Venres, 16 Maio de 2025

Ponteareas lanza unha nova web de turismo da vila

O Concello de Ponteareas lanza unha nova web de turismo coa que busca descubrir os encantos da vila do Tea a veciñanza e visitantes. Trátase dunha renovada plataforma fresca, atractiva e moderna que permitirá a todas e todos os usuarios mergullarse en todos os eidos que definen Ponteareas, cun gran protagonismo do Corpus pero tamén falando da pedra, da música, da natureza, do deporte ou da gastronomía.

“Esta web representa un gran paso na promoción de Ponteareas como destino turístico de referencia. Queremos amosar ás persoas que se acheguen a visitarnos, e mesmo aos nosos propios veciños e veciñas, a riqueza cultural, histórica e natural que ofrece a nosa vila”, subliñou a alcaldesa, Cristina Fernández.

É unha páxina web deseñada cun deseño e cun estilo directo e ameno, que trata de captar a atención das persoas usuarias dende o primeiro momento. O seu enfoque visual combinado cunha navegación sinxela, intuitiva, funcional e accesíbel garante unha navegación cómoda e satisfactoria para todas aquelas persoas que desexen descubrir os encantos de Ponteareas.

Para aquelas persoas que queiran coñecer máis sobre o Corpus Christi de Ponteareas, a web recolle fotografías actuais e antigas, así como parte da historia ou algúns dos segredos das alfombras ponteareás. Neste apartado tamén se pode ver o documental completo ‘As mans do Corpus’, que pon en valor o traballo colectivo que supón esta Festa de Interese Turístico Internacional, e achegarse ao Museo do Corpus a Ceo Aberto.

Pero Ponteareas tamén é pedra, polo que as persoas usuarias poderán coñecer todos os elementos salientábeis na vila relacionados con este material, como o Castelo do Sobroso, o Castro de Troña, o Convento de Canedo ou diferentes bens patrimoniais.  Dentro da música, presente en todos os recunchos de Ponteareas, as e os visitantes poderán acceder a máis información sobre algúns dos eventos máis importantes da vila.

Miradoiros, montes, parques forestais ou a Ponteareas fluvial poden descubrirse no apartado de natureza, mentres que no de deporte fai un percorrido polas disciplinas nas que a vila é referente. Entre a gastronomía non podían faltar, entre outros produtos, as rosquillas ponteareás, marca de calidade patentada.

A concelleira de Turismo e Promoción Económica, Eva Gil, lembra que esta web “é un grande escaparate da nosa vila, a forma máis directa para que as e os turistas se aventuren a descubrir Ponteareas a través de propostas inmersivas que activan os cinco sentidos”.

O músico baionés Anxo Sotelo Fernández busca votos para optar a unha #BecaRockCamp2023

0

O batería baionés, de tan só dez anos de idade, busca votos na rede social Instragram para poder optar a unha #BecaRockCamp2023.

Este pequeno veciño baionés, residente na parroquia de Baredo, postúlase entre os participantes á bolsa na categoría junior. Anxo ten un grupo de música con outros nenos da súa idade que se chama “Music Bros”, gañadores do concurso de talento pequestrelas 2023 e actuarán proximamente no BaredoRock.

Para axudar ao pequeno baionés a cumprir o seu soño e seguir formándose na súa carreira musical, pódese colaborar dándolle un like a través de instagram (será preciso que o votante teña conta propia). O vídeo está colgado no perfil da súa nai, Laura Fernández Durán, e o seu perfil é: @laubaredo, xa que o pequeno non ten perfil. Para que a votación sexa válida os likes só contan na publicación orixinal, non nas historias compartidas. O prazo acaba o 31 deste mes.

#BecaRockCamp2023

En Rock Camp traballan polo progreso persoal e musical de cada participante. Queren apoiar o talento dos futuros artistas e converterse nunha peza máis da súa evolución.

Por iso, como cada ano, lanzan de novo as Bolsas Rock Camp. A dotación de base é de 6000 euros.

Concerto gratuíto da Banda de Gaitas de Pontevedra en Tui

0

A Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra ofrecerá este vindeiro sábado, día 27 ás 21:00 horas, un concerto gratuíto na Igrexa de Santo Domingo de Tui. Trátase do seu ciclo de Música e Lingüa ‘Na Esencia do Camiño’.

Despois do éxito logrado cos concertos celebrados hai uns meses na Concatedral de Vigo, na Colexiata de Baiona e na Igrexa de Santiago de Betanzos, o espectáculo previsto en Tui pretende ser un percorrido polos sentidos. Será unha cita singular cunha coidada iluminación e onde a poesía, a luz, o son e o vídeo serán os grandes protagonistas.

A Banda de Gaitas contará coa colaboración da cantante Noelia Álvarez, o tenor Enrique A. Martínez e o coro Allegro de Vigo, así como contará coa presencia de setenta artistas que levarán ao público asistente a maxia do camiño primixenio e a un percorrido pola música das culturas do camiño.

Haberá proxeccións na pedra e unha viaxe polos camiños a Santiago a través das súas poesías e músicas.

O evento, patrocinado pola Xunta, comezará as 21:00 horas e a entrada é de balde ata completar o aforo.

Historia da Escola de Gaitas Tras dar os seus primeiros pasos como asociación a principios do novo milenio e despois dunha importante actividade dentro e fora de Galicia, foi no 2005 cando naceu a Escola de Gaitas chegando a contar con distintos centros operativos en distintos puntos das comarcas de O Salnés, Deza, Morrazo, Pontevedra y Vigo. Pola Escola de Gaitas, pasaron xa uns 5.000 alumnos e alumnas e, na actualidade, centra toda a súa actividade nas instalacións do Instituto Feiral de Vigo, IFEVI, xestionando, ademais, a Escola de Gaitas do Concello de Fornelos de Montes.

No 2019 se constitúe formalmente a Fundación Banda de Gaitas da Provincia co principal obxetivo é promulgar a valorización, o respecto e a transmisión nas xeracións tanto da música como da tradición galega. Un proxecto formativo que busca afondar na riqueza musical da gaita, a zanfona e a percusión, a través do desenvolvemento dun proceso de ensinanza e aprendizaxe onde se combinan coñecementos teóricos e prácticos sobre as técnicas específicas de interpretación e os seus valores culturais.

Entre os fitos máis destacados da Escola de Gaitas, a súa participación no Día da Hispanidade no 2003 en New York o Festival de Santa Lucia en Monterrey (México) no 2008, na saída da volta ciclista a España 2013 e na etapa final da volta ciclista a España no ano 2022.

Nenos de Mondariz e Tui reforzaron a súa personalidade grazas á Deputación e Érguete

0

Para un menor dicir non a consumir algún tipo de substancia pode ser difícil. Moitas veces beben ou fuman por primeira vez por presión de grupo. Porque os demais tamén o fan. Esta dinámica é sobre a que traballan a Asociación Érguete e a Deputación de Pontevedra co seu programa Coñece-Decide, que leva por obxectivo o fortalecemento da personalidade do alumnado de primaria dos centros educativos. Durante este curso o equipo de profesionais da entidade viguesa traballou con máis de 100 nenos de Vigo, Mondariz, Pazos de Borbén e Tui.

O programa deste curso escolar rematou no colexio Divino Salvador. O deputado provincial, Santos Héctor, acompañou aos profesionais da Asociación Érguete na súa intervención co grupo de cuarto de primaria. “Foi unha boa oportunidade para falar con rapaces e rapazas e coñecer o funcionamento do programa”, destacou.

Dende a Asociación Érguete explican que para reforzar a personalidade dos nenos hai que atender a moitos factores. “Teñen que aprender a reflexionar sobre as súas propias accións e as súas consecuencias, adquirir estratexias para a toma de decisións, practicar a escoita activa, aprender a actuar de xeito asertivo e aprender a dar e recibir de xeito equilibrados nas relacións persoais”, explica a responsable de prevención da Asociación Érguete, Laura Durán.

Futuros traballadores sociais

A través deste programa, Érguete e a Deputación tamén puxeron o foco nos futuros profesionais do eido social. A entidade impartiu varias formacións co alumnado de Integración Social do Colexio Lar para que teñan en conta a importancia de fortalecer a personalidade nos nenos e nenas.

Ponteareas diante das eleccións (I): David contra Goliat e a utopía feita realidade

Botando unha ollada atrás un non pode deixar de sorprenderse da rapidez coa que transcorre o tempo e a vida. Unha velocidade vertixinosa que tamén acompaña aos acontecementos e procesos sociais e políticos e que explica a facilidade coa que a sociedade pode esquecer tan axiña o seu pasado e, sobre todo, en política, ignorar de onde vimos, onde estamos e cara onde nos diriximos. Esquecemento dos que viviron eses procesos, mais tamén descoñecemento comprensíbel por razóns biolóxicas e xeracionais dos que daquela non naceran ou eran uns cativos.

As eleccións municipais do vindeiro domingo empurránme a compartir publicamente algunhas reflexións en dúas entregas. Fágoo dende a gratificante nostalxia de quen vivíu en primeira persoa e con enorme intensidade a historia social e política de Ponteareas dende finais dos anos 80. Fágoo porque creo que é oportuno refrescar a memoria aos protagonistas e espectadores das decadas de 1990 e 2000 sen as cales non se pode explicar o momento presente. E fágoo porque considero unha obriga case moral explicar á xente máis nova -moitos nin naceran nesas décadas convulsas e ilusionantes- catro feitos trascendentais a ter presentes antes de exercer o dereito ao voto.

A Ponteareas que hoxe coñecemos nada ten que ver, afortunadamente, coa que era non hai tantos anos

O primeiro, que a Ponteareas que hoxe coñecemos nada ten que ver, afortunadamente, coa que era non hai tantos anos. O segundo, que o desastre, a calamidade e a desgraza que soportamos naqueles tempos non tan lonxanos, e dos que hoxe aínda quedan visibeis secuelas, non eran un mal divino ou a consecuencia inevitábel dunha profecía, senón o resultado dos desprezabeis e indignos actos da dereita ponteareán e de grupos sociais e económicos que mandaban, si, mandaban, en Ponteareas. O terceiro, que o cambio histórico acontecido en 2015, cando as forzas nacionalistas e progresistas asumiron o goberno por vez primeira en 80 anos, ¡dende nada menos que 1936!, non foi produto da casualidade nin do destino, senón da entrega, o combate, a valentía e o sacrificio durante case 30 anos de persoas que deron un paso á fronte e con tesón e perseverancia conseguiron poñer a todo un pobo detrás. E cuarto, que, polo tanto, todas as persoas que protagonizaron ese período histórico de Ponteareas teñen ou temos un pasado. Uns lembrámolo con orgullo, satisfeitos do feito e do conseguido, sempre no mesmo lugar e defendendo contra vento e marea os mesmos ideais, bebendo dese pasado para transformar Ponteareas dende un goberno que a cidadanía democraticamente nos encomendou en 2015. Outros, agora, ocultan e mesmo renegan do seu escuro pasado e tentan, neste presente electoral, branquealo, exhortando á xente a “resetear” e “bailotear”, coa esperanza de que a desmemoria dos máis maiores ou o descoñecemento dos máis novos lles permita recuperar algo que sempre consideraron da súa propiedade: o poder a perpetuidade. Dese pasado de cadaquén, descoñecido entre os máis novos, falaremos na segunda entrega.

Vivir como o resto da xente, velaí a mellor escola para adicarse á política e exercela temporalmente coma unha arte nobre ao servizo dos demais

Agora, e a poucos días das eleccións municipais, pido á sociedade ponteareá o voto para o Bloque Nacionalista Galego. Fíxeno por vez primeira en 1991, con 19 anos, participando na candidatura do BNG. En 1995, con 23 anos, pedino como candidato á alcaldía e obtivemos a nosa primeira representación con tres concelleiros. Voltei pedilo como candidato a alcalde en 1999, 2003 e 2007 e a confianza da veciñanza aumentou exponencialmente até converternos na forza máis votada. Ese ano, en coherencia coa miña visión da política como unha ocupación temporal e non profesional, afasteime da primeira liña e pasei a ser o que tanto precisarían aqueles que, para desgraza da democracia, fan da política o seu modo de vida: unha persoa do común, co seu traballo como autónomo, coas súas preocupacións e ilusións e coa súa adicación altruista á súa parroquia e outras causas xustas. Vivir como o resto da xente, velaí a mellor escola para adicarse á política e exercela temporalmente coma unha arte nobre ao servizo dos demais.

En 2011 e 2015 volvín pedir o voto participando simbólicamente na candidatura liderada por Pepe Represas. Nun exemplo de xustiza poética, aínda perdendo parte dos votos acumulados durante anos, o apoio foi dabondo para acadar a alcaldía. Tras doce anos afastado, en 2019 voltei á primeira liña e o resultado do BNG con Represas á cabeza superou o imaxinábel, permitíndonos durante catro anos avanzar nunha Ponteareas mellor.

Agora, en 2023, de novo retirado da política activa e como persoa do común, pido con máis forza ca nunca, a vosa confianza para o BNG e para continuar imparabeis o histórico proceso de transformación que iniciamos hai oito anos, e que nunca tería existido sen o traballo e esforzo que fixemos nas décadas anteriores.

Non é o momento para exquisiteces ou autocrítica nin para quedar na casa. É certo que, desgrazadamente, o peor da política se estende e impregna cada vez máis a todos os proxectos políticos. O arribismo, o trepismo e a envexa que levan ao xogo suxo e maquiavélico e á covardía política e persoal están cada vez máis presentes en todas partes. Coma unha epidemia, ninguén se libra dos aproveitados que pisan moqueta sen formación, sen experiencia profesional, sen oficio nin beneficio coñecido, sen traballo social previo e sen capacidades e competencias. Vemos en todas partes dirixentes mediocres, sen bagaxe cultural nin política, que prefiren rodearse de máis mediocres e insolventes aos que premian para, entre todos, alimentar o efecto Dunning-Kruger, ou sexa, o que chamamos coloquialmente ignorancia atrevida, tan presente na política, e antítese do socrático, consciente e humilde “só sei que non sei nada”; son os oportunistas que, da noite á mañá, se atopan casualmente na cúspide do poder, máis preocupados dos trending topic que de cultivarse lendo un libro, xente iletrada cuxas únicas lecturas son as redes sociais nas que, como dicía Umberto Eco, ”lexións de idiotas, que primeiro falaban só no bar despois dun vaso de viño, sen danar á comunidade, e que eran silenciados rapidamente, agora teñen o mesmo dereito a falar que un premio Nobel”. Tempo e persoas haberá para restablecer a decencia, a excelencia, a meritocracia e a ética, mais agora a prioridade é outra: apuntalar o proxecto de transformación de Ponteareas e non voltar atrás nunca máis.

Por vez primeira en máis de 30 anos non participo, nin en primeira liña nin testemuñalmente, nunha candidatura do BNG ás eleccións municipais de Ponteareas. Mais aínda así pídovos o voto. Con el estaredes apoiando e recoñecendo a todas aquelas persoas que dende os anos 90 o deron todo para chegar até aquí, estaredes refrendando e dando sentido a un modelo de pobo e ao traballo de fonda transformación que fixemos nestes oito anos e estaredes honrando a memoria do querido e entrañábel Pepe Represas, premiando a súa entrega a Ponteareas e o legado que nos deixou para sempre, e que aínda non xerminou en toda a súa dimensión.

Estaredes honrando a memoria do querido e entrañábel Pepe Represas, premiando a súa entrega a Ponteareas e o legado que nos deixou para sempre

Estes oito anos foron incribeis para Ponteareas. En 1990, hai máis de 30 anos, os que daquela eramos uns mozos universitarios, comezamos unha verdadeira loita de David contra Goliat e tras anos e anos de resistencia e perseverancia o que parecía unha utopía inalcanzábel converteuse en realidade: lograr a confianza da maioría da xente e demostrar con feitos o que queriamos facer de Ponteareas.

Aquela utopía convertida agora en realidade precisa de vos máis ca nunca. Votade BNG.

Gran mural no CEIP Sabarís con motivo do seu 50 aniversario

0

O CEP Sabarís, inaugurado no curso 1972/73, conmemora este ano o seu 50 aniversario. Para celebralo, o colexio encargou a realización dun mural conmemorativo na fachada do centro.

O artista escollido para levalo a cabo foi o deseñador, ilustrador, e ex-alumno do centro, David Sierra. “Máis aló da contrastada traxectoria profesional de David, a nós emocionábanos especialmente que o mural fose realizado por un ex alumno do colexio. É un xeito de pechar dalgunha forma o círculo, e dotar á obra dun valor sentimental importante a maiores do mérito artístico que xa de por sí ten”, comenta María Luisa Alborés Crespo, directora da escola.

A obra, que se pintou durante a primeira quincena deste mes de maio, representa o camiño ao colexio, un paseo por Sabarís a través dalgúns dos seus lugares máis recoñecibles ata chegar á escola. O nome do centro e as divertidas personaxes que fan esta viaxe completan a escena. O mural, feito dende unha ollada infantil, enche de cor e luminosidade a fachada do colexio, e ilumina a contorna do centro.

“Lembro os anos que aquí pasei con moita ledicia, foron tempos felices que quixen rememorar dalgún xeito enchendo o mural de personaxes sorrintes e de cor. Gustaríame pensar que os nenos que hoxe veñen aquí a estudar fano tan contentos como o fixen eu, e que este novo mural cheo de cor axudará un pouquiño a que iso sexa así”, afirma David Sierra, o autor.

Para el, “ter a oportunidade de participar neste aniversario é moi especial. O traballo na rúa e a interacción cos meus veciños foi moi divertida e enriquecedora, paseino realmente ben facéndoo. Agora o meu traballo forma parte do pobo, do que foi o meu colexio e que nuns anos será tamén o do meu fillo. Pensar nel pasando polo meu mural tódolos días para ir a escola é algo que me fai realmente feliz”

O mural levouse  a cabo grazas a estreita colaboración entre o Concello de Baiona e o centro educativo. 

Desde o Concello de Baiona encoméndase o traballo do colexio por esta magnífica iniciativa coa que se recoñeceu tanto o papel da comunidade educativa como a importancia que este centro tivo para a parroquia de Santa Cristina da Ramallosa.

A Guarda organiza “Encontros en familia”

0

O martes día 13 de xuño de 2023, a Casa dos Alonsos da Guarda acollerá a primeira sesión de Encontros en familia. Unha nova proposta do Servizo de educación e apoio familiar (SEAF) que pretende achegar á cidadanía temas actuais que inviten ao debate e a reflexión sobre o papel da familia na sociedade actual e ao mesmo tempo ofrecer recomendacións e orientacións prácticas ás familias, profesionais da educación e coidadores. O obxectivo destes encontros é fortalecer as súas capacidades e habilidades parentais e de crianza, ofrecendo pautas positivas para consolidar os vínculos familiares e garantir a protección integral das crianzas e adolescentes.  

Na organización destes encontros se tivo en conta as preocupacións e demandas das familias e profesionais do ámbito da educación e sanidade que traballan no concello de A Guarda.

En total serán 7 encontros, o primeiro deles o martes 13 de xuño Vivindo a vida desde o presente pretende abordar temas tan importantes como a saúde mental, hábitos saudables e o tempo de ocio e familiar, dirixindo ao público asistente cara a reflexión sobre como modificar a nosa visión de vida pódenos achegar a unha maior calidade.

Este día terá lugar tamén a presentación do ciclo completo de encontros que se retomarán despois do verán cunha periodicidade quincenal e mensual. A duración de cada un será de 90 minutos e estarán dirixidos por Esteban Figueirido, psicólogo especializado en terapia familiar e Beatriz Arroyo, traballadora social clínica, psicoterapeuta e tanatóloga.

PROGRAMA

Setembro

  • 19 de setembro. Se estamos ben, eles estarán ben. Tratarase a influencia da relación que hai entre os proxenitores sobre os fillos.

Outubro

  • 10 de outubro. “As condutas autolesivas”. Falarase sobre prevención e intervención, abordando as condutas que supoñan un risco para a integridade da persoa entre elas o suicidio.          
  • 24 de outubro “O bo uso da tecnoloxía”. Cómo controlar as últimas tecnoloxías e conseguir que elas non che controlen.

Novembro

  • 7 de novembro. “Ruptura de parella”. Moitas perdas e algunhas ganancias.
  • 21 de novembro. O acoso escolar”. Detección, prevención e intervención familiar.   

Decembro

  • 12 de decembro. “A afectación do duelo ás relaciones familiares”. Ferramentas e comunicación para xestionar o duelo.

Todas as charlas realizaranse os martes na Casa dos Alonsos (planta baixa do Concello) en horario de 19:30 h a 21:00h . A entrada é libre ata completar aforo. Para máis información chamar aos teléfonos: 680 197 937 (SEAF) e 986 614 507 (Servizos sociais).

O catedrático Jorge Sobral Fernández, pregoeiro do Corpus 2023 en Ponteareas

Ponteareas xa ten pregoeiro para o seu Corpus Christi 2023. Será Jorge Sobral Fernández, catedrático en Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e un dos maiores expertos en psicoloxía criminal, autor de varios libros e numerosos artigos en publicacións científicas especializadas.

Natural de Ponteareas, Sobral é director do Departamento de Socioloxía e Ciencia Política da universidade compostelá, especialista en Psicoloxía Criminal e Psicoloxía Xurídica e profesor de moitas xeracións de psicólogos e criminólogos formados en Galicia. Ademais, é socio fundador da Sociedade Española de Investigación Criminolóxica.

A súa produción científica centrouse especialmente no ámbito da Psicoloxía Xurídica, derivando nos últimos anos cara a preocupacións moi vinculadas ao ámbito da construción da motivación criminal, campo no que tamén se centrou prioritariamente na súa actividade docente.

A alcaldesa, Cristina Fernández, amosou a satisfacción e orgullo do Concello de Ponteareas ao contar con Jorge Sobral como pregoeiro para esta nova edición do Corpus. A rexedora resaltou a destacada traxectoria profesional do pregoeiro e amosou a súa ledicia “por dar visibilidade cada ano nas nosas festas grandes a ponteareás e ponteareáns que sobresaen nos ámbitos máis dispares. Será un pregoeiro excepcional para dar o pistoletazo de saída ás celebracións deste ano 2023”.

A lectura do pregón terá lugar o domingo 4 de xuño ás 12.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal Reveriano Soutullo e marcará o inicio dunha semana de Corpus cun amplo programa de actividades que se dará a coñecer nos vindeiros días.

Covelo mellorará a pista polideportiva e creará unha área de lecer en Paraños

0

O Concello de Covelo saca a licitación a execución da mellora da pista polideportiva e a creación dunha área de lecer na contorna da Casa Cultural da parroquia de Paraños. Ante o deterioro da pista actual o Concello investirá 50.985,3 € na súa renovación e creará, tamén, un espazo público amable no que promover o encontro.

O proxecto contempla a mellora da superficie da pista cun revestimento especial para usos deportivos e o pintado da mesma. Ademais, colocaranse equipamentos deportivos e tamén se renovará o peche exterior existente. Dentro dos traballos a realizar tamén está a poda das árbores e o encintado da actual bancada de pedra.

Para o desfrute da veciñanza crearase unha área de lecer. O Concello procederá a acondicionar unha zona da contorna da casa cultural na que haberá mesas, bancos e mobiliario exterior de madeira.

O Concello informa tamén que acaban de rematar as obras de mellora da pista deportiva de San Salvador de Prado e da súa contorna. Cun investimento de 40.464,64 € o Concello mellorou a pista existente, o parque infantil e a contorna deste espazo público de encontro veciñal.

Ademais, o Concello procederá ao desbroce do perímetro da pista deportiva e parque infantil de Pazos, logo de rematar as obras de renovación que tiveron un custo de 44.969,76 € e que xa está dispoñible para o uso de todas as persoas.

Oia organiza un campamento de verán en xullo

0

O CEIP Mestre Manuel García de Oia acollerá, do 1 ao 31 de xullo, un campamento de verán dirixido a nenos e nenas de 3 a 11 anos. Baixo o título “A arte cos 5 sentidos” esta proposta de conciliación desenvolverá actividades arredor da cerámica, pintura, escultura e obradoiros textís. Tamén haberá actividades recreativas, xincanas e festa.

O campamento é unha iniciativa de Matrácala e conta coa colaboración do Concello de Oia. Desenvolverase en horario de mañá (de 9.00 a 14.00 h) e ten un custo de 90 euros o mes completo e 60 euros a quincena.

As prazas son limitadas, polo que cómpre inscribirse no correo electrónico [email protected]. O prazo de inscrición estará aberto do 5 de xuño ás 8.00 horas ata o 15 de xuño.

O Concello de Ponteareas inscribe no rexistro a propiedade da finca da caldeira de biomasa

O Concello de Ponteareas confirma que está a dar os pasos oportunos para a normalización da propiedade da finca da caldeira de biomasa coa súa inscrición no rexistro. Como recolle o informe do Secretario Municipal realizado en 2021 e presentado á fiscalía, no expediente de aprobación do proxecto da obra, a titularidade municipal da parcela baseouse na titularidade catastral, no uso e afectación continuada a servizos públicos municipais, na súa cualificación urbanística como equipamento e na realización de diferentes obras que ao longo dos anos custeou o Concello.

A maiores, puido producirse unha adquisición prescriptiva en favor do Concello baixo a figura de usucapión extraordinaria, entendida como forma de adquisición da propiedade baseada no tempo e na posesión, existindo dono, de forma pública, pacífica e non interrompida durante 30 anos.

Como se recolle no informe, dende o ano 1989 non existe constancia de que a Fundación Carmen Palacios Ramilo estea en activo, así como tampouco constan actuacións do Protectorado da Xunta de Galicia, que tiña como función velar polo correcto exercicio dos dereitos da fundación, así como pola legalidade do seu funcionamento.

No ano 1983, tras un proceso de expropiación que non consta como finalizado e acordo plenario, os terreos puxéronse a disposición da Xunta de Galicia para a creación dunha residencia da terceira idade. Xa no ano 1997 a Xunta transfire os inmobles de Centro Social e Residencia da Terceira Idade e a parcela sobre a que se asentan ao Concello de Ponteareas, momento no que non se levaron a cabo os trámites administrativos precisos para rexistrar a propiedade como titularidade municipal. No ano 2020, o Arquivo municipal e Secretaría do Concello puxéronse en contacto coa Secretaría Xeral Técnica de Política Social da Xunta para solicitar a documentación relacionada con esta transferencia e titularidade, sen conseguir obter a documentación solicitada.

Por outra banda, non existe  causa de incompatibilidade entre ser membro do Padroado da Fundación e alcalde, alcaldesa ou membro da Corporación municipal, xa que o proxecto de creación da caldeira de biomasa aprobouse en pleno en 2019 por maioría absoluta, contando con 16 votos a favor e 3 abstencións, polo que o voto do rexedor non resultou determinante.

O programa “Violencia Zero” chega a Baiona

0

A casa na que habitamos adoita ser un refuxio, un lugar de descanso. Mais non é así para toda a familia e, ás veces, convértese “nun campo de traballos forzados” para as mulleres, sobre as que recaen case exclusivamente as tarefas de coidado. A performance que onte protagonizaron en Baiona as artistas Nerea Brey e Miriam Rodríguez, no marco do programa da Deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, quixo poñer o foco no feito de que esta situación “supón unha forma máis de machismo da que non sempre somos conscientes”. A actividade tivo lugar no CPI Cova Terreña, coa asistencia da deputada Ana Laura Iglesias, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e un numeroso grupo de alumnas e alumnos do centro escolar.

“Deshabitada”, que así se titulou a acción escénica que protagonizaron a actriz Nerea Brey e a videocreadora Miriam Rodríguez, amosou a través de texto, movemento, vídeo e audio, como “este campo de traballos forzados” posúe “unhas fronteiras invisibles que, se non se sacan á luz, resultan máis complicadas de vencer”. A proposta contou con audios con testemuñas de mulleres reais contando o seu día a día, así como imaxes en bucle referentes ao tema, para reflectir a situación que xera o feito de que os coidados e a organización da vida diaria acaben recaendo nas mulleres, tarefas que teñen que compaxinar co traballo fóra da casa. “Isto fai que teñan moi pouco tempo libre na casa e fóra e acaben medio recluídas por esa falta de tempo”, sinalaron as artistas.

Respecto do título, Nerea Brey e Miriam Rodríguez explicaron que “habitar unha casa vai más alá do simple feito de comer e durmir nela, xa que tamén é ese tempo de descanso, de lecer que pasamos nela”. “Estas mulleres non habitan na casa, traballan nela, e moitas veces é un campo de traballo continuo –sinalaron-. E por outro lado, ‘Deshabitada’ é un título metafórico, xa que esta carga de traballo fai que a propia muller estea deshabitada, non se habite a si mesma porque non ten ese tempo para preocuparse dela e das súas necesidades, xa que sempre está preocupada das dos demais”.

O programa provincial “Mulleres en Acción. Violencia Zero” está a celebrar este ano a súa oitava edición baixo o lema “Artistas Aliadas. Mulleres Aliadas”. Programáronse 25 novas accións noutros tantos concellos da provincia con 35 artistas participantes que realizan performance, danza, música, teatro, murais, poesía e audiovisuais para concienciar á sociedade sobre as violencias machistas. Xa se celebraron accións en Pontevedra, Vigo, Barro, Arbo, As Neves, Cangas, A Cañiza, O Grove, Nigrán e Mos, Gondomar e Oia, e despois desta en Baiona, as vindeiras serán no Rosal, Cambados, Marín, Tui, Poio, A Lama, Silleda, Vilagarcía, Caldas, Forcarei e Ribadumia.

A Asociación de Empresarios de Redondela fala sobre o futuro do sector turístico na illa de San Simón

0

A Asociación de Empresarios de Redondela volve organizar unha xornada para dar a coñecer os atractivos turísticos de Redondela, de novo acompañados por Soledad Chayán, guía oficial de turismo e xestora da marca Mellor con Guía.

Nesta ocasión, reúne por segunda vez aos profesionais do sector do turismo de Redondela para descubrir a historia da illa de San Simón, declarada Ben de Interese Cultural.

Despois de percorrer o centro histórico da vila, sen deixar atrás o cemiterio dos Eidos (recentemente votado coma o máis bonito de España), nesta ocasión embarcan para coñecer máis en profundidade a historia destas pequenas illas agochadas no corazón da enseada de San Simón e que son, sen lugar a dúbidas, un dos puntos máis visitados do concello de Redondela.

Durante dúas horas, estes profesionais do sector turístico descubriron os distintos usos deste espazo ao longo dos séculos, comezando polo seu uso como mosteiro dende a Idade Media e ata o século XVIII. Distintas ordes relixiosas pasaron polas illas e todas elas deixaron unha forte pegada, aínda que a día de hoxe xa non queden restos visibles da mesma.

O gran cambio produciuse a partires do século XIX, época á que pertencen os edificios que inda se conservan en pé, agora restaurados.

O fenómeno da emigración cara a América fixo que este espazo abandoado polos monxes se convertera nun hospital de corentena para aqueles que volvían ó Vello Continente, xa que as illas de San Simón e San Antón ofrecían o espazo e o illamento necesarios para cumplir esta misión.

Outro episodio de sobra coñecido é o seu uso como centro penitenciario durante a Guerra Civil Española e os anos da posguerra.

Antes de ser definitivamente abandoadas, foi o de escola-fogar Méndez Núñez, sen dúbida a etapa menos coñecida da historia deste recuncho agochado no corazón da Ría de Vigo, un lugar que se pode visitar dende este momento con saídas dende o porto de Cesantes para grupos reducidos.

Durante o percorrido en barco dende o punto de saída, os visitantes poderán coñecer distintos puntos de interese das enseada de San Simón, así como curiosidades e lendas asociadas a esta zona.

As persoas interesadas nestas rutas guiadas disponen da información actualizada en https://www.empresasredondela.gal/noticias/que-visitar.

A Deputación continúa apostando polo turismo deportivo sostible

A próxima convocatoria do Plan de Recuperación do Goberno de España para o fomento do turismo deportivo sostible contará cun orzamento total de máis de 36 millóns de euros dos fondos europeos Next GenerationEU, unha convocatoria que servirá, entre outras actuacións, para a mellora das instalacións deportivas municipais. A Deputación de Pontevedra convocou unha liña extraordinaria para a contratación de asistencias técnicas para optar a esta convocatoria do Consello Superior de Deportes á que se acolleron un total de 28 concellos da provincia.

A presidenta, Carmela Silva, avanzou hoxe que, como continuación a esa iniciativa e “consciente de que hai que facer enormes esforzos para que eses recursos cheguen aos concellos”, a Deputación vén de poñer en marcha a Alianza polo Turismo Deportivo Sostible,que servirá para reforzar as candidaturas dos concellos na vindeira convocatoria para o fomento do turismo deportivo do Consello Superior de Deportes, xa que os municipios que se integren na nova rede provincial recibirán maior puntuación. Desta maneira, a Alianza servirá de panca para beneficiar aos concellos que queiran captar novos recursos europeos do Plan de Recuperación, establecendo obxectivos comúns no desenvolvemento do turismo deportivo e liderando a súa transformación cara un modelo de xestión intelixente, dixital e sostible. “Estamos ao lado dos concellos e apostamos por un turismo deportivo sostible, ámbito no que a nosa provincia ten unha enorme potencialidade”, asegurou Carmela Silva. “Vivimos nun paraíso onde se pode practicar todo tipo de deportes, engadiu a presidenta, e está claro que ter instalacións  de alto nivel fará que aquí poidan celebrarse eventos e grandes competicións”.

Coa creación da Alianza, a provincia contará cun mecanismo para afrontar conxuntamente os desafíos e oportunidades que se presenten no territorio neste eido, creando ao tempo un marco de traballo colaborativo, capaz de maximizar o aproveitamento e a posta en valor dos recursos existentes baixo os parámetros da sostibilidade. A iniciativa, á que se poden adherir todos os concellos que o desexen, permitirá impulsar e afianzar o turismo deportivo provincial, garantindo e consolidando a súa aposta no deseño de iniciativas públicas a nivel local. Entre os seus obxectivos están os de promover a provincia como destino do turismo deportivo sostible e impulsalo como unha ferramenta de desenvolvemento económico social, así como contribuír á conservación e protección dos espazos naturais e culturais dos concellos a través dun turismo sostible, máis coñecido como ecoturismo, e fomentar a práctica deportiva e a actividade física. Ademais, difundir e promover diferentes disciplinas deportivas, eventos e competicións, tanto a nivel estatal como internacional; xerar novas oportunidades económicas nos destinos turísticos, impulsando a creación de emprego e o desenvolvemento sostible; ampliar e mellorar a oferta turística dos concellos, e mellorar e fortalecer a imaxe dos concellos, promovendo a provincia como lugar ideal para a práctica deportiva.

Mos abre o prazo de solicitude para realizar fogueiras de San Xoán

0

O Concello de Mos informa de que quen teña intención de realizar unha fogueira a noite de San Xoán e/ou San Pedro deberá solicitar autorización por Declaración Responsable no Rexistro Xeral do Concello, ou ben pola Sede Electrónica.

No caso das asociacións deberán facelo por este último medio, tendo o prazo para facelo desde o luns 29 de maio ata o venres 16 de xuño.

Na solicitude debe especificarse nome, dirección, teléfono e DNI dos responsables, e facer constar seguro de responsabilidade civil cunha cobertura por importe de 300.000 € e un plano de situación coa indicación do lugar no que se vai a realizar o lume.

Establécense unha serie de normas e obrigacións a cumprir polos organizadores das devanditas fogueiras.

Redondela comeza cos desbroces nos camiños e cunetas

0

O Concello de Redondela contratou a 8 operarios, a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, para integrar as brigadas de roza que comezaron xa os traballos en diferentes puntos do municipio en abril. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explica que “como xa é costume o traballo será realizado por persoas que se atopaban en situación de desemprego e contratadas a través do Plan Concellos”.

As rozas, que xa comezaron en abril, completaron as zonas de Cesantes e Cabeiro, agora mesmo está en proceso Trasmañó, Cedeira, Quintela e Chapela e continuarán ata completar todas as parroquias. O concelleiro de Vías e Obras, Vicente Lambas, explica que os traballos “serán desenvolvidos durante 6 meses polos operarios contratado polo Concello en tres brigadas compostas, cada unha delas, por dúas persoas con máquina rozadora”. Os equipos contarán tamén co reforzo dunha empresa durante 2 meses que conta con material especializado para servir de apoio, pero priorizando o traballo dos empregados de Redondela. Fai falta destacar que, para evitar a acumulación de restos, contarase con dous Dumper mecanizados para a recollida, sendo transportados, diariamente, ao lugar de xestión. Todos os participantes na campaña recibiron, con anterioridade, un curso sobre prevención de riscos laborais.

Por último, o Concello de Redondela apunta que os traballos estarán sinalizados na forma que esixa o Código de Circulación e as Ordenanzas municipais, sendo a empresa a encargada desta labor.

O feito de que sexan veciños de Redondela en situación de desemprego os que se encarguen dos traballos de roza, permiten ao Concello alcanzar dous obxectivos. “Por unha banda axilízase a contratación e ofrécese un respiro a aqueles que están en situación de desemprego e por outra, optimizamos o servizo de limpeza e rozado das vías e camiños municipais”, conclúe Digna Rivas.

O CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera reivindica o galego coa estrea de curtas no I Festival de Cine

Alfombra vermella e photocall en Guláns para celebrar a primeira edición do Festival de Cine do CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera, unha festa do audiovisual no que o público puido gozar da estrea de oito curtametraxes realizadas polo propio alumnado do centro coa axuda do seu profesorado e mesmo das familias, que tamén se quixeron sumar á iniciativa e elaboraron unha das pezas. O festival, organizado ao abeiro dun proxecto interdisciplinar co cinema como temática central, buscaba ademais “reivindicar que o galego, ademais de tradición e pasado, tamén é presente e futuro e, por suposto, cine”.

As nenas e nenos de 6 de primaria exerceron de organizadores e mestras e mestres de cerimonia, ocupándose do recibimento do público na alfombra vermella, do photocall, de repartir os flocos de millo, de entregar entradas e programas, de acomodar a cada persoa no lugar adecuado para desfrutar do espectáculo e mesmo de presentar cada unha das curtametraxes.

A cativada de infantil, axudada das profesoras Nuria, Lope e Rosa, presentaron ‘Non fai falta a voz’; nenos de 3º coa docente Cristina Romero realizaron ‘Os tres porquiños’; os rapaces e rapazas de 6º coa profesora Tamara rodaron ‘Luces, cámara e… maxia!’ e o alumnado de 2º crearon ‘Sígueme’ axudados pola súa profesora, Sara. Ademais, ‘O cascabel da gata’ foi a curtametraxe proxectada polos nenos e nenas de 1º axudados pola docente Alba; os cativos e cativas de 4º coa súa profesora Cristina Iturrioz levaron á gran pantalla ‘Oso sonámbulo’ e os nenos e nenas de 5º coa axuda dos docentes Jorge e Eva fixeron ‘O festival de 5º’ coa procura do teseouro e historias de Guláns. As familias do colexio pecharon o ciclo de cine coa súa curtametraxe ‘Un paseíño polo tempo’.

A alcaldesa, Cristina Fernández, acompañou a rapazada e familias neste festival de cine que “foi unha pequena mostra e resultado final dun proxecto educativo no que mestres, mestas, familias e alumnado veñen traballando ao longo de todo o curso”. A rexedora felicitou a todas e todos pola iniciativa, que se irá dando a coñecer ao público xeral a través do blog do centro educativo, onde se irán difundindo as distintas pezas audiovisuais.

O festival, no que non faltou detalle, foi o colofón final dun proxecto no que nenos tiveron que aprender a manexarse coa imaxe, o son, a iluminación, o guión, a dramatización, os escenarios, os tempos… Pero non foi o único traballo realizado xa que ademais das curtametraxes rapaces e rapazas organizaron un concurso para escoller a mascota do festival, elaboraron a elixida a escala real, fixeron chapas e adhesivos, visualizaron distintas curtas nas aulas, visitaron o Festival de Cans, elaboraron un guión para a presentación do seu propio festival e mesmo fixeron pasarelas para estar elegantes na estrea das súas obras.

Comeza a III edición do programa ‘Vincúlate’ de Baiona

0

O Concello de Baiona puxo en marcha na primavera do 2021 o programa ‘Vincúlate’, un proxecto pioneiro de intervención con animais para menores de entre 9 e 18 anos que comeza agora o seu terceiro ano de actividade.

‘Vincúlate’ ten un dobre obxectivo: mellorar as distintas funcións sociais, emocionais e cognitivas dos participantes, así como proporcionarlles pautas saudables de comunicación, e, por outra, conseguir familias para os cans do proxecto.

“Os 30 rapaces e rapazas que hai sempre en ‘Vincúlate’ chegan derivados polo noso departamento, os centros educativos ou dos pediatras”, explica Arantxa Rial, coordinadora do proxecto e responsable do Servizo de Educación e Apoio Familiar do Concello de Baiona.

“O proxecto propón que cada rapaz ou rapaza apadriñe un can, o adestre e o acompañe no proceso de ser acollido por unha familia, e durante este proceso, de forma paralela e cun programa de actividades, os menores traballan a súa intelixencia e comunicación emocional”, afirma o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado.

Olalla Vergara, de ADA Intervenciones, é a persoa responsable de desenvolver o programa e tamén é a persoa encargada de escoller os cans da protectora Os Palleiros.

As sesións son os martes e xoves pola tarde divididos en dous grupos por idade, con cans que pasaron ademais probas por parte da Facultade de veterinaria de Lugo e recibiron técnicas de adestramento básicas.

“Con diferentes actividades, máis lúdicas no caso dos pequenos, os nenos e adolescentes collen responsabilidades, aprenden a socializar e compartir, e tamén a despedirse cando os cans marchan cunha familia”, afirma Rial.

Implicación da vila

Baiona está moi implicada con ‘Vincúlate’, coa colaboración de empresas locais para actividades como os paseos en bicicleta, pádel surf e as visitas ao autolavado de mascotas.

“Cada día ten máis visibilidade, os rapaces explican o que fan nos centros educativos, hai encontros en establecementos de hostalería e tamén participa Avelaíña nunha sesión mensual”, engade o alcalde.

Fora de Baiona, os mozos e mozas de máis idade de ‘Vincúlate’ participaron en sesións do programa de ‘Rural Hackers’ de deseño e programación de páxinas web no Anceu Coliving e Coworking en Ponte Candelas, e algunhos deles fixeron una parte do Camiño de Santiago.

“Os resultados son moi satisfactorios, cunha moi boa resposta por parte dos rapaces e as súas familias; obtiveron este ano unha Mención Especial na Gala de Deporte de Baiona e estaban moi contentos, ven tamén que o seu esforzo obtén recompensas”, remata Rial.

Tourón aspira a obter unha maioría suficiente para gobernar Salceda con independencia

A alcaldesa de Salceda de Caselas e candidata á reelección, Verónica Tourón afirma que “estamos nunha nova etapa na política salcedense, e que o PSdeG pode obter unha maioría suficiente para gobernar con independencia”. O partido socialista está centrado en realizar a mellor campaña posible, sempre en positivo, amosando á veciñanza todo o traballo realizado polo noso grupo durante a pasada lexislatura e dende a alcaldía.

Salceda coñece agora outro xeito de gobernar, a través da xestión, traballo e dedicación á veciñanza, aportando solucións e levando a cabo importantes proxectos que melloran a vida das persoas.

Dende a agrupación socialista afirman “estar respaldados por unha boa xestión que proporcionou a Salceda un gran  avance na calidade dos servizos municipais, e poñen de exemplo a rehabilitación de espazos como a Piscina Municipal, o centro cívico A Devesa, a casa do mestre de Fontán para alugueiro social, o centro de servizos terapéuticos de Vendanova entre moitos outros proxectos que levan o selo do partido socialista. Xa demostramos a nosa xestión de goberno, pero merecemos ter  oportunidade de gobernar con plenitude de facultades, sen ataduras e sen lastres”.

Ademais, “temos o mellor plan para Salceda, con propostas de futuro, algunhas que xa están en marcha e outras aínda por realizar, propostas e medidas viables e que contan con proxecto, financiación e planificación”

Tourón sinala, “que non necesitamos estar nas batallas que están outros, a nós aválannos os feitos, a sociedade de hoxe non quere política de confrontación, nin caciquil, nin de maquillaxe, espera responsabilidade e xestión e que se defenda o interese xeral e o benestar da veciñanza, isto é o que nos diferencia de todas as demais opcións políticas e  iso é o que nos vai a dar o triunfo o próximo 28 de maio” .

Tomiño goza xa do novo parque do Campo da Feira

0

Nenos, mozos e maiores desfrutan xa estes día do renovado parque do Campo da Feira, un espazo deseñado para promover a convivencia, a estancia e o lecer da veciñanza nunha contorna segura e agradable. Trátase dun gran parque xuvenil pensado para infancia, mocidade e persoas adultas que complementa a área de xogos da Praza da Mina, destinada á cativada de menor idade. A alcaldesa, Sandra González, destaca “a importancia de contar con estes espazos que melloran o benestar e a calidade de vida de tomiñeses e tomiñesas”.

O Campo da Feira conta así cun espazo verde e de descanso no que se realizou unha reordenación do espazo e se colocaron novos elementos de xogo, aumentando enormemente as posibilidades da contorna, ademais de potenciarse os espazos de sobra que achega a vexetación existente para xerar áreas de estancia, reunión e socialización. Ademais, o parque dispón de renovado mobiliario urbano e de novas luminarias, que converten o Campo da Feira nun espazo máis sostible cun nivel de iluminación máis axeitado. A transformación supuxo un investimento de 200.000 euros.

Este parque foi deseñado coa colaboración dos rapaces e rapazas do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, ‘Voces Novas’, que participa na toma de decisións en diferentes eidos da vida municipal. Deste xeito, parte do deseño deste renovado espazo responde ás súas demandas, que estiveron centradas por exemplo no emprego de mobiliario axeitado para a rapazada ou a reorganización da zona de xogos.

A mellora do parque súmase á reforma do propio Campo da Feira e da súa contorna para integralo no espazo público peonil do Seixo, achegándoo ao resto e equipamentos a través da mellora da accesibilidade para peóns. Estes traballos implicaron un investimento de 250.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2020.

“Estamos encantadas e encantados de ver como a rapazada e a mocidade gozan deste novo parque, xa que estes espazos son fundamentais para a convivencia e o desenvolvemento saudable dos nosos mozos e mozas”, explica a rexedora.

O campión galego Éltite sub 23 dicidirase no Porriño

O Porriño acollerá, o vindeiro 3 de xuño, unha nova edición do Gran Premio Concello do Porriño, proba nacional do ranking da RFEC élite-sub23 organizada polo club Master da Louriña en colaboración co Concello do Porriño e a Xunta de Galicia.

Tal e como explicou o presidente do club organizador, Juan José Álvarez, este ano a “proba está incluída no campionato galego polo que, o primeiro ciclista galego que cruce a liña de meta será campión autonómico”. Álvarez quixo agradecer ao “Concello do Porriño, á Federación de Galicia, á Xunta de Galicia e a LASAL Cocinas que sigan apostando pola categoría raíña do ciclismo” e destacou que “se trata duha carreira moi atractiva que contará co mesmo percorrido que as anteriores edicións”.

Pola súa banda, Rafael Pérez, do patrocinador LASAL Cocinas salientou que para o equipo “é marabilloso que en tan pouco tempo volva un campionato galego ao Porriño” e agradeceu a Juan José e á súa familia que o fagan posible xunto co respaldo das administracións. “Hai que poñer en valor o seu esforzo e o traballo que fan durante todo o ano polo deporte no Porriño. Ese é o retorno da inversión, que os rapaces poidan facer deporte e que o ciclismo volva flotar na vila cunha proba destas características”, concluíu.

Daniel Benavides, xefe do servizo provincial de deportes da Xunta, dixo de Juan José Álvarez que é “desas persoas que fai que nos sintamos máis comprometidos co deporte. Por iso hai que recoñecer o seu labor, é un referente de traballo desinteresado e constante”.

Pechou a presentación o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz que agradeceu o apoio da Xunta de Galicia ao ciclismo ao igual que o do Concello do Porriño e convidou a todo o mundo a disfrutar da proba o vindeiro 3 de xuño.

A Guarda aproba o inicio da licitación do Servizo de Axuda no Fogar

0

No pleno extraordinario urxente celebrado no concello da Guarda o pasado venres día 19 aprobáronse os pregos para iniciar a licitación do servizo de Axuda no Fogar (SAF) do concello da Guarda. O alcalde manifestaba que “era un compromiso iniciar a licitación deste servizo nesta lexislatura e apuramos ata o último momento para conseguilo. Trátase dun servizo esencial que presta o concello e necesitamos darlle estabilidade e tranquilidade, tanto ás traballadoras como aos usuarios”. O inicio da licitación aprobouse por unanimidade.

Ademais, leváronse outras propostas importantes na orde do día que na maioría dos casos foron suplementos de crédito para facer fronte a obrigas municipais. Unha delas foi o suplemento de crédito para pagar a última factura do pavillón da Sangriña e poder así recibir a subvención da Secretaría Xeral para o Deporte.

Outra proposta foi un suplemento de crédito para facer fronte ao préstamo que o Concello solicitou para a construción da Escola Infantil Galiña Azul. Así como o suplemento que se realizou para afrontar facturas correspondentes a gastos correntes de 2022 que non se contabilizaran por entrar tarde no concello. Estes suplementos aprobáronse cos únicos votos favorables do equipo de goberno.

Tamén se levou a pleno un crédito para facer fronte ás subidas salariais que lles corresponden aos traballadores municipais por lei. O Equipo de Goberno guardés da por pechado o mandato con este pleno extraordinario que permite dar comezo a licitación do servizo de Axuda no Fogar e habilitar créditos para facer fronte as obrigas económicas municipais con empresas, bancos e traballadores.

A Deputación subvenciona proxectos en galego de entidades sen ánimo de lucro

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno as subvencións do departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico para editar -en formato papel, audiovisual, mixto e ou especial- traballos en galego sobre diversos temas relacionados coa provincia de Pontevedra. Este exercicio, no que se incrementaron por segundo ano consecutivo as axudas ata os 90.000 euros, os fondos chegarán a 20 entidades sen ánimo de lucro e permitirán a creación de oito audiovisuais, trece publicacións, un audiolibro e unha gravación.

A deputada responsable da área, María Ortega, explica que a convocatoria deste ano chega a un grande número de entidades que apostan por editar exclusivamente en galego tanto monografías, revistas como documentos de interese tanto de ficción como ensaios, e estudos  sobre persoas ou colectivos relevantes desta que teñen incidencia na cultura da provincia.

No caso das subvencións de 2023, no Val Miñor, dentro do concello de Nigrán, a Coordinadora para o estudo dos Mamíferos editará un audiolibro titulado ‘A Toniña’, cunha axuda de 3.700 euros, e a Fundación Carlos Casares a publicación ‘Verbas vivas. Ruta literaria por Vigo e o Val Miñor’.

No último caso, a Fundación Carlos Casares asegura que a variada obra de Carlos dispón dunha abundante cantidade de páxinas con referencias ás Rías Baixas e ás terras do Val Miñor e Vigo, especialmente, polo que se quixo configurar unhas rutas literarias en Vigo e Pontevedra, que co fío condutor de Carlos Casares, descubran a presenza de escritores e escritoras galegas, pero tamén foráneas, que deixaron pegadas explícitas nas súas páxinas ou nos seus comentarios.

O obxectivo da publicación é salientar e axudar a dinamizar dúas zonas xeográficas dunha riqueza cultural e patrimonial evidente, como son o Val Miñor e a cidade de Vigo. A primeira percorrerá as tres vilas da zona (Gondomar, Nigrán e Baiona) a través de 12 puntos esenciais de interese e co fío condutor de Carlos Casares, veciño de Nigrán dende os anos 1983 ata o seu falecemento, en 2002.

Trátase dun percorrido vital a través de textos do escritor nos que irán aparecendo outros escritores e escritoras relacionados, dunha maneira ou outra, co Val Miñor, como son Gonzalo Torrente Ballester, Francisco Fernández del Riego, Elena Quiroga, Julio Cortázar e Aurora Bernárdez, Carmen Martín Gaite e Miguel Delibes, entre outros.

Os puntos de interese irán ilustrados con imaxes, citas e fragmentos literarios, planos e referencias circunstanciais, información patrimonial, etc. E, entre uns puntos de interese e os seguintes, indicaranse tamén referencias de personalidades históricas extraliterarias como os arquitectos Antonio Palacios, Manuel Gómez Román e Xosé Bar Boo; o pintor Manuel Prego de Oliver; a escultora Elena Colmeiro; e mais a actriz Nuria Espert, entre outras. Tamén se fará referencia a aspectos relacionados coa memoria democrática, debido á especial importancia deste feito e aos recordos en puntos concretos da xeografía miñorá.

Pola súa banda, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos editará un audiolibro sobre a ‘toniña’, a especie de cetáceo máis singular que habita a costa da península Ibérica, para contribuír á protección e conservación mediante a participación social, información sobre a especie e as súas ameazas a través da difusión, sensibilización, concienciación, educación ambiental e formación para o desenvolvemento de actitudes e aptitudes que causen impacto social e xeren unha atmosfera de respecto e admiración.

Audiovisual ‘Rockefeller en Mondariz’

Por outra banda, no Condado Paradanta as axudas (máis de 16.600 euros) benefician á Asociación Cultural e Etnográfica San Cibrán para publicar o libro ‘Proxectos e realidades da emigración en Portugal e América para Mouriscados’, á Asociación Mouriscados para publicar ‘Romarías da Franqueira’, á Fundación Mondariz Templo del Agua para o audiovisual ‘Rockefeller en Mondariz, o renacemento do balneario global’, e á Asociación Sociedade Cultural e Deportiva Condado para publicar a ‘Historia da ASCD Condado. 50 anos’.

John Rockefeller III e Primo de Rivera

O audiovisual ‘Rockefeller en Mondariz’ fará un percorrido polo diario de viaxe do norteamericano e o seu paso polo Gran Hotel. Trátase dun percorrido pola vida de John Davison Rockefeller III (21 de marzo de 1906 – 10 de julio de 1978), neto de John D. Rockefeller, cofundador de Standard Oil, quen en 1929 inicia no Balneario de Mondariz, unha visita oficial a Europa como premio de Lincenciatura na que se entrevista con Miguel Primo de Rivera, ano no que tamén ten lugar o Cume Español-Lusa no Balneario de Mondariz dos xefes de Estado, Miguel Primo de Rivera e o presidente portugués, Ivens Ferraz.

Segundo explican os impulsores do audiovisual, o 10 e 11 de agosto de 1929 o Gran Hotel de Mondariz alcanzou posiblemente o momento cume da súa historia, cando nel pernoitaron o xefe do Goberno español, xeral Miguel Primo de Rivera; o primeiro ministro de Portugal, xeral Artur Ivens Ferraz, e de forma moito máis discreta o mozo John Rockefeller III, herdeiro da maior fortuna xamais alcanzada en Estados Unidos.

Mentres da estancia dos dous primeiros existe ampla información escrita e gráfica, do financeiro norteamericano ha quedado durante décadas pouco máis que a lenda e un apelido sen nome. Con todo, Rockefeller escribiu 17 páxinas dun diario no que reflectiu todas as súas impresións, como a dureza dos touros en Pontevedra, as “horribles” conexións ferroviarias con Galicia, a simpatía que lle causou o xeneral e o atraído que se sentiu pola súa filla Carmen.

Naquel mes de agosto en Mondariz pouco podíanse intuír os tempos convulsos que estaban a piques de vir tanto á política española como á economía mundial, co fin da ditadura e o famoso “crash” de Nova York, respectivamente. Nunha situación moito máis tranquila iniciouse a estancia do Marqués de Estella, que é como a miúdo nomeábase entón ao xeral Primo de Rivera, no balneario e o Gran Hotel, onde arribara por segundo ano consecutivo porque “coñecía as augas de voz popular e de información familiar” (polo seu tío Fernando, tamén xeral) e para tratarse da súa diabetes.

Covelo renova o servizo de atención temperá

0

O Concello de Covelo vén de renovar o servizo público de atención temperá. Fíxoo xunto aos Concellos de A Cañiza, Mondariz, Mondariz Balneario e o Concello ourensán de Melón que compartirán, grazas á sinatura dun convenio de colaboración, este servizo de atención psico-social e familiar destinado a satisfacer os dereitos e necesidades das nenas e dos nenos con dificultades no desenvolvemento, ou en risco de padecelos, e das súas familias.

O servizo de atención temperá de Covelo xa desenvolve o seu traballo dende hai un ano os mércores en horario de mañá e tarde na súa sede do centro de saúde de Maceira. Os servizos de atención temperá deben comprender as prestacións de: diagnose e valoración de trastornos de desenvolvemento; desenvolvemento psicomotor; desenvolvemento cognitivo; desenvolvemento da linguaxe e comunicación; desenvolvemento da autonomía; desenvolvemento da área social e afectiva; apoio, información habilitación e formación da familia.

O convenio asinado entre os concellos de A Cañiza, Mondariz, Mondariz Balneario, Melón e Covelo permite unir esforzos para ofrecer novos servizos á veciñanza e optimizar os recursos económicos dos concellos.  O servizo de atención temperá de Covelo está integrado na Rede galega que se marca como principios a descentralización e proximidade e o achegamento eficiente do servizo ás persoas destinataria. En consecuencia, o ámbito municipal, pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación recoñécese como o idóneo para o desenvolvemento deste tipo de servizo.

“Conveniar e sumar esforzos é o xeito de poder ofrecer novos servizos á veciñanza cando de xeito individual non é viable. O goberno de Covelo seguirá traballando en mellorar o día a día das persoas coa oferta de novos servizos e a mellora dos existentes” explica Pablo Castillo.

O servizo de atención temperá atenderá ás familias que sexan derivadas por pediatría e permitirá empregar as ferramentas precisas para facilitar o desenvolvemento da autonomía persoal e a inclusión social dos nenos e das nenas con necesidades específicas. A agrupación de concellos prestadora do servizo de atención temperá da rede galega dirixirá o seu traballos á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno.

Nos servizos de atención temperá ofrecerase unha intervención biopsicosocial (biolóxica, psicolóxica, social e cultural) que favoreza a adquisición ou a recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais para a mellora da autonomía, da convivencia social e familiar e da inclusión social.

O servizo de atención temperá contará cun mínimo de tres integrantes, será interdisciplinar e estará integrado por profesionais diferentes de entre os seguintes graos: pedagoxía, psicopedagoxía, psicoloxía, logopedia, educación social, traballo social, maxisterio, enfermería, terapia ocupacional, fisioterapia e medicina.

Un convenio entre o MRCYB e a Xunta fai posible a Escola de Vela adaptada

0

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de asinar co presidente do Monte Real Club de Iates de Baiona (MRCYB), José Luis Álvarez, o contrato de patrocinio polo que a Xunta achega á entidade un total de 8.000 euros para a realización da Escola de Vela adaptada para persoas con discapacidade física e psíquica.

Segundo aseguraron secretario e presidente, “a accesibilidade debe de ser unha das prioridades da práctica deportiva”, por iso Xunta e MRCYB unen os seus esforzos para loitar por ese deporte “plural, diverso, sen xénero nin idade, para todos e para todas, enriquecedor da sociedade, transmisor de valores, formador, igualador e motor de cambio social”. “Para acadar este deporte temos que traballar día a día e unir as nosas forzas todas as administracións públicas, empresas galegas e a sociedade en xeral”, dixo o mandatario galego.

No seu relatorio, Lete Lasa lembrou que a Xunta de Galicia traballa “día a día para mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional” e salientou que desde a Secretaría Xeral “o faremos do mellor xeito que sabemos: garantindo á accesibilidade ao deporte”. Neste sentido lembrou os excelentes resultados dos Xogos Paralímpicos de Toquío nos que o 87,5 % dos deportistas galegos regresaron entre os oito mellores do mundo.

Escola de Vela adaptada

A Escola de Vela Adaptada Monte Real Club de Yates, posta en marcha hai máis dunha década, ten como principal obxectivo ofrecer ás persoas con diversidade funcional a posibilidade de practicar a vela en igualdade de condicións.

Aínda que nun principio creouse unicamente para persoas con diferentes discapacidades (físicas, sensoriais, intelectuales ou psíquicas), nos últimos anos foise ampliando e, na actualidade, tamén ofrece actividades para persoas maiores, nenos tutelados e mulleres vítimas de violencia de xénero. Por ela pasaron centos de estudantes de colectivos e asociacións de distintos puntos de Galicia, dende a súa creación en 2012, para navegar pola baía de Baiona nas embarcacións adaptadas do club.

Ponteareas organiza un obradoiro formativo de balde para sacar partido ao Servizo Público de Emprego de Galicia

O Concello de Ponteareas pon en marcha un obradoiro formativo de balde para aprender a sacarlle partido ao Servizo Público de Emprego de Galicia. O Centro de Desenvolvemento local acolle esta semana un curso para coñecer como funciona o servizo e inscribirse e empregar todos os recursos que ofrece en liña.

“Con este curso bríndaselle á veciñanza ferramentas e habilidades necesarias para aproveitar ao máximo os recursos dispoñibles de forma dixital, reducindo as barreiras, facilitando o proceso de procura de emprego e garantindo a igualdade de oportunidades para acceder a traballo de calidade ou para mellorar as perspectivas laborais dos ponteaeráns”, salienta a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández.

O curso vai dirixido a calquera persoa interesada e impartirase ou ben o mércores 24 de maio en horario de mañá, de 11.30 a 12.30 horas, ou o xoves 25 de maio de tarde de 17.30 a 18.30 horas. As clases terán lugar nas instalacións do Centro de Desenvolvemento Local de Ponteareas, en Ribadetea. As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información ou inscribirse xa no 986 661 050.

Vanesa Fernández anima a todos os ponteareáns que o desexen “a participar neste curso e aproveitar unha oportunidade única para seguir aprendendo e dispoñer as ferramentas e coñecementos necesarios para unha busca de emprego ou de ampliación de formación activa e efectiva”.

Un home queda atrapado tras envorcar o seu tractor no Rosal

0

Os familiares e veciños que se atopaban no punto liberaron ao condutor, que quedou atrapado por un brazo baixo a máquina.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente ás nove e media da mañá de onte cando, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a esa hora, solicitaba axuda ao 112 Galicia para liberar a unha persoa que quedara atrapada debaixo do tractor que lle envorcara cando circulaba pola Praza do Calan, no concello pontevedrés do Rosal, no lugar de San Xian.

Nada mais recibir o aviso, desde o 112 Galicia activouse un operativo formado polos Bombeiros de Baixo Miño, polos membros do GES da Guarda, dos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e dos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Finalmente, segundo a información recibida no 112 Galicia, non foi preciso o uso do material de excarceración posto que as persoas que se atopaban no lugar puideron liberar á vítima, que foi trasladada polos servizos sanitarios ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Outra máquina agrícola encargouse da retirada do vehículo sinistrado.

Esgotadas todas as prazas da ruta “Voando nas Rías Baixas” na Lanzada

En 24 horas esgotáronse as prazas para a quinta das rutas ornitolóxicas previstas na sexta edición da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO Birdlife, e que se desenvolverá o vindeiro 4 de xuño na praia da Lanzada, nos concellos de Sanxenxo e O Grove. A cita recibiu numerosas peticións e amais das prazas, completouse una ampla lista de agarda.

O obxectivo deste programa provincial é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica do territorio e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Neste caso, a Praia da Lanzada é un dos últimos redutos da nosa provincia onde nidifica a píllara das dunas, unha ave en perigo que se enfronta a un risco moi alto de extinción. Nesta praia, usando telescopios e prismáticos e mantendo unha distancia prudencial, mostraránselles as persoas participantes da xornada os niños protexidos con gaiolas e balizados, e as formas de píllaras cos seus adorables poliños que corrican pola area. Así mesmo, explicaránselles os problemas cos que se enfronta cada ano esta ave protexida para reproducirse con éxito nos nosos areais. A andaina estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra.

Despois da Lanzada, o programa continuará coa ruta polo Estuario do río Miño, que terá lugar o día 8 de outubro neste espazo do concello da Guarda. As inscricións abrirase o día 25 de setembro e as persoas interesadas poderán anotarse no formulario que atoparán na web provincial (www.depo.gal). Posteriormente, “Voando nas Rías Baixas” celebrará o 26 de novembro a última das rutas deste 2023, pola Enseada de San Simón (concellos de Redondela, Soutomaior, Vilaboa e Pontevedra). A inscrición abrirase o 13 de novembro.

O Rosal pecha o ciclo ‘Cafés en igualdade’ falando da presión estética

0

O Rosal pecha esta semana o seu ciclo de ‘Cafés en igualdade’, un programa creado polo Concello para xerar un espazo de reunión íntima entre mulleres para falar de temas de interese, unha burbulla de lecer persoal dunha hora ao mes na que poder conversar como se se estivera cun grupo de amigas de diferentes temáticas, ofrecendo un pequeno balón de osíxeno na loita diario po a conciliación familiar, laboral e persoal real.

Será a quinta e última sesión da tempada, na que psicóloga rosaleira Andrea Iglesias afondará con todas as participantes sobre a presión estética, abordando os estereotipos de beleza, a ditadura dos canons estéticos e a moda actual e a súa relación con trastornos alimentarios. Neuropsicóloga clínica e psicóloga xeral, Iglesias é especialista en saúde mental e terapias psicolóxicas. A cita será este xoves 25 de maio de 17.30 a 18.30 horas no Salón de Exposicións do Concello, con servizo de cafetería da Tapería A Praza.

Trátase do último encontro da tempada dun ciclo de charlas organizadas polo Concello cada último xoves de mes, nos que se celebran interesantes encontros dirixidos a mulleres nun horario diferente, moitas veces aproveitando os tempos mortos de obrigas cotiás como poden ser as esperas mentres fillos e fillas están nas actividades extraescolares. Os ‘Cafés en igualdade’ retomaranse en outubro con novas temáticas a abordar.

O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

A Guarda comprometida co medioambiente

0

O concello da Guarda incorpora dous puntos de recollida de cápsulas de café, esta iniciativa parte da petición cidadá de ter un lugar onde poder deixalas para que posteriormente sexan recicladas tanto o envase como o café do seu interior.

A maioría das cápsulas de café están compostas de aluminio, que é un material que se pode reciclar infinitas veces, e as que son de plástico que tamén se pode reciclar, o café que incorporan as cápsulas é usado para facer compost xa que é materia orgánica estupenda pra este fin, así pechamos o ciclo e estamos un pouco mais cerca dun modelo de economía circular dos nosos residuos.

Un dos puntos de recollida será a praza de abastos do concello, así os veciños teñen un lugar céntrico onde poder deixas as súas cápsulas usadas, o outro lugar onde poder deixalas é o Punto Limpo do concello.

Queremos aproveitar a ocasión para recordarlle a os veciños que o Punto Limpo do concello está a súa disposición, na Sangriña, o lado da piscina municipal en horario de luns a venres en horario de 8:30 a 14:30 e os sábados de 8:30 a 13:00, e non é necesario cita previa.

Recollida de voluminosos

O Concello tamén pon a disposición dos veciños o sistema de recollida de voluminosos, o cal para solicitalo deben chamar o  concello o 986 61 00 00 e solicitar o servizo, este depende da disposición de persoal, pero soe ser semanal, o persoal avisa aos veciños e veciñas  un ou varios días antes de cal e o día que se vai a pasar a facer a recollida, a cal se deben deixar as cousas na rúa sen entorpecer o fluxo de coches nin persoas ou nos contedores mais próximos, os voluminosos deben estar na rúa as 7:30 da mañá podendo deixalos a partir das 22:00 horas do día anterior, e os operarios pasaran o largo da maná para facer efectiva a súa retirada.

Recordase que non se recolle nin entullo nin restos de poda, para este tipo de residuos debe ser o propietario o que os traslade o punto limpo, so se recollen  mobles ou aparellos de gran volume.

Areeiro advirte dos primeiros síntomas de aparición de oídio nas viñas

A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación vén de lanzar un novo aviso fitosanitario que advirte da aparición dos primeiros síntomas de oídionas viñas e recomenda incluír o patóxeno nos plans de tratamento. Tamén anima a incrementar a vixilancia do mildio ante a incerteza meteorolóxica xa que verase favorecido se as temperaturas son elevadas e se producen chuvascos. Igualmente a EFA recomenda revisar as viñas ante o black rot a pesar de que non se observaron manchas.

Os primeiros síntomas do oídio veñen de aparecer nunha folla de albariño da rede de seguimento habitual de Areeiro. Esta aparición, que o pasado ano detectouse a mediados de xuño, implica comezar a tratar a viña cunha aplicación antioídio, tendo en conta ademais que os grans están recentemente formados e hai que protexelos do patóxeno.

No que respecta ao mildio o ambiente seco das semanas anteriores tivo reflexo na captura de esporas, que baixou sensiblemente dos valores superiores ou próximos a 100 que se tiñan recollido.  Deste xeito nas observacións realizadas a pasada semana non se atoparon síntomas novos nas follas ou nos acios e os predios visitados pola EFA observaron algunha mancha illada. Sen embargo veñen de ser detectadas xa algunhas manchas novas polo que o centro dependente da Deputación anima a incrementar a vixilancia tendo en conta, amais, a incerteza meteorolóxica xa que o mildio verase favorecido se as temperaturas son elevadas e se producen chuvascos. Neste caso habería que renovar as intervencións tendo en conta que o período de floración-formación do froito é unha fase extremadamente sensible no ciclo da viña.

No referente a black rot, a pesar de que tampouco se observaron manchas deste fungo, é conveniente manter unha vixilancia debido a que a uva recentemente formada é moi sensible a este patóxeno.

Mos prepárase para a Festa da Rosa

0

Como antesala á Festa da Rosa, cuxa programación cultural dará comezo o vindeiro 9 de xuño, 14 asociacións culturais e veciñais acollerán por segundo ano consecutivo os cursos de Secado de Rosas, Xabóns de Rosas e Estampación de Rosas pintadas en tea. Ademais, todos os alumnos participarán destes cursos presentando rosas das súas parroquias na asociación.

Haberá moita rivalidade entre as rosas das 10 parroquias, que competirán tamén o propio dia 13, xa que nas bases desta edición recóllese novamente un premio á mellor rosa de cada unha das 10 parroquias mosenses e un premio á mellor rosa de Mos.

Na primeira edición celebrada o ano pasado, máis de 200 persoas participaron nos obradoiros As Nosas Rosas nas Parroquias, que desde o Concello de Mos organizáronse como preámbulo á Festa da Rosa.

RRSS

Ao igual que en 2022, este ano as fotografías das rosas que os alumnos dos cursos presenten nas asociacións das súas respectivas parroquias encherán as redes sociais municipais potenciando o símbolo do escudo do Concello.

“O traxe novo do Rei” chega o mércores a Tui

0

A Biblioteca Pública Municipal de Tui acolle este mércores, 24 de maio, ás 18 h a representación de “O traxe novo do rei” da man da compañía de monicreques Tarabelos Teatro. É un espectáculo para público infantil recomendado a partir dos 3 anos. Está baseado nun conto clásico de Hans Christian Andersen.

Os grandes protagonistas desta obra son un traxe especial e máis un rei especial. Aquel traxe novo e máxico prometía ser un capricho inigualable, e unha ferramenta perfecta para saber o nivel de intelixencia de calquera habitante da corte. Pero, podía ser certo?, funcionaría?. De algún xeito si, pero non coma el esperaba.

Esta actividade forma parte do programa “Tui en letras” que entre abril e xuño ofrece ata catorce actividades de animación á lectura e a promoción da lingua galega. Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, este espectáculo pretende achegar aos máis pequenos ao mundo da literatura e da lectura dun xeito divertido,  favorecendo así a súa aprendizaxe.

O programa “Tui en letras” conta con axuda da Deputación de Pontevedra.

Aberta a inscrición na ruta da Lanzada de “Voando nas Rías Baixas”

A Deputación de Pontevedra abre desde este luns o prazo de inscrición para a terceira das rutas ornitolóxicas da sexta edición da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife. O obxectivo é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Esta nova ruta, que se desenvolverá o 4 de xuño, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística da Praia da Lanzada, nos concellos de Sanxenxo e O Grove. Ofértanse 25 prazas para esta camiñada guiada e de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse desde esta mañá na páxina web da Deputación (www.depo.gal ).

A Praia da Lanzada é un dos últimos redutos da nosa provincia onde nidifica a píllara das dunas, unha ave en perigo que se enfronta a un risco moi alto de extinción. Nesta praia, usando telescopios e prismáticos e mantendo unha distancia prudencial, mostraránselles as persoas participantes da xornada os niños protexidos con gaiolas e balizados, e as formas de píllaras cos seus adorables poliños que corrican pola area. Así mesmo, explicaránselles os problemas cos que se enfronta cada ano esta ave protexida para reproducirse con éxito nos nosos areais.

A andaina estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra. Como recomendacións para as e os participantes, aconséllase levar roupa cómoda e apropiada para moverse polo campo, así como protector solar. Cada participante terá a súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha Guía de aves, así como unha listaxe de aves para que elaboren a súa propia durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

Conciliación no Porriño cos campamentos de verán

A Concellería de Igualdade do Concello do Porriño organiza, un ano máis, o Campamento de Verán 2023 co fin de facilitar a conciliación familiar. A actividade está dirixida a rapaces do municipio de entre 3 e 12 anos e enfocada na aprendizaxe, formación e ocio para eles.

Este ano desenvolverase entre o 3 de xullo e o 11 de agosto en quendas de dúas semanas cada unha. O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns 29 de maio ás 9 h e pecharase o 2 de xuño ás 21 h e poderá formalizarse presencialmente por rexistro ou on line a través da sede electrónica do Concello.

As follas de inscrición, requisitos e baremo subiranse á páxina oficial do Concello e poderanse recoller en rexistro a partir do vindeiro venres 25 de maio.

Esta actividade está financiada pola Concellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e Ministerio de Igualdade.

Ferido un home tras caer dunha bicicleta no Rosal

0

O accidente tivo lugar onte domingo, pasada a unha do mediodía, cando o 112 recibiu o aviso deste accidente a través dun particular, que explicaba que o implicado tropezara cunha póla e caera.

De inmediato, solicitouse a intervención dos servizos sanitarios, da Garda Civil e de Protección Civil do Rosal, e informouse aos efectivos do GES da Guarda por se tiveran que intervir.

Unha vez alertado, o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicou que mobilizara o helicóptero medicalizado con base en Ourense.

A caída ocorreu no camiño Vilariños, e o ciclista herido tivo que ser trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Sanidade presenta o programa PROTEGO para a prevención de condutas adictivas

A Consellería de Sanidade, por medio da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, convidou aos equipos de prevención de condutas adictivas, xestionados por concellos e asociacións sen ánimo de lucro, así como a profesionais e asociacións implicados na atención e protección de menores, para darlle difusión ao Programa PROTEGO, e que o poidan utilizar para mellorar as habilidades educativas das familias así como as relacións entre pais e fillos.

Froito desta invitación, asistiron hoxe á xornada de presentación, no edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, ao redor de 105 profesionais dos colectivos antes mencionados. O acto contou con intervención da subdirectora xeral de Programas de fomento de estilos de vida saudables da Consellería de Sanidade, Silvia Suárez Luque.

PROTEGO é un programa de prevención de condutas adictivas, así como de condutas problemáticas favorecedoras de exclusión, de tipo selectivo porque vai dirixido a familias vulnerables e/ou en risco social.

Está baseado no adestramento familiar en habilidades educativas e fomento da parentalidade positiva de pais e nais con fillos e fillas de 9 a 13 anos, con factores de risco, co fin de mellorar as súas habilidades educativas, limitar a exposición dos fillos e fillas aos factores de risco, aumentar os factores de protección e fortalecer as relacións pais/nais cos fillos e fillas. Todo iso, mediante unha metodoloxía de traballo activa e participativa cos pais e as nais.

O programa foi desenvolto pola asociación Promoción y Desarrollo Social (PDS), e está dispoñible en España e noutros países. Está incluído no rexistro EDDRA de boas prácticas europeas en redución da demanda de drogas, así como no rexistro Xchange de intervencións preventivas baseadas na evidencia, ambos os dous do Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías.

A súa avaliación mostrou que mellora as habilidades parentais relativas á comunicación, a xestión de conflitos, a cohesión familiar e a vinculación entre pais e fillos, manténdose as melloras no tempo, como evidenciou un seguimento realizado aos 12 meses.

Actualmente, a asociación Promoción y Desarrollo Social está a desenvolver un proxecto que  promove  o coñecemento de PROTEGO entre os técnicos de prevención, así como o seu uso polos programas de drogas autonómicos e locais, e, entre as súas accións, inclúese a tradución ao catalán, euskera e galego dos diferentes materiais para a aplicación do programa, ata o de agora dispoñibles só en castelán, así como a realización de xornadas territoriais de presentación do programa, da súa plataforma colaborativa dixital, e dos seus materiais en linguas autonómicas elaborados no marco do proxecto.

Aberto o prazo para os oito “Bosques Terapéuticos” de xuño

A Deputación abriu esta mañá o prazo para participar nos oito “baños de bosque” que organizará no mes de xuño. As persoas interesadas en gozar dos beneficios dos “Bosques Terapéuticos” e desfrutar dos espazos naturais da provincia poden xa formalizar a súa solicitude na páxina web da Deputación www.depo.gal.  O vindeiro mes os percorridos terán lugar entre o 3 e o 25 de xuño e espallaranse pola Carballeira de San Xusto (Cerdedo-Cotobade), a Fervenza do Toxa (Silleda), a Ruta da Pedra e da Auga (Meis), pola contorna da Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro), o Lago de Castiñeiras (Vilaboa-Marín), o Río Eifonso (Vigo) e a Carballeira da Illa de Tambo (Poio).

O día 3 de xuño os “Bosques Terapéuticos” chegarán ata a Carballeira de San Xusto, ata onde se desprazarán tamén o día 18. O 4 de xuño o programa continuará na Fervenza da Toxa e o día 10 pola Ruta da Pedra e da Auga.  O domingo 11 de xuño recalará na contorna da Ponte Colgante do Lérez, o 17 no Lago Castiñeiras, o 24 no Río Eifonso e, finalmente, rematará a programación do mes de xuño o día 25 na carballeira da Illa de Tambo. Para cada un dos percorridos ofértanse 15 prazas, tendo en conta as especiais condicións de tranquilidade e respecto á natureza que se necesitan para o desenvolvemento da actividade. Por iso as visitas, destinadas a público xeral (os e as menores deberán ir acompañados) e cunha duración de entre hora e media e 2 horas, comezarán ás 10 horas para a procura de tranquilidade e conexión coa natureza. Ademais as persoas participantes deberán gardar as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas pola persoa guía.

 “Bosques Terapéuticos” continuarán en xullo con tres rutas pola Fervenza do Toxa os días 1, 16 e 30; dúas pola Illa de Tambo (2 e 22); e unha no Lago de Castiñeiras (día 8); tamén pola Carballeira de San Xusto (día 9), o Río Eifonso (día 15), a Ruta da Pedra e da Auga (día 23) e o Ponte Colgante do Lérez (29). O programa rematará en agosto na Ruta da Pedra e da Auga o día 5; na Illa de Tambo o 6; no Lago de Castiñeiras o día 12; na carballeira de San Xusto o día 13; no Río Eifonso o día 19 e no Ponte Colgante do Lérez o día 20.

José Manuel Alfonso lidera un equipo renovado para as eleccións nas Neves do vindeiro domingo

0

O presidente provincial do Partido Popular, Luis López, pediu nas Neves converter toda a ilusión, a forza e as gañas que se perciben na rúa en votos para que José Manuel Alfonso sexa a partir do próximo domingo “o alcalde que merecen os veciños e o concello das Neves”.

Foi durante o mitin dos populares, no que tamén participou a vicepresidenta segunda do Congreso, Ana Pastor. López subliñou que para garantir ese cambio de rumbo, só vale a maioría absoluta do PP. “Somos a única alternativa”, insistiu. Ademais, recordou que o PP xa gañou nas últimas convocatorias electorais, “pero un pacto de perdedores impediu un goberno estable e de futuro e favoreceu un desgoberno que paralizou e retrasou o crecemento deste concello”. Por iso, insistiu en que o próximo domingo hai que elixir entre dúas opcións e dous modelos de xestión, “nas Neves, o Partido Popular ofrece un proxecto de éxito, único, que ofrece estabilidade. Mentres que BNG e PSOE, o bipartito que leva malxestionando este concello desde 2015, ofrece un proxecto esgotado e sen ideas, no que as parroquias están abandonadas e cun clima de crispación constante”.

Polo tanto, concluíu, é momento de que os veciños valoren “si queren mudar estes oito anos de parálise por catro anos de ambición e dinamismo. Quen quería xestión, proxecto, compromiso, ideas, atención, investimentos, sevizos e equipamentos, ten a súa casa no Partido Popular. José Manuel e todo o seu equipo pelexarán por cada investimento, por cada servizo, por cada infraestrutura para recuperar o tempo perdido nas Neves”.

O candidato á alcaldía, José Manuel Alfonso, destacou que lidera un equipo renovado, ao que lle esixe “traballo e dedicación, un Goberno no que prime escoitar e consensuar cos veciños calquera acción”.

Para os próximos catro anos, ofrecen un programa ambicioso, no que se inclúen medidas para actuar sobre o territorio e reverter a perda de poboación, como dotar ás Neves das infraestruturas precisas, a apertura de novas vías e apoiar a rehabilitación e creación de vivenda nova, así como outros servizos que contribúan a atraer e fixar poboación. No programa do PP inclúese, ademais, atención a todas as parroquias, construír unha depuradora en Liñares, un albergue municipal, unha residencia para as persoas maiores, organizar unha feira grande ao mes e incrementar axudas a asociacións e clubes, entre outras cuestións. Un proxecto que, sinalou, están copiando desde o BNG, que non traballaron as súas propias iniciativas en oito anos.

Por iso, pediu o voto para o Partido Popular, “o único partido que pode garantir o cambio nas Neves. Votar a PSOE e BNG é exactamente o mesmo. Os dous aspiran a que o PP non acade a maioría absoluta para poder pactar entre eles e lastrar o futuro do concello outros catro anos máis”.

Iniciadas as obras de rehabilitación do muíño de Porto do Molle

0

O Concello de Nigrán iniciou esta semana as obras para rehabilitar integralmente o muíño de Porto do Molle cun investimento total de 238.370 €. Os traballos foron finalmente adxudicados á empresa redondelana Impervelper, tendo un prazo de 5 meses para execultalo.

Situado en pleno parque empresarial ao carón do río Muíños e en estado ruinoso desde hai máis de 30 anos pese ao seu gran valor histórico e etnográfico e estar catalogado como BIC (Ben de Interese Cultural), a construción volverá a funcionar con fins didácticos. O obxectivo é reparalo respectando ao máximo a súa orixinalidade e poñelo en marcha mediante a reposición dos mecanismos actualmente desaparecidos e da disposición dunha nova canle hidráulica.

Esta restauración, ademais de implicar un estudio histórico e control arqueolóxico da mesma, supón repoñer e acondicionar a envolvente do edificio, restaurar os paramentos da edificación e infraestruturas hidráulicas e, finalmente, recuperar e repoñer os elementos xa inexistentes de roturación e trituración. Así, na sala correspondente ao propio muíño plantéxase unha intervención mínima instalando unha cuberta de madeira de castiñeiro con cerchas e correas, tal e como tradicionalmente se facía, e, adicionalmente, no chan se repararán as grandes lousas de granito que estean deterioradas. Na habitación que era vivenda ou almancén crearase unha pequena sala de exposicións ou multiusos cun sistema estrutural moderno a base de madeira laminada e tirantes de aceiro, ademais, instalaranse dous aseos, un deles adaptado a persoas con mobilidade reducida (unha zona do cerramento desta sala está derruída e será reconstruída en formigón para que contraste co muro de granito existente). O edificio manterá tres accesos independentes: o do propio muíño, o da sala e un central que da ao vestíbulo desde onde acceder ás dúas salas ou wc. A maiores, contémplase intervir na zona verde da contorna do muíño, onde os desniveis de terras se adaptarán mediante bancais para permitir contemplar mellor todas as partes do muíño.

“Queremos que recolla a tradición muiñeira que pon nome precisamente a este río, polo que plantexamos unha exposición permanente ao respecto e, por suposto, que poida funcionar para facer muiñadas a modo divulgativo”, resume o alcalde, Juan González.

Historia do muíño

Cunha planta rectangular de 25 m x 6,5 m, este foi un dos muíños máis grandes e produtivos da comarca, xa que chegou a ter tres moas en funcionamento simultáneo. Sen embargo, debido ao paso do tempo, actualmente presenta importantes perdas nos muros e carece de cuberta, maquinaria e mesmo de canle hidráulica. Trátase dunha edificación do S.XVIII que consta do propio muíño, almacén e vivenda anexa nun único volumen e no que o sótano está aberto ao exterior mediante tres arcos de medio punto polos que discorría a auga tras moverse o mecanismo de rotación. As obras e movementos de terra para habilitar o parque empresarial implicaron soterrar a súa canle de abastecemento e evacuación ao río Muíños, polo que a día de hoxe en ningún caso poderían funcionar os aparellos, sen embargo, o proxecto contempla activar unha das tres moas orixinais creando un circuíto pechado que empregue un estanque anexo á construción. Co fin de respectar ao máximo a súa factura orixinal, contouse co propio asesoramento de Angel Fernández Misa, fillo dos últimos muiñeiros e quen vivíu nel ata os 20 anos de idade. “Era o muíño máis produtivo de todo Nigrán, ao que viña máis xente, porque tamén era o máis barato”, recorda Lito.