13 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsRes PublicaPonteareas diante das eleccións (I): David contra Goliat e a utopía feita...

    Ponteareas diante das eleccións (I): David contra Goliat e a utopía feita realidade

    Botando unha ollada atrás un non pode deixar de sorprenderse da rapidez coa que transcorre o tempo e a vida. Unha velocidade vertixinosa que tamén acompaña aos acontecementos e procesos sociais e políticos e que explica a facilidade coa que a sociedade pode esquecer tan axiña o seu pasado e, sobre todo, en política, ignorar de onde vimos, onde estamos e cara onde nos diriximos. Esquecemento dos que viviron eses procesos, mais tamén descoñecemento comprensíbel por razóns biolóxicas e xeracionais dos que daquela non naceran ou eran uns cativos.

    As eleccións municipais do vindeiro domingo empurránme a compartir publicamente algunhas reflexións en dúas entregas. Fágoo dende a gratificante nostalxia de quen vivíu en primeira persoa e con enorme intensidade a historia social e política de Ponteareas dende finais dos anos 80. Fágoo porque creo que é oportuno refrescar a memoria aos protagonistas e espectadores das decadas de 1990 e 2000 sen as cales non se pode explicar o momento presente. E fágoo porque considero unha obriga case moral explicar á xente máis nova -moitos nin naceran nesas décadas convulsas e ilusionantes- catro feitos trascendentais a ter presentes antes de exercer o dereito ao voto.

    A Ponteareas que hoxe coñecemos nada ten que ver, afortunadamente, coa que era non hai tantos anos

    O primeiro, que a Ponteareas que hoxe coñecemos nada ten que ver, afortunadamente, coa que era non hai tantos anos. O segundo, que o desastre, a calamidade e a desgraza que soportamos naqueles tempos non tan lonxanos, e dos que hoxe aínda quedan visibeis secuelas, non eran un mal divino ou a consecuencia inevitábel dunha profecía, senón o resultado dos desprezabeis e indignos actos da dereita ponteareán e de grupos sociais e económicos que mandaban, si, mandaban, en Ponteareas. O terceiro, que o cambio histórico acontecido en 2015, cando as forzas nacionalistas e progresistas asumiron o goberno por vez primeira en 80 anos, ¡dende nada menos que 1936!, non foi produto da casualidade nin do destino, senón da entrega, o combate, a valentía e o sacrificio durante case 30 anos de persoas que deron un paso á fronte e con tesón e perseverancia conseguiron poñer a todo un pobo detrás. E cuarto, que, polo tanto, todas as persoas que protagonizaron ese período histórico de Ponteareas teñen ou temos un pasado. Uns lembrámolo con orgullo, satisfeitos do feito e do conseguido, sempre no mesmo lugar e defendendo contra vento e marea os mesmos ideais, bebendo dese pasado para transformar Ponteareas dende un goberno que a cidadanía democraticamente nos encomendou en 2015. Outros, agora, ocultan e mesmo renegan do seu escuro pasado e tentan, neste presente electoral, branquealo, exhortando á xente a “resetear” e “bailotear”, coa esperanza de que a desmemoria dos máis maiores ou o descoñecemento dos máis novos lles permita recuperar algo que sempre consideraron da súa propiedade: o poder a perpetuidade. Dese pasado de cadaquén, descoñecido entre os máis novos, falaremos na segunda entrega.

    Vivir como o resto da xente, velaí a mellor escola para adicarse á política e exercela temporalmente coma unha arte nobre ao servizo dos demais

    Agora, e a poucos días das eleccións municipais, pido á sociedade ponteareá o voto para o Bloque Nacionalista Galego. Fíxeno por vez primeira en 1991, con 19 anos, participando na candidatura do BNG. En 1995, con 23 anos, pedino como candidato á alcaldía e obtivemos a nosa primeira representación con tres concelleiros. Voltei pedilo como candidato a alcalde en 1999, 2003 e 2007 e a confianza da veciñanza aumentou exponencialmente até converternos na forza máis votada. Ese ano, en coherencia coa miña visión da política como unha ocupación temporal e non profesional, afasteime da primeira liña e pasei a ser o que tanto precisarían aqueles que, para desgraza da democracia, fan da política o seu modo de vida: unha persoa do común, co seu traballo como autónomo, coas súas preocupacións e ilusións e coa súa adicación altruista á súa parroquia e outras causas xustas. Vivir como o resto da xente, velaí a mellor escola para adicarse á política e exercela temporalmente coma unha arte nobre ao servizo dos demais.

    En 2011 e 2015 volvín pedir o voto participando simbólicamente na candidatura liderada por Pepe Represas. Nun exemplo de xustiza poética, aínda perdendo parte dos votos acumulados durante anos, o apoio foi dabondo para acadar a alcaldía. Tras doce anos afastado, en 2019 voltei á primeira liña e o resultado do BNG con Represas á cabeza superou o imaxinábel, permitíndonos durante catro anos avanzar nunha Ponteareas mellor.

    Agora, en 2023, de novo retirado da política activa e como persoa do común, pido con máis forza ca nunca, a vosa confianza para o BNG e para continuar imparabeis o histórico proceso de transformación que iniciamos hai oito anos, e que nunca tería existido sen o traballo e esforzo que fixemos nas décadas anteriores.

    Non é o momento para exquisiteces ou autocrítica nin para quedar na casa. É certo que, desgrazadamente, o peor da política se estende e impregna cada vez máis a todos os proxectos políticos. O arribismo, o trepismo e a envexa que levan ao xogo suxo e maquiavélico e á covardía política e persoal están cada vez máis presentes en todas partes. Coma unha epidemia, ninguén se libra dos aproveitados que pisan moqueta sen formación, sen experiencia profesional, sen oficio nin beneficio coñecido, sen traballo social previo e sen capacidades e competencias. Vemos en todas partes dirixentes mediocres, sen bagaxe cultural nin política, que prefiren rodearse de máis mediocres e insolventes aos que premian para, entre todos, alimentar o efecto Dunning-Kruger, ou sexa, o que chamamos coloquialmente ignorancia atrevida, tan presente na política, e antítese do socrático, consciente e humilde “só sei que non sei nada”; son os oportunistas que, da noite á mañá, se atopan casualmente na cúspide do poder, máis preocupados dos trending topic que de cultivarse lendo un libro, xente iletrada cuxas únicas lecturas son as redes sociais nas que, como dicía Umberto Eco, ”lexións de idiotas, que primeiro falaban só no bar despois dun vaso de viño, sen danar á comunidade, e que eran silenciados rapidamente, agora teñen o mesmo dereito a falar que un premio Nobel”. Tempo e persoas haberá para restablecer a decencia, a excelencia, a meritocracia e a ética, mais agora a prioridade é outra: apuntalar o proxecto de transformación de Ponteareas e non voltar atrás nunca máis.

    Por vez primeira en máis de 30 anos non participo, nin en primeira liña nin testemuñalmente, nunha candidatura do BNG ás eleccións municipais de Ponteareas. Mais aínda así pídovos o voto. Con el estaredes apoiando e recoñecendo a todas aquelas persoas que dende os anos 90 o deron todo para chegar até aquí, estaredes refrendando e dando sentido a un modelo de pobo e ao traballo de fonda transformación que fixemos nestes oito anos e estaredes honrando a memoria do querido e entrañábel Pepe Represas, premiando a súa entrega a Ponteareas e o legado que nos deixou para sempre, e que aínda non xerminou en toda a súa dimensión.

    Estaredes honrando a memoria do querido e entrañábel Pepe Represas, premiando a súa entrega a Ponteareas e o legado que nos deixou para sempre

    Estes oito anos foron incribeis para Ponteareas. En 1990, hai máis de 30 anos, os que daquela eramos uns mozos universitarios, comezamos unha verdadeira loita de David contra Goliat e tras anos e anos de resistencia e perseverancia o que parecía unha utopía inalcanzábel converteuse en realidade: lograr a confianza da maioría da xente e demostrar con feitos o que queriamos facer de Ponteareas.

    Aquela utopía convertida agora en realidade precisa de vos máis ca nunca. Votade BNG.