Xoves, 13 Novembro de 2025

Unha persoa falecida e dúas feridas nunha colisión múltiple en Mos

0

Unha persoa faleceu e dúas resultaron feridas ao verse implicadas nunha colisión frontal entre tres vehículos, no termo municipal de Mos.

No momento de colidir, os vehículos circulaban pola N-550, á altura do punto quilométrico 148, en Louredo.

Nada mais ter constancia do accidente, sobre as 14:30 horas de onte xoves 3 de setembro, a través da chamada dun particular, o 112 Galicia pasou aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Así mesmo, informou aos Bombeiros do Porriño, aos axentes de Tráfico, da Policía Local e aos efectivos do Servizo de Emerxencias da localidade.

Así, tras chegar ao punto, os axentes  confirmaron que unha das persoas falecera e que outras dúas resultaran feridas, unha delas de consideración.

Foi precisa, ademais, a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargou da limpeza do combustible dos vehículos que quedou derramado pola vía debido ao impacto.

Redondela mantén aberta a convocatoria para a concesión de axudas de comedor escolar

0

O Concello de Redondela vén de poñer en coñecemento de todas as interesadas e interesados que ata o día 28 de setembro está aberto o prazo para solicitar as Axudas de Comedor Escolar para o curso 2020-2021. As bases da convocatoria, publicadas o 25 de agosto no BOOPO (Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, poden consultarse nesta ligazón.

Todas as persoas que estean interesadas en solicitar a axuda poden consultar a páxina web do Concello de Redondela (www.redondela.gal) onde están publicadas as bases e convocatorias, ou poden dirixirse á Concellaría de Servizos Sociais ( [email protected]) ([email protected])

O inmoble do antigo centro de saúde de Salceda será destinado a uso sociocomunitario

O Concello de Salceda de Caselas ven de aprobar inicialmente a mutación demanial interna do seu antigo centro de saúde para destinalo a usos de carácter sociocultural, educativo ou de benestar social. A proposta foi aprobada por unanimidade dos tres grupos políticos da Corporación.

Tal e como lembrou a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, as numerosas iniciativas sociais, culturais e deportivas “que se dan nun concello tan dinámico como o noso, precisan de espazos que dean cabida as mesmas”. A rexedora local adiantou que o Goberno local “seguirá buscando novas alternativas e novos espazos para que esta riqueza da nosa vila poida seguir a ser unha realidade”.

O certo é que o enorme dinamismo social de Salceda fai precisa a dotación de novos espazos que acollan a multitude de iniciativas tanto públicas como as que parten do tecido asociativo, así como para cubrir as necesidades da xuventude salcedense, polo que o trámite que ven de aprobarse resultaba fundamental.

Cabe lembrar que o Concello puxo tamén o edificio do antigo centro de saúde a disposición da Consellería de Educación da Xunta de Galicia para que puidese ser empregado como centro educativo nestes momentos de pandemia e poder deste xeito diminuír as ratios dos centros do municipio, iniciativa que ata o de agora non tivo resposta. Por este motivo a mutación inclúe o uso educativo que permitiría acoller os nenos e nenas se así o estimase a Xunta de Galicia.

O edificio, situado na Rúa Compostela, en pleno centro urbano, quedou sen uso o pasado 29 de xullo coa apertura do tan demandado novo centro de saúde. O inmoble é de titularidade municipal, polo que agora será o Concello o que busque novos destinos para o mesmo.

A Deputación pon en marcha ‘Vive o Rio Minho’, actividades ecoturísticas para coñecer “dous países e un destino”

Baixo o nome de ‘Vive o Rio Minho’, a Deputación de Pontevedra vai desenvolver sete actividades ecoturísticas no Río Miño transfronteirizo –nos concellos galegos e portugueses que lindan coa vía fluvial- entre o 12 de setembro e o 4 de outubro. O obxectivo, segundo explicou hoxe o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho Uxío Benítez, é ofrecer unha alternativa turística seguindo “o que a sociedade hoxe demanda a raíz da crise da COVID 19, dando a oportunidade de coñecer o territorio dun xeito tranquilo, seguro, e buscando a natureza e todo o que ofrece o río Miño”.

As actividades están desenvolvidas dentro do proxecto Visit Rio Minho, co-financiado con fondos FEDER, a través do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’). Xirarán ao redor do río Miño, e realizaranse de forma cronolóxica avanzando polo territorio seguindo o seu curso, desde a parte alta ata a súa desembocadura. Son gratuítas para o público e están dirixidas a un público amplo e diverso, abranguendo non só os recursos da zona, senón empresas locais que traballan e realizan actividades nela: haberá sendeirismo, rutas en bici, rutas urbanas e percorridos históricos, visitas a adegas, museos, petróglifos, balsismo, caiac, gastronomía, observación ornitolóxica e astronómica, entre outras actividades.

“Queremos convidar á veciñanza da provincia a que participe. O obxectivo é conseguir que sexa máis coñecida unha parte da provincia que polo feito de ter sido fronteira durante centos e centos de anos é unha parte descoñecida. Queremos dar a coñecer o territorio, amosalo dun xeito transfronteirizo e único. Este é un produto diferente e moi atractivo”, subliñou Benítez.

Segundo apuntou o deputado nacionalista, a Deputación tomou a decisión de facer unha aposta polo desenvolvemento socioeconómico do territorio do río Miño, e fíxoo a través de dúas vías. Creando unha parte a nivel institucional que foi a AECT Rio Minho cos socios da Comunidade Intermunicipal Alto Minho de Portugal, que comezou a traballar hai uns anos e, por outra parte, desenvolvendo unha estratexia en colaboración coas universidades, unha estratexia do Miño 2030 na que se marcaban uns obxectivos e accións para desenvolver o territorio.

“Tanto na estratexia como nos estatutos do AECT Rio Minho marcouse como un dos obxectivos máis importantes desenvolver turisticamente o territorio do Miño como un único territorio e envolvelo nunha marca turística única que se presentase diante do mundo como a imaxe dun territorio transfronteirizo, que ofrece nun só destino dous países”, abondou Benítez.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou pola súa banda a “espectacular” e “atractiva” proposta que engloba Vive o Río Minho, “que conxuga todo tipo de actividades co coñecemento e desfrute do territorio Río Minho”. Subliñou tamén que desde a súa creación hai cinco anos, a AECT Río Minho tense convertido nunha “referencia”, non só na provincia, na promoción e defensa dun territorio común “único” polo seu carácter transfronteirizo.”Se hai un elemento significativo de que a política serve para transformar o espazo que gobernamos é a creación desta AECT”, manifestou.

Neste senso, sinalou que a súa posta en marcha “foi unha aposta intelixente que ten dado grandes resultados e está servindo de exemplo a outros concellos que teñen moito en común”. Carmela Silva destacou tamén que o traballo que está a desenvolver a AECT froito da suma de vontades de concellos de ambos lados do río é “revolucionario”. “Revolución significa volver a evolucionar e estes alcaldes e alcaldesas están voltando a evolucionar conxuntamente –indicou–: ”Neste momento da Covid ou sumamos vontades, traballamos e temos plans elaborados a través de diferentes espazos e territorios cun proxecto común ou será moi difícil que avancemos”.

Actividades

Segundo explicou o xerente da empresa Xeitura –que desenvolverá a iniciativa–, Raúl Fernández, as propostas para coñecer o Miño divídense en diferentes xornadas de fins de semana consecutivos entre o 12 de setembro e o 4 de outubro. Para a primeira fin de semana haberá dúas actividades: Unha ruta de sendeirismo nas marxes do Miño e do río Deva ata o alto da Moura e unha visita a Melgaço e, por outra parte, un descenso no río Miño xunto a unha visita guiada a unha adega en As Neves e a visita aos petróglifos da Coutada.

Na fin de semana do 19 e 20 de setembro terán lugar a terceira e a cuarta ruta. A terceira consiste nun percorrido circular pola contorna de Salvaterra, así como a visita á viña e ao Museo do Viño. Ao día seguinte a proposta é unha ruta polo municipio de Monçao coñecida como ‘A Cova da Moura’, unha vista ao palacio da Brejoeira e unha visita a Monçao.

A seguinte xornada, do 26 de setembro, inclúe un percorrido en bici pola ecovía do Miño entre Valença e Vila Nova de Cerveira, e unha visita guiada por Valença e Tui. O domingo 27 de setembro realizarase unha ruta de sendeirismo entre a desembocadura do Tamuxe e o porto de Goián, a visita á fortaleza, e un tramo en caiac polo río.

Finalmente, para o 3 e 4 de outubro plantéxase unha fin de semana completa na que se combinarán as rutas de sendeirismo, a observación ornitolóxica, visitas guiadas, e unha visita dramatizada no castro de Santa Tegra.

Todas as actividades son gratuítas e están destinadas ao público xeral. As inscricións para os eventos da primeira fin de semana poden realizarse dende mañá venres ata o vindeiro xoves ás 23 horas na páxina web da Deputación e as prazas cubriranse por orden de chegada. As incricións para as seguintes actividades realizaranse entre o luns anterior ás 9 horas e ata o xoves ás 23 horas no caso de non cubrir as prazas con anterioridade (entre 45 e 50 por evento).

Nigrán e Cáritas asinan un convenio para instalar 4 colectores de roupa

0

O Concello de Nigrán e Servizos Comerciais de Inserción Laboral EIL de Cáritas, veñen de asinar un convenio de colaboración ao abeiro do que o Concello concede catro espazos no municipio para a colocación doutros tantos contedores de roupa por un período de dous anos, prorrogable por outros dous.

As catro ubicacións elexidas por Koopera Cáritas e o concello son na rúa Rosalía de Castro, Rúa das Pontes (Porto do Molle), Arquitecto Palacios en Panxón e Estrada pola Vía (nova Biblioteca Pública). Koopera Cáritas farase cargo do mantemento dos contenedores e do seguro de responsabilidade civil.

A roupa recollida por esta Empresa de Inserción laboral será seleccionada polos traballadores en inserción, sete na actualidade, e a que sexa reutilizable será comercializada na súa primeira tenda de ruopa ‘Koopera Store’ na rúa Urzaiz 159 de Vigo aberta en 2018 con 220 m2 de tienda, que permitíu crear 13 postos de traballo, dos que 7 pertencen a contratos suxeitos a convenios de inserción social.

“En 2005 sendo Director da Fundación Érguete-Integración puxemos en marcha a primeira Empresa de Inserción de Galicia como un xeito novedoso de incorporación de persoas en exclusión social ou risco de estalo no mercado laboral, por iso colaborar agora como alcalde de Nigrán en iniciativas de emprego inclusivas é unha responsabilidade e unha auténtica satisfacción”, declara Juan González, alcalde de Nigrán.

Son os primeiros contendores de este tipo que se colocan no Val Miñor e prevese recoller ata 200 toneladas durante o primeiro ano, gracias ao xesto solidario que supoñen as donacións da poboación de Nigrán.

O proxecto creceu de xeito exponencial facilitando a apertura de esta tenda que fomenta a aposta por unha moda que axuda a xenerar postos de traballo e por un consumo sostible que da unha nova oportunidade de uso á roupa en venta.

“Nigrán conta xa cunha rede solidaria de recollida e entrega de todo tipo de roupa dende 2008 no seu ‘Roupeiro Municipal’ e que agora reforzamos con estes catro puntos de recollida para Koopera Cáritas que non só será un xeito de consumo sostible de apoio á inserción laboral”, explica Juan González.

Que é unha ‘empresa de inserción’

Unha E.I.L. é unha organización mercantil legalmente constituída e debidamente cualificada polo organismo autonómico competente que, independentemente da súa forma xurídica, realiza unha actividade produtiva, xa sexa a prestación de servizos e/ou elaboración e venda de produtos, actividade que realiza de forma contínua e pola cal se factura e percibe unha remuneración.

Do total do persoal contratado, sen poñer en perigo a viabilidade do plan de empresa, establécese o compromiso de contratación de persoas desempregadas provenientes de situacións ou perigo de exclusión social e que se atopan no momento oportuno para a súa incorporación laboral.

A E.I.L. subscribe un convenio de inserción coa persoa seleccionada e cos servizos sociais, no que se establece un itinerario personalizado de inserción sociolaboral, mediante o seu emprego e capacitación na empresa, ademais doutras intervencións psicosociais.

O PP de Ponteareas solicita a “paralización urxente” da rede de calor de biomasa e piden “diálogo” ao goberno local

O Grupo Municipal do Partido Popular de Ponteareas vén de solicitar a “paralización inmediata” das obras da Rede de Calor de Biomasa, levadas a cabo en pleno centro urbano de Ponteareas e que segundo a portavoz popular, Belén Villar “carrexaron un gran enfado entre os veciños da zona”.

Villar, solicita “diálogo urxente” ao goberno como medio de parar este problema, polo que esixen a convocatoria “dunha reunión urxente para tranquilizar aos veciños”. A voceira do PP de Ponteareas salienta que é preciso que se lle explique á veciñanza “o funcionamento desta rede de calor e téntese cambiar a localización non só por cuestións estéticas –prevese a instalación de chemineas de 18 metros de altura– e de operatividade, senón porque varios veciños aseguran ter documentos que acreditan a cesión deses terreos, por parte dun particular, para uso exclusivo de servizos sociais” explicou a portavoz.

O Grupo Municipal do PP considera que se o Goberno local continúa adiante “estará a prexudicar aos veciños desta zona e podería comprometer a economía do Concello”.

“A rede de calor é necesaria, –afirma Belén Villar– por iso votamos a favor no seu momento nunha sesión plenaria na que xunto a ese punto votábanse outros de vital importancia para Ponteareas” ao mesmo tempo que lle lembra á Alcaldía ponteareá que “non se falou de localización” xa que se sinalou que era “unha primeira fase do antigo proxecto”.

Lamentan os populares o que cualifican de “escurantismo” e non comparten a situación da instalación “pegada a un Centro de Día e a unha Residencia de Maiores, sen ningunha explicación sobre a elección desa localización”.

No PXOM exponse unha zona de esparexemento e desfrute para os maiores, cun parque biosaudable nesa zona, e cualificado o terreo como de uso asistencial. Nesa liña, os veciños aseguran ter documentos “que acreditan que eses terreos foron cedidos para uso social” polo que, alerta Villar, “se as obras continúan e deciden acudir ao Xulgado, o Concello de Ponteareas podería ser sancionado economicamente”.

O PP espera que o alcalde convoque a reunión nas próximas 48 horas para aclarar a situación. “Queremos explicacións en referencia á localización e tamén coñecer se é certo que estes terreos só poden ser destinados a uso social tal e como parece ser que solicitou a familia que fixo a doazón. Temos que liquidar este problema antes de que chegue o inverno, para poder tela operativa para entón”, polo que esixen do Goberno local “transparencia e celeridade”.

Villar resaltou que o partido ao que representa “está a favor da rede de calor”, pero non comparte a localización elixida nin a falta de diálogo entre veciños e Goberno. “Mellorar Ponteareas si, pero non á conta de minguar a calidade de vida doutros veciños”, sentenciou a portavoz.

COGAMI avoga por unha oferta turística e de lecer “accesible a todas as persoas”

Cando está a piques de rematar a tempada alta do turismo de vacacións, COGAMI vén de poñer o foco de atención na necesidade de contar cun turismo e un lecer inclusivos “que permita ser gozado por todas as persoas, en igualdade de condicións e sen limitacións”. O 9 % da poboación española ten discapacidade, –lembra a Asociación– e só en Galicia hai censadas 235.451 persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, e destas, o 65 % comprende idades entre os 16 e 74 anos. Se ás persoas se lles ofrece unha oferta con infraestruturas, servizos, contornas, produtos e actividades accesibles, isto suporía non só un factor de inclusión social senón tamén unha oportunidade para o sector turístico, cun aumento de cota de mercado potencial de clientela a nivel mundial.

“O turismo accesible non é só un hotel e un transporte accesible, supón tamén poder acceder a un museo, a unha cafetería, a unha praia ou a un paseo pola natureza en igualdade de condicións que o resto das persoas”, apunta o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, quen puntualiza “Debe terse en conta a experiencia da viaxe no seu conxunto: a planificación, a información turística, os transportes, a hostalaría e a restauración, as actividades turísticas, de lecer e deportivas,…”

Durante este mes de setembro, COGAMI dedica a campaña 12 Chaves da Inclusión ao turismo e o lecer inclusivos, co fin de facer un chamamento a todos os concellos e ao sector turístico que aínda a data de hoxe, carecen de espazos adaptados, limitando o seu uso a todas as persoas en igualdade de condicións.

“Promocionar o turismo e o lecer inclusivos benefician a toda a comunidade, non só ás persoas con discapacidade, tamén ás empresas do sector porque a súa clientela verase incrementada. Ademais unha persoa cando se sente cómoda na súa viaxe ou nunha actividade, repite experiencia”, aclara Queiruga.

Como exemplo son as máis de 2.000 persoas con discapacidade que cada ano viaxan a distintos puntos turísticos inclusivos de España a través do programa de vacacións que ofrece COCEMFE, entidade estatal da que forma parte COGAMI. Este ano, ademais de accesibilidade, teranse en conta todas as medidas de prevención ante o COVID-19, como a redución de número de persoas nas quendas, toma de temperatura, uso de máscara e xel hidroalcólico, dotación de equipos de protección para persoal de apoio e o acompañamento de persoal técnico de prevención de riscos en cada grupo.

Para superar as dificultades de acceso a actividades de lecer e deportivas, dende COGAMI e as súas entidades membro desenvólvense anualmente programas que permiten a práctica de navegación a vela, a asistencia a balnearios con fins saudables, a asistencia a campamentos, a práctica de actividades de respiro familiar e a organización de deportes inclusivos. Como exemplo as 48 actividades desenvolvidas durante o ano pasado pola área de Lecer de COGAMI nas que participaron 908 persoas do movemento asociativo.

COGAMI por unha Galicia Accesible

Dende hai dous anos, COGAMI e Equalitas Vitae, empresa líder na promoción do turismo accesible, traballan conxuntamente no proxecto denominado Galicia Accesible para promocionar o turismo accesible na nosa comunidade a través de estudos sobre a accesibilidade en aloxamentos e outros servizos da oferta turística e cultural, promocionando aqueles que cumpran cuns requisitos de accesibilidade establecidos e que garantan un servizo turístico de calidade para clientela con necesidades especiais.

Cando as instalacións dos establecementos cumpren cos requisitos, COGAMI entrégalles un distintivo acreditativo da posibilidade do seu uso por todas as persoas e ademais, trala colocación dun adhesivo cun código QR, permítese a conexión cunha APP de Turismo Accesible by Equalitas na que se poden ver as características das instalacións do establecemento.

A Concellería de Ensino planifica cos equipos directivos o inicio do curso escolar en Ponteareas ante a COVID19

A Concellería de Ensino, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina F. Davila, convocou ás direccións de todos os centros educativos,conservatorio e da escola infantil a unha reunión participativa na que abordar o comezo do curso. Os e as responsables dos centros educativos puideron solventar as dúbidas que tiñan sobre aplicación da normativa COVID19, contactos sanitarios para casos de alumnado afectado, maior protección para o profesorado, etc. Coincidindo deste xeito coa Concellaría de Ensino en que sería beneficioso para a organización do curso a redución da ratio nas aulas, o desdobre das mesmas, dispoñer de máis profesorado e máis recursos para aquel alumnado que así o precise logo da situación vivida no último trimestre.

“Non podemos entender que a día de hoxe a Xunta de Galicia non teña tomado medidas claras que garantan a seguridade sanitaria nas aulas e promovan o distanciamento interpersoal. Ante esta carencia de decisións e de apoio, dende o Concello acompañaremos aos centros para axudar na medida das nosas posibilidades ao mesmo tempo que esiximos da Xunta financiamento para a implementación das medidas que a administración autonómica non asume, a pesar de ser da súa competencia”, explica Cristina F. Davila.

No Pleno celebrado no pasado mes de xullo, a Corporación Municipal xa aprobou unha iniciativa do BNG defendida pola propia concelleira, na que se reclamaban actuacións inmediatas por parte da Xunta de Galicia na que se garantiran a saúde do alumnado e na que participaron tamén representantes da FANPO (Federación de ANPAS de Centros de Ensino Públicos das Comarcas do Condado-Paradanta e Louriña).

No encontro celebrado no salón de plenos da Casa do Concello estiveron presentes o coordinador de enfermería e a responsable do centro de saúde local, Alfonso Porto e Raquel Plana ademais da concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera e do concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera.

As directivas dos centros; Escola Infantil, conservatorio, CRA, CEIPs, CPRs, IES e CIFP A Granxa, manifestaron a súa fonda preocupación ante a situación que se pode vivir nas aulas e ante a falta de recursos anti COVID-19 dos que dispoñen.

A concelleira de Ensino adiantou que se celebrará unha xornada formativa para todas as comisións COVID-19 dos centros educativos locais. Estas comisións, unha vez recibida a información, estarán encargadas de difundila nos seus respectivos centros. Nesta xornada colaborará o centro de saúde local e terá lugar o vindeiro 21 de setembro.

Cristina F. Davila informou que ademais se reforzará o servizo de limpeza nos centros para garantir que se produzan varias limpezas e desinfeccións ao longo da mañá insistindo no puntos de maior contacto (barandas, pomos, baños, pasamáns…).

O servizo de conciliación da aula matinal ofrecerase no horario habitual dende as 07:30 horas ata a hora de comezo da actividade lectiva así como o servizo de comedor sempre seguindo as normas de seguridade sanitaria. As familias interesadas serán previamente informadas sobre o novo protocolo e tamén para solventar dúbidas.

Respecto ás actividades extraescolares aclarouse que quedarán nas mans dos propios centros autorizar ou non o uso de espazos para as mesmas tendo que facerse responsables da desinfección as/os organizadoras/es de cada actividade extraescolar.

O concelleiro de mobilidade trasladou á comunidade educativa o obxectivo de promover a mobilidade a pé e en bici para acceder aos centros de ensino a través de diferentes medidas, como o establecemento de camiños escolares seguros que se implementarán durante este curso. Mera lembrou que “na vila as distancias non superan os 10 minutos camiñando entre os puntos máis distantes, o que fai innecesario o uso do vehículo a motor para achegarse aos centros de ensino do casco urbano”.

O Concello das Neves moviliza todos os seus recursos para extremar a seguridade, limpeza e hixiene na volta ás aulas

0

Representantes de centros educativos das Neves participaron nunha reunión convocada polo Goberno local, presidida polo alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, acompañado pola concelleira de Ensino, Pilar Gonzalez Casas, para poñer en común as medidas a tomar neste comezo de curso, marcado pola COVID-19, e establecer a colaboración do Concello ante a “falla de instrucións por parte da Xunta, a día de hoxe”.

Transporte público

Os docentes amosaron a súa precupación ante o comezo das clases -que xa están en marcha na nova Escola Infantil da Galiña Azul- e que empezarán o vindeiro día 10 no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e o 16 no instituto.

Un dos problemas más serios é o do transporte público, especialmente no que atangue ao Instituto, ao que os buses chegan as 08:20 h.cuarenta minutos antes da apertura do centro. Para tentar “axustar o máximo posible a hora de chegada dos autocares co inicio das clases”, o alcalde terá esta vindeira semana unha reunión cos responsbles da nova empresa adxudicataria do transporte.

Entradas e saídas e uso das instalacións dos centros

Polo que se refire ao CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, o Concello comprométese enviará unha persoa encargada da súa apertura e de que o acceso e as saídas sexan graduiais, para evitar amoreamentos. Tamén dende o Concello haberá un control da chegada das alumnas e alumnos en vehículos particulares e do tráfico na zona coincidindo co inicio e remate das clases.

No mesmo centro, hai unha aula, a de 5ª curso, con 25 alumnas e alumnos que non pode ‘desdobrarse’ por falla de persoal, aínda que sí sería posible habilitar dúas clases porque hai espazo para facelo. O Goberno municipal solicitará de Educación que aumente o número de profesores e, no caso de que non se atenda esta solicitude, facilitar o cambio dos estudantes a un espazo más amplo no que sexa posible manter a separación de seguridade.

Limpeza e desinfección

No relativo á limpeza dos centros,o Concello xa limpou o exterior do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé; na Escola de Educación Infantil de Rubiós, o xardín, xardineiras de entrada, areeiros aparcadoiros e accesos e, estos días, estase a levar a cabo unha limpeza integral no interior da Escola de Taboexa e do mesmo CEIP.

A esta medida sumarase o incremento da hixienizazación, nas propias unitarias, a todos os días da semana para o cal o Concello aumentará as horas de traballo da empresa concesionaria deste servizo, con protocolos distintos en cada nivel educativo. Así mesmo, establecerase unha ‘folla de seguimento’ da hixiene e mantemento dos baños.

Polo que ten que ver coa ‘desinfección’, “traballo pouco definido a día de hoxe e imposto aos concellos pola Xunta”, o alcalde manifestou que o Concello das Neves está disposto a facerse cargo do mesmo, “por responsabilidade”, pero sen deixar de esixir á Xunta que asuma as súas competencias ou os gastos derivados das mesmas.

No CEIP será necesaria unha persoa durante todo o horario lectivo e no caso das escolas unitarias, terán garantido este servizo ao longo do día. Polo que se refire á nova Escola Infantil da ‘Galiña Azul’ a súa directora amosou a necesidade de desinfectar “decote” os espazos e os xoguetes e obxectos usados polos cativos.

Continxencias, clases on line e axudas

Na xuntanza, os responsábeis de todos os centros sinalaron que adiantarán o seu Plan de Adaptación á COVID e o Plan de Continxencia para a ensinanza non presencial, no caso de ter que producirse esta.

Neste aspecto, o Concello comprometeuse a  esixir á Xunta a extensión da Fibra óptica a todo o rural e seguir colaborando cos centros na entrega, en man, na casa das alumnas e alumnos do material e libros que deixaran nos centros, como xa se fixera no período de confinamento.

As directoras e directores dos centros quedaron encargados de comunicar ao Concello os casos que poida haber de familias con problemas económicos para asumir a compra de máscaras para os seus filos e fillas.

A alcaldesa e os concelleiros de Turismo e Comercio asistiron onte en Cans á “Noite dos veciños”

O XVII Festival de Cans adicou os actos programados para a tarde de onte 2 de setembro aos veciños da parroquia, coa presenza da alcaldesa do Porriño, Eva García e os concelleiros, David Alonso e Sergio Casal, ambos nativos de Cans.

Coa descuberta do traxe do Can -20 horas, na rotonda-, comezou o primeiro serán do Festival. Precedeu á colocación da distinción, no Muro dos Chimpíns, coa que o Festival de Cans homeaxea este ano á veciña e enfermeira Merchi Sánchez -20.30 horas-. Con esta distinción, ponse en valor o traballo de Sánchez, quen ideou a creación, hai xa 8 anos, do servizo médico do Festival, Traballa coma voluntaria nun equipo que ela organiza e coordena cada ano sen aforrar esforzos nin compromiso.

A homeaxe deu paso a unha das actividades desta edición do certame máis esperadas na aldea: a Noite dos Veciños coa presentación do documental A Canteira de Cans. Foi no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río a partir das 21 horas.

Coordinado polo artista porriñés, Juanma Lodo, do proxecto Cans 303, o documental recupera a memoria da canteira de Cans, un lugar esquecido do que non queda máis que un buraco no monte na zona coñecida como “A Pedreira”. Nel participaron veciños e veciñas que contan o que recordan, o que saben, ou o que viviron, da antiga instalación.

O concello da Guarda informa da situación na localidade en relación ao COVID-19

0

Onte día 2 de setembro de 2020, na Guarda rexistráronse 12 positivos por COVID-19 asociados a dous brotes familiares. Sanidade, por tratarse de infeccións relacionadas con brotes, tomou medidas de prevención para evitar posibles consecuencias en grupos de risco, a vez que se realiza un rastrexo e os test necesarios para controlar a súa propagación.

Con motivo desta situación, Sanidade comunícalle a residencia de maiores Monte Tecla a restrición de saídas ao exterior e visitas, xa limitadas pola dirección dende o pasado 11 de agosto. A súa vez a residencia manterá pechado o centro de día. Neste centro realizarase a proba PCR a todos os residentes e traballadores.

A medidas preventivas tamén afectan a outros centros socionanitarios. San Xerome pechará durante 15 días o centro de día, así como as seccións educativa e ocupacional. Avelaíña suspenderá, durante a próxima quincena, a atención grupal, mantendo o servizo de citas previas, a atención telefónica e teleatención. A súa vez tomará as medidas de prevención necesarias no piso protexido que xestiona.

O club da 3ª idade, que tiña previsto reabrir as súas portas o día 1 de setembro, retrasa esta reapertura 15 días.

A súa vez, un centro privado afectado por un positivo, a ludoteca DivierTT, activou o protocolo recomendado polo servizo de epidemioloxía da Xunta para facerlle a proba PCR a todas as persoas puideron ter contacto directo con este positivo, os nenos e a monitora do grupo.

Dende o concello tamén queremos transmitir unha mensaxe de tranquilidade á poboación en xeral indicando que se está facendo o necesario para rastrexar e controlar os brotes. Temos que ser conscientes da nosa vulnerabilidade, o virus está aí e debemos tomar as medidas de prevención recomendadas para evitar o seu espallamento: distancia social, hixiene de mans e uso da máscara de protección.

Galicia conta case con 4.000 casos activos

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.991 deles 1.425 son da área da Coruña, 798 da de Lugo, 386 da de Ourense, 271 da de Pontevedra, 302 da área de Vigo, 659 da de Santiago, e 150 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 15 están en UCI, 159 en unidades de hospitalización e 3.817 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 13.039 persoas curadas, rexistrándose 651 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 349.050.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Na xornada de onte produciuse un falecemento en centro residencial. Este tivo lugar na residencia de maiores Orpea Coruña (Culleredo).

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no DOG do pasado 19 de agosto, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

O Concello de Nigrán organiza a celebración das festas do Bo Xesús de Priegue este fin de semana

0

O Concello de Nigrán, en colaboración coa Comisión de Festas de Priegue, organiza diversas actuacións este fin de semana no Torreiro que se encadran na iniciativa municipal ‘Música nas Parroquias. Podes descargar toda a programación nesta ligazón.

Deste xeito, o sábado 5 ás 20:30 horas terá lugar o contacontos de Raquel Queizás ‘Somos Iguais’, que pecha así o programa cofinanciado polo Ministerio de Igualdade a través do Pacto de estado contra a violencia de xénero para rachar cos prexuízos e esterotipos de xénero desde idades temperás a través da participación activa das crianzas en actividades lúdicas.

Continuando coa celebración da Festa de Priegue ás 22,00 actuará no Torreiro o grupo miñorano “Trío AZAR” cumplindo todas as indicacións sanitarias COVID19 e con colocación de sillas coa separación regulamentada.

Domingo 6 – Día grande da festa do ‘Bo Xesús da Paciencia’, a Banda de Música do Val Miñor tocará no Torreiro algunhas pezas antes da Misa Maior das 12:30 que por primeira vez para evitar calquera risco e para permitir que máis veciños se acheguen a este acto, vai celebrarse ao aire libre no Torreiro e non na Igrexa.

Unha vez rematada a misa a Banda de Música do Val Miñor ofrecerá un concerto, sendo estas as derradeiras festas parrquiais do municipio neste ano marcado pola ausencia de verbenas, motivo polo que o Concello creou este programa ‘Música nas parroquias’, “Unha aposta do goberno de Nigrán para que ningún barrio quedara sen celebración do seu patrón que comenzamos en Vilariño e rematamos este fin de semana en Priegue”, declara Juan González.

Comeza o curso en Mos coas máximas medidas de seguridade e coordinación municipal coa comunidade educativa

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, visitaron hoxe as Escolas Infantís mosenses con motivo do inminente inicio do novo curso escolar 2020-2021, para comprobar o correcto cumprimento das medidas e protocolos de seguridade e para interesarse polo inicio das clases e trasladar novamente a total vontade de colaboración e a man tendida do Concello para co persoal dos centros, así como coas ANPAs.

Precisamente onte pola tarde as representantes municipais Arévalo e Cebreiro mantiveron  ás 18.00 horas no salón de actos da Axencia de Colocación unha xuntanza a este respecto coas ANPAS das Escolas Infantís da Galiña Azul mosenses (Porteliña, Cototorrón e Veigadaña), e coas directoras dos centros, para informar de todas e cada unha das medidas e decisións adoitadas no ámbito das escolas infantís con motivo do inicio do curso: desde labores de limpeza e desinfección de patios e zonas exteriores, ata presencia de Protección Civil, vixiancia da Policía Local, protocolos de prevención, etc. Ademais deuse conta tamén dos traballos de mantemento e mellora levados a cabo nos edificios durante o verán de cara á súa reapertura de portas agora en setembro. Ademais tomaron nota das aportacións dos representantes das tres Asociacións de Nais e Pais e direccións dos centros e adquiriuse o firme compromiso do diálogo e comunicación constantes e do fluxo mutuo de recíproca información relativa aos avances, cambios, medidas ou problemas que vaian surxindo diariamente ao tratarse dun curso excepcionalmente complicado, singular e incerto por mor da COVID-19.

Tamén onte pola tarde reuníanse ás 19.00 horas coas ANPAS dos colexios de Educación Infantil e Primaria de Mos: Petelos, Pena de Francia, Mestre Martínez Alonso (Castro-Mos), Mestre Valverde Mayo (Sanguiñeda) e Atín-Cela, co mesmo obxectivo e contido que a anterior, pero referidos aos casos concretos dos 5 CEIPs públicos do Concello de Mos.
Igual que na xuntanza previa, os representantes municipais deron conta do protocolo elaborado para estar preparados e potenciar as medidas de prevención nos colexios.
O devandito protocolo inclúe, entre outras moitas medidas, a vixiancia por parte dos 8 axentes da Policía Local de Mos de colexios, nos momentos nos que os pais acoden a deixar e recoller aos cativos, as directrices a seguir tanto polo persoal como polos usuarios das instalacións, a desinfección exterior (patios etc.) das mesmas coordinada entre a empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza e o Servizo Municipal de Emerxencias de Mos… etc. Así como tamén se informou, ao igual que no caso das Escolas Infantís, dos traballos de mantemento e mellora levados a cabo durante a tempada estival nestes centros educativos.

Neste senso a rexedora local mosense quixo agradecerlle ás ANPAs dos colexios que tomasen a decisión, en consenso co Concello e coa dirección dos centros, de manter durante o novo curso os servizos de Comedor Escolar e Aula Madruga. Por outra banda decidiuse suspender a organización das actividades extraescolares. E salientou a alcaldesa que a folla de ruta do protocolo anti COVID-19 municipal en materia de educación foi deseñado co obxectivo de apoiar, complementar e reforzar o establecido pola Xunta de Galicia, administración que ostenta as competencias na área educativa. Por último informouse de que a semana que ven os técnicos municipais especializados na COVID-19, o Secretario Municipal, Víctor Rodríguez, e a técnico de Persoal, Recursos Humanos e Prevención de Riscos Laborais, Tatiana Iglesias, farán unha visita aos comedores escolares dos centros educativos, xunto coa empresa de catering e membros da dirección e ANPAs dos colexios, para supervisar que todo se atope en perfectas condicións cumprindo con todos os protocolos sanitarios e medidas de seguridade.

A Deputación humaniza o centro de Mondariz cunha ambiciosa actuación de mobilidade e seguridade viaria a través do Plan DepoRemse

0

A  Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras de mellora da mobilidade e seguridade viaria na contorna do centro urbano e de equipamentos de Mondariz, unha actuación ao abeiro do Plan DepoRemse da Deputación que hoxe visitou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, acompañada polo alcalde, Xosé Emilio Barros, e o deputado provincial Santos Héctor. Como destacou Carmela Silva, esta obra segue os valores “que quere implantar a Deputación de Pontevedra en todos os concellos da provincia, baseados nunha mobilidade segura, en promover que os espazo sexa primordialmente para os peóns, que son a nosa prioridade, e favorecer polo tanto a accesibilidade á vez que se transforma o espazo público”.

No proxecto investiuse un orzamento de preto de 222.500 euros, financiado nun 90% pola Deputación e o restante 10% polo Concello. As obras supoñen a reconfiguración do espazo público no eixo que comunica a Praza de España co edificio do Concello, o Centro de Día, o Centro de Saúde e o Colexio Público Integrado (CPI). Deste xeito, a actuación  permitiu reordenar e humanizar este céntrico espazo para garantir a correcta convivencia entre os vehículos e o tránsito peonil, mellorar a seguridade das persoas e, sobre todo, gañar espazo para o desfrute dos veciños e veciñas. As obras desenvolvéronse na contorna formada polas  rúas Concepción Arenal, Merouces e avenida Grupo Escolar, nas que se habilitaron plataformas únicas, velocidade máxima de 20 quilómetros por hora, ampliáronse beirarrúas e gañáronse novos espazos reservados aos peóns, así como unha zona de arborado e novo mobiliario urbano. Tamén se reforzou a iluminación e se renovou a sinalización horizontal e vertical.

Carmela Silva destacou tamén que este tipo de actuacións se enmarcan  no compromiso do goberno provincial coa Axenda 2030, “que quere transformar os pobos para favorecer os espazos onde a xente poida camiñar, ter unha mobilidade do século XXI e que se poidan poñer en valor espazos patrimoniais tan importantes como temos en toda a provincia”. “Queremos presumir _engadiu_ dunha provincia que sexa a máis avanzada en mobilidade”. Pola súa banda, o alcalde Xosé Emilio Barros, subliñou esta aposta da Deputación pola mobilidade sostible e a mellora dos espazos públicos “ con vistas á seguridade e facilitar que prevaleza o peón por riba do vehículo” . “Desde os concellos _sinalou_  precisamos plans como este para seguir desenvolvendo unha humanización dos espazos e das vilas, que xa hoxe todo o mundo entende e agradece”.

Amais de visitar a extraordinaria mostra de cestería “Tecendo a natureza” co traballo  de Enrique Taboas na Praza de Abastos, a presidenta da Deputación e o rexedor municipal repasaron outros proxectos futuros que se están a valorar para a vila, enmarcados tamén no modelo de mobilidade segura e sostible. Neste senso, Carmela Silva destacou a “extraordinaria relación de lealdade institucional e sensibilidade mutua” entre ambas administracións para seguir a desenvolver iniciativas, mentres que Barros amosou a súa confianza de que a Deputación seguirá a marcar “liñas de actuación e acción deste calado”.

Desde a chegada do actual goberno, a Deputación ten investido en Mondariz máis de 6 millóns de euros en obras e proxectos. Este ano, o Plan Concellos destina ao municipio un orzamento de 513.412,18 euros, con doce obras da Liña 1 de Investimentos xa aprobadas. No caso da Liña 3 de Emprego, a institución financia este ano a contratación de 12 traballadores e traballadoras para o concello (113.673,41 euros).

A concelleira de Educación revisa cos directores dos centros docentes os protocolos para a volta ás clases

Lourdes Moure reuniuse hoxe cos directores de todos os centros docentes asentados no termo municipal cos que revisou os protocolos e preparativos para o regreso ás clases. A volta ás aulas comezará, de xeito escalonado, entre o vindeiro xoves 10 e o venres 11 para alumnos de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial. Para os estudantes de ESO, FP e Bacharelato, a volta ás clases terá lugar entre os días 16, 17 e 18 deste mes.

A concelleira lembrou ás direccións o compromiso de que o Concello realizará con medios propios unha primeira desinfección intensiva dos centros docentes que se realizará de inmediato, antes do inicio do curso en cada nivel, “aínda que non se trata dunha competencia propia do Concello”, suliñou Lourdes Moure.

Tamén Lourdes Moure garantiu aos directores que trasladará á actual empresa encargada da limpeza dos centros docentes, o establecido pola Xunta de Galicia no protocolo anti-covid que determina dúas quendas de limpeza diarias dos baños e zonas comúns. Esta cobertura será posteriormente asumida pola empresa que resulte gañadora da licitación municipal actualmente en curso para cubrir este servizo.

Por último, a concelleira e os directores acordaron manter nos centros os routers e tarxetas de conexión á Internet que o Concello contratou durante o estado de alarma para evitar a fenda dixital entre o alumnado. Agardarase ata comprobar como discorren as primeiras semanas do curso ecolar.

A esta reunión convocouse ás direccións dos colexios Fernández López, Antonio Palacios, Hermanos Quiroga, Santo Tomás, Ribeira, Atios e Budiño. Tamén acudiron responsables do centro de educación especial de ACEESCA e dos institutos Pino Manso e Ribeira do Louro. 

A concelleira Moure anunciou que o vindeiro venres 4 manterá outro encontro coas “Anpas” dos centros docentes do Porriño, convocatoria que tamén participouse aos voceiros dos grupos municipais da corporación aos que trasladará os acordos acadados hoxe.

O Concello de Ponteareas lembra que a rede de calor con biomasa é un proxecto exemplar e inócuo

O goberno municipal do BNG e PSOE lembrou que a “a rede de calor con biomasa é un proxecto exemplar, de vangarda, inócuo, feito con rigor técnico e legal e que conta con todos os informes legais e técnicos favorabeis e o apoio da Unión Europea”.

O executivo local amósase “sorprendido” diante das críticas que lidera o Partido Popular “quen votou a favor do proxecto no que xa figuraba a ubicación da instalación e as súas características”. Neste sentido o goberno municipal “lamenta que agora, por oportunismo partidista pretendan xerar alarma entre a veciñanza manipulando a realidade”. Segundo o alcalde Xosé Represas “o PP equivócase porque as dúbidas ou temores que a súa atitude irresponsábel poda provocar quedarán disipados cando a instalación comece o seu funcionamento, deixando en evidencia a súa falta de seriedade”.

O Concello salienta que a instalación é o resultado dun proxecto redactado por profesionais dunha enxeñería con ampla experiencia que conta con todos os informes técnicos e legais favorabeis que certifican que a actuación se axusta á legalidade desde o relativo á titularidade da parcela até a normativa urbanística, ambiental, de protección do patrimonio, etc.

Respecto ás dúbidas sobre o impacto e as molestias da instalación, o Concello é contundente: a instalación é inócua e non xerará impacto nin molestias. A construción atópase nunha parcela de 490 m2 ocupando 83 m2 que representan tan só o 17% do sola e a súa altura é de 7 metros que contrasta cos até 22 metros dalgún dos edificios colindantes.

En canto ao período de funcionamento da instalación será de seis meses ao ano, pois a rede está destinada a calefacción. O goberno explica que o tráfico pesado que vai xerar é mínimo. “O silo ten unha autonomía de 22 días e, pola súa capacidade, só precisa a carga dun camión semanal de 45 m3, pouco máis grande que o vehículo do servizo municipal de recollida de enseres”, sinalan desde o executivo local, lembrando que “hai supermercados no casco urbano que realizan descargas a diario con camións que duplican ese volume”. Os camións accederán logo das 19:00 horas tralo peche do Centro de Día.

Respecto ás emisións, o goberno salienta que mentres unha instalación de gasoil de igual capacidade para abastecer aos edificios públicos xera 365.000 kgs de CO2 ao ano, a de biomasa tan só 18.000, é dicir, 20 veces menos cunha redución do 95% de contaminación. En canto á cheminea, o seu diámetro é semellante ao das saídas de gases exteriores de diferentes establecementos de restauración instaladas en fachadas de edificios da localidade. Respecto á súa altura, tal e como obriga a normativa urbanística, situarase un metro por enriba do cumio da edificación máis alta, como acontece coas saídas exteriores de gases dos restaurantes.

O Alcalde lembra que apostar por iniciativas como a rede de calor con biomasa é poñer a Ponteareas na vangarda das políticas de eficiencia enerxética, aforro económico e promoción do emprego local. Xosé Represas conclúe que “coa rede de calor evitamos os combustibeis fósiles altamente contaminantes, reducimos espectacularmente as emisións de CO2, usamos un sistema de maior poder calorífico, cun combustíbel máis barato, aforrando un 30% na nosa factura da calefacción, evitamos os riscos de explosión das caldeiras de gasoil e os malos cheiros destas, e promovemos o emprego local e rendementos para as comunidades de montes a través da transformación da madeira en astilla na nosa zona”. O Alcalde lembra que este tipo de instalacións existe desde hai anos sen crear problema algún na vila balnear de Mondariz Balneario, e neste caso cun 70% de maior potencia que a de Ponteareas, para subministrar calor a un complexo hoteleiro.

Nigrán e Koopera Cáritas instalan catro contedores para doar roupa no concello

0

As catro ubicacións elexidas por Koopera Cáritas e o concello son na rúa Rosalía de Castro, Rúa das Pontes (Porto do Molle), Arquitecto Palacios en Panxón e Estrada pola Vía (nova Biblioteca Pública). Koopera Cáritas farase cargo do mantemento dos contenedores e do seguro de responsabilidade civil.

A roupa recollida por esta Empresa de Inserción laboral será seleccionada polos traballadores en inserción, sete na actualidade, e a que sexa reutilizable será comercializada na súa primeira tenda de ruopa “Koopera Store” na rúa Urzaiz 159 de Vigo aberta en 2018 con 220 m2 de tienda, que permitíu crear 13 postos de traballo, dos cuales 7 pertencen a contratos suxeitos  a convenios de inserción social.

“En 2005 sendo Director da Fundación Érguete-Integración puxemos en marcha a primeira Empresa de Inserción de Galicia como un xeito novedoso de incorporación de persoas en exclusión social ou risco de estalo no mercado laboral, por iso colaborar agora como Alcalde de Nigrán en iniciativas de emprego inclusivas é unha responsabilidade e unha auténtica satisfacción”, declara Juan González, Alcalde de Nigrán.

Son os primeiros contendores de este tipo que se colocan no Val Miñor e prevese  recoller ata 200 toneladas durante o primeiro ano, gracias ao xesto solidario que supoñen as donacións da poboación de Nigrán.

O proxecto creceu de xeito exponencial facilitando a apertura de esta tenda que fomenta a aposta por unha moda que axuda a xenerar postos de traballo e por un consumo sostible que da unha nova oportunidade de uso á roupa en venta.

Son xa 35 las tiendas Koopera Store en España, das cuales 21 están ubicadas na zona do Cantábrico, 17 en Euskadi, 1 en Cantabria, 2 en Asturias e 1 en Vigo.

“Nigrán conta xa cunha rede solidaria de recollida e entrega de todo tipo de roupa dende 2008 no seu “Roupeiro Municipal” e que agora reforzamos con estes catro puntos de recollida para Koopera Cáritas que non só será un xeito de consumo sostible de apoio á inserción laboral”, afirma Juan González, Alcalde de Nigrán.

Qué é unha empresa de inserción

Unha E.I. L. é unha organización mercantil legalmente constituída e debidamente cualificada polo organismo autonómico competente que, independentemente da súa forma xurídica, realiza unha actividade produtiva, xa sexa a prestación de servizos e/ou elaboración e venda de produtos, actividade que realiza de forma contínua e pola cal se factura e percibe unha remuneración.

Do total do persoal contratado, sen poñer en perigo a viabilidade do plan de empresa, establécese o compromiso de contratación de persoas desempregadas provenientes de situacións ou perigo de exclusión social (cualificación pòr o Departamento dá Admo. autonómica con competencia en materia de Servizos Sociais) e que se atopan no momento oportuno para a súa incorporación laboral.

A E.I. L. subscribe un convenio de inserción coa persoa seleccionada e cos servizos sociais, no que se establece un itinerario personalizado de inserción sociolaboral, mediante o seu emprego e capacitación na empresa, ademais doutras intervencións psicosociais.

O primeiro ‘Roteiro Literario’ marca a axenda cultural da Deputación no inicio deste mes de setembro

A chegada do mes de setembro non fai que a cultura decaia na provincia, de feito, a primeira semana deste mes chega con seis accións da man da Deputación de Pontevedra. A institución, que segue coa súa forte aposta polas industrias creativas e culturais, ten programados concertos nos concellos de Cangas, Caldas de Reis, Vila de Cruces e Ponteareas, un roteiro literario en Baiona e unha exposición en Lalín.

Para desfrutar do prato forte da programación cultural desta semana haberá que esperar ao domingo 6, día elixido para dar comezo aos ‘Roteiros literarios’ que a Deputación programou entre os meses de setembro e outubro por distintos lugares da provincia. Será o título ‘Segredos do solpor’, de Iria Misa, o que inaugure estas rutas literarias. A autora percorrerá as rúas de Baiona saíndo dende a praza de abastos da vila ás 11:30 horas.

Ademais, onte día 1 tiña lugar o primeiro concerto de ‘Musigal’ deste mes que correu a cargo de Óscar Ibáñez & Tribo que fixo vibrar a explanada das naves de Ojea, no concello de Cangas. O xoves día 3 a sección de percusión da Orquestra Clásica de Vigo interpretará o seu repertorio na Carballeira de Caldas de Reis. A cita terá lugar ás 20.00 horas e enmárcase no programa ‘Música no ar’. De cara ao sábado 5 a Deputación ten programados dous concertos dentro de ‘Musigal’. Óscar Ibáñez & Tribo actuarán ás 19.00 horas na Praza de Xoán Carlos I de Vila de Cruces e Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre farán o mesmo ás 22.00 horas no parque da Feira Vella de Ponteareas (en caso de choiva este concerto trasladarase ao auditorio municipal).

Amais, no concello de Lalín o ente provincial expón a mostra ‘Pegadas na paisaxe. O patrimonio de Deza’, que busca dar a coñecer o rico patrimonio arqueolóxico da provincia. A exposición poderá visitarse no Pazo de Liñares ata o 6 de setembro.

Mos pon en marcha o programa municipal para maiores ‘Exercítate’

0

O programa municipal ‘Exercítate’ está dirixido ás persoas empadroadas no Concello de Mos maiores de 65 anos, ou pensionistas maiores de 55 anos. Seguindo todos os protocolos sanitarios  ante a crise sanitaria do COVID-19 os cursos dividiranse en dous grupos reducidos que terán clase dous días á semana:

  • AQUAGYM  martes e xoves en horario de 11.45  horas a 12:45 horas, ou ben mércores e venres no mesmo horario.
  • XIMNASIA martes e xoves en horario de 11.00  horas a 12:00 horas, ou ben mércores e venres no mesmo horario.

As inscricións poderán realizarse a partir de hoxe na Piscina Municipal ou preferentemente no teléfono 986 33 40 70. As admisións serán por rigorosa orde de inscrición valorando sempre que todos os usuarios poidan participar nalgunha actividade. A data de comezo será o 1 de outubro Aquagym e 12 de outubro Ximnasia de mantemento. O proxecto  “Exercítate” está dirixido á xente da terceira idade do Concello de Mos e a súa finalidade é mellorar a calidade de vida das persoas maiores, e potenciar tanto a saúde física coma a mental mediante actividades lúdico-deportivas.

Sobre este programa a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro; declarou que “despois de tantos meses sen actividade, os nosos maiores teñen moitas ganas de comezar xa que a actividade física é moi beneficiosa para a súa saúde, sobre todo practicándoa con regularidade”. 

Con este programa o Concello persegue conseguir o mantemento da independencia funcional dos beneficiarios/as necesaria para o desenvolvemento das actividades de vida diaria básicas. Axuda tamén a previr enfermidades crónico-dexenerativas e a aparición dunha serie de limitacións que aínda que non constitúan secuelas dunha enfermidade impiden ou limitan a realización de moitas actividades. Do mesmo modo a actividade mental aporta incontables beneficios para a terceira idade, fomenta o envellecemento activo, retrasa a situación de dependencia e mellora a autoestima. 

Con todo isto, o proxecto ‘Exercítate’ proporciona ás persoas maiores uns efectos beneficiosos, tanto preventivos que axudan a previr o envellecemento do cerebro e con el as enfermidades que teñen que ver coa perda da memoria (demencia, Alzheimer, etc.), como de mantemento, rehabilitadores, psicolóxicos, en canto desenvolve un espírito de superación importante que inflúe en todos os ámbitos de vida cotiás, á vez que axuda a combater o estrés, a ansiedade e a depresión e distrae e evade das preocupacións; e sociais, posto que favorece o traballo en equipo e desenvolve o espírito de compañeirismo.

O obxectivo xeral deste programa é mellorar a calidade de vida das persoas maiores do Concello de Mos, así como aumentar a súa independencia funcional e autoestima. Utilizando unha metodoloxía activa e moi participativa, baseada na dinámica de traballo grupal, buscando as vantaxes que pode ofrecer un grupo tales coma favorecer as relacións sociais, facer as  actividades máis amenas, etc.

COGAMI retoma a atención grupal no centro que ten en Mos para persoas con discapacidade

0

Un total de 19 persoas usuarias do centro de recursos que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten en Mos (Avenida do Rebullón, s/n Puxeiros) acudiron esta mañá ao centro para retomar a práctica das actividades en grupo, suspendidas durante o pasado mes de marzo tralo decreto do estado de alarma.

Esta decisión tomouse despois de establecer protocolos de actuación e recomendacións coordinadas entre profesionais de COGAMI e as Consellerías de Política Social e Sanidade, atendendo en todo momento ás especificidades e necesidades do centro mediante un traballo conxunto e fluído con ambas consellerías de cara a garantir unha atención integral centrada na persoa. Ditos procedementos posteriormente foron aprobados pola área sanitaria de Vigo.

Durante estes primeiros quince días, acoden ás instalacións un máximo do 50% das persoas usuarias do centro; o resto irá incorporándose de maneira gradual, sendo o 75% dentro de quince días e, a partir do día 1 de outubro, incorporarase a totalidade das persoas usuarias do centro. As persoas que non reciben a atención grupal, continuarán, como xa facían ata o de agora, coa atención telemática e individualizada dende as súas casas.

Co fin de cumprir coa norma vixente de seguridade, tanto para as persoas traballadoras como tamén para as usuarias, deseñouse un plan de acción que comprende unha enquisa clínico-epidemiolóxica diaria, a toma de temperatura, a utilización de máscaras, lavado de mans con auga e xabón, mantemento de distancia física, uso xeles hidroalcólicos, cobertura dun rexistro de control de acceso, ademais da desinfección de instalacións, vehículos e produtos de apoio.

O centro de recursos de Mos conta cun comité de coordinación formado por profesionais do centro que se encargará de actualizar, implantar e facer seguimento do plan de acción establecido para que a actividade no centro poida desenvolverse da maneira máis normalizada posible e acorde coa nova realidade que estamos vivindo.

COGAMI presta servizo no centro de recursos de Mos a 44 persoas con discapacidade dos concellos de Mos, Vigo, O Porriño, Nigrán, Salceda de Caselas, Ponteareas e Redondela. De luns a venres asisten a programas de formación, novas tecnoloxías, desenvolvemento persoal e habilidades sociais, estimulación cognitiva, obradoiros de prensa, coiro, decoración, xardín, artes plásticas e visuais, ademais de fisioterapia, atención psicolóxica e rehabilitación funcional e da linguaxe, terapia ocupacional, asistencia ás actividades da vida diaria,… En definitiva, COGAMI presta servizos para cubrir as necesidades das persoas con discapacidade e familias, co fin de lograr a mellora da súa autonomía e calidade de vida.

O Rosal e SOS Tomiño continúan a estreitar lazos

0

O Concello do Rosal e a asociación asistencial SOS Tomiño continúan a estreitar os seus lazos de cooperación. Este martes, a alcaldesa Ánxela Fernández reuniuse co presidente e vicepresidente desta entidade, José Quinteiro e José Gómez, para falar da situación actual que se está a vivir no municipio e na comarca do Baixo Miño a consecuencia da COVID-19. Fernández, Quinteiro e Gómez aproveitaron a xuntanza para analizar as novas necesidades e situacións xurdidas a raíz da crise sanitaria e da nova realidade. Soamente durante o pasado mes de xullo SOS Tomiño entregou máis de 1.000 quilos de alimentos a persoas do Rosal, o dobre do que habitualmente repartían mensualmente a principios de ano.

Durante a reunión, alcaldesa e membros de SOS Tomiño tamén revisaron o balance de actuacións de 2019 na comarca, onde entregaron 150 toneladas de alimentos. Trátase do primeiro encontro entre Concello e SOS Tomiño dende que a rexedora situouse ao fronte do Departamento de Servizos Sociais.

A asociación SOS Tomiño dispón dunha nova páxina web (sostomino.org), un espazo que serve non soamente para dar a coñecer todo o que están a facer senón tamén como ferramenta para contactar coa xente. Así, por exemplo, durante o estado de alarma a entidade creou unha nova forma de colaborar ou de pedir axuda a través desta nova web.

Dende o Concello do Rosal quérese poñer en valor o gran labor que SOS Tomiño está a desenvolver de forma desinteresada a prol das familias máis necesitadas do Baixo Miño, polo que seguirá tendendo pontes para unha colaboración constante e efectiva. Tamén quérese agradecer a súa boa disposición e a coordinación cos voluntarios e voluntarias de Protección Civil, que colaboran nas tarefas de reparto de alimentos e que cada día traballan arreo para dar resposta a todas as necesidades do municipio.

Nigrán contrata a tres persoas desempregadas do municipio para conserxes dos colexios ao abeiro do Plan Concellos da Deputación

0

O Concello de Nigrán incorporou este martes a través da liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra a contratación dos 3 conserxes para os colexios públicos de Nigrán. Todos eles son veciños do municipio que se atopaban en situación de desemprego e terán que desenvolver o seu traballo no reparto e recollida de correspondencia, fotocopias, escaneado, atención telefónica e presencial, colaborar cos docentes na entrada e saída dos menores, nos recreos ou nas actividades do centro.

“Son postos que non están cubertos dende a Consellería de Educación e que consideramos prioritarios para un perfecto funcionamento diario nos colexios, xa que contribúen a dar un mellor servizo aos nenos e, por ende, a toda comunidade educativa”, indica González.

Marina Vidal coa nova conserxe do Colexio de Mallón

O proceso selectivo, que se levou a cabo a través da oficina de Baiona dentro da máis absoluta transparencia, foi acorde ás bases establecidas, dándose prioridade ás vítimas da violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas con familia monoparental con fillos ao seu cargo, persoas cos niveis de renda máis baixas ou ás que teñen cargas familiares.

“Trátase dunha das peticións das direccións dos colexios e das ANPAS na reunión que se mantivo a pasada semana para coordinar co goberno local o inicio do curso escolar”, indica Marina Vidal, concelleira de Educación.

Dentro de este mesmo programa xa levan dende o mes de xuño traballando contratados 17 peóns forestais e 2 albanéis. Entre as labores que desenvolverán a xornada completa os 17 peóns forestais atópase a conservación dos bens municipais, o mantemento das estradas, camiños e roteiros en perfecto estado, poda de árbores ou arbustos, a protección do medio ambiente ou a preservación das instalación escolares ou zonas verdes.Os dous albanéis integraranse no equipo do Concello 8 meses co obxectivo de traballar na execución de elementos construtivos, o que inclúe eliminar entullo, carga e descarga de materiais, montaxe e desmontaxe de estruturas temporais, preparación de morteiros, cavar buracos, gabias, acequias… Todo elo con especial atención ao mantemento das diferentes instalacións públicas.

A elección destes tres perfís fundaméntase na necesidade do Concello de manter axeitadamente os servizos municipais nun tipo de áreas no que o persoal habitual do Concello resulta insuficiente. O obxectivo pararelo é que os beneficiarios melloren a súa capacitación e, con elo, as posibilidades de incorporarse ao mercado de traballo ordinario tras rematar no Concello.

Lazoiro denuncia o uso de maquinaria pesada no Castelo de Santiago de Aitona, en Salvaterra de Miño

A Asociación Lazoiro de Salvaterra de Miño vén de denunciar o traballo que está a realizar maquinaria pesada na zona do Castelo de Santiago Aitona, declarado como BIC con referencia RI-51-0008972. Trátase –explica Lazoiro– “dunha fortificación abaluartada realizada en terra e situada no lugar do Casal, nun estado de abandono por parte da administración e sen ningún tipo de sinalización”.

Cómpre salientar que Lazoiro leva anos solicitando a súa sinalización e mesmo formalizou fai uns meses unha queixa perante Patrimonio, “que fixo caso omiso das nosas advertencias”, asegura a Asociación que, nesta mesma semana tivo coñecemento da realización de obras de grandes dimensións con maquinaria pesada “que afecta ao BIC ao tratarse de movemento de terras, talas de árbores e levantamento dun muro de grandes dimensións”.

Lazoiro lamenta unha vez máis o abandono, tanto por parte de Patrimonio coma do Concello de Salvaterra, do Castelo de Santiago Aitona, “que podería ser usado para fomentar o turismo e posta en valor do noso patrimonio”.

O Paseo da Corredoira de Tui acolle esta fin de semana a Feira de Oportunidades ACITUI

0

A Casa do Concello de Tui acolleu no día de onte a presentación da Feira de Oportunidades que organiza ACITUI en colaboración co Concello de Tui. No acto estiveron presentes alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez e o presidente da Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui, ACITUI, Juan Carlos Blanco.

Haberá 20 postos de téxtil, calzado, complementos e xoguetes distribuídos polo Paseo da Corredoira este sábado e domingo, en horario de 11 h a 21 h. Ademais en ambas xornadas contarase con diversas actuacións musicais. O sábado actuará a banda Lembranzas da Terra e Carmen Penin na Praza da Fromista. Pola noite as Lagharteiras, serán as protagonistas, no Palco da Música. O domingo haberá pasarrúas da mán do Grupo Xuntanza de Randufe e a visita de Mickey e Minnie.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro apuntou na súa intervención a necesidade de apoiar ao comercio local, un dos sectores máis castigados pola actual crise sanitaria. Un evento “compatible e necesario” que pode desenvolverse con seguridade na cidade. Tamén, recordou que o Concello de Tui mobilizou 1 millón de euros para tratar de paliar precisamente os efectos económicos da pandemia da COVID-19.

A concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez sinalou esta Feira de oportunidades coma un evento de vital importancia para que o comercio local poida dar saída ao seu stock.

Mentres, o presidente de ACITUI, Juan Carlos Blanco aproveitou para convidar á cidadanía a visitar a Feira, que contará coas medidas necesarias para garantir a seguridade dos asistentes e suporá un “impulso ao comercio local”.

A Feira de Oportunidades tivo que aprazarse en marzo debido ao estado de alarma. Esta fin de semana celebrarase cumprindo os protocolos sanitarios. Haberá control de aforo e de temperatura, os postos estarán delimitados e diferenciarase os accesos e as saídas, para evitar aglomeracións. Ademais, os asistentes deberán levar a máscara e terán a súa disposición xel desinfectante.

Este venres en Ponteareas, actividade de orientación nocturna no casco urbano

Este venres, 4 de setembro a partir das 21 horas, terá lugar en Ponteareas unha proba de orientación nocturna organizada pola Concellería de Mocidade que xestiona Miguel Bouzó e incluída dentro do programa de actividades ‘Mocidade Viva’. A proba desenvolverase baixo estritas normas de seguridade sanitaria e distanciamento social.

A inscrición será totalmente de balde e poderá realizarse en catro categorías: Xestiñas para os máis cativos e cativas, Xestas Xóvenes de 12 a 30 anos cun nivel físico e técnico medio, Xestas para adultos con nivel físico e técnico medio tamén e Xesteiras para persoas con coñecementos de orientación e nivel físico e técnico alto.

Enmarcada na programación de Mocidade Viva, nesta proba de orientación nocturna que se desenvolverá polo casco urbano pódese participar en equipo ata un máximo de catro membros ou de xeito individual.

Durante a proba haberá que visitar todas as balizas establecidas na orde que se indica e no tempo establecido pola organización. As saídas serán escalonadas en tempo non saíndo en ningún momento dúas persoas ou equipos no mesmo minuto.

A organización facilitará unha tarxeta electrónica para ir rexistrando o paso por cada unha das balizas debéndose completar o percorrido en orde dende a saída ata a meta.

Ao rematar a proba terá lugar un avituallamento. Os tempos poderán ser consultados en tempo real coa axuda dun código que irá impreso no mapa. A inscrición a poderán realizar as interesadas e interesados nesta ligazón

A Biblioteca ‘Xela Arias’ de Chapela reabre as súas portas logo do ‘parón’ do mes de agosto

0

Logo das vacacións de agosto, a Biblioteca ‘Xela Arias’ de Chapela xa abriu as súas portas dende onte, 1 de setembro, e está ao dispor de usuarios e usuarias que poden devolver os préstamos, levar novos documentos ou usar as súas instalacións.

O horario de biblioteca será, ata o vindeiro 11 de setembro, de luns a venres de 9 h a 14 horas. A partir do luns 14 de setembro, cambia o horario pasando a ser de tarde entre as 16 horas e as 21 horas.

Mos reanuda as reunións da Comisión de Seguimento da COVID-19

0

O Salón de Sesións do Concello de Mos acolleu no día de onte unha nova reunión da Comisión de Seguemento da COVID-19, unha xuntanza de traballo que realizase en previsión de posibles rebrotes e na que se analiza e se establecen estratexias de seguridade, protección e prevención ante o virus.

A Comisión estivo presidida pola alcaldesa, Nidia Arévalo, quen subliñou a necesidade de “estar preparados ante posibles rebrotes e sobre todo poñer en marcha o protocolo de prevención que temos deseñado para todas as instalacións que reabren este mes e que permanecían pechadas desde marzo, tales como as Escolas Infantís, os colexios, campos de fútbol, Piscina Municipal e pavillóns”.

O devandito protocolo incluirá, entre outras moitas medidas, a vixiancia por parte dos 8 axentes da Policía Local de Mos de colexios, Escolas Infantís, Instituto, campos de fútbol e pavillóns; as directrices a seguir tanto polo persoal como polos usuarios das instalacións, a desinfección exterior das mesmas coordinada entre a empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza e o Servizo Municipal de Emerxencias de Mos… etc.

Para informar aos colectivos interesados respecto das novidades, medidas, e datas de reapertura, iniciouse unha nova ronda de reunións entre o equipo de goberno, técnicos municipais e membros do tecido asociativo mosense. Precisamente esta tarde terán lugar dúas destas xuntanzas nas dependencias da Axencia de Colocación de Mos, coas ANPAS das Escolas Infantís e, a continuación, coas ANPAS dos CEIPs. Durante os próximos días iranse celebrando novas reunión como a que se manterá cos clubes deportivos que fan uso dos pavillóns municipais, etc.

Ademais durante a Comisión de Seguemento desta mañá abordouse tamén a inminente reanudación da entrega de alimentos de Mos Axuda con motivo da COVID-19, habendo prevista unha próxima entrega este mesmo mes de setembro; e do servizo de apoio por parte de Emerxencias e Protección Civil aos fogares con algún membro contaxiado mediante a realización da compra no supermercado e farmacia, desinfeccións, traslado á realización das pertinentes probas médicas, revisións… etc. Ademais continúa en activo o SAF (Servizo de Axuda no Fogar) Temporal Extraordinario posto en marcha como reforzo ante a pandemia e que en ningún momento se interrompeu desde a súa posta en marcha. Este SAF extraordinario continuará de momento, polo menos ata finais de ano.

A data prevista para a reapertura dos Campos de Fútbol Municipais de Cototorrón e As Baloutas, dos Pavillóns Municipais e da Piscina Municipal sita no Pavillóns Óscar Pereiro é o 14 de setembro. O resto das instalacións do Pavillón Óscar Pereiro está previsto que abran as súa portas ao público o 15 de outubro.

Aberta a inscrición para unha xornada de escalada no monte Santa Trega da Guarda

0

A concellería de Deportes do Concello da Guarda organiza para o día 19 de setembro unha xornada de escalada no monte Santa Trega. A actividade levarase a cabo en dous grupos, dependendo da idade das persoas participantes.

As persoas de 10 a 15 anos acudirán de 11 a 14 horas e para as maiores de 16 anos a actividade será de 17 a 20 horas. Unha vez se confirme a praza por parte do Concello cada participante terá que facer efectivo o prezo da praza que neste caso será de 10 €.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse no seguinte formulario online https://forms.gle/eUsjdz15DV41iJaf6

Dende o móbil, podedes escanear o código QR do cartel e acceder directamente ao formulario de inscrición

Para máis información, as interesadas e interesados poden dirixirse á OMIX, no mail [email protected] ou no teléfono 676 347 890

Ismael Romero do ‘Pontebike Team’, ao Campionato de España de Enduro

Ismael Romero Ucha, integrante do ‘Pontebike Team’, club de Enduro recentemente creado en Ponteareas vén de ser seleccionado para participar coa Selección Galega no Campionato de España de Enduro que se celebrará os dias 12 e 13 de Setembro en Castejón de Sos, en Huesca, en plenos Pirineos Aragoneses.

Ismael Romeu e un ciclista da categoría junior que promete unha enorme proxección no panorama do Enduro e DH nacional. Actualmente ocupa a segunda praza do Open de España de Enduro, competición na que se mide cos ‘grandes’ desta especialidade a nivel nacional e internacional.

O club Ciclista Pontebike Team márcase o reto de darlle saída aos mozos e mozas do Condado, que lles guste practicar o ciclismo de enduro ou descenso. Ofreceselles por tanto a oportunidade de ter un club especializado para eles e elas, onde realizar as súas licenzas federativas e onde ter un equipamento con patrocinadores da zona.

En definitiva, o que busca o Pontebike Team non é outra cousa que axudar a que as mozas e mozos que practican libremente esta modalidade en auxe, poidan dispoñer dun seguro federativo, dunha estrutura que os apoie e, ao mesmo tempo, que o custo sexa o menor posible xa que moitos deles son menores de idade e as familias élles complicado asumir os custos desta modalidade.

O festival ‘Brevescénica’ e os concertos protagonizan a derradeira semana do Baiverán de Baiona

0

Arranca o mes de setembro e a Concellería de Cultura do Concello de Baiona, que xestiona Miriam Costas continúa ofrecendo alternativas culturais e de lecer para veciños e visitantes. Así, esta semana, o cine, os concertos e o festival Brevescénica protagonizan a programación.

Mañá mércores, terá lugar o concerto de Atlantic’s (ás 20:30 h, no Parque da Palma). O grupo indie de Nigrán ten un repertorio fresco e expresivo e un potente directo.

O xoves, tamén no Parque da Palma, ás 20:30 h, subiránse ao escenario os músicos Tonichi y Pacheco, unha proposta artística que mestura o virtuosismo musical centrado nas grandes figuras da guitarra cunha ampla selección de cancións e toques de humor.

O venres e o sábado celébrase en Baiona o microfestival ‘Brevescénica’, unha aposta polas artes escénicas e o teatro. O venres, na rúa Carabela Padre Fernando, ás 19:00h., Helen Bertels súbese ao escenario co seu espectáculo ‘Poemas para llevar’. Dúas horas despois, no hall do Concello e con aforo limitado, Marta Pérez representará ‘Sofía’. Xa o sábado, a actriz Arantxa Treus representará o seu espectáculo ‘Sorpresa’ nos Jardines de la Navegación, ás 20:00 h Ás 21:00 h, no hall do Concello e con aforo limitado, é a quenda de Paula Sanmartín con ‘Desvío I’.

O domingo día 6, tamén no Parque da Palma ás 20:30 h, terá lugar o último concerto do Baiverán. Para pechar estarán os baioneses La Patrulla. A formación naceu no ano 2015 como grupo de versiones de éxitos dos anos 80, 90 e da actualidade.

Todos os espectáculos estarán supervisados por un técnico de prevención que certificará que o espectáculo sexa seguro tanto para os profesionais que actuarán no Baiverán como para o público en xeral.

O Orzamento 2020 de Salceda de Caselas supera os 5.000.000 de euros

O Concello de Salceda de Caselas ven de aprobar inicialmente o seu Orzamento Municipal para o ano 2020. As contas, por un total de 5.000.340 € supoñen un incremento de cerca de 200.000 € respecto do orzamento anterior, o que lle permite ao Concello ir achegándoo á súa necesidade real de gasto.

A concelleira de Facenda, Lucía Pereira, que agradecía o traballo realizado polos departamentos de tesourería e intervención “nun ano complicado coma este”, subliñaba que, en pouco máis dun ano “o Goberno local foi quen de aprobar os seus orzamentos” e dese xeito “cúmprese co acordo establecido no pacto de goberno”, aputa a concelleira.

O capitulo de persoal, –un dos máis grandes e que máis aumenta–, recolle como novidade a consignación económica necesaria para os postos de Tesourería (que pasa a ser de habilitación nacional) e Oficial de Policía. Estes postos –destaca o Goberno local– “resultan fundamentais para unha mellor optimización do traballo municipal, o que sen dúbida se verá reflexado nos servizos prestados á cidadanía”.

O capítulo de inversións recolle 313.835 € que se reparten en distintas partidas, como pavimentación de viais, mellora de edificios ou adquisición de bens.

Doutra banda e a pesar da situación de inactividade que están a ter en xeral as asociacións por mor da COVID, tal e como xa anunciara o equipo de goberno mantéñense os 92.000 € en subvencións nominativas para o tecido asociativo de Salceda, aos que hai que sumarlle máis de 30.000 € destinados a apoio de eventos culturais e deportivos e deportistas individuais, canalizados a través da partida de protocolo e propaganda.

Amais dos orzamentos, a concelleira de Facenda Lucía Pereira, amosaba a súa satisfacción polo feito de que “a Conta Xeral está a piques de rematar o período de exposición pública, o que nos permitirá aprobala dentro dos prazos establecidos”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, facía fincapé sobre a importancia que teñen “uns orzamentos actualizados” para dar resposta ás necesidades da veciñanza “sobre todo nunha vila como Salceda que destaca polo seu dinamismo e polo seu constante crecemento”.

Castiñeira amosaba a súa satisfacción non só por “ter levado adiante un orzamento real”, senón tamén “polo grandísimo traballo de equipo que hai detrás”.

O CIM da Guarda viste setembro de teatro con ‘A nena que quería navegar’ e ‘Invisibles’

0

O Centro de Información á Muller (CIM) da Guarda programa neste mes de setembro dúas funcións teatrais, coa representación de ‘A nena que quería navegar’ e ‘Invisibles’. Para ámbalas dúas representacións teatrais seguirase un estrito protocolo Covid-19, polo que é preciso inscribirse previamente chamando ao Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850 ou acudindo ata o propio Centro Cultural con anterioridade xa que o aforo é limitado.

O domingo día 13 de setembro ás 18:00 h o Centro Cultural da Guarda acolle a representación teatral de ‘A nena que quería navegar’, unha obra dirixida ao público infantil. Trátase dunha comedia para público familiar que trata de visibilizar e paliar as consecuencias do acoso escolar a través de técnicas de reforzo positivo e aumento da autoestima. Un espectáculo optimista, colorista, emocionante, reflexivo e festivo no que se mesturan distintas disciplinas como os monicreques, o teatro de obxectos, as vídeo proxeccións e a música en directo.

Doutra banda, o venres 18 de setembro ás 21:00 h terá lugar a representación teatral de ‘Invisibles’, unha obra dirixida ao público adulto, unha adaptación do libro homónimo da xornalista Montse Fajardo que relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. Protagonizado por Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez baixo a dirección de Marián Bañobre.

Esta actividade está subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade e polo Pacto de Estado.

A webinar do investigador Xosé García Bustelo abrirá o 17 de setembro o ciclo de conferencias científicas ‘Aída Fernández’

A webinar sobre o cancro a cargo do profesor de Investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) Xosé Ramón García Bustelo abrirá o día 17 de setembro o primeiro Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que a Deputación de Pontevedra organiza en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias. Este ciclo ten como obxectivo principal achegar a ciencia á sociedade e, debido á pandemia da Covid-19, será on line en formato webinar e precisará inscrición previa. Deste xeito, para esta primeira sesión as persoas interesadas en participar poden apuntarse a partir deste martes 1 de setembro na web da Deputación (www.depo.gal).

A charla de García Bustelo que, como o resto das previstas, está aberta a todos os públicos que desexen informarse sobre temas de actualidade, leva por título ‘Cancro: dos fundamentos ás novas terapias’ e nela abordará de forma sinxela cales son as bases moleculares desta enfermidade. Tamén falará de como ese coñecemento se está a traducir no desenvolvemento de novas terapias dirixidas contra as células tumorais e que teñen efectos colaterais cada vez máis pequenos nos tecidos sans do noso organismo. Así mesmo, estes avances están a cambiar a forma na que as e os pacientes con cancro teñen que ser diagnosticados e seleccionados para poderen ser tratados efectivamente por esas terapias. Doutra banda, abordaranse tamén os retos que quedan aínda por diante para acadar mellores taxas de curación.

Xosé Ramón García Bustelo é profesor de Investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e vicedirector do Centro de Investigación do Cancro de Salamanca. Así mesmo, é coordinador do Programa Científico de Investigación Biomédica en Rede de Cancro e presidente da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA).

O ciclo Aida Fernández Ríos continuará a partir de outubro con outras seis webinars, que abordarán temas como a Intelixencia Artificial e o cambio de hora e o fuxo horario, así como cuestións relacionadas coa sanidade, con especial incidencia na Covid-19, o ciclo económico ou a acuicultura e biotecnoloxía, e que estarán impartidas por outras nove destacadas persoas científicas.

Na presentación deste ciclo, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacara a importancia deste tipo de actividades de divulgación, “xa que temos moito camiño que percorrer, temos que achegar a ciencia ao conxunto da sociedade, xa que o mundo depende da ciencia para poder avanzar”. Amais, a cita servirá tamén “para visibilizar a mulleres deste eido, como Aida Fernández Ríos”. Pola súa banda, a vicepresidenta da Real Academia de Ciencias e coordinadora do ciclo de conferencias, Alicia Estévez, destacara que ten como obxectivo “aumentar a cultura científica na sociedade, xa que unha sociedade máis culta é moito máis difícil que sexa manipulada”.

O Arealonga FS Chapela abre a inscrición para a nova tempada adaptada ás normas sanitarias marcadas pola pandemia

0

Comeza unha nova tempada de fútbol Sala e o Arealonga FS Chapela abre a inscrición para que todos os nenos e nenas poidan practicar este deporte. Será unha tempada marcada, como en todo, pola nova normalidade que nos toca vivir.

Para formalizar a inscrición, as e os interesados poderán facelo presentándose aos adestramentos que se desenvolven no Pavillón Municipal de Chapela ‘Manuel González Soto’ os martes e venres entre as 17 h e as 19 horas.

O club conta coas categorías biberón (2015-2016), prebenxamín (2013-2014), benxamín (2011-2012), alevín (2009-2010), infantil masculino e feminino (2007-2008), cadete masculino e feminino (2005-2006), xuvenil masculino e feminino (2002-2003-2004) e sénior masculino e feminino (— 2001).

Cómpre salientar, como se pode comprobar na composición das categorías, a forte aporta que o Arealonga F.S. fai polo fútbol sala feminino. Doutra banda e no caso da categoría biberón, o primeiro ano no club terá carácter totalmente gratuíto pero haberá un número limitado de prazas.

Debido á situación social e sanitaria, a volta á práctica deportiva debe de adaptarse ás normas marcadas polas autoridades sanitarias e deportivas competentes, motivo polo que o Arealonga F.S. realizará adestramentos adaptados a esta situación contando con monitores titulados.

As persoas en obter máis información poden dirixirse a través do teléfono ou whatsapp ao 662 111 339.

Colexios das Neves, Oia, Salceda e Salvaterra incorpóranse ao plan de mellora de bibliotecas escolares da Consellería de Educación

Os CEIP Marquesa do Pazo da Mercé das Neves e Refoxos de Oia e os CRA (Colexio Rural Agrupado) Raíña Aragonta de Salceda de Caselas e A Lagoa de Salvaterra de Miño, veñen de ser incluídos no Plan de melloras de bibliotecas escolares logo de que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicase hoxe no Diario Oficial de Galicia a correspondente resolución.

En total, neste curso, forman parte deste Plan un total de 705 centros públicos de Galicia. A dotación total asignada, para os centros de nova incorporación e para os de continuidade, ascende a 1.374.700‬ €. As asignacións para as novas incorporacións estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento.

No caso dos centros de continuidade, poderán destinar as asignacións a fondos, a mobiliario e outros equipamentos ou a gastos de funcionamento específicos da biblioteca, en función do ano no que se integraran no Plan.

Entre outras cuestións, a convocatoria establece que as adquisicións dos fondos se realizarán, preferentemente, a través das librerías da zona de referencia do centro, e que deberán incluír materiais destinados á atención da diversidade (libros e outros materiais destinados ao alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe, necesidades educativas especiais, altas capacidades, alumnado inmigrante etc.). Así mesmo, a multiculturalidade e as diversas linguas con presenza no centro deberán ser convenientemente contempladas; e o 50% dos materiais adquiridos deberán ser en lingua galega. Ademais, poderase mercar con estas asignacións mobiliario específico e adaptado ás necesidades da comunidade educativa.

Por outra banda, os centros incluídos neste programa poderán recibir formación específica, no contexto do Plan anual de formación do profesorado e do propio programa, así como asesoramento a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería, desde onde se coordinará o plan de mellora e se levará a cabo o seguimento e supervisión oportunos.

Máis de 400 persoas coñeceron este verán a riqueza natural de Nigrán a través das rutas guiadas polos sendeiros do municipio

0

“Neste verán optamos por multiplicar os roteiros porque temos un potencial inmenso que, nestas circunstancias sanitarias, é ideal para desenvolver con todas as garantías e tamén para mostrar a outra cara de Nigrán, que vai moito máis alá da praia. Tal como imaxinábamos foi un verán con con especial demanda deste tipo de actividades e quixemos darlle toda a cabida posible”, xustifica o alcalde, Juan González.

[su_image_carousel source=”media: 20057,20058,20059,20061,20062″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Juan González: “este verán optamos por multiplicar os roteiros porque temos un potencial inmenso que, nestas circunstancias sanitarias, é ideal para desenvolver con todas as garantías”

A rede de sendeiros municipal está integrada por un total de 8 roteiros que suman 51,5 km e percorren as 7 parroquias do municipio ofrecendo ao seu paso miradoiros, natureza, patrimonio… Son o sendeiro litoral que se inicia na Ramallosa e remata en Monteferro; o sendeiro circular das Medoñas (único con dificultade alta) que discorre por Priegue; o sendeiro do Camiño Portugués pola Costa desde A Ramallosa a Saiáns; o sendeiro circular de Camos desde a Capela de San Roque; o sendeiro circular do Castro por Chandebrito; o sendeiro circular dos Matos entre Camos e Chandebrito; o sendeiro circular dos Mouros por Parada e o sendeiro circular polo río Muíños na contorna de Praia América e Porto do Molle. Todos eles foron ofrecidos como rutas guiadas no mes de xullo e tamén agosto.

A OMIX de Tomiño súmase á formación online

0

A OMIX de Tomiño adáptase aos novos tempos para seguir ofertando á mocidade da vila cursos formativos atractivos e adaptados á demanda formativa dos máis novos e novas. Deste xeito, a OMIX organiza para este mes de setembro catro cursos que se impartirán a través dunha plataforma e-learning cun titor que atenderá de xeito personalizado todas as consultas do alumnado. Unha das grandes vantaxes deste sistema é que permitirá a cada participante escoller o seu propio horario e facer o curso cando queira ao longo de todo o mes.

Xa está aberto o prazo de inscrición en calquera dos catro cursos a través da páxina web do Concello. Cada curso terá un custe de 5 euros.

No curso básico de correo electrónico as persoas participantes aprenderán a crear unha conta en Google, a redactar correos electrónicos, a facer filtrado e clasificación de correos, a manexar programas de xestión de e-mails e a saber utilizados de xeito efectivo e produtivo. Para inscribirse hai que encher o seguinte formulario.

Durante este mes tamén poderá aprenderse a traballar na nube de Google. O obxectivo deste curso básico é aprender que significa traballar na nube, coñecer os pros e contras desta forma de traballo, coñecer programas de navegadores, trucos para dominar as buscas en Google, deseñar gráficos online ou saber xestionar a axenda con Google Calendar e outros servizos de Google como Drive, Photos, Google Alertes, as notas online ou o paquete de Google Office.Inscricións aquí.

Por outra banda, as persoas interesadas tamén poderán aprender a como utilizar a sede electrónica do Concello de Tomiño, onde descubrir máis sobre esta ferramenta que permite realizar calquera trámite administrativo as 24 horas os 365 días do ano dende casa, sen necesidade de achegarse ao concello. Dende volantes ou certificados de empadronamento, licencias de obras menores, solicitude de espazos públicos… todo a un sinxelo golpe de clic. As inscricións poden facerse aquí. Por último, este mes a mocidade tamén poderá facer un curso de aplicacións de Google: Google DOCS. Mediante este curso básico as persoas inscritas coñecerán todas as posibilidades que lles ofrece esta aplicación e aprenderán a preparar a páxina, formatos de texto, viñetas e numeracións, encabezados e pé de páxina, táboas, inxerir imaxes e/ou gráficos, índices e tabuladores, ferramentas básicas (tradución, corrección ortográfica), descargas e impresión ou complementos, entre outras cousas. As persoas interesadas nesta acción formativa poden inscribirse aquí.

A Policía Local interveu nunha festa privada na madrugada do sábado, rexistrou unha alcoholemia positiva e propuxo dúas sancións polo non uso da máscara

0

Unha intervención nunha festa privada de madrugada, unha alcoholemia positiva e dúas propostas de sanción por non usar a mácara foron as principais actuacións da Policía Local de Tui na fin de semana.

A Policía Local de Tui deu o alto na madrugada do venres ao sábado, ás 00.45 h, a un vehículo cuxos ocupantes non facían uso do cinto de seguridade. Deuse a circunstancia que o condutor tiña retirado o permiso de conducir polo xulgado, amais deu positivo na proba de alcoholemia. Os axentes tramitaron o correspondente atestado.

Tamén o sábado de madrugada, á 1.39 h, efectivos da Policía Local foron alertados da celebración dunha festa privada  nun recinto privado de uso público.  Os axentes comprobaron coma case a totalidade dos asistentes eran menores polo que deron aviso aos seus pais.

Durante a fin de semana a Policía Local realizou dúas propostas de sanción polo non uso da mascarilla, e colaboraron en distintas alertas co 112.

Galicia mantén o inicio do curso escolar para o 10 de setembro, coa incorporación gradual do alumnado

O curso escolar en Galicia comezará o 10 de setembro coa incorporación gradual do alumnado. Os primeiros en incorporarse ás aulas o xoves 10 serán os alumnos de 4º curso de Educación Infantil (3 anos) e 5º de Infantil; 1º, 2º e 3º de Educación Primaria; e Educación Especial. Ao día seguinte, o 11 de setembro, iniciarán o curso escolar os alumnos de 6º de Educación Infantil e os de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. Deste xeito, o venres día 11 estarían xa incorporados ás aulas a totalidade do alumnado das etapas de Infantil e Primaria.

No que atinxe ao resto das ensinanzas non universitarias, o inicio de curso tamén se mantén para o 16 de setembro e de xeito gradual. Ese día volverán ás aulas os alumnos de 1º e 2º de ESO e os de 1º de Bacharelato, 1º de FP Media e 1º de FP Superior; o día 17 de setembro farano os de 3º de ESO, de 2º de Bacharelato, 2º de FP Media e 2º de FP Superior; e finalmente o día 18 incorporarase o alumnado de 4º de ESO, e todos os cursos de FP Básica.

Este calendario gradual responde ao obxectivo de facilitar a organización por parte dos equipos directivos e a adaptación do alumnado ás novas dinámicas dos centros educativos, tal e como explicaron hoxe o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Jesús Oitavén, e o director xeral de Asistencia sanitaria da Consellería de Sanidade, Jorge Aboal, nun encontro no que deron conta das principais novidades na volta ás aulas logo de incorporar, por unha banda, as cuestións acordadas a semana pasada entre o Goberno central e as CCAA, e por outra, as últimas indicacións do comité clínico de expertos que asesora ao Goberno galego en diferentes ámbitos desde que comezou a pandemia. Deste xeito Galicia é a primeira comunidade en adaptar o seu protocolo ás actuacións consensuadas co Goberno do Estado. As Instrucións polas que se incorporan a declaración de actuacións coordinadas en materia de saúde pública aprobadas polo Consejo Interterritorial do Sistema Nacional de Salud Pública e a actualización das recomendacións sanitarias do Comité Clínico ao protocolo do 22 de xullo de adaptación ao contexto da COVID 19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021 poden consultarse no Portal Educativo, cos cambios resaltados respecto da anterior versión do Protocolo, na seguinte ligazón: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/31754

Organización das aulas

Para a organización do alumnado nas aulas, mantéñense os grupos de convivencia estable (sen necesidade de aplicar limitación de distancia) para o alumnado de Infantil e Primaria. Canto ás etapas superiores (ESO, Bacharelato e Formación Profesional), establécese que os postos escolares manterán unha distancia de 1,5 metros entre si medidos desde o centro da cadeira. Para cumprir con esta medida pódese retirar mobiliario da aula ou buscar espazos alternativos se o tamaño da aula impide manter a distancia. Se estas dúas opcións non fosen posibles, efectuarase o desdobre da aula.  

Presencialidade, uso de máscara

Por outra banda, o Protocolo de adaptación ao contexto da Covid 19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o  curso 2020-2021 que foi presentado o pasado xullo, inclúe de maneira explícita a presencialidade, polo que a actividade lectiva será presencial en todos os niveis e etapas do sistema educativo, priorizándoa para o alumnado de menor idade, polo menos ata 4º de ESO.

Tamén se incorpora a xa anunciada obrigatoriedade da máscara para o alumnado de Primaria (que deberá tamén levar unha segunda máscara de recambio nun estoxo); e a recomendación do seu uso para os nenos de Infantil, sempre que sexa posible.

Toma de temperatura domiciliaria

Tal e como se estableceu nun primeiro momento no Protocolo, serán as familias as que realicen a medición de temperatura e a avaliación doutros síntomas, diariamente nos seus domicilios antes de acudir ao centro escolar. En todo caso, os centros educativos deberán informar de que o alumnado con sintomatoloxía non pode acudir ao centro; e confirmar que esta información foi recibida.

Comedor e transporte

No que atinxe á organización do servizo de comedor escolar, os comensais deberán gardar unha distancia de 1,5 metros, sentados en oblicuo, e con postos fixos para cada un durante todo o curso escolar. Para garantir o servizo a todos os usuarios, a entidade xestora do servizo de comedor pode establecer quendas, utilizar espazos lindeiros ou instalar mamparas ou separacións de cando menos de 60 centímetros de altura colocadas directamente sobre o mesado, para o cal non sería preciso manter a distancia mínima.

No caso do alumnado transportado, co fin de garantir un mellor seguimento dos contactos, tamén se engade a asignación de asentos fixos para todo o curso escolar.

Xestión de gromos

De acordo co establecido na Guía de actuación ante a aparición de casos de Covid-19 en centros educativos e no Protocolo de actuación da consellería de Sanidade en materia de Saúde Pública en relación con illamentos e corentenas para a prevención e control da infección por SARS-Co-V-2, é a autoridade sanitaria a que irá definindo distintas medidas de illamento e cuarentena dependendo das características específicas e particulares de cada gromo. Así, en función do número de contaxios, poderá ordenar a corentena dun grupo determinado de contactos estreitos do centro escolar, o peche dunha ou varias aulas, dun nivel educativo ou do centro educativo na súa totalidade.