9 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas reafirmase no seu apoio ás familias máis vulnerables dotando de máis...

    Ponteareas reafirmase no seu apoio ás familias máis vulnerables dotando de máis medios á área de Benestar Social

    O Concello ampliou o persoal na residencia de maiores e incorpora unha nova traballadora social mentres que o Centro de Reparto de Alimentos xa distribuíu máis de 9.000 quilos de alimentos non perecedoiros durante o estado de alarma

    O Concello de Ponteareas reforzou os Servizos Sociais municipais para atender a quen máis o necesita como consecuencia da crise sanitaria provocada polo COVID-19. A concelleira de Benestar Social, a nacionalista Verónica Carrera, explicou que o Centro de Reparto de Alimentos municipal xa repartíu máis de 9.000 quilos de alimentos non perecedoiros entre as familias vulnerabeis. O reparto de alimentos faise durante todo o ano pero agora a demanda que atende o Concello incrementouse en máis do 50 %.

    Carrera fixo fincapé na modificación da normativa de concesión de axudas de emerxencia social “para poder atender novas situacións de necesidade provocadas pola crise sanitaria”. Con ditas axudas o Concello atende necesidades das familias como gastos de aluguer de vivenda, de luz, calefacción, previa valoración polas traballadoras sociais de cada caso.

    Ademais, a responsable de Servizos Sociais deu conta da convocatoria dun proceso de selección para contratar unha nova traballadora social. Deste xeito, afirmou Verónica Carrera, “o Goberno local adiántase ao previsíbel incremento de solicitudes de axudas nos vindeiros meses e reforza o cadro de traballadoras sociais, que pasará de tres a catro”. Doutra banda, o Goberno que preside Xosé Represas, reforzou o cadro de persoal da residencia de maiores coa contratación de dúas auxiliares de clínica e unha conserxe que se suman ao cadro habitual.

    A concelleira nacionalista foi clara ao sinalar que “desde o Concello a nosa prioridade é atender a quén máis o necesita nesta grave situación e para iso estamos facendo todos os esforzos necesarios. Con estas medidas pretendemos garantir que ninguén quede desasistido”. Carrera salientou tamén que “todos estes esforzos estanse facendo con recursos económicos propios do Concello”.

    Finalmente, Verónica Carrera fixo un recoñecemento especial “ao labor que está a realizar todo o persoal dos servizos sociais coas persoas vulnerabeis e da residencia cos maiores dando unha atención imprescindíbel neste intre crítico”.

    Atención telefónica ou vía email

    Nestas semanas, e como medida de contención do COVID-19, a atención non é presencial, senón vía correo electrónico ts@ponteareas.gal, tsocial@ponteareas.gal ou traballadorasocial@ponteareas.gal e telefónicamente no 986 641 747. Os trámites presentaranse telemáticamente ou vía whatsapp ao 687 209 960 ou 687 035 523 (documentación requirida) situación que se manterá ata novo aviso, tendo en conta as condicións sanitarias e as decisións que tomen tanto o goberno do Estado como a Xunta de Galicia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.