Tui recoñece o labor desenvolvido por cinco membros de Protección Civil durante o estado de alarma

O salón de sesións da Casa do Concello acolleu esta tarde o acto de entrega dunha placa honorífica a cinco integrantes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui. O Concello de Tui recoñeceu deste xeito o labor que desenvolveron durante o estado de alarma María Fernanda Esteves Abreu, IsaacEstévez Carballal, Juan Manuel González Estevez, Adolfo Pérez Paramos e Alberto Solleiro Álvarez.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, abriu o acto lembrando coma a actual Agrupación de Voluntarios de Protección Civil se formou hai dous anos, lembrando ao daquela alcalde, Carlos Vázquez Padín, e a o concelleiro de Seguridade, Antonio Castro, que impulsaron o nacemento desta agrupación.  Engadiu que “a aparición da covid fixo aos voluntarios de Protección Civil protagonistas involuntarios dunha situación difícil, na que o voso traballo e dedicación foi imprescindible”. Un labor que se quixo recoñecer coa entrega das placas coincidindo hoxe coa celebración do Día do Voluntariado, e coas que se “recoñece o mérito que coma persoas tedes pola contribución que estades a facer”, sinalaba Enrique Cabaleiro. O rexedor tudense concluíu agradecendo ese labor e comprometéndose a dotar á agrupación de voluntarios dos medios que precisan nas tarefas que levan a cabo. 

O concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, deu lectura ao decreto de concesión deste recoñecemento no que sinalan as 477 horas realizadas por estes voluntarios durante o estado de alarma no reparto de alimentos colaborando con SOS Tomiño Baixo Miño e os Servizos Sociais municipais, no reparto de máscaras, na pegada de carteis informativos, nas desinfeccións de contedores e das instalacións da Policía Local cando se produciu un brote neste corpo, o reparto de ordenadores e cadernos en colaboración cos centros educativos, na celebración de cumpreanos infantís e mesmo no traslado dunha persoa.

Os representantes de todos os grupos da corporación presentes no acto, José Ángel Fernández polo PP, Pilar Besada por C’s, José Martínez Tato polo BNG, José Manuel Palacín por C21, e Laureano Alonso por En Marea, coincidiron en amosar o seu agradecemento polo traballo “imprescindible” realizado, cun “labor encomiable” que feito de forma altruista. Nun acto, o desta tarde, no que dicían se plasma o cariño e orgullo da cidadanía cara eles.  

O presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, Juan Manuel González, agradeceu o recoñecemento recibindo, que os encheu de satisfacción e lles motiva aínda máis no seu labor.