O CIM da Guarda viste setembro de teatro con ‘A nena que quería navegar’ e ‘Invisibles’

O Centro de Información á Muller (CIM) da Guarda programa neste mes de setembro dúas funcións teatrais, coa representación de ‘A nena que quería navegar’ e ‘Invisibles’. Para ámbalas dúas representacións teatrais seguirase un estrito protocolo Covid-19, polo que é preciso inscribirse previamente chamando ao Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850 ou acudindo ata o propio Centro Cultural con anterioridade xa que o aforo é limitado.

O domingo día 13 de setembro ás 18:00 h o Centro Cultural da Guarda acolle a representación teatral de ‘A nena que quería navegar’, unha obra dirixida ao público infantil. Trátase dunha comedia para público familiar que trata de visibilizar e paliar as consecuencias do acoso escolar a través de técnicas de reforzo positivo e aumento da autoestima. Un espectáculo optimista, colorista, emocionante, reflexivo e festivo no que se mesturan distintas disciplinas como os monicreques, o teatro de obxectos, as vídeo proxeccións e a música en directo.

Doutra banda, o venres 18 de setembro ás 21:00 h terá lugar a representación teatral de ‘Invisibles’, unha obra dirixida ao público adulto, unha adaptación do libro homónimo da xornalista Montse Fajardo que relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. Protagonizado por Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez baixo a dirección de Marián Bañobre.

Esta actividade está subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade e polo Pacto de Estado.

Scheduled A Guarda