19.4 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosA primeira Xunta de Goberno de Mos tras o estado de alarma...

    A primeira Xunta de Goberno de Mos tras o estado de alarma aproba a contratación de 19 persoas

    A primeira Xunta de Goberno Local tras a declaración do estado de alarma pola crise do COVID-19 celebrouse esta mañá por videoconferencia tomando un acordo de gran importancia dados os momentos actuais. Aprobouse a reestructuración da Liña 3 do Plan Concellos, pasando a destinar o importe íntegro concedido, á contratación de 19 persoas.

    En principio estaba previsto destinar esta Liña 3 á contratación de 7 persoas e a realización dunha obra, sen embargo, e ante a incertidume económica, social e laboral que está a vivir o país en xeral e o municipio en particular, e que conta tamén cun pronóstico de futuro incerto neste senso, desde o Concello de Mos decidiuse centrar o Plan Concellos na contratación de persoal.

    Polo tanto, desde o Concello de Mos determinouse desestimar a obra prevista pospoñéndoa, para aprobar a contratación de 12 persoas a maiores, sumando un total de 19. Deste xeito, a administración local mosense investirá un total de 221.042,70 euros  en contratar a 19 peóns e operarios para postos de diferentes tipos, durante un período de 6 meses e a xornada completa.

    Neste senso a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, declaraba que “debido á situación que nestes intres estamos vivindo, desde o Concello dámoslle prioridade ao emprego e as obras poderán esperar. Creo que o pensar e o sentir dos mosenses coincidirá con este razoamento, e por iso, como alcaldesa póñome na súa pel e como equipo de goberno local poñémonos na súa pel, véxome e vémonos na obriga de actuar como a veciñanza mosense o faría”.

    “A contratación destes 19 traballadores/as suporá unha vía económica e laboral para 19 familias que poidan estar sufrindo unha dura situación, incluso de necesidade, por mor desta actual crise do COVID-19”, asegurou a alcaldesa de Mos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.