhas novas instalacións céntricas, modernas e accesibles

As novas oficinas do Organismo de Recadación Local (ORAL) de Tui abriron as súas portas na rúa do Rosal, número 1, un local alugado co que a Deputación de Pontevedra dá solución a un problema histórico, froito das pésimas condicións das antigas dependencias que foran adquiridas polo anterior Goberno provincial.

A praza de Abastos realiza unha campaña de recollida solidaria de alimentos a favor de SOS Tomiño Baixo Miño

A Praza de Abastos de Tui, en colaboración coa Concellería de Comercio e Mercado, realiza unha campaña solidaria de recollida de alimentos destinados a SOS Tomiño Baixo Miño. Na propia praza habilitouse un espazo para depositar estes produtos. A recollida de alimentos non perecedoiros realizarase entre o 10 de decembro e o 10 de xaneiro. Voluntarios de SOS Tomiño Baixo Miño recollerán semanalmente os produtos entregados

Detida en Tui unha persoa por desobediencia e resistencia a autoridade nun control conxunto de Policía Local e Garda Civil

A Policía Local de Tui realizou na noite do sábado ao domingo un control conxunto coa Garda Civil da cidade. O obxectivo era comprobar o cumprimento da prohibición de tránsito entre ás 23 h e ás 6 h. No mesmo procederon á detención dunha persoa por desobediencia e resistencia á autoridade. O detido circulaba nun vehículo ás 23.50 h e saltouse o alto dado polos axentes no control.

Empresarios tudenses e o Concello promoven unha campaña de bonos agasallo coma alternativa as ceas e aguinaldos de Nadal das empresas

“En Nadal Tui QuereTui” é o lema da campaña de bonos agasallo presentada na Casa do Concello de Tui. Na presentación participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez, o presidente de ACITUI, Juan Carlos Blanco, o representante de EMPRETUI, Abel Vila, o presidente da Asociación de empresarios/as de Areas, Giorgio Casoni, e interviu Jesús Vaz e Manuel González da empresa Coplegal S.L.

Tui recoñece o labor desenvolvido por cinco membros de Protección Civil durante o estado de alarma

O salón de sesións da Casa do Concello acolleu esta tarde o acto de entrega dunha placa honorífica a cinco integrantes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui. O Concello de Tui recoñeceu deste xeito o labor que desenvolveron durante o estado de alarma María Fernanda Esteves Abreu, IsaacEstévez Carballal, Juan Manuel González Estevez, Adolfo Pérez Paramos e Alberto Solleiro Álvarez.

Tui inicia hoxe a campaña “O Camiño do Nadal” co acendido do alumeado ás 18 h

Hoxe venres, 4 de decembro, ás 18 h terá lugar o acendido da iluminación de Nadal en Tui. Co lema “O Camiño do Nadal” o Concello de Tui continua a campaña iniciada en 2019 na que a posta en valor dos elementos locais, a reutilización de elementos e a reciclaxe marcan a decoración destas festas.

A exposición “Benjamín de Tudela, un viajero en el tiempo” pode visitarse en Tui até o 12 deste mes

A exposición de fotografías “Benjamín de Tudela. Un viajero en el tiempo” chega a Tui ata o vindeiro 12 de decembro, dentro da súa itinerancia polas cidades que integran a Red de Juderías de España. A mostra está conformada por 54 fotografías de Jesús Álvarez tomadas nunha viaxe que emulou o que describe nos seus escritos o propio Benjamín de Tudela e que o levaron a coñecer numerosas comunidades sefardís por todo o Mediterráneo e por Europa.

O cinema pecha a programación de novembro no Teatro Municipal

Coa proxección da película “Arima” de Jaione Camborda péchase hoxe a programación do mes de novembro no Teatro Municipal de Tui. A cita será ás 19.30 h con entrada de balde pero previa reserva en tui.gal.

A postal de Nadal do Concello será a gañadora do concurso escolar convocado para o seu deseño

A Concellería de Ensino e Cultura do Concello de Tui convoca un concurso dirixidos ao alumnado de Primaria dos centros educativos do municipio para a elección da postal de Nadal do Concello de Tui.

Os concellos de Baiona e Tui, entre as novas asignacións do Plan Concellos da Deputación

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos recursos por un importe de máis de 1 millón de euros (1.004.268,55), ao abeiro do Plan Concellos, para financiar equipamentos e contratación de persoal en Baiona, Pontecesures, Tui e Lalín. En concreto, a Deputación destina a Baiona 186.184,55 euros para a mellora da rede de saneamento na zona de Percibilleira. Esta actuación comprende a substitución das redes na rúa Fontiñas e na rúa Percibilleira, nos tramos que na actualidade son de formigón. Amais, tamén se repoñerá a rede de abastecemento naqueles tramos que sexa necesario debido á execución de novas canalizacións e tamén se fará unha reposición do firme que se atopa en mal estado. En total, actuarase nunha superficie total de case 2.900 metros cadrados. No caso de Pontecesures, recibirá unha achega de 91.058,72 euros para a mellora do andar do semisoto do edificio do concello para locais de uso administrativo (acondicionamento da zona de usos administrativos do Edificio do Concello). A intervención ten por obxecto acondicionar unha zona de aulas existente para mellorar as súas condicións. Deste xeito, executaranse tres despachos individuais con luz natural, adaptarase o aseo, executaranse dúas salas separadas por un tabique móbil, tamén o trasdosado no interior da fachada, e instalarase climatización, electricidade e saneamento. En canto a Tui, a Deputación destina 130.148 € para financiar as melloras na pavimentación, canalización de pluviais e muro de contención do viario entre A Devesa e San Antoniño, en Malvas (Fase I). A finalidade é facilitar o acceso á veciñanza, xa que na actualidade a capa de rodadura atópase en estado irregular, con baches e fisuras. Para darlle solución, executarase unha nova capa de rodadura, limparanse as cunetas e taludes, executarase unha canalización de drenaxe de pluviais, instalaranse pozos de rexistro e farase un muro de contención. Por último, o goberno provincial aprobou para Lalín tres achegas por un total de 596.876,86 euros. En concreto, 94.778,07 euros financiarán o abastecemento de Palmaz e Casares, para dotar de auga potable a estes núcleos así como unha actuación puntual en Bergazos. Doutra banda, 189.600 euros financiarán a pavimentación de viarios en Anzo, Meixome, Prado e nos camiños ao Depósito de Auga novo, Torguedo-Catasós, Vilamaior-Botos, Pena-Donsión, no entronque en Ansean, no camiño en Xar, no camiño en Carragoso, no acceso a Cáceme, no acceso a Rodis, no Val do Carrio-Igrexa, na pista de Rielo, na de Ois Grande, na de Vila Santiso, na de Brántega a Cruceiro, no acceso a Viñoa, na estrada en Muíños-Vilanova e en Meixomin, e na pista de Vales-Gresande. E, amais, enmarcado na liña 3 de emprego, Lalín recibe 312.498,79 euros cos que poderá financiar a contratación de 35 persoas traballadoras.