Xoves, 15 Maio de 2025

Conservatorio e Escola Municipal de Música abren a preinscrición online

A Concellería de Educación do Concello de Ponteareas, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández, deu conta hoxe da apertura do prazo de preinscrición tanto para o Conservatorio Profesional de Música ‘Reveriano Soutullo, coma da Escola de Música ‘Vila do Corpus’. A preinscrición pode realizarse a través da páxina web do Conservatorio http://conservatorio.ponteareas.gal/

As familias e persoas interesadas, para formalizar a preinscrición deberán seguir os seguintes pasos:

  • Entrar na páxina web
  • Na barra superior entrar na pestaña “Estudos”
  • Seleccionar “Solicitude de praza 2020/2021”
  • Cumprimentar o formulario que se ofrece (aparecerá debaixo do formulario a mensaxe de telo cumprimento e enviado correctamente)

Tamén se pode premer directamente nesta ligazón. Debido á situación temporal de confinamento, o persoal do conservatorio municipal porase en contacto coas familias preinscritas para informar do prazo e procedemento de matriculación que tamén será publicado tanto na páxina web do Concello de Ponteareas como na do propio conservatorio, así como nas súas redes sociais.

Para acceder á escola municipal de música o alumnado deberá ter como mínimo 6 anos de idade cumpridos a día 31/12/2020 e para acceder ao conservatorio 8 anos de idade cumpridos a día 31/12/2020.

O Concello das Neves facilita que todo o alumnado do municipio teña xa todo o seu material escolar na casa

0

Todas as alumnas e alumnos dos CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e das dúas Escolas de Educación Infantil das Neves, as de Taboexa e Rubiós, teñen xa a totalidade do seu material escolar na casa. Dende o Concello, coa axuda dos profesores, da dirección dos centros e de membros da Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (ANPA), entregáronse os libros e o resto dos efectos que deixaran os estudantes nas aulas.

Mascarillas para cada un dos estudantes

Para poder chegar ás 143 familias de alumnos do CEIP e ás 28 das Escolas Infantís –14 de cada unha delas– os membros de cada centro recolleron o material de cada estudante o meteron en bolsas de tea entregadas polo Concello e traballadores municipais –en moitos casos a concelleira de Educación e o propio alcalde– levaron o mesmo a cada casa, realizando un reparto organizado por parroquias e incluíndo unha mascarilla para cada unha das rapazas e rapaces.

Entrega de ordenadores

Do mesmo xeito, o mesmo servizo do Concello serviu para facer chegar a varios estudantes do Instituto Pazo da Mercé os ordenadores cedidos en préstamo pola Consellería de Educación ou polo propio centro. En todos os casos –dende educación infantil ata bacharelato– o obxectivo é o de facilitar que as alumnas e alumnos poidan seguir co estudo das materias e cumprir co temario deste curso.

Apoio telefónico

Nesta mesma liña, a Concellería de Educación impulsa, tanto no caso do CEIP Marquesa do Pazo, como no do IES Pazo da Mercé, o “seguimento” por parte dun psicólogo de ACEESCA, contratado polo Concello, a familias de alumnos con problemas, de xeito que se lles poida facilitar o “apoio” que precisen ante esta situación nova creada pola crise sanitaria.

Por último, esta mesma semana, o Concello rematará coa limpeza, hixienización e desinfección de cada un dos centros educativos das Neves. Este proceso se repetirá antes da volta das alumnas e alumnos.

A Guarda eliminará a taxa das terrazas para o 2020

0

Este xoves celebrouse no Salón de Plenos do Concello da Guarda a reunión de portavoces dos grupos municipais, xuntanza na que o alcalde Antonio Lomba, trasladou aos portavoces as medidas que se están adoptando no marco da situación de alerta sanitaria creada polo COVID 2019.

Así, o alcalde informou de que o concello suma, ás medidas adoptadas con anterioridade fronte ao coronavirus, a de poñer a disposición dos veciños e veciñas da localidade máscaras de protección infantís que se poden recoller na oficina de Turismo. Asemade se informou das medidas adoptadas en relación coa apertura de espazos públicos, Castelo de Santa Cruz e as praias para que poidan ser utilizados pola veciñanza, e do protocolo e documento técnico que se está elaborando para ir preparando a apertura dos servizos públicos.

O alcalde tamén informou da convocatoria dun pleno extraordinario para a aprobación da eliminación da taxa de terrazas para este ano 2020, medida que xa dera a coñecer aos portavoces en anteriores reunións.  Dende o executivo municipal enténdese que esta é unha medida que se vai aplicar cando os bares, cafeterías e restaurantes poidan instalar terrazas, é dicir, a partir da fase 1 da desescalada.

Esta é unha das decisións que forman parte do terceiro paquete de medidas económicas que se están adoptando dende o goberno municipal, unha vez contan cos informes pertinentes. A segunda das medidas é un expediente de recoñecemento para o pago de facturas, co obxectivo de trasladar liquidez ás empresas que prestan servizos ao concello da Guarda. Dende o inicio do Estado de Alarma unha das principais preocupacións foi a de reducir ao máximo posible o período de pagamento de facturas, e trasladarlle ás empresas e autónomos o máximo de liquidez nestes momentos tan complicados.

A terceira das medidas, a de maior cuantía económica, é a que ten relación coas asociacións sociais, culturais e deportivas da localidade. Debido as dificultades que estamos atravesando pola situación  xerada polo coronavirus,  situación que tamén está afectando  ás diferentes asociacións, pola paralización total  ou parcial da súa actividade,  o concello quere trasladarlles tranquilidade e a colaboración, aínda se cabe máis estreita, para sacar adiante  os proxectos que sexan viables neste ano. Así, o concello  pon a disposición  das asociacións guardesas 140.860 €. Cada asociación  disporá da mesma subvención que no ano 2019. Esta medida require aprobación plenaria, polo que será no Pleno do mes de maio cando queden definitivamente aprobadas.

O concello da Guarda está  preparando o seguinte paquete de medidas  que inclúen unha serie de actuacións  en relación cun programa de dinamización turística e comercial, este novo paquete e medidas será anunciado nos próximos días.

Nigrán celebra mañá o ‘Día Internacional do Jazz’ estreando en redes o vídeo resumo do ‘NigranJazz 2019’

0

O Concello de Nigrán sumarase virtualmente á celebración do ‘Día Internacional do Jazz’ mañá 30 de abril coa estrea en redes ás 19:45 horas do vídeo-resumo da celebración do Nigranjazz 2019 o 26 e 27 de xullo no esteiro de a Foz (canle @Nigranjazz, en Facebook, Instagram e Youtube). Este día serve para concienciar ao público en xeral sobre as virtudes do música jazz como ferramenta educativa e como motor para a paz, a unidade, o diálogo e o reforzo da cooperación entre pobos, usualmente se celebra con concertos e actividades educativas e, pese á situación sanitaria, este ano o Concello de Nigrán súmase na medida en que é posible.

O Concello de Nigrán traballa para ofrecer unha nova edición o 24 e 25 de xullo no esteiro de A Foz (A Ramallosa) adaptada ás circunstancias que nese momento obrigue a lei e, neste sentido, recorda que permanece aberto ata o 12 de maio o prazo para participar no concurso de carteis ‘Quin Alborés’, dotado con 500 euros, e que representará a imaxe da edición 2020 (bases na web do Concello www.nigran.es ).

“Obviamente 2020 será unha edición diferente marcada polas circunstancias sanitarias, pero non por elo queremos deixar de celebrar o festival, é unha das nosas señas de identidade. Traballamos para mantelo adaptado ao que nese intre obrigue a lei; as datas en principio se manteñen, pero somos flexibles en todo”, destaca o alcalde de Nigrán, Juan González. “Do que non cabe dúbida é de que será o momento de apostar máis que nunca polos músicos galegos, sempre o facemos, pero nesta ocasión será aínda máis notorio. Non podemos obviar que esta crise afecta en sobremaneira a este sector cultural, e debemos ser os primeiros en apoialos non cancelando e ofrecendo o noso espazo para eles”.

Unha empresa do Rosal doa 800 quilos de produtos alimenticios e 200 paquetes de cueiros para paliar a situación de emerxencia social

0

A empresa rosaleira ‘Depósitos Coballes’ tamén quere achegar o seu gran de area para axudar a paliar as situacións de emerxencia social facendo unha importante doazón de alimentos ao Concello do Rosal, produtos de primeira necesidade que irán destinados a aquelas familias máis vulnerables. En total serán 800 quilos de alimentos e 200 envases de cueiros que a empresa cedeu ao Concello e á asociación Conrazones para distribuír entre a poboación que atravesa máis dificultades e que o Concello do Rosal comezará a entregar o vindeiro luns 4 de maio a través do seu reparto habitual de comida.

Todos os alimentos recadados foros comprados pola propia empresa pero tamén achegados polos seus traballadores e traballadoras, que quixeron deste xeito colaborar de xeito activo coa iniciativa. “Non podemos máis que dar as grazas a Coballes e a toda a súa plantilla por este xesto de solidariedade e por preocuparse por aquelas persoas que peor o están pasando nestes intres, a pesar de que a crise sanitaria conlevou dificultades para todos e todas. Iniciativas como esta son moi necesarias para facer fronte ao incremento de situacións de emerxencias que trouxo consigo o COVID-19”, sinalou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.

Xunto con este alimentos e cueiros, a empresa rosaleira tamén quere achegar o seu gran de area ao persoal sanitario, polo que doará medios de protección individual, gafas, mascarillas, pantallas e hidroxel ao centro de saúde da Guarda, que nestes intres centraliza a todos os pacientes do Rosal con sospeita de afección respiratoria por coronavirus.

O Porriño prepara circuítos no paseo do río Louro para camiñantes e corredores

As Concellerías de Medio Ambiente e Deportes prepararon nestes días circuitos sinalizados no paseo do Río Louro cara ao inicio da denominada ‘desescalada’ o vindeiro sábado 2 de maio, xornada na que se permitirá saír a camiñar só ou en parella, así como a correr de xeito individual.

O uso do Paseo do Río Louro, a partir deste sábado e ata novo aviso, estará prohibido para ciclistas por que a súa convivencia con corredores e camiñantes sería imposible dadas as medidas de hixiene social que haberá que observar.

Os traballos de preparación incluiron desbroce e limpeza do paseo, sinalización dos circuítos que deberán empregarse así como recomendacións sobre o sentido da marcha e as distancias de seguridade.

As bases das axudas aos negocios de Ponteareas poden consultarse xa na web do Concello

O Goberno local de Ponteareas anunciou hoxe que as persoas interesadas xa poden consultar as bases para a concesión das axudas económicas aos negocios do municipio afectados pola declaración do estado de alarma polo COVID-19.

Na páxina web do Concello, no botón “Axudas directas COVID-19” ou premendo directamente nesta ligazón, os e as interesadas poderán acceder ás bases e anexos desta axuda directa.

Deberán solicitarse de forma telemática a través da sede electrónica do Concello a partir do martes día 5 ás oito da mañá (xa que serán publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia o luns día 4 de maio). Todas as persoas que o precisen poderán informarse no correo electrónico [email protected] ou telefónicamente de luns a venres de 9 a 14 horas no número de teléfono 687 209 961.

Font acusa a Cores Turís de “mentir sen pudor” e pide a Feijóo “que free ao seu delegado que só busca a confrontación”

O deputado Carlos Font lamentou hoxe que o delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Cores Tourís, “minta sen pudor de ningún tipo cando acusa falsamente á Deputación de Pontevedra de ameazar con deixar de desinfectar os centros de saúde”. “Tourís minte, e faino con todo descaro, porque a Deputación está cumprindo a orde da Xunta de desinfectar os PAC dos concellos co persoal do Consorcio Anti Incendios. O único que solicitamos, sinalou, e que ao remate do Estado de Alarma, a Xunta elabore un Plan de Desinfección dos espazos públicos dos concellos galegos. É lóxico, previsor, o piden alcaldes e alcaldesas e, ademais, a saúde e a hixiene son competencias exclusivas da Xunta, como recolle a Constitución ou o Estatuto de Autonomía”

Font manifestou que, en calquera caso, “foi toda unha sorpresa esta orde da Xunta, porque ata o propio persoal sanitario non entende que o goberno galego non tivera un servizo propio para desinfectar os seus PAC e os seus centros de saúde. Concellos e Deputacións desinfectan os seus viarios, estradas e dependencias, dixo o deputado. Non parece moi normal que a Xunta non dispuxera dun sistema para facelo coas súas”.

Carlos Font pediu, “e fágoo encarecidamente a quen máis parece un voceiro que un dirixente político, que se dedique a traballar para dar resposta ás necesidades de tantas persoas que o están pasando mal, en vez de destinar os seus esforzos a confrontar”. O deputado, que pediu directamente a Feijoo “que pare os reiterados intentos de Tourís de atacar á Deputación de Pontevedra, tamén advertiu ao delegado que “perda as súas esperanzas porque non nos van a encontrar, non imos entrar nos seus debates estériles. Non é o que precisa a xente, nin tampouco temos tempo que perder nesas guerras. Queda claro, engadiu, que non aprenderon nada”.

Font lembrou que fai un mes que a Deputación espera algunha resposta da Xunta ás reiteradas peticións de manter reunións para colaborar e planificar unha resposta coordinada das administracións. “Seguimos esperando, xamais nos convocaron, e non entendemos como a Xunta non quere diálogo nin traballo conxunto cando é precisamente o que a cidadanía espera da política”. O deputado rematou dicindo que “nós cumprimos coas nosas competencias, pedimos a Xunta o faga coas súas”

Redondela dota ás e aos escolares que o precisen de dispositivos de conexión a internet para que poidan seguir as clases non presenciais

0

Os nenos e nenas que non teñan conexión a internet nos seus domicilios poderán seguir as clases non presenciais grazas aos router que vén de adquirir o Concello de Redondela que tamén asumirá, ata o remate do curso escolar, a tarifa de conexión a internet destes dispositivos.

Con esta iniciativa, a Concellería de Educación, que xestiona Olga García Ballesteros, da un paso máis na colaboración cos centros escolares á hora de permitir que ningún alumno ou alumna do municipio, quede relegado á hora de poder seguir as clases non presenciais.

A entrega dos dispositivos, ao igual que a das tarefas escolares impresas, faise en coordinación cos titores e titoras do alumnado “xa que son os que coñecen, mellor que ninguén, a realidade de cada un dos seus alumnos e alumnas”, explica a concelleira redondelá.

Porén, Olga García lamentou que a Consellería de Educación, “en lugar de aunar esforzos” e facilitar a tarefa que desenvolve o Concello como administración máis próxima á cidadanía, “puxo dende o comezo toda clase de impedimentos, incluso para poder achegarlle as tarefas escolares impresas aos nenos e nenas que o necesitaban alegando temas de ‘protección de datos’”.

A maiores, a Concellería de Educación do Concello de Redondela colaborou na distribución dos ordenadores que posúen os centros escolares “ao alumnado que non dispón de ordenador na súa casa” media á que agora engádese a de dotar aos nenos e nenas que o precisen, “de dispositivos que lles permitan conectarse á rede para que poidan seguir as clases de xeito non presencial”.

Pola súa banda, a alcaldesa Digna Rivas reafirmouse en que “o Goberno local está e estará sempre alí onde a súa veciñanza o precise” e lembrou as iniciativas que dende o primeiro momento se desenvolveron “en estreita colaboración e coordinación cos centros escolares” para que os nenos e nenas, independentemente do seu lugar de residencia, puideran continuar os seus estudos “coa maior normalidade posible dentro das estrañas circunstancias que nos toca vivir”.

Dende o inicio da crise sanitaria e o conseguinte estado de alarma, o concello de Redondela adoptou diversas medidas encamiñadas a protexer a saúde da cidadanía traballando na desinfección de lugares especialmente sensibles, entregando mascaras cirúrxicas homologadas ás farmacias para a súa distribución entre a poboación de risco e mercando 50.000 unidades de máscaras cirúrxicas para distribuír entre a cidadanía para que, no momento en que sexa posible, poidan saír á rúa.

Preocupación en COGAMI ante o impacto do COVID-19 no emprego de persoas con discapacidade

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, COGAMI, amosou hoxe a súa preocupación pola forma en que se vai recuperar a economía tralo COVID-19 e como lle vai a afectar ás persoas con discapacidade. Se na pasada crise, lembra a Asociación, “aumentou nun 25 % a taxa de desemprego nas persoas con discapacidade, témese que estes datos negativos volvan repercutir novamente nun colectivo xa de por si castigado polas baixas taxas de emprego que acada”.

A situación que actualmente viven as empresas está incidindo directamente na área de emprego de COGAMI. No período comprendido entre o 16 de marzo e o 29 de abril, o Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) reflicte unha caída do 81 % na xestión de ofertas de emprego que lle chegan dende as empresas e unha baixada do 24 % das persoas inseridas con respecto ao ano anterior.

COGAMI pídelle á Administración “agora máis que nunca” que aposte pola reserva de contratos destinados a persoas con discapacidade por lei, que continúe coas axudas para a adaptación dos postos e a eliminación de barreiras nos centros de traballo, e que faga un seguimento daquelas empresas que, con 50 ou máis persoas contratadas, non realicen a reserva de emprego a persoas con discapacidade, executando as medidas necesarias para garantir o cumprimento da lei. Así mesmo, afirma COGAMI, “cómpre un firme compromiso por parte da Administración coa economía social mediante a adopción de medidas para paliar as consecuencias desta situación e favorecer a recuperación dos centros especiais de emprego tanto a curto como a medio prazo”.

Persoas traballadoras do centro especial de emprego Coregal

As cifras de emprego oficiais demostran que queda camiño por percorrer cara á integración laboral plena dentro do colectivo das persoas con discapacidade. Os últimos datos evidencian a necesidade de dedicar maiores esforzos a promover a igualdade en materia de emprego: Galicia, cunha taxa de actividade do 29,9 % nas persoas con discapacidade –47,1 puntos por debaixo respecto ás persoas sen discapacidade– sitúase na cuarta posición pola cola en España, seguida de Andalucía, Asturias e Canarias.

A persoa con discapacidade ten que loitar contra os estereotipos que existen sobre a súa persoa, unhas falsas crenzas que implican connotacións negativas asociadas a falsos testemuños como que as persoas con discapacidade non son capaces, que están enfermas, que son dependentes ou que non son produtivas. “Traballamos –afirma COGAMI– para eliminar estas falsas crenzas e sensibilizar e informar ao empresariado sobre a oferta de emprego a persoas con discapacidade”. Para isto a entidade conta cun equipo formado por 40 orientadores laborais e axentes de emprego que se encargan de orientar e intermediar entre persoas con discapacidade que queren atopar emprego e empresas que buscan perfís para cubrir postos de traballo.

Campaña 12 Chaves da Inclusión

No Día Internacional das Persoas Traballadoras, COGAMI dedica o mes de maio ao emprego durante a campaña ’12 Chaves da Inclusión’, lanzada este ano polo seu 30 Aniversario.

Aínda que se mellorou co paso do tempo, o mercado laboral actual “segue a non ser inclusivo para as persoas que teñen discapacidade”, explica a Asociación engadindo que este colectivo, hoxe en día, “conta cunha taxa de paro superior en 10 puntos con respecto ás persoas que non teñen discapacidade”. Lamenta COGAMI que a estas alturas, “aínda sexan moitas as empresas que poñen en valor a inclusión laboral, queda camiño por percorrer. Dende as entidades sociais que representan a persoas con discapacidade, realizan accións de sensibilización e información orientada ao empresariado”.

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) continúa falando de dereitos durante a campaña 12 Chaves da Inclusión que se estenderá ao longo deste ano. O mes de maio estará dedicado ao Emprego, mecanismo que permite a normalización, a integración plena dentro da sociedade e vivir en igualdade de condicións.

En palabras do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, “para unha persoa con discapacidade o traballo é máis que un dereito, supón unha oportunidade encamiñada a unha vida digna e estable, fomentando a súa participación na sociedade, a mellora da autonomía persoal e combater a discriminación pola falta de oportunidades en igualdade de condicións”.

Co fin de conmemorar os trinta anos de traxectoria, COGAMI lanza a campaña 12 Chaves da Inclusión para concienciar e sensibilizar sobre os dereitos básicos e fundamentais de todas as persoas.

Esta campaña consiste na difusión de 12 pezas audiovisuais, unha por mes, que se difundirán en redes sociais co hashtag #30AniversarioCOGAMI. Cada peza refírese a un dereito: a primeira delas foi a educación inclusiva; febreiro centrouse na autonomía persoal; marzo nos dereitos das mulleres e nenas con discapacidade; abril saúde e este mes de maio dedícase ao emprego. As vindeiras desenvolveranse: xuño a economía social; xullo á accesibilidade; agosto a voluntariado; setembro a turismo, lecer e deporte; outubro a movemento asociativo; novembro a infancia e xuventude e decembro a dereitos.

Este é o primeiro vídeo dedicaco á chave de emprego

A web do Concello de Tui pon en marcha a ‘Oficina COVID’ de asesoramento a Pemes, autónomos e persoas traballadoras

0

O Concello de Tui pon en marcha no día de hoxe a Oficina COVID a través da web municipal tui.gal. Trátase dun servizo específico de información e consultas relacionado coa actual situación derivada do estado de alarma polo COVID-19 dirixido a PEMES, autónomos e persoas traballadoras. Esta é unha medida acordada por unanimidade polos grupos municipais da corporación tudense.

Pódese acceder á oficina a través dos enlaces en tui.gal ou directamente no enderezo oficinacovid.tui.gal. Na web ofrécese información sobre axudas e subvencións, guías e recursos, normativa, información oficial, e preguntas frecuentes. Na páxina principal está accesible un formulario para realizar as consultas. Tamén se pode contactar a través do teléfono 664 552 493 e do correo [email protected].

Expertos en distintos ámbitos resolverán as dúbidas e responderán ás consultas sobre axudas de carácter fiscal, laboral e económico.

No apartado “Axudas e subvencións” recóllese información para PEME, autónomos e persoas traballadoras coma os préstamos avalados, as moratorias no pago de alugueres comerciais, impostos, cotizacións á Seguridade Social, a interrupción dos prazos para a devolución dos produtos, ou a ampliación de prazos administrativos entre outros.

Recursos formativos, guías de boas prácticas e de recomendacións para o desenvolvemento da actividade comercial remota están accesibles no apartado “Guías e recursos”.

En “Normativa” recompílanse as medidas posta en marcha polo goberno central e o goberno autonómico para paliar os efectos da actual crise sanitaria e económica no tecido empresarial local.

Mentres en Información Oficial accédese a toda a información e novas xeradas no Concello dende a declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo.

Por último no apartado preguntas frecuentes iranse incorporando as cuestións que a cidadanía vaia plantexando ao servizo de asesoramento e que poidan resultar de interese para outras persoas ou entidades con problemática similares.

Carlos Gómez cualifica de “irresponsables” as declaracións realizadas polo presidente de ACEBA

0

As manifestacións realizadas onte polo presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), nas que, entre outras cousas, acusaba ao alcalde de Baiona, Carlos Gómez, de “desaparecer na toma de decisións” e ao Goberno local de “estar desaparecido na toma de decisións”, foi hoxe contestado polo rexedor baiones que cualificou esas afirmacións de “irresponsables” e “desleais” ademáis de manter un discurso “claramente político representando a unha forza política que non conseguiu presenza no Pleno do noso Concello, ou tal vez si”.

Carlos Gómez, lembrou que nas reunións mantidas tanto con ACEBA, coma con OVALMI, Cofradía de pescadores, xerente do Sycted, Parador de Baiona, e algún dos empresarios non asociados, etc., o Concello adquiriu “un compromiso de apoio total” ás empresas e autónomos de Baiona, “ademais de con toda a sociedade baionesa”.

Na reunión con ACEBA, o alcalde explicou o calendario programado polo grupo de Goberno “que se desenvolverá desde outubro ata febreiro e que constará de diferentes actividades lúdicas, culturais, deportivas, etc. durante todas as fins de semana deste período”. Tamén se lle comentou ós asistentes, subliña Carlos Gómez, “que este xoves están convocados os partidos da oposición para partícipes nas próximas decisións a tomar” ao considerar o alcalde de Baiona que “as diferenzas ideolóxicas, nestes momento tan difíciles, quedan aparcadas, mantendo o máximo de respecto e lealdade a tódolos veciños”.

Por todo isto, o Gómez non entende “a deslealdade” amosada polo presidente de Aceba nas declaracións realizadas na antedita nota de prensa “mantendo un discurso claramente político, representando a unha forza política que non conseguiu presencia no pleno do noso concello, ou tal vez si”. O alcalde de Baiona afirma que un presidente “dunha asociación tan importante para Baiona como é ACEBA, cunha longa historia traballando para os empresarios baioneses, non pode entrar nun conflito político simplemente por un interese ideolóxico, deixando coa súa actitude de representar incluso a gran parte dos seus asociados”. Neste punto, o rexedor local quere agradecer “tódalas chamadas recibidas de emprendedores baioneses, tanto asociados de ACEBA como os que non os son, dando o seu apoio ao grupo de Goberno”.

Carlos Gómez deixou ben claro que mentres goberne o PSOE en Baiona “non haberá persoas de primeira e de segunda categoría”. “Non existirá un trato preferente para uns, –asegurou o alcalde de Baiona– traballamos para resolver tanto os problemas dos emprendedores, coma os de tódalas veciñas e veciños, chámese como se chame”.

“O presidente de ACEBA fixo referencia a que outros concellos tomaron encomiables e simples iniciativas que non resolven as dificultades actuais, aínda que si axudan”, asegurou Carlos Gómez, “obviando todas as decisións tomadas polo concello de Baiona nesta mesma liña”.

Puxo como exemplo a paralización e modificación de taxas dende o inicio do estado de emerxencia, ou o compromiso de non cobrar as terrazas este verán aos locais de hostalería. Estas medidas, insiste o rexedor baionés, “trasladáronse aos representantes de ACEBA, xunto co estudo económico que se está a realizar para desenvolver outras medidas extraordinarias, pensado incluso na derrogación dalgunha taxa. Tendo en conta que Baiona, igual que tódolos concellos, está limitada pola Lei de Facenda Local”.

Carlos Gómez indica que “non son só tempos de supervivencia se non que son momentos de solidariedade, cooperación, colaboración e, sobre todo, lealdade”. Recalca o alcalde de Baiona que “son tempos de iniciativas non soamente públicas, tamén privadas, algo que xa en conversas anteriores quedaba claro e que, polo visto, o presidente de ACEBA non entende”.

Por outra parte, o Orzamento que estaba preparado polo grupo de Goberno estase a modificar “para adaptalo á esta nova situación que estamos a vivir, e faranse públicos na maior brevidade posible, como é costume neste Goberno, que nin se esconde nin está atrincheirado”.

Remata Carlos Gómez considerando as declaracións do presidente de ACEBA “irresponsables e incompetentes” e, ainda así, engade “por responsabilidade e principios este grupo de Goberno tende a man non só a ACEBA, se non tamén a todas as asociación e á veciñanza de Baiona, para traballar dende a lealdade e compromiso e minimizar ou paliar as consecuencias do Covid-19”.

“Colaborando todos xuntos é a única maneira, ao noso entender, de saír desta situación”, conclúe o alcalde de Baiona.

Peixe fresco, patacas, leite e ovos doadas por empresas para as familias máis vulnerables de Nigrán

0

O Concello de Nigrán realizou hoxe o seu reparto máis solidario de alimentos para paliar os efectos socioeconómicos do Covid-19 en 76 familias do municipio, xa que nesta ocasión o 100% dos produtos achegados foron regalados para este fin. Así, ‘Sal y Laurel’, empresa de Nigrán adicada á venda online a domicilio de peixe e marisco, doou 80 kg de cabala fresca; a asociación de pataqueiros de Xinzo de Limia fixo chegar onte sen ningún custe 800 kg de patacas; huevos ‘El Rancho’ entregou novamente gratis 920 ovos e, o colexio de Priegue Ángel de la Guarda, regalou 2.160 briks de leite pequenos. Todo foi achegado esta mañá aos domicilios polo equipo municipal adicado á axuda a persoas en situación de vulnerabilidade ou especial illamento ante o Covid-19, servizo formado por todo o goberno local.

[su_image_carousel source=”media: 14643,14642,14646,14647,14648,14645″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

“As mostras de solidariedade son infinitas e sería imposible nomear a todas as persoas e empresas que teñen colaborado. Estamos moi orgullosos do comportamento do texido social e empresarial de Nigrán nesta grave crise sanitaria e que, desgrazadamente, conleva tamén unha grave crise económica para moitas familias que están desde hai xa más de un mes sen ingresos”, subliña o alcalde, Juan González, quen incide en que o número de unidades que precisan de alimentos ascendeu de 21 antes da pandemia a 76 na actualidade. “Esto supón unha revolución tamén no banco de alimentos municipal, non significa só que entreguemos a domicilio, se non que se incorporan produtos frescos aos non perecedoiros para subministrar así compras completas e evitar que se despracen. Nunca antes se achegara peixe fresco, por exemplo”.

Desde o inicio destas achegas as empresas locais de ovos El Rancho ou J.A.Blanco Patacas colaboraron sempre regalando os seus produtos. E se unha clienta anónima entregaba a través do Froiz unha compra por valor de 500 € o mes pasado, neste tempo xa se teñen recibido máis. Paralelamente, antes carnicerías como Óscar de Panxón facilitaron lombo de porco ou polo a prezo de custe, sen obter eles ningún rendemento económico a cambio.

Areeiro aconsella renovar a protección das viñas con funxicidas ante o desenvolvemento do mildio

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro da Deputación de Pontevedra, ven de lanzar un novo aviso fitosanitario no que advirte que a climatoloxía deste mes está sendo moi favorable para o desenvolvemento do mildio e pode desencadear contaminacións nas viñas de xeito continuado, feito ao que se une a limitación para facer os tratamentos nos momentos previstos debido ás precipitacións, vento ou outros factores. Por esta razón e ante a previsión de novas precipitacións, que reducen o período de protección teórico dos produtos empregados, así como de temperaturas moi elevadas, Areeiro recomenda renovar a protección das viñas (salvo aquelas persoas viticultoras que o teñan feito na última semana) con funxicidas que, se é posible, teñan acción preventiva, curativa e antiesporulante, así como utilizar un mollante para mellorar a adherencia e a distribución do caldo na planta.

Ademais das viñas da rede que se están a visitar neste estado de alarma, o persoal de Areeiro tamén incluíu esta semana outras atopadas no seu percorrido, nas que constatou a presenza dos síntomas do mildio (en todas as viñas había algún novo) pero diferente en canto á súa incidencia. Neste senso, algunhas viñas apenas tiñan un par de manchas novas sen síntomas en acio, mentres que outras estaban relativamente afectadas, con plantas con varias manchas novas con frutificación, zonas de avance nos síntomas antigos e xa síntomas en acio. Tamén se observaron viñas abandonadas, de variedades pouco sensibles, con presenza de síntomas, o que non sucedería se as condicións non foran especialmente favorables á enfermidade.

Na súa recomendación, a EFA recomenda ás persoas viticultoras que nas xornadas seguintes á aplicación do tratamento revisen as viñas, en especial se o fixeron con algo de vento, con humidade nas follas ou se choveu ao pouco de finalizada. En todos os casos aconsella extremar a vixilancia.

Algunhas viñas teñen plantas bastante afectadas

Doutra banda, o aviso referiuse tamén a outras enfermidades das viñas, como o oídio, do que Areeiro sinala que non se observaron síntomas nas fincas visitadas a pesar de non ter dado ningún tratamento, ou o black-rot, do que tampouco se apreciaron cambios na intensidade dos síntomas. Aínda así, a Estación Fitopatolóxica recomenda manter a vixilancia e, se se renova o tratamento fronte ao mildio e hai historial de problemas de black rot, se aplique unha materia activa con efecto tamén fronte a este outro fungo.

No que atinxe á botrite, a EFA non observou síntomas, e tamén as lesións nas plantas provocadas polo pedrazo de primeiros de mes ou polos ventos que hai en ocasións apareceron libres da frutificación do fungo. Neste caso aconsella igualmente manter a vixilancia debido ás previsións de humidade alta e temperaturas moderadas, que son favorables ao fungo.

Por último, ademais de haber capturas de couzas do acio (aínda que sen importancia), continúa a haber presenza de erinose nalgunhas viñas, pero Areeiro destaca que a climatoloxía non resulta favorable ao desenvolvemento destes animais.

O aviso fitosanitario advirte tamén sobre enfermidades doutros cultivos. Así, apunta que a climatoloxía tan húmida destes días pode propiciar a aparición de bacterioses no caso do kiwi, e por iso a vixilancia nesta época de prefloración debe ser constante para manter as plantas protexidas, cando menos naquelas parcelas onde a enfermidade estivera presente en anos anteriores.

Na maceira, nesta semana detectáronse as primeiras manchas de moteado. Por esta razón, Areeiro recomenda renovar en canto se poida os tratamentos, pois a meteoroloxía prevista seguirá a ser favorable, salvo que se teña aplicado recentemente un funxicida sistémico ou un penetrante.

No caso das froiteiras de óso, continúan a aparecer síntomas de diversos fungos patóxenos tamén nestas árbores, ou a agravarse no caso de que xa os houbera, polo que tamén se recomenda manter as plantas protexidas .

Doutra banda, no que atinxe ao buxo, o aviso apunta que non é momento de risco para a praga da Cydalima perspectalis, pero que aínda quedan algunhas eirugas (poucas) en plantas de zonas máis abrigadas.

O aviso da Estación Fitopatolóxica alerta así mesmo que no caso de cultivos como os pequenos froitos, o kiwi, amorodo, froiteiras de óso ou figueira, a mosca Drosophila suzukii pode danar as froitas destas plantas, polo que é conveniente ter instaladas trampas de captura para reducir a presenza de adultos e evitar que poñan ovos nas froitas nos casos nos que se estean a formar. Estas trampas poden adquirirse ou ben fabricarse con botellas de plástico (serven as de auga de 1,5 ou 2 litros) ás que se deben realizar orificios de ao redor de 5 mm nos laterais para verter vinagre de mazá. Son non selectivas, polo que capturarán máis insectos.

Hai que lembrar que mentres permaneza o estado de alarma decretado polo COVID-19, a EFA reduce os percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de seguimento habitual, que está formada polas parcelas de seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outras fincas visitadas e os datos aportados por técnicos e viticultores. Areeiro destaca que, aínda así, é convinte confirmar a situación particular de cada finca, recomendación que cobra máis importancia nestes momentos.

A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará na Guarda o venres 8 e sábado 9 de maio

0

Os vindeiros venres 8 e sábado 9 de maio, a unidade móbil do Centro de Transfución de Galicia estará na Guarda, na rúa Rosalía de Castro (a carón do Centro Cultural), para recoller as doazóns precisas para atender as necesidades dos nosos hospitais.

A recollida de doazóns será o venres 8 en horario de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 21:00 horas e o sábado 9 de maio de 10:00 h a 15:00 h.

O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.

Todas as persoas que desexan doar sangue deberán chamar ao teléfono gratuíto 900 100 828. O sistema de CITA PREVIA reforza os protocolos de seguridade nas unidades móbiles e locais de doazón e tentar garantir unha afluencia axeitada e ordeada para cubrir as necesidades de sangue dos hospitais galegos.

A Deputación ofrece “un gran pacto” na provincia para coordinar coas administracións competentes o camiño da ‘desescalada’

Na primeira reunión telemática cos alcaldes e alcaldesas da provincia dos concellos de menos de 20.000 habitantes, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ofreceu “un gran pacto na provincia coas administracións competentes para poder das resposta ás fases da desescalada, sumando sinerxías, a fin de que as entidades locais fagan o que mellor saber facer: atender a súas veciñanzas”.

A presidenta provincial, acompañada do Vicepresidente César Mosquera, comunicou aos 46 alcaldes e alcaldesas que participaron no encontro virtual, que se dirixirá á Xunta de Galicia e ao Estado, a través da Delegación do Goberno, para traballar de forma colaborativa, cada administración coas súas competencias, para tomar decisións que sumen. “Non se trata de ver quen corre máis, trátase de acertar”, dixo Silva. “Sería un erro gravísimo que cada un de nós tome as súas medidas, o seu plan, polo que fago un chamamento a que sumemos, e a traballar de forma coordinada. É unha obriga, engadiu, porque a xente non perdoaría que non colaboremos. Nunca é hora de confrontar pero agora menos. Non ter esa mirada –dixo– é non entender nada”. Silva tamén avanzou que cre necesario que o presidente da Xunta convoque ás Deputacións. “É fundamental que nos coordinemos. Que teñamos unha folla de ruta clara, atendendo ás competencias de cada administración, e sumando esforzos cara á cidadanía”.

Carmela Silva: “Non se trata de ver quen corre máis, trátase de acertar”

Nesa liña de traballo, a presidenta da Deputación comunicou aos concellos que o goberno provincial estuda a posibilidade de reorientar o orzamento e modificar o Plan Concellos. “Trataríase, sinalou, de ter recursos para as novas necesidades, polo que estamos a avaliar poder destinalos a aquelo que a crise esixa”. Silva avanzou que formulará estas propostas á oposición para buscar o consenso e, do mesmo xeito, comunicou a súa intención de volver a convocar aos concellos xa de forma comarcal. A presidenta fixo un recoñecemento aos gobernos e oposicións de todos os concellos: “síntome moi orgullosa, de todos e todas, estades a facer un traballo excepcional”.

Pola súa banda, o vicepresidente, César Mosquera, apelou á cautela e a solidariedade nas actuacións das administracións e sumouse ás palabras da presidenta para facer un recoñecemento ao PP “que está a ser un exemplo de como se colabora para saír adiante nunha situación como esta”. En relación ás medidas impulsadas, Mosquera destacou que se basearon no principio de prudencia, “porque non se sabe o que vai pasar, se as administracións locais imos ter menos recursos que hoxe ou máis”. Neste eido e en relación aos recursos aportados, o vicepresidente destacou que “rascamos todo o que puidemos rascar pero sen comprometer a capacidade de reacción dentro duns meses, porque igual vén outra oleada ou a actividade económica non remonta”.

Na reunión, Silva detallou a situación de desenvolvemento das liñas de axudas, medidas, e programas destinados aos concellos que a Deputación activou ao fío da crise o que supuxo ata o momento poñer a disposición dos municipios preto de 30 millóns de euros. A presidenta confirmou que os 52 concellos de menos de 20.000 habitantes acolléronse á liña de axudas extraordinarias polo Covid, ás axudas de emerxencia e ao adianto do Plan de Servizos Comunitarios Básicos e SAF, cun importe total de máis de 4 millóns de euros. Igualmente, a Deputación segue a tramitar as peticións dos concellos do anticipo do Fondo de Liquidez de ORAL, dotado con 21 millóns, ou as modificacións da Liña 2 do Plan Concellos para poder destinar eses cartos aos gastos ocasionados pola pandemia. Á vez, a institución adiantou as subvencións aos municipios e segue a tramitar as obras solicitadas. Tamén se falou da prórroga do Plan DepoRemse que supón 31 proxectos financiados nos concellos, e dos prazos do Plan de Reequilibrio, “xa que temos que mover a economía porque a obra pública ten que ser unha das saídas desta crise”. A presidenta agradeceu o esforzo dos concellos para adaptarse a realidade telemática, xa que son máis de 44 municipios os que están a celebrar as súas sesións colexiadas coa plataforma gratuíta da Deputación.

Cara á necesaria reactivación do Turismo, Silva informou do estudo de impacto encargado pola Deputación que será a folla de ruta para o Plan de Recuperación na provincia, e da elaboración do novo Plan Estratéxico. A presidenta informou aos alcaldes e alcaldesas que “de forma inmediata poremos en marcha a formación para o persoal das oficinas de turismo cara aos novos protocolos de funcionamento para a súa apertura”. De igual forma, emprazou a reunións conxuntas aos concellos que teñen festas de interese turístico, e a aqueles con emprazamentos dos festivais de cine e dos Rías Baixas Fest, “para traballar conxuntamente no camiño xa acordado coas promotoras y empresas organizadoras para reorientar os eventos”.

A promoción convértese tamén nunha das áreas de traballo colaborativo na liña marcada pola Deputación con campañas como ‘Viaxa mañá‘ ou #21Days21Destinations. Silva anunciou ademais que se dirixirá ao Conselleiro de Turismo para manter unha xuntanza “que sume esforzos e dinámicas de traballo”. Tamén informou aos concellos das dúas novas iniciativas que se porán en marcha: unha campaña de apoio ao produto de proximidade para potenciar o consumo local coa gastronomía como fío condutor; e unha segunda orientada á dinamización do comercio local de forma diferenciada por comarcas, amais da inminente posta en marcha da aceleradora de comercio.

A aposta polas persoas máis vulnerables coas medidas do reforzo da teleasistencia, o adianto das axudas sociais, foi outro dos temas tratados, así como ás orientadas aos sectores produtivos. A axilización dos pagos para inxectar liquidez e as actuacións de Smartpeme cunha ducia de iniciativas e plans de continxencia destinados a persoas autónomas, emprendedoras e pemes son liñas da Deputación, así como o adianto das axudas á pesca e ao sector agrogandeiro no que se traballa en novas medidas de apoio. Igualmente anunciouse a activación dun novo programa de asesoramento personalizado ás empresas, a fin de facilitarlles toda a información de axudas, ERTES e medidas do estado para que teñan acceso, capacidade e facilidade a estes recursos.

Pola súa banda, as alcaldesas e alcaldes que participaron coincidiron na necesidade de axilizar os procedementos e de ter ferramentas para evitar a burocracia excesiva e de adaptación á nova realidade, amais de concordar na esixencia de sumar sinerxías e traballar de forma coordinada. Igualmente, solicitan cambios na Lei de Contratación e nas normas de Facenda para facilitar a actuación dos concellos, e instan á Xunta a facilitar axudas directas a sectores como a hostalería e o comercio, así como ao Estado a opción de poder utilizar remanentes e superávit. Por outro lado, piden á Consellería de Sanidade que lles remita, dentro da confidencialidade, os datos sanitarios en cada concello para poder tomar decisións, e cara ao turismo e impulsar o rural como espazo de oportunidade.

Nigrán e Ovalmi editan unha guía de 28 establecementos para promover a compra no comercio local para o ‘Día da Nai’

0

O Concello de Nigrán continúa coa sua campaña para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza apostando nesta ocasión, xunto a Asociación de Comerciantes Ovalmi, pola compra de agasallos para o Día da Nai no comercio local. Como xa fixera o Concello ao inicio do confinamento elaborando unha cartelería específica de tendas de alimentación de barrio abertas e logo coas panadarías para promover a compra de roscas na Pascua, agora recompila 28 tendas que permanecen abertas e tamén pechadas pero que, de cara a este domingo, realizan envíos e recollen pedidos.

“Esta é unha campaña que, como as anteriores, busca concienciar á veciñanza da importancia de mercar localmente para garantir a supervivencia dos negocios que, precisamente, dan vida ás nosas rúas. Son os nosos veciños e, agora máis que nunca, hai que apostar por eles”, subliña o alcalde, Juan González.

En total, participan 28 tendas de accesorios, decoración, moda feminina, flores e plantas, estética e hixiene persoal, tecnoloxía ou mobiliario, unha óptica e mesmo un prestidixitador (Mago Rey Midas) que ofrece unha videochamada para realizar un show de maxia en directo. Moitas delas permanecen pechadas porque así o obriga a lei, pero teñen dispoñible o teléfono para recibir e enviar pedidos, realizar vales para consumir a posteriori, ou mesmo dispoñen de web para mercar. Para elaborar esta guía, no que se informa en cada caso da fórmula para mercar, o Concello invitou previamente a todos os establecementos a inscribirse previamente para participar (aviso en redes e en prensa).

“Cada un de nos ten a posibilidade de axudar ao pequeno comercio, queremos as rúas cheas de vida cando todo isto pase e para iso temos que apostar por eles agora. Son unha opción segura, próxima ao noso domicilio, están abastecidos e non se forman aglomeracións e, sobre todo, son os nosos veciños e nos recibirán cun sorriso”, sinala o alcalde, Juan González.

Argumentos da campaña

“Porque xuntos venceremos esta crise. Porque somos veciños. Porque cando todo isto pase seguiremos mantendo con vida as rúas. Porque axudas ás persoas emprendedoras a manter a boia os seus negocios. Porque a riqueza se queda no pobo. Porque aínda que agora o tape a mascarilla sempre temos un sorriso de agradecemento. Porque ti nos importas… :)”.

Estes son algúns dos motivos que o Concello ofrece nesta campaña para mercar no comercio de proximidade.

Arbo intensifica a campaña de desinfección coa axuda dun camión atomizador

0

O Concello de Arbo vén de contratar unha empresa especializada para que, coa axuda cun camión atomizador, proceda á desinfección de todas as zonas do municipio. Con esta iniciativa o Concello que preside Horacio Gil quere dar continuidade ao traballo iniciado antes do estao de alarma e ao que suma novas medidas preventivas.

Dende o pasado día 12 de marzo Arbo tamén incluidu dentro dese plan a desinfección nas vias públicas, zonas comuns, entradas de supermercados, farmacias… Este plan de desinfección, que comezou coa colaboración das adegas de Arbo, foron sumandose pequenos viticultores viticultores de Arbo, que puxeron a disposición do Concello a súa maquinaria.

O Camión comezaba o seu traballo de desinfección esta mesma tarde para, dende a Rúa Antonia Tovar, dirixirse ás estradas, prazas, parques e xardíns de todo o municipio.

[su_image_carousel source=”media: 14603,14601,14600,14599″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Ademáis, na tarde do domingo día 19 de abril e a do venres 24, pequenos agricultores de Arbo, coa súa maquinaria e voluntarios, coordinados polo alcalde do Concello de Arbo e os concelleiros da parroquias, volvían desinfectar todos os recunchos deste municipio.

Do mesmo xeito, continúase coas actuacións municipais nas proximidades de farmacias, comercios, supermercados centro de saúde, plazoletas e mobiliario urbano, ao tratarse de espazos de alto tránsito. Tamén se están hixienizando en profundidade as instalacións municipais e os contenedores do lixo.

“Estase facendo un gran esforzo humano e económico dende o Concello de Arbo, ao igual que que o fan os veciños e veciñas, uns desinfectando, outros e outras cosendo e os demais permanecendo nas súas casas”, explica o alcalde do Concello Horacio Gil.

Vila Nova de Cerveira cancela os seus eventos até finais de xullo

O Concello de Vila Nova de Cerveira decidiu, na súa reunión deste mércores, cancelar até o 31 de xullo, toda a programación cultural e outras actividades municipais organizadas co apoio do municipio, así como anular a realización da edición 2020 dos Orzamentos Participativos Xeral e Mozo.

Estas medidas forman parte do Plan de Continxencia Municipal e de Distrito fronte aos riscos do COVID-19, tendo en consideración as indicacións da Organización Mundial da Saúde e as recomendacións das autoridades de saúde de Portugal, no sentido evitar aglomeracións de persoas e promover o distanciamento social, incluso despois da finalización do estado de emerxencia nacional.

Neste sentido, explica a Câmara Municipal, todos os eventos previstos até ao día 31 de xullo quedan sen efecto. En canto á Bienal Internacional de Arte de Cerveira, “considerado a imaxe de marca do municipio”, cuxa data de apertura da XXI edición estaba prevista para 10 de xullo, foi adiada para o día 1 de agosto prolongándose até 31 de decembro, nun formato dobre, isto é, presencial (logo que as condicións epidemiológicas o permitan), pero priorizando a visita virtual a través da creación dunha plataforma dixital.

Doutra banda e considerando que a esencia do proceso de calquera Orzamento Participativo “é incentivar e incluír a poboación na promoción dunha cidadanía activa”, a edición 2020 do OP Xeral e OP Mozo tamén queda cancelada xa que, a pesar da vertente dixital asociada, “o traballos sobre o terreo carece de dinámicas sociais de participación pública continuas, sendo un dos principais obxectivos dos OP’s”.

Mos reforza a limpeza e desinfección nas zonas rurais ante a inminente saída da veciñanza para facer deporte

0

O Concello de Mos inicia o reforzo da limpeza, desbroce e desinfección de zonas rurais, zonas verdes e áreas de lecer de cara ao permiso individual dunha hora por adulto para saír a facer deporte a partir do sábado 2 de maio.

Co inicio do estado de alarma pola crise do COVID-19, o Concello, a través da empresa concesionaria do contrato de servizos de limpeza, persoal municipal e membros do Servizo Municipal de Emerxencias e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos, iniciou un programa de desinfección diaria exhaustiva en todas as zonas urbanas do Concello divididas en tres áreas de actuación según prioridade: área 1, área 2 e área 3. A

demais de todas as fontes, lavadoiros, marquesinas, colectores de lixo e exteriores de locais abertos desenvolvendo actividades de primeira necesidade como residencias de maiores, Escravas da Virxe Da Virxe Dolorosa, farmacias, establecementos comerciais de alimentación, panaderías, quioscos, estancos… etc. Ademais de todo o persoal arriba enumerado, esta semana, desde o luns 27 de abril, incorporáronse tamén á realización destas tarefas 8 traballadores/as operarios/as de limpeza, que antes se dedicaban a limpar en centros educativos do Concello de Mos que agora se atopan pechados.

[su_image_carousel source=”media: 14618,14617,14616,14614,14613,14612,14611″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Durante todo este tempo as zonas rurais continuaron a ser limpadas pero cunha frecuencia inferior ao non poder a veciñanza saír da casa e tratarse naquel momento de espazos pouco frecuentados polas persoas (véxase beirarrúas de núcleos rurais, áreas de lecer e esparcemento en zonas rurais… etc.). Agora, e ante o inminente permiso do Goberno Central de que cada veciño/a adulto/a poida saír, a partir do sábado 2 de maio, 1 hora diaria para facer deporte ao aire libre; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, ven de anunciar a intensificación da limpeza e desinfección das zonas que a partir desa data comezarán a ser frecuentadas por persoas e que ata o de agora, e desde o inicio do estado de alarma, permaneceron desertas.

Trátase de todas as beirarrúas de estradas e camiños rurais, zonas verdes, áreas e espazos de lecer e esparcemento, etc. Lugares que ata o de agora permaneceron en segundo plano no que a limpeza, desbroce e desinfección se refire, por non poder ser frecuentados pola veciñanza.

Por suposto as zonas urbanas do Concello continuarán coa mesma desinfección reforzada que se ven facendo desde o mes de marzo. As zonas prioritarias de desinfección urbana son: a zona 1 que cubre a parroquia de Sanguiñeda nos lugares de As Angustias, Avenida de Sanguiñeda, Farmacia e contorna dos supermercados; a zona 2 que cubre as parroquias de Tameiga e Pereiras. En Tameiga realízase nos lugares de San Eleuterio, Avenida de Puxeiros, e contorna do Rebullón e do Centro de Saúde. E en Pereiras realízase na urbanización de San Rafael. E a zona 3 que inclúe: a farmacia da parroquia de Pereiras, a farmacia e o contorno do Pazo de Mos na parroquia de Mos, a zona de Peinador que abrangue as parroquias de Torroso e Guizán e As Pozas en Petelos.

A limpeza e desinfección nas zonas urbanas realízase con varios equipos de alta presión (cisterna de 5.000 litros autopropulsada, vehículo específico lava beirarrúas e hidrolimpadora AP) dotada de produtos desinfectantes de uso específico. Nos lugares de especial sensibilidade lévase a cabo unha desinfección moito máis detallada co emprego de equipos individuais dotados de bombas manuais e con hipoclorito sódico nunha dilución máxima do 5%. Préstase especial atención nas zonas de acción prioritaria a todos aqueles elementos que poidan ser usados de forma habitual polos cidadáns: pasamáns, bancos, escaleiras, marquesinas, papeleiras e contedores. En canto á limpeza e desinfección de contedores concéntranse as actuacións nas zonas de alta prioridade incluíndo a súa desinfección exterior con axentes clorados para diminuír os riscos de contacto con tapas e outros elementos.

Os Concellos do AECT Río Miño apostan pola apertura de novos pasos fronteirizos

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño, dirixido polo deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, reuniuse hoxe cos dirixentes do territorio miñoto para analizar conxuntamente o impacto socioeconómico que a pandemia do Covid-19 está a ter nesta rexión. A reunión, que se desenvolveu de xeito telemático e gozou dunha grande participación e interese, contou ademais coa asistencia da presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen amosou a súa preocupación ante as circunstancias actuais e ofreceuse a trasladar a mensaxe do AECT Rio Minho e das alcaldías ante os estamentos necesarios.

A reunión forma parte do estudo encargado polo AECT Rio Minho e a Deputación de Pontevedra para obter un primeiro diagnóstico da actual situación á que se enfronta o territorio. As conclusións deste traballo trasladaranse esta mesma semana aos gobernos e ministerios pertinentes de ambos estados para que sexan estudadas e se poidan aplicar as decisións máis axeitadas, explicou o director do AECT Uxío Benítez.

Apertura de novos pasos fronteirizos

Unha das principais ideas sobre a mesa, e na que a totalidade dos gobernantes coincidiu, foi a necesidade de apertura de novos pasos fronteirizos como “unha medida de alivio” para as economías locais e sobre todo para “os e as traballadores transfronteirizos que cada día deben trasladarse a quilómetros de distancia para acudir aos seus postos de traballo”.

Segundo apuntou o director do AECT Uxío Benítez, neste momento, a única fronteira aberta no territorio é a da ponte de Tui–Valença, un tramo que agora mesmo “concentra preto do 49% do total da mobilidade entre España e Portuga”, sendo con diferencia o máis transitado do total de 9 pasos habilitados entre os dous estados.

Ata el teñen que trasladarse obrigatoriamente as traballadoras e traballadores transfronteirizos dunha e outra beira do río, algúns asumido “distancias de máis de 60 km entre a ida e volta para poder chegar ata polígonos ou empresas que de outro xeito quedaban a escasa distancia dos seus domicilios”, segundo explicou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Esta situación, que ademais afecta a unha poboación “cun nivel económico medio baixo, está provocando que algunhas persoas incluso se viran obrigadas a abandonar os seus postos de traballo polo incremento nun custes de desprazamento que se fan inasumibles fronte a uns soldos baixos que ás veces non superan os 600 €”, aclarou González, un argumento no que redundou a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, quen ademais propuxo como solución inmediata “unha apertura parcial, por exemplo, en varias franxas horarias”.

A pesar do acordo na necesidade de abrir novos pasos transfronteirizos, todos os e as gobernantes asumiron tamén que esta medida débese tomar baixo “os máis estrictos medios de control e seguridade, os mesmos que xa hai no paso de Tui – Valença que eviten unha volta atrás ou novos confinamentos”, segundo apuntou o presidente da câmara de Melgaço, Manoel Batista. “Non se trata de abrir as fronteiras para que circule calquera persoa”, explicou Benítez, senón de ofrecer “unha mellora” para aquelas persoas que “máis están a sufrir o dobre golpe da pandemia por atoparse na fronteira e nun territorio fortemente interrelacionado”.

“Debemos asumir que, infelizmente esta crise pódese prolongar no tempo polo que a seguridade sanitaria é imprescidible, advertiu o rexidor de Monçao, Antonio Barbosa.

Coordinación nas medidas de desescalada

Outro dos puntos en común na reunión foi a necesidade de coordinación entre o goberno luso e o español durante as medidas de desescalada. Uxío Benítez lamentou que “un ritmo diferente de desescalada poida provocar friccións nun territorio no que a dependencia económica ente ambas marxes do río é moi forte”. Unha idea tamén defendida polo alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, quen tamén apuntaba á necesidade de abrir vías, a medio prazo, para facilitar os desprazamentos ata o aeroporto Sá Carneiro de Porto, entre outros.

Esta dependencia é facilmente palpable nalgunhas vilas, como a de Valença, onde o 90 % do comercio do municipio está dirixido á poboación galega, segundo achegou o presidente da câmara de Valença, Manoel Lopes. Un caso similar é o de Cerveira, onde a economía local depende en grande parte das feiras e mercadiños, segundo apuntou o presidente da câmara e vicedirector do AECT Rio Minho, Fernando Nogueira, consciente de que a “loxística non é facil”. Xunto coa saúde a economía debe ser o segundo que se atenda, advertiu o presidente de Paredes de Coura, Vitor Pereira, pensando no medio prazo e nunha estratexia conxunta.

Outra das preocupacións máis repetidas ao longo da xuntanza por parte dos alcaldes e alcaldesas do territorio foi a de que o peche de fronteiras non se prolongase máis alá da suspensión dos estados de emerxencia e alarma de España e Portugal algo que podería incrementar aínda máis as secuelas da pandemia neste territorio tan interdependente polo que se fai necesaria unha estratexia conxunta. Neste senso a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernandez, fixo fincapé na “importancia que as relacións de proximidade van ter a partir de agora, non só a relevancia que van ter as administracións locais, senón o noso entorno máis próximo como espazo para relacionarnos”.

A este respecto, Xosé Manuel Rodríguez, rexidor de As Neves, sinalou a necesidade de realizar un estudo conxunto da economía e da hostalaría no territorio transfronteirizo e de como se verá afectado e propuxo estudar a posibilidade de regular a pesca e a súa venda xa que a pandemia afectou fortemente a este sector en máxima temporada de lamprea.

Zona Franca desenvolve unha plataforma web de apoio a emprendedores do sector mariño-marítimo da Eurorrexión

Como unha das principais accións a desenvolver pola Zona Franca dentro do Proxecto Sherpa do Mar, no día de onte o Delegado asinou o contrato coa empresa Ilunion Tecnoloxía e Accesibilidade S.A, do grupo ONCE, para o desenvolvemento dunha plataforma Web, denominada i-Sherpa, que dará apoio ao proxecto europeo para a mellora tecnolóxica do sector mariño-marítimo da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Como explicou David Regades, o obxectivo fundamental deste proxecto é que se cren novas empresas que, en base ás sinerxias tecnolóxico-científicas existentes, sexan capaces de xerar emprego con especial atención ao colectivo novo da nosa sociedade.
A plataforma web i‐ Sherpa será a principal ferramenta operativa do proxecto Sherpa do Mar e o seu obxectivo é facilitar o traballo dos mentores, emprendedores/ as e empresas implicadas neste proxecto transfronteirizo deseñado para mellorar a competitividade dos sectores vinculados ao mar da nosa eurorrexión. A plataforma i- Sherpa establecerá unha listaxe de cuestionarios de desempeño e cálculo de indicadores en base ao que se poderá establecer un plan de acción así como monitorar a evolución deste proxecto que vai poñer en marcha unha nova rede transfronteiriza que cre e consolide novas actividades empresariais intensivas en coñecemento no ámbito mariño-marítimo.
Ademais desas funcións, e a modo de catálogo de ideas de negocio de acceso público, i- Sherpa servirá tamén de soporte para a publicación de información sobre os proxectos de emprendemento que vaian xurdindo por mor desta inciativa. Adicionalmente, ofrecerá un espazo que servirá de punto de encontro entre ofertantes e demandantes de coñecemento no sector mariño-marítimo da Eurorrexión.
Prevese, se as circunstancias actuais permíteno, que esta plataforma estea operativa antes do verán para que, canto antes, chéguese á creación de empresas na contorna mariña.
O proxecto Sherpa do Mar
Sherpa do Mar é un dos tres proxectos da convocatoria POCTEP 2019, cofinanciado nun 75% polo FEDER, nos que a Universidade de Vigo é o principal beneficiario e no que Zona Franca participa como un dos nove socios cunha achega que roldará os douscentos mil euros. O proxecto ten como obxectivo crear e revitalizar unha plataforma eurorregional en Galicia e o norte de Portugal para a promoción da competitividade no sector marítimo a través da promoción de empresas de base tecnolóxica con alto valor engadido.
O proxecto está liderado polo grupo REDE da Universidade de Vigo e, xunto con este grupo de investigación, participan Campus do Mar e o Vicerreitorado de Investigación, o Consorcio Vigo Franca, a Axencia Galega para a Innovación ( GAIN), a Universidade de Santiago de Compostela e A Coruña pola parte galega e Asociación de Transferencia de Tecnoloxía de Asprela ( UPTEC), a Universidade de Inovación do Porto ( UPorto- UPIN), o Centro Interdisciplinario de Investigación Mariña e Ambiental ( CIIMAR) e o Foro da Asociación de Economía do Océano, polo lado portugués.

Os montes do Viso, incluídos no rexistro de proxectos de absorción de CO2 do Ministerio para a Transición Ecolóxica

0

O pasado 16 de abril, o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico procedeu á inscrición do proxecto de absorción de CO2 presentado pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Viso, no concello de Redondela, a finais do ano 2019, nunha nova aposta pola sustentabilidade medioambiental.

O proxecto presentado consiste en 4,55 hectáreas onde a comunidade xa procedeu a realización de labores de rexeneración da masa natural de piñeiro do país que fora destruída nos incendios do ano 2016. A medida que a masa vaia medrando, nos vindeiros 30 anos as árbores acumularán o dióxido de carbono da atmosfera, o que suporá un gran beneficio para a saúde medioambiental da comarca.

Ao inscribirse no rexistro, a comunidade do Viso ponse a disposición daquelas entidades, administracións ou empresas ofrecéndolles a posiblidade de mitigar o carbono que se desprenda das súas actividades habituais, compensándoas co apoio e desenvolvemento de arborado e a restauración de montes.

Unha vez a entidade calcula a pegada de carbono das súa actividades, poderá compensala a través do rexistro de absorcións do Ministerio, onde os montes do Viso inscribiron as súa primeiras 4,55 ha. Estas actividades pasarían tanto polas propias industriais, de transporte e loxística, construción pero tamén aquelas ligadas a outros eidos como podería ser eventos socio-culturais, iluminación viaria, sistemas de calefacción e climatización, vehículos propios de servizo, etc. ligadas á labor cotiá de moitas entidades e administracións públicas. Un oportunidade para ademais ser consecuente medioambientalmente e coa responsabilidade social corporativa de moitas entidades.

A comunidade subliña o feito que no período de 30 anos, a masa inscrita absorverá 1.416 toneladas de CO2 das que na actualidade pode xa poñer unhas 257 hectáreas a disposición de interesados, e así axudar coa xestión sostible do monte que está a desenvolver xa dende hai anos os comuneiros e comuneiras do Viso.

A Xunta Reitora da propiedade comunal adianta que, nos vindeiros anos e a medida que se vaian realizando novas labores de rexeneración das superficies danadas polos incendios do ano 2016, poderánse inscribir no rexistro ata unhas 40 hectáreas. Unha maneira de apostar “por novos servizos ecosistémicos e obter apoios económicas para poder desenvolver a inxente labor de mellora e posta en valor dos Monte do Viso”, sinala a comunidade de montes.

Salceda de Caselas fai un “positivo balance” da primeira saída de menores de 14 anos dende a declaración do estado de alarma

O Concello de Salceda vén de facer “un balance positivo” dos primeiros días de saída dos nenos e nenas menores de 14 anos aos espazos públicos que, salvo contadas excepcións, se realizou “cumprindo as normas e respectando as indicacións marcadas dende o Goberno”. As sendas fluviais e os espazos abertos como prazas ou parques foron os lugares elixidos en maior maneira para estas saídas, que ademais se están a realizar ao longo de todo o día, evitando deste xeito as aglomeracións que poidan producirse nas horas puntas.

A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, asegurou que a sociedade salcedense “está a ser exemplo unha vez máis de bo comportamento, e apelamos á súa responsabilidade para que así siga a ser nas vindeiras semanas”. Castiñeira non dubidou en afirmar que “traballando na mesma dirección conseguiremos vencer a este virus entre todos e todas”.

A alcaldesa trasladoulle á Policía Local a necesidade agora máis que nunca da súa labor informativa, pedíndolle que asesorasen ás familias naqueles casos en que puidesen estar a incumprir algunha das normas marcadas. A propia policía local deulle traslado á alcaldesa “dun balance positivo nestas primeiras saídas, salientando que, se ben sempre hai quen incumpre as normas, en xeral estas saídas estanse a realizar de xeito organizado e sen xerar maiores problemas”.

O balance da pandemia do coronavirus está a ser positivo en Salceda, con tan só 8 persoas con resultado positivo nestes momentos, todas elas recuperándose nos seus propios domicilios. Precisamente por ese resultado positivo inciden dende o comité de seguimento na grande importancia de cumprir coas medidas de distanciamento social establecidas, e no fundamental que está a resultar o bo comportamento da cidadanía na obtención destes bos resultados que se agarda que sigan na mesma liña.

O persoal do centro de saúde trasladou tamén a través do comité de seguimento “a enorme importancia de que Salceda siga na mesma liña de bo comportamento que permita manter estas cifras”.

O Equipo de Goberno de Redondela lamenta a negativa do Sergas a facilitar datos sobre a evolución do COVID-19 no municipio

0

O Equipo de Redondela amosou o seu rexeitamento á actitude da xerencia do SERGAS que, nun escrito remitido o pasado 24 de abril, negase a ofrecer os datos requiridos polo Goberno local sobre a situación sanitaria do municipio e as previsións de evolución da enfermidade. No seu escrito, o Servizo Galego de Saúde, asegura non poder ofrecer eses datos ao tratarse “de información clínica co máximo nivel de protección, sendo a protección de datos de carácter persoal un dereito fundamental da cidadanía”.

O Goberno de Redondela, que cualificou a resposta de “de ambigua e carente de toda lóxica” lémbralle ao SERGAS que o Concello, como administración pública, “coñece perfectamente o que é a ‘protección de datos de carácter persoal’ dado que mirámonos na necesidade de traballar, diariamente, con este tipo de información sensible”, sinala o Goberno local.

Ao mesmo tempo, lembra o Equipo de Goberno que o que se solicitaba “era unha visión da actual situación sanitaria do muncipio en relación co COVID-19, así como datos sobre as previsións de evolución da enfermidade”, en ningún caso pedíase, “unha listaxe detallada, con nome, apelidos e dirección, das persoas que padecen a enfermidade”. A ninguén no seu san xuízo, afirma o Executivo local, “se lle ocorrería pedir este tipo de datos”.

Non deixa de ser curioso, asegura o Concello de Redondela, que na mesma carta se negue esta información “necesaria para poder optimizar o noso traballo na preservación da saúde da cidadanía” e, ao mesmo tempo, se felicite aos concellos “pola preocupación e implicación para salvagardar o benestar dos seus veciños, así como por todas as actuacións de colaboración que están a desenvolver coa Consellería de Sanidade e o Sergas” colaboración que polo que asemella, sinala o Goberno local, “non é recíproca”.

Esa colaboración cos Concellos á que fai referencia o Sergas, explica o Goberno de Redondela, “queda en entredito cando ás administracións locais exclúesenos do sistema de compras habilitado pola Xunta de Galicia que queda dirixido “exclusivamente” a empresarios ou autónomos”.

Cómpre lembrar que o Concello de Redondela tiña solicitado á Xunta de Galicia o envío de 20.000 máscaras cirúrxicas homologadas para engadir ás 50.000 mercadas con fondos propios do Concello. No escrito no que se solicitaba dito material, –engade o Goberno que preside Digna Rivas– dicíase claramente que no caso de non poder envialo “indicásesenos onde poder compralo a prezo de custe segundo o antedito sistema de compras” e, insiste o Goberno local, que ese material solicitado “era para distribuír entre toda a poboación do municipio, empresarios e autónomos incluídos, polo que é un xeito un tanto particular de entender o concepto colaboración”.

Concello do Rosal e Deputación de Pontevedra traballan xuntos en proxectos de mellora do municipio

Concello do Rosal e Deputación de Pontevedra seguen a traballar xuntos en diferentes proxectos de mellora do municipio sen esquecer a situación actual que se está a vivir pero tamén coa vista posta no futuro e en cando remate o estado de alarma. Unha destas obras é a que se está a desenvolver na estrada provincial EP 3302, que se está a converter nun viario urbano municipal que mellora a mobilidade peonil da zona.

Estes traballos estanse a realizar ao abeiro do convenio asinado entre o Concello do Rosal e a Deputación de Pontevedra para a mellora dun tramo de aproximadamente 575 metros da estrada provincial EP 3302. Mediante este convenio, que conta cun orzamento de máis 142.000 euros, estase a acondicionar a estrada cunha senda peonil, beiravía entre a senda e a calzada, pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade.

[su_image_carousel source=”media: 14570,14568,14567″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Con todas estas medidas búscase delimitar a circulación do tráfico rodade e peonil e impulsar a seguridade viaria, dispoñendo de espazos seguros para os colectivos máis vulnerables. Neste sentido cabe mencionar o paso dado nos últimos días por parte da Deputación de Pontevedra para a transferencia dun dos tramos desta estrada, transferencia que permitirá ao Concello garantir de xeito óptimo o seu mantemento e control de ocupación do dominio público.

O Goberno municipal agradeceu “a disposición da institución provincial para seguir traballando xuntos en proxectos de mellora para a veciñanza e para o municipio”.

Nigrán e Ovalmi incentivan a compra de agasallos no comercio local de cara ao ‘Día da Nai’

O Concello de Nigrán continúa coa sua campaña para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza apostando nesta ocasión pola compra de agasallos de cara ao Día da Nai o domingo 3 de maio, tal e como antes fixera con éxito polo Domingo de Pascua e coas tendas de alimentación ao inicio da crise do Covid-19. Así, xunto á asociación de comerciantes OVALMI recompilará nunha guía para a veciñanza todas aquelas tendas abertas de Nigrán que teñen posibles agasallos (viveiros, pastelerías, droguerías…) e tamén aquelas que ofrecen os seus produtos ou servizos a través da compra online e posterior entrega a domicilio.

Os negocios interesados en figurar nesta guía que se distribuirá a través de redes sociais e cartelería deberán enviar antes do martes 28 de abril ás 12:00 horas un mail a [email protected] indicando os datos básicos (nome da túa tenda e dirección, tipo de artigo ou servizo, posibilidade de compra online ou se permanece aberta e facilidade ou non de entrega a domicilio). O mesmo martes pola tarde comezará a distribución da cartelería en redes sociais e establecementos de Nigrán.

“Sabemos que a maioría das tendas permanecen pechadas, pero queremos promover se ofrecen compra online ou posibilidade de vales para consumir cando a apertura estea autorizada”, indica o alcalde, Juan González. “Cada un de nos ten a posibilidade de axudar ao pequeno comercio, queremos as rúas cheas de vida cando todo isto pase e para iso temos que apostar por eles agora”.

Campaña

“Porque xuntos venceremos esta crise. Porque somos veciños. Porque cando todo isto pase seguiremos mantendo con vida as rúas. Porque axudas as persoas emprendedoras a manter a boia os seus negocios. Porque a riqueza se queda no pobo. Porque aínda que agora o tape a mascarilla sempre temos un sorriso de agradecemento. Porque ti nos importas… :)”. Estes son algúns dos motivos que o Concello ofrece nas súas diferentes campañas para mercar no comercio de proximidade.

#rebulindo (dende a casa), portal de recursos de entrenemento e coñecemento do Concello da Guarda

0

O Concello da Guarda inaugura un espazo web, integrado dentro da súa páxina web institucional na que se inclúen unha gran cantidade de recursos para o entretemento e a formación en distintos campos, dende a actividade física ata as propostas culturais, pasando polo descubrimento da nosa vila e como non, cun apartado adicado ós máis pequenos.

Este espazo nace coa idea de dar a coñecer á cidadanía diferentes recursos para aproveitar dende a casa e sobrelevar esta situación que aínda esperemos lle quede pouco, certo é que cada día faise mais longo. Non obstante a plataforma xurde coa idea de ir crecendo paulatinamente e poder incorporar suxerencias e propostas dos veciños e colectivos.

Para a súa posta en funcionamento contouse coa colaboración de artistas e profesionais guardeses, que cederon material para ser compartido polos veciños, buscando así unha ferramenta que sirva como zona de encontro e coa que os veciños se sintan identificados. Nos próximos días e semanas iranse aumentando os contidos.

A información está accesible dende a portada da web municipal www.aguarda.es

Rematan as obras da Avenida de Sabarís de Baiona realizadas ao abeiro do Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra

0

O Concello de Baiona vén de dar por rematadas as obras da Avenida de Sabarís, unha das entradas naturais ao municipio de Baiona, que se transforma nunha vía que se prioriza a seguridade viaria e a mobilidade peonil, dous dos principios básicos do plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra, a través do que se desenvolveu esta actuación.

A obra realizada pola empresa Marconsa cun investimento total de 251.242 euros (IVE incluído), está financiada pola Deputación nun 85 % correndo o restante 15 % a cargo do Concello de Baiona.

Os traballos transforman a Avenida de Sabarís nun espazo de mobilidade sustentable no que, a seguridade viaria e a mobilidade peonil, son dous elementos fundamentais. Nese sentido cómpre salientar que o plan DepoRemse da Deputación, busca diminuír a vulnerabilidade dos peóns a través de medidas que fagan máis segura a súa circulación.

A tal fin, adaptáronse os pasos peonís ás normativas en materia de accesibilidade, amais incorporar un novo paso de peóns para mellorar a mobilidade. De cara a dotar a estes pasos dunha maior seguridade, reforzouse o alumeado nos mesmos de cara a facelos máis visibles durante a noite ou en condicións de escasa visibilidade.

Doutra banda, procedeuse ao cambio de luminarias e lámpadas dos puntos de luz existentes por outras de tecnoloxía LED de maior rendemento e menor consumo, medida esta que mellora notablemente a eficiencia enerxética.

No que ao firme da avenida fai referencia, rehabilitouse na súa totalidade procedendo ao asfaltado de toda a rúa para, posteriormente, proceder á sinalización vertical e horizontal, corrixindo e ampliando sinais de cara a mellorar a seguridade viaria.

Finalmente, incorpóranse 5 marquesinas nas paradas de autobús existentes coa vista posta no fomento do uso do transporte público e procedeuse á substitución das plantas da mediana que quedou adobiada con tres especies diferentes que contribuirán ao embelecemento da entrada a Baiona.

A Deputación inxecta case medio millón de euros ás entidades sociais da provincia para reforzar a súa liquidez

Un total de 66 entidades sociais da provincia, que prestan un servizo imprescindible de apoio ás persoas e colectivos máis vulnerables, están a recibir estes días o pago das subvencións aprobadas pola Deputación de Pontevedra para o desenvolvemento de proxectos singulares e proxectos de intervención social. A medida supón unha inxección directa de liquidez de 470.000 euros nun momento no que os recursos para a atención das persoas en risco de exclusión social son máis necesarios que nunca.

O Comité do Covid19 da Deputación deu conta do estado de tramitación dos pagos, de xeito que 62 das asociacións e ONG beneficiarias destas axudas xa dispoñen das transferencias nas súas contas bancarias e as últimas catro están a cumprimentar os derradeiros pasos administrativos. A presidenta provincial, Carmela Silva, subliñou que a Deputación está a realizar estes libramentos, correspondentes á convocatoria de axudas do ano 2019, con moita antelación sobre o calendario previsto e todo elo a pesar de que os prazos administrativos están suspendidos trala declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo.

A Deputación é consciente de que as asociacións do terceiro sector realizan “un traballo moi valioso e as administracións públicas teñen que estar á altura proporcionándolles unhas axudas económicas que serven para que desenvolvan un traballo que mellora á nosa sociedade e, ademais, na medida das súas posibilidades e na atención aos seus colectivos específicos, poidan facer fronte aos efectos da pandemia causada pola Covid19”. Por outra banda, destacou que os servizos provinciais están a manter contactos coas asociacións para que presenten as memorias xustificativas de cara a aprobación dos proxectos que van ser subvencionados durante este ano 2020. Neste senso indicou que “nesta situación de crise sanitaria toca anticiparse e ser máis áxiles que nunca para apoiar a un tecido solidario, formado por persoas altruístas que dedican o seu tempo a axudar aos demais”

Os proxectos subvencionados ocúpanse de bancos de alimentos, da atención á infancia, servizo de intérpretes para persoas xordas, intermediación laboral de persoas con diversidade funcional, atención biopsicosocial de doentes oncolóxicos, emprego inclusivo, becas de alfabetización, formación ocupacional e agricultura ecolóxica para ex-toxicómanos, rehabilitación funcional de pacientes de alzheimer, prácticas non laborais para enfermos mentais, atención integral a persoas, intervención educativa con menores, estimulación da linguaxe oral en persoas con síndrome de Down, inserción sociolaboral, autonomía para a vida, mellora na atención das necesidades sanitarias de nenas e nenos con parálise cerebral, intervención terapéutica e sensibilización en dereitos humanos e xustiza social global.

Do conxuntos das entidades con implantación no territorio e con proxectos financiados por la Deputación se atopan, entre outras, Asociación Española contra o Cancro, Fundación Érguete-Integración, Radio ECCA, Asociación de loita contra a droga Alborada, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afasal), Saúde Mental Feafes, Asociación Érguete, (Cogami-Pontevedra), Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Doenzas (Afapo), Fundación Monte do Gozo (Proxecto Home Galicia), Asociación de Familiares con Alzheimer do Morrazo (Afamo), Asociación de Apoio á Infancia e a Mocidade (Arela), Asociación de Síndrome de Down (Down Pontevedra-Xuntos), Asociación Érguete Baixo Miño, Down Vigo, Asociación Amencer-Aspace, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias (Afaga), Asociación para Discapacitados ‘Esperanza Salnés’, Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (Apamp), Asociación de Xordos de Galicia (Xoga), Confederación Cogami e Fundación Unicef.

Tomiño comeza o reparto entre os comerciantes das primeiras 1.000 máscaras confeccionadas por costureiras voluntarias

0

A Agrupación de Protección Civil de Tomiño, comezou onte a repartir as primeiras 1.000 máscaras hixiénicas confeccionadas por unha rede de costureiras voluntarias da vila, en colaboración coa Asociación de Comerciantes (ADETO) e o Concello. En primeiro lugar, fíxose unha entrega nos establecementos comerciais abertos asociados, uns 15 locais de Tomiño e Goián.

A iniciativa ‘Tomiño Suma’, coma xa se informara, está a confeccionar máis de 4000 máscaras hixiénicas reutilizables que serán entregadas á poboación. A entrega farase en varios lotes, dándose prioridade a persoas maiores e persoas de risco, polo que dende a organización da iniciativa chámase á responsabilidade, pedindo á poboación que vaian recoller máscaras só as persoas que realmente as precisen e unha unidade por persoa.

A alcaldesa Sandra González, explica que se trata dun exemplo de colaboración local a través dun proceso en cadea: o Concello comprou o tecido homologado e Protección Civil o distribúe entre máis de 20 costureiras voluntarias que elaboran as máscaras. Tras a elaboración, limpadoras municipais desinfectan as máscaras con ozono e as empaquetan en bolsas individuais.

Por outra banda, Protección Civil continúa colaborando no reparto de alimentos de SOS Tomiño-Baixo Miño e na entrega de compras varias, en colaboración coa Concellería de Benestar Social, que dirixe Cristina Martínez; tarefas polas que a concelleira manifesta o seu agradecemento.

Ademais fan reparto dos cadernos de actividades de estimulación cognitiva elaborados pola Asociación de Párkinson Baixo Miño en 22 domicilios.

Novas axudas de emerxencia

O Departamento de Benestar Social vén de aprobar, por terceira vez consecutiva, novas axudas de emerxencia (por alimentos, aluguer, internet, etc.) para 9 familias constituídas por 22 persoas, e por importe de 1.340 euros). Asemade, aprobouse a prórroga de alimentos para 5 familias (19 persoas, 680 euros), sumando un total de 2.020 euros.

Deste xeito, dende que comezou o Estado de Alarma, o departamento de Benestar aprobou axudas de emerxencia por alimentos para un total de 34 familias, 112 usuarios e usuarias, por un importe de 5.800 euros.

Tui suspende todos os eventos públicos culturais e deportivos até o 30 de xuño

0

O Concello de Tui vén de anunciar a suspensión de todos os eventos públicos culturais e deportivos, organizados polo propio Concello, até o 30 de xuño. Do mesmo xeito continuarán pechadas as instalacións municipais de carácter cultural e deportivo, como a biblioteca, o teatro, a sala de exposicións, e os centros culturais municipais das parroquias, mentres non se dea unha situación favorable de acordo coas recomendacións das autoridades sanidades.

Así o expón o alcalde, Enrique Cabaleiro, nunha resolución na que se explica que ante a emerxencia sanitaria provocada polo virus COVID 19 e a prórroga do Estado de Alarma, cómpre seguir adoptando medidas de prevención e loita contra o COVID-19. Engade que ante a incertidumbre existente sobre a evolución da emerxencia sanitaria, e tendo en conta a antelación coa hai que organizar eventos culturais ou deportivos adóptase a decision destas actividades até o 30 de xuño.

A primeira Xunta de Goberno de Mos tras o estado de alarma aproba a contratación de 19 persoas

0

A primeira Xunta de Goberno Local tras a declaración do estado de alarma pola crise do COVID-19 celebrouse esta mañá por videoconferencia tomando un acordo de gran importancia dados os momentos actuais. Aprobouse a reestructuración da Liña 3 do Plan Concellos, pasando a destinar o importe íntegro concedido, á contratación de 19 persoas.

En principio estaba previsto destinar esta Liña 3 á contratación de 7 persoas e a realización dunha obra, sen embargo, e ante a incertidume económica, social e laboral que está a vivir o país en xeral e o municipio en particular, e que conta tamén cun pronóstico de futuro incerto neste senso, desde o Concello de Mos decidiuse centrar o Plan Concellos na contratación de persoal.

Polo tanto, desde o Concello de Mos determinouse desestimar a obra prevista pospoñéndoa, para aprobar a contratación de 12 persoas a maiores, sumando un total de 19. Deste xeito, a administración local mosense investirá un total de 221.042,70 euros  en contratar a 19 peóns e operarios para postos de diferentes tipos, durante un período de 6 meses e a xornada completa.

Neste senso a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, declaraba que “debido á situación que nestes intres estamos vivindo, desde o Concello dámoslle prioridade ao emprego e as obras poderán esperar. Creo que o pensar e o sentir dos mosenses coincidirá con este razoamento, e por iso, como alcaldesa póñome na súa pel e como equipo de goberno local poñémonos na súa pel, véxome e vémonos na obriga de actuar como a veciñanza mosense o faría”.

“A contratación destes 19 traballadores/as suporá unha vía económica e laboral para 19 familias que poidan estar sufrindo unha dura situación, incluso de necesidade, por mor desta actual crise do COVID-19”, asegurou a alcaldesa de Mos.

Ponteareas dará axudas directas a autónomos, comercios e empresas afectadas polo COVID-19

O Concello de Ponteareas, a través da concellarías de Facenda, Emprego e Promoción Económica, ven de crear unha liña extraordinaria de axudas, que se concederán de forma directa a autónomos, comerciantes e empresas. Estas axudas promovidas polo goberno BNG-PSOE incorporan gran parte das propostas realizadas por ACiP, logo dunha reunión de portavoces da Corporación celebrada a pasada semana.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, cualificou como “construtivas e realistas” as propostas do seu portavoz, Juan Carlos González Carrera, e valorou positivamente a súa atitude para buscar o consenso e o acordo. “É o momento de estar a altura da grave situación pola que estamos a pasar e de estar coa veciñanza, cos comerciantes, autónomos e empresarios para enfrontar xuntos a recuperación social e económica”, manifestou Represas.

O obxectivo destas axudas é promover a actividade económica en Ponteareas, cun apoio inmediato que minimice o impacto da crise económica provocada polo Covid-19. “Queremos que unha vez rematado o estado de alarma se reactive a economía do concello o antes posible e para iso é fundamental apoiar directamente as persoas e empresas máis afectadas”, sinalou a concelleira de Promoción Económica, a nacionalista Eva Gil.

Poderán beneficiarse destas axudas calquera traballador por conta propia ou empresa, que tivera que pechar ou vira reducido o seu volume de negocio en máis do 40%. “Os primeiros recibirán 500 euros e os segundos 300 euros”, segundo informou a concelleira de Emprego, a socialista Vanesa Fernández.

O goberno local do BNG-PSOE pretende resolver as solicitudes semanalmente e contan xa cunha partida orzamentaria de 50.000 euros que se incrementará o necesario para atender todas as peticións.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, cuantificou en varios centos de miles de euros as modificacións a introducir no presuposto deste ano para atender ás familias que máis o necesitan con axudas de emerxencia social e para financiar o plan de axudas para o comercio local e todas as actividades afectadas pola crise sanitaria”.

O goberno anuncia que o prazo de presentación de solicitudes se abrirá a vindeira semana, unha vez publicadas as axudas no BOP, e se estenderá até trinta días despois da finalización do estado de alarma. As axudas deberanse solicitar a través da sede electrónica do Concello e serán compatibeis con calquera outra estatal ou autonómica. A súa tramitación será doada e áxil para que os afectados podan recibir nun prazo breve as axudas.

Ademais, o Concello asesorará telefónicamente a comerciantes, autónomos e empresarios na xestión das solicitudes cun servizo que se porá en marcha e anunciará antes da apertura do prazo de presentación de solicitudes.

Represas salientou que, “malia non termos competencias e recursos en materia de traballo, o concello fai un grande esforzo dentro das súas posibilidades para apoiar aos principais sectores económicos de Ponteareas”.

Protección Civil e persoas voluntarias de Baiona reparten máscaras de protección a poboación máis vulnerable

0

Protección Civil do Val Miñor e persoas voluntarias de Baiona, –entre as que estaban as concelleiras de Servizos Sociais, Concepción Vara, e Deportes e Cultura, Miriam Costas– comezaron hoxe a distribuír máscaras de protección ao sector de poboación máis vulnerable e polo tanto, de maior risco ao COVID-19, como poden ser as persoas maiores de 65 anos.

As máscaras que se están a repartir, foron elaboradas por voluntarios e voluntarias do municipio para, posteriormente, pasar un proceso de esterilización que permita a súa utilización con todas as garantías.

Carlos Gómez, alcalde de Baiona, asegurou “estar máis que orgulloso” do comportamento da veciñanza nesta crise do COVID-19. “Non só orgulloso dos que cumpren estritamente as normas de confinamento, ás veces nada fáciles de seguir, senón de todos e todas os que, como no reparto destas máscaras de protección, colaboran co Goberno local axudando aos seus veciños e veciñas”. Estes comportamento, asegurou o rexedor local, “amosan unha enorme capacidade solidaria e extraordinarias doses de humanidade”.

O rexedor local quixo tamén enviar un especial agradecemento “a eses veciños e veciñas anónimos que, sen pedir nada a cambio e sen dubidar nin un momento, traballan arreo confeccionando máscaras para que os sectores de maior risco, síntanse máis protexidos”. “Con todos eles e elas terá Baiona, unha débeda de gratitude permanente”, concluíu Carlos Gómez.

O Consorcio Contra Incendios e Salvamento da Deputación súmase ás tarefas de desinfección na provincia

A Deputación de Pontevedra segue a dar pasos na loita contra a pandemia da COVID-19 na provincia. Neste caso, a partir de hoxe mesmo o Consorcio provincial de Pontevedra para a prestación do servizo contra incendios e salvamento incorpórase ás tarefas de desinfección nos concellos da provincia de máis de 5.000 habitantes. Concretamente, a través deste servizo adscrito á Deputación, e mediante unha nova unidade de desinfección constituída por persoal e vehículos dos parques, vanse desinfectar ao longo desta semana os exteriores dos Puntos de Atención Continuada (PAC) e Centros de saúde de ata 17 concellos de Pontevedra.

Máis polo miúdo, as tarefas de limpeza que comezaron hoxe a cargo do Consorcio provincial realizaranse nos concellos de Bueu (Centro de Saúde de Bueu), Caldas (Centro de Saúde de Caldas), Cambados (Centro de Saúde de Cambados), Cerdedo-Cotobade (Centro de Saúde de Tenorio), O Grove (Centro de Saúde do Grove), Marín (Centro de Saúde de Marín), Meaño (Centro de Saúde de Meaño), Moaña (Centro de Saúde de Domaio), Poio (Centro de Saúde de Anafáns), Ponte Caldelas (Centro de saúde de Ponte Caldelas), O Porriño (PAC Porriño e Centro de Saúde de Porriño), Sanxenxo (Centro de Saúde de Baltar e Centro de Saúde de Dena), Soutomaior (Centro de Saúde de Arcade), Tomiño (Centro de Saúde de Tomiño), Vilaboa (Centro de Saúde de Vilaboa), Vilagarcía (Centro de Saúde San Roque) e Vilanova de Arousa (Centro de Saúde de Vilanova de Arousa).

Xunto a esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra está a desinfectar periodicamente o Centro Príncipe Felipe e os accesos ao Pazo Provincial e Edificio Administrativo, ao que se une a guía, elaborada por persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, con recomendacións aos concellos para a limpeza e desinfección cara a combater a pandemia. Na guía, entre outras cuestións, desaconséllase todo tipo de varrido en seco, especialmente o soprado, e recoméndase a utilización de derivados do amoníaco e deterxentes adecuados para a limpeza e baldeo, así como de lixivia, diluída na proporción correcta, para a desinfección. Tamén se suxire a utilización de equipos completos de protección para o persoal que realice os traballos específicos de desinfección de espazos ou elementos públicos.

Tui amplía en 600 metros cadrados a superficie da Protectora de Animais Aloia

0

O Concello de Tui vén de ampliar en 600 metros cadrados o espazo do que dispón a Protectora de Animais Aloia. En concreto véñense de rematar as obras que permiten incrementar a superficie de patio da que poderán gozar os máis de cen cans que coidan.

[su_image_carousel source=”media: 14524,14522,14521,14520″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A execución do proxecto comezou en 2016 cando se realizou a limpeza de vehículos inutilizados que había traseira das naves municipais. O ano pasado, ao abeiro do Plan Concellos 2017, construíuse un muro de contención. Agora veñende rematarse as instalacións coa colocación dun peche metálico e co recheo do terreo.

Nestes momentos nos que a Protectora de Animais Aloia non pode realizar os paseos dominicais cos cans agradecerán esta espazo para poder realizar paseos diarios dentro das instalacións.

Policía Local de Redondela, Protección Civil e persoal municipal inician o reparto de máscaras cirúrxicas entre a cidadanía

0

Policía Local, Protección Civil e persoal municipal do Concello de Redondela comezaron as labores de reparto de máscaras cirúrxicas homologadas entre as veciñas e veciños do municipio. A entrega destes elementos de protección faise a domicilio para evitar que a cidadanía teña que facer desprazamentos dada a vixencia do estado de alerta, o que contribúe a súa seguridade amais de supoñer unha maior comodidade.

A distribución de máscaras homologadas comezou na parroquia do Viso, para seguir nestes días en Soutoxuste ata cubrir a totalidade de núcleos parroquiais do municipio.

Cómpre lembrar que o Concello de Redondela adquiriu con fondos propios 50.000 unidades de máscaras cirúrxicas de protección homologadas, compra que non foi doada e para a que foron precisas longas xestións dados o limitado stock das empresas subministradoras deste tipo de material.

Trátase, sinalou a alcaldesa Digna Rivas, “de poñer todos os medios ao noso alcance para salvagardar a saúde dos nosos veciños e veciñas” e lembrou que na distribución deste material “ninguén quedará atrás”.

A alcaldesa redondelá subliñou o feito de ter comezado o reparto “con tempo suficiente para que, unha vez rematado o estado de alarma, todas as veciñas e veciños teñan máscaras de protección para poder saír á rúa nas condicións que marquen as recomendacións do Goberno da nación”.

En todo caso, o Concello de Redondela lembra que, para as veciñas e veciños considerados pola súa saúde “persoas de risco” xa foron repartidas máscaras de protección, doadas polo Concello, a través das distintas farmacias do municipio.

Saída de menores

Doutra banda, dende o pasado 26 de abril, permítese a saída dos nenos e nenas de ata 13 anos, inclusive, durante un tempo e distancia determinadas –1 hora diaria e a unha distancia máxima de 1 quilómetro do seu domicilio– e sempre acompañados dunha persoa adulta.

A Policía Local de Redondela chamou a atención sobre o feito de que no municipio, se ben non se deu fa falta de responsabilidade que si se mirou noutros lugares “tampouco servimos de exemplo”, aseguran.

Concello e Policía Local fan un chamamento á responsabilidade dos maiores “para non tirar pola borda todo o traballo feito ata o de agora” e lembran que “está nas nosas mans avanzar ou retroceder”.

Ao mesmo tempo adiantan que, xa a partir desta semana, as e os axentes da Policía Local incrementarán o control das zonas naturais e paseos autorizados “para vixiar polo cumprimento das condicións establecidas para o paseo dos menores”.

Protección Civil colabora co Concello do Rosal atendendo ás necesidades derivadas da crise sanitaria do COVID-19

0

Dende o inicio do estado de alarma hai xa 45 días, un equipo coordinado de voluntarios e voluntarias de Protección Civil está traballando man a man co Concello do Rosal para poder atender todas as necesidades que van xurdindo con motivo da crise sanitaria e das medidas e protocolos de prevención do COVID-19, tanto para axudar no día a día á veciñanza para facerlle máis levadío a corentena como para dar resposta as emerxencias sociais, que aumentaron de xeito significativo co confinamento. Todas as actuacións que levan a cabo están sendo coordinadas dende Servizos Sociais, que dende o inicio da emerxencia sanitaria está a traballar ao máximo rendemento para dar resposta rápida a unha das áreas de maior importancia nestes intres tan complicados.

Deste xeito, dende hai mes e medio os oito voluntarios e voluntarias que actualmente conforman o servizo de Protección Civil percorren cada dous días os barrios informando aos veciños e veciñas das medidas a tomar durante este estado de alarma e pedíndolles que sexan responsables, pero tamén atendendo ás necesidades que lles poidan xurdir a rosaleiros e rosaleiras durante estes días.

Estes voluntarios e voluntarias colaboran tamén co Concello para cubrir as necesidades básicas de persoas maiores que viven ou están soas e encárganse do reparto de alimentos no Rosal que organiza a asociación SOS Tomiño cada 15 días, unha tarefa que antes do estado de alarma facía persoal voluntario da ONG. Ademais, colaboran no reparto semanal dos cadernos de estimulación para reforzar a memoria que a Asociación Párkinson Baixo Miño elabora para persoas que padezan esta doenza ou con diferentes centros escolares para poder levar material educativo aos rapaces e rapazas.

Trátase dun equipo que actualmente conta con 8 persoas en activo que actúan de forma totalmente altruísta e con todas as medidas de seguridade necesarias para poder atender todas as necesidades xurdidas estes días sen ningún tipo de risco nin para eles mesmos nin para a poboación. Todas as persoas interesadas en facerse voluntarias poden poñerse en contacto con Protección Civil a través do correo [email protected].

O Goberno municipal agradeceu “o labor que están a desenvolver os voluntarios e voluntarias de Protección Civil dende o inicio do estado de alarma”, así como a todas aquelas asociacións e organizacións “que traballan arreo e se ofrecen a colaborar co Concello para dar resposta a todas as necesidades que están xurdindo nos últimos tempos”.

O programa de asesoramento tecnolóxico da Deputación, SmartPeme, pon en marcha outros sete obradoiros online

Ante a situación derivada polo COVID-19, a Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, o seu programa de asesoramento tecnolóxico, oferta esta semana sete novas accións formativas impartidas de xeito online. Debido ao suspenso das actividades formativas presenciais, se está a desenvolver unha carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións formativas, que contan con 10 prazas cada un, versan sobre xestión de redes sociais ou blogues, ferramentas para a mellora da web, ciberseguridade, copywritting, ferramentas para empresas turísticas, promoción das empresas ou técnicas de marketing.

Deste xeito, hoxe luns 27 de abril tiña lugar “Promociona o teu negocio con Google My Business”, con Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Barcelona, e “Optimización de imaxes: mellora a velocidade da túa web”, con Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico como profesora. Pola súa banda, mañá martes, Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, impartirá “Como vender en Vinted”.

En canto ao mércores 29 de abril terán lugar dous novos obradoiros, “Como vender os teus produtos nun marketplace”, impartido por María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, e “Como mellorar a reputación online do teu establecemento turístico”, por Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas pola Universidade da Coruña.

Por último, o xoves 30 de abril impartirase o obradoiro “Vende os teus produtos en Facebook e Instagram“, con Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, e “Intelixencia artificial: que é e como funciona“, impartido por Manuel Freire, experto universitario en Robótica.