A Concellería de Ensino e Cultura do Concello de Tui convoca un concurso dirixidos ao alumnado de Primaria dos centros educativos do municipio para a elección da postal de Nadal do Concello de Tui.
A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, explica que “a finalidade deste certame escolar é fomentar a expresión artística, a creatividade e a participación activa da poboación infantil tudense nas tradicións do Nadal”. Destaca que o traballo gañador deste certame será que o emprego o Concello de Tui na súa postal de Nadal coa que tradicionalmente se felicita á veciñanza do concello.
A temática deste concurso de debuxo escolar é “O Nadal en Tui”. O que se pretende é que os nenos e nenas do noso municipio, expresen a través dun debuxo o significado do Nadal e a súa relación co noso Concello, por tanto é obrigatorio incluír na postal algunha referencia a Tui.
Poderán participar todos os nenos e nenas matriculados en Educación Primaria nos centros educativos radicados no municipio de Tui, tanto públicos coma concertados. Cada participante presentará un único traballo orixinal e inédito con técnica libre. Establécese coma condicións que o deseño non presente releves, nin purpurinas ou outro material similar para facilitar a súa reprodución impresa. Cada centro escollerá as doce mellores postais que serán enviadas á Concellería de Ensino e Cultura do Concello de Tui para presentar ao xurado deste concurso de debuxo infantil. Coas obras presentadas realizarase unha exposición pública.
Establécense tres premios:
- 1 º premio de 100€ para consumir en establecementos comerciais do municipio, un lote de pinturas, bloc e material de pintura e un lote libros, valorado en 40 euros. A obra gañadora do concurso será a postal do Nadal do Concello de Tui
- 2 º premio de 70€ para consumir en establecementos de Tui e lote de libros
- 3 º premio de 50 € para consumir en establecementos comerciais do municipio e lote de libros
Con este certame o Concello de Tui traballa na promoción das celebracións do calendario festivo tradicional do noso Concello como son as próximas festas do Nadal que, neste ano 2020, serán felicitadas a través dunha postal deseñada por un ou unha escolar do noso municipio.