14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Concello de Ponteareas lembra que a rede de calor con...

    O Concello de Ponteareas lembra que a rede de calor con biomasa é un proxecto exemplar e inócuo

    Conta con amplo consenso político, todos os informes legais e técnicos favorabeis e o apoio económico da Unión Europea

    O goberno municipal do BNG e PSOE lembrou que a “a rede de calor con biomasa é un proxecto exemplar, de vangarda, inócuo, feito con rigor técnico e legal e que conta con todos os informes legais e técnicos favorabeis e o apoio da Unión Europea”.

    O executivo local amósase “sorprendido” diante das críticas que lidera o Partido Popular “quen votou a favor do proxecto no que xa figuraba a ubicación da instalación e as súas características”. Neste sentido o goberno municipal “lamenta que agora, por oportunismo partidista pretendan xerar alarma entre a veciñanza manipulando a realidade”. Segundo o alcalde Xosé Represas “o PP equivócase porque as dúbidas ou temores que a súa atitude irresponsábel poda provocar quedarán disipados cando a instalación comece o seu funcionamento, deixando en evidencia a súa falta de seriedade”.

    O Concello salienta que a instalación é o resultado dun proxecto redactado por profesionais dunha enxeñería con ampla experiencia que conta con todos os informes técnicos e legais favorabeis que certifican que a actuación se axusta á legalidade desde o relativo á titularidade da parcela até a normativa urbanística, ambiental, de protección do patrimonio, etc.

    Respecto ás dúbidas sobre o impacto e as molestias da instalación, o Concello é contundente: a instalación é inócua e non xerará impacto nin molestias. A construción atópase nunha parcela de 490 m2 ocupando 83 m2 que representan tan só o 17% do sola e a súa altura é de 7 metros que contrasta cos até 22 metros dalgún dos edificios colindantes.

    En canto ao período de funcionamento da instalación será de seis meses ao ano, pois a rede está destinada a calefacción. O goberno explica que o tráfico pesado que vai xerar é mínimo. “O silo ten unha autonomía de 22 días e, pola súa capacidade, só precisa a carga dun camión semanal de 45 m3, pouco máis grande que o vehículo do servizo municipal de recollida de enseres”, sinalan desde o executivo local, lembrando que “hai supermercados no casco urbano que realizan descargas a diario con camións que duplican ese volume”. Os camións accederán logo das 19:00 horas tralo peche do Centro de Día.

    Respecto ás emisións, o goberno salienta que mentres unha instalación de gasoil de igual capacidade para abastecer aos edificios públicos xera 365.000 kgs de CO2 ao ano, a de biomasa tan só 18.000, é dicir, 20 veces menos cunha redución do 95% de contaminación. En canto á cheminea, o seu diámetro é semellante ao das saídas de gases exteriores de diferentes establecementos de restauración instaladas en fachadas de edificios da localidade. Respecto á súa altura, tal e como obriga a normativa urbanística, situarase un metro por enriba do cumio da edificación máis alta, como acontece coas saídas exteriores de gases dos restaurantes.

    O Alcalde lembra que apostar por iniciativas como a rede de calor con biomasa é poñer a Ponteareas na vangarda das políticas de eficiencia enerxética, aforro económico e promoción do emprego local. Xosé Represas conclúe que “coa rede de calor evitamos os combustibeis fósiles altamente contaminantes, reducimos espectacularmente as emisións de CO2, usamos un sistema de maior poder calorífico, cun combustíbel máis barato, aforrando un 30% na nosa factura da calefacción, evitamos os riscos de explosión das caldeiras de gasoil e os malos cheiros destas, e promovemos o emprego local e rendementos para as comunidades de montes a través da transformación da madeira en astilla na nosa zona”. O Alcalde lembra que este tipo de instalacións existe desde hai anos sen crear problema algún na vila balnear de Mondariz Balneario, e neste caso cun 70% de maior potencia que a de Ponteareas, para subministrar calor a un complexo hoteleiro.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.