Domingo, 13 Xullo de 2025

Basilio Porto do Badminton As Neves, campión galego sub-15 no Campionato celebrado no Colexio Rosalía Castro

Basilio Porto, do Club Badminton As Neves, vén de proclamarse campión galego no Campionato Galego de Bádminton sub-15 que se disputou nas instalacións do Colexio Rosalía Castro coa organización do Club Escola Rosalía. Un total de cincoenta deportistas de sete clubs participaron neste torneo –que contaba co apoio da Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo– que cumpriu, con rigorosidade, as normas sanitarias que para este tipo de acontecementos estipula específicamente a Secretaría Xeral para o Deporte.

Na categoría masculina Basilio Porto proclamábase vencedor, mentres que Nikol Cardulla, da Estrada, facía o mesmo na categoría feminina. En dobres masculinos a mellor era a parella formada por Rubén Comerán e Alejandro Barcala, da Estrada; mentres que Alba Prada e Salai Novoa, da Coruña, proclamábanse vencedoras en dobres femininos. Finalmente, os dobres mixtos eran para a parella formada por Nikol Cardulla e Rodrigo Sanjurjo.

[su_image_carousel source=”media: 24256,24257,24258,24259″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Campionato de Europa junior

Doutra banda, España impúxose a Serbia por 3-2 e desa forma pasa como primeira de grupo no Campionato de Europa junior que se disputa na localidade finlandesa de Lahti e rompe o seu teito de 2015, cando non superou a primeira rolda. Estonia, Alemaña e Suecia serán un dos equipos adversarios nos cuartos de final. España terá un lugar de privilexio no sorteo.

Galicia rexistra, este sábado, un total de 8.762 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 8.762 deles 1.473 son da área da Coruña, 894 da de Lugo, 1.397 da de Ourense, 918 da de Pontevedra, 1.924 da área de Vigo, 1.349 da de Santiago, e 807 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 69 están en UCI, 405 en unidades de hospitalización e 8.288 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 26.900 persoas curadas, rexistrándose 910 falecementos. O número de PCR realizadas é de 682.669.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais. Os colexios afectados en toda Galicia poden descargarse nesta ligazón.

Salvaterra desenvolve, un ano máis, unha campaña de prevención da violencia de xénero nos seus centros educativos

Un ano máis os colexios de Salvaterra de Miño participan no proxecto Prevención da Violencia de Xénero en Educación, iniciativa posta en marcha dende o Concello de preside Marta Valcárcel e subvencionada pola Deputación de Pontevedra.

O Concello considera “que é un programa moi importante para nenos e nenas” xa que busca favorecer “as relacións de xénero saudables, baseadas na igualdade, no respecto mutuo e na liberdade individual”. Iniciativas como estas, engade o Goberno local, “permiten anticiparse ao establecemento das relacións asimétricas entre o home e a muller que supoñan o sustento da violencia de xénero nas súas distintas modalidades,  ademais de apoiar ao profesorado na educación emocional do alumnado”.

O programa vai dirixido ao alumnado e profesorado de 3º e 4º de primaria do CEIP Infante Felipe, CEIP de Leirado e CEP Carlos Casares, e nel participarán arredor de 215 alumnos e alumnas.

Todas as actividades serán presentadas e programadas xunto cos centros educativos durante o mes de novembro, uns de forma presencial e outros de forma online. No CEIP Infante Felipe as xornadas serán a semana do 2 ao 6 de novembro, xoves e venres, a semana do 9 ao 13 de novembro, xoves e venres, e a semana do 16 ao 20 de novembro, xoves e venres ; o CEP Carlos Casares os mércores 11, 18 e o xoves 26 de novembro. Sesións de 09:40 a 10:30 e de 10:30 a 11:20; e por último CEIP Leirado (online)martes 3, 10 e 17 de novembro de 10:00 a 10:50 con terceiro e de 10:50 a 11:40 con cuarto.

Ademais este programa inclúe como novidade a elaboración dun vídeo onde se mostrarán esas accións e obxectivos a cumprir, que se irá elaborando de aquí a finais de curso.

“Con iniciativas como estas o Concello pretende que os nosos nenos e nenas obteñan unha educación baseada na integración, igualdade e respecto”.

Unanimidade en Salceda para pedir unha segunda escola Galiña Azul

O Pleno do Concello de Salceda de Caselas aprobou o xoves por unanimidade a solicitude de construción dunha segunda escola infantil de 0 a 3 anos no municipio, nos terreos que o Concello posúe ao lado do novo centro de saúde, na rúa Mártires de Sobredo.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, lembrou que no ano 2018, representantes municipais mantiveron unha xuntanza co Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, para trasladarlle a necesidade dunha segunda escola infantil en Salceda de Caselas. O Xerente do Consorcio amosouse de acordo coa necesidade dunha segunda escola infantil, comprometéndose a traballar no proxecto dende o equipo técnico municipal.

Pese a iso, asegurou a rexedora local que foi a encargada de defender a moción no Pleno, “a día de hoxe o Concello non ten noticias de que se estea a xestionar a construción da segunda escola infantil” polo que Castiñeira apelou “á rigorosidade da Xunta e o Consorcio, coñecedores da necesidade de dotacións para a poboación infantil nun Concello coma o noso, na que nacen unha media de 100 nenos e nenas cada ano, e no que levamos moitos anos con listas de agarda na única escola infantil da que dispoñemos actualmente. O Concello puxo todo da súa parte, coa disposición de terreos e a redacción do proxecto básico, e agora tócalle á administración autonómica cumprir coa veciñanza de Salceda”.

Tal e como salientou Loli Castiñeira, Salceda de Caselas ten a sorte de ser unha das vilas con maior índice de natalidade de toda Galicia, “polo que as diferentes administracións deben unir esforzos en ofrecer servizos de calidade para os nenos e nenas”. As prazas da única escola infantil de Salceda resultan a todas luces insuficientes tal como demostran os datos, con 76 nenos/as en lista de agarda no 2018, 52 no 2019 e 34 no 2020, cun claro descenso de solicitudes neste ano por mor da COVID19. 

Actualmente a Xunta de Galicia está a diminuír as cifras das listas de agarda sufragando os gastos en escolas infantís privadas, cando a aposta debería ser a de construír novas escolas públicas, por exemplo no noso Concello.

O 10 de agosto de 2018 o Concello de Salceda enviou anteproxecto de Escola Infantil a realizar na parcela situada na Rúa Mártires de Sobredo de Salceda de Caselas, para o seu estudo e aprobación por parte de dito Consorcio. Dita parcela está cualificada xa como parcela de equipamentos EQ02 dentro do PERI UE-02, polo que se pode dispoñer dela para este uso de xeito inmediato.

O 27 de setembro de 2018 enviouse proxecto básico para a construción dunha nova escola infantil en Salceda de Caselas, solicitando tamén a emisión do correspondente informe sectorial.

O pasado 28 de setembro, a Alcaldesa, a Concelleira de Benestar e a ANPA da Galiña Azul mantiveron unha xuntanza na que ambas partes coincidiron na necesidade dunha segunda escola infantil pública en Salceda de Caselas, necesidade que agora foi referendada unanimemente polo Pleno da Corporación.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias realiza unha visita institucional a Gondomar

0

A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo hoxe unha reunión de traballo coa alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, no marco das visitas institucionais que está a realizar tras tomar posesión como nova representante do Goberno autonómico na cidade.

No encontro, Fernández-Tapias tivo a oportunidade de analizar temas relacionados coa Administración galega e que son prioritarios para este concello en materia de educación, saneamento ou sanidade, entre outros. Así, durante a xuntanza as representantes autonómica e local fixeron repaso dos grandes proxectos e necesidades desta localidade que dependen da Xunta de Galicia.

O Concello do Rosal asina a súa entrada na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

0

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) será o encargado de velar pola legalidade urbanística e o control das posibles infraccións que se cometan neste eido no Concello do Rosal. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa do Rosal, Anxela Fernández, asinaron onte o convenio en virtude do cal O Rosal súmase ao listado de concellos que delegan na APLU parte das súas competencias; xunto cos concellos de Ames e Guitiriz –que tamén asinaron esta mañá o convenio de colaboración– polo que xa son 89 as administracións locais galegas que están adheridas á APLU.

Tras a sinatura, Vázquez Mejuto explicou que, en virtude destes convenios, os concellos ceden as competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística relativas a obras que se executen sen licenza nas seguintes clases de solo: en solo rústico ou non urbanizable, en solo urbanizable ou apto mentres non sexa aprobado o correspondente planeamento de desenvolvemento, e en núcleos rurais delimitados no PXOM. Pola súa parte, a APLU comprométese a transferir ás entidades locais adheridas un 10% do produto das multas coercitivas e das sancións que impoña.

Neste sentido, a conselleira felicitou á alcaldesa pola decisión xa que, lembrou, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística é un ente que está ao servizo dos concellos co único fin de garantir a protección do territorio e o respecto á legalidade vixente.

O obxectivo da Xunta é seguir incorporando máis concellos, ao tempo que se incrementa a colaboración cos que xa están adheridos porque os resultados, como salientou Vázquez Mejuto, amosan que a actuación conxunta entre a APLU e os concellos é sinónimo de éxito.

A modo de exemplo, cómpre lembrar que en 2019 baixou o número de expedientes resoltos, o que denota un aumento da concienciación da poboación, e un exercicio máis o número de execucións subsidiarias –é dicir, as realizadas polos propios particulares–, foi dun 95 %.

Oia rehabilita o parque infantil de Viladesuso e leva a cabo melloras no campo de fútbol ‘As Tornas’

0

O Concello de Oia acometeu diversas obras de acondicionamento, renovación e mellora das instalacións de lecer e práctica deportiva da parroquia de Viladesuso e no campo de fútbol municipal das Tornas, en Santa María de Oia. A actuación contou cun orzamento total de 44.443,87 euros e foi financiada con cargo ao Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra.

En Viladesuso, os traballos na zona de parque infantil consistiron principalmente na substitución de elementos deteriorados, como a torre, o columpio e o balancín, a instalación de novos xogos e a incorporación dunha fonte.

En canto ás instalacións deportivas, repintouse o campo de fútbol sala, substituíronse as porterías de fútbol sala por unhas novas con canastra incorporada e renovouse o céspede artificial. Tamén se incorporou un sistema de drenaxe entre a zona de céspede e o parque infantil.

Por último, o reacondicionamento desta zona tamén incluíu o cambio da pérgola existente por unha máis grande e a retirada das antigas instalacións de elementos biosaudables; a renovación de céspede natural, a instalación de novas papeleiras e o pintado de muros perimetrais.

Pola súa banda, as melloras acometidas no campo municipal das Tornas consistiron na colocación dunha nova rede de protección parabalóns e a instalación de dúas porterías regulamentarias de fútbol-7 abatibles e feitas en aluminio.

Actuacións en parques infantís do concello

Estes traballos véñense a sumar a outras actuacións do Concello en parques infantís doutras zonas do municipio realizadas nestes últimos anos, como é o caso do parque de Mavia, a ampliación do parque infantil de Mougás ou a renovación do parque biosaludable de Torroña.

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, destacou que todas estas intervencións permiten mellorar a funcionalidade dos espazos e que, ao mesmo tempo, garanten a adaptación das instalacións á normativa vixente.

A rexedora afirma que a mellora das áreas infantís existentes no municipio e a dotación doutras novas son unha prioridade para o goberno local. Nese sentido, avanza que tamén se está a traballar na procura de terreos para a construción dun parque en Santa María de Oia, equipamento moi demandado pola veciñanza ao non existir ningún deste tipo na antedita parroquia.

O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia solicita a dotación universal de máscaras para o alumnado galego

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luís Álvarez, vén de solicitar a dotación universal de máscaras para o alumnado galego. O Parlamento aprobou onte a iniciativa socialista que urxe ao goberno galego a regular os criterios de reparto das máscaras hixiénicas entre alumnado en situación de vulnerabilidade co obxectivo de “evitar desigualdades”.

Álvarez considerou que a medida tomada pola Xunta “é insuficiente”, xa que exclúe do reparto de máscaras ao alumnado de ensinanzas non obrigatorias, como educación infantil, bacharelato ou formación profesional. “Malia estar en etapas educativas non obrigatorias, entendemos que tamén teñen dereito a dispor de máscaras de protección”, aseverou.

Doutra banda, o responsable socialista esixiu á Xunta “equidade no reparto” para evitar “unha resposta distinta ante situacións idénticas en diferentes centros educativos”. Así, Álvarez urxiu á Consellería a enviar “instrucións precisas” aos centros escolares á maior brevidade, “a poder ser o luns da semana que vén”.

Por último, lamentou que o goberno galego “non ditase unha normativa suficiente” á hora de repartir as máscaras entre o alumnado en situación de vulnerabilidade cando “se anunciou esta medida por parte do Consello da Xunta hai un mes”. Así, destacou que “parece de sentido común que a administración dea aos centros instrucións claras” para evitar “descargar” sobre eles dita responsabilidade que pode orixinar “desigualdades” entre o alumnado.

Nigrán suspende o concerto do sábado con motivo das Letras Galegas ao entrar novamente o concello no nivel vermello pola COVID

0

O Concello de Nigrán cancela o concerto do sábado de ‘Xardín Desordenado’ no Auditorio Municipal con motivo do Día das Letras Galegas ante o regreso hoxe do municipio ao nivel vermello por Covid-19 (semáforo establecido polo Sergas cando se confirman máis de 21 contaxiados confirmados por PCR na última semana). O goberno local, tal e como fixo coa gala dos Premios Nigrán e a suspensión de actos cando se rexistrou alerta vermella, toma esta decisión por responsabilidade. Deste xeito, aprázase ata novo aviso reprogramándose unha vez que a situación sanitaria mellore.

Igualmente, desde o Concello aclárase que as novas restricións de peches perimetrais decretados hoxe desde a Xunta non afectan ao municipio (sí a Vigo). “Só sabemos que desde hoxe estamos en alerta vermella, o que quere dicir que se detectaron máis de 21 casos positivos nunha semana, pero non temos cifras concretas nin áreas. O importante agora é seguir cumprindo estritamente as indicacións sanitarias, facendo unha especial chamada á responsabilidade colectiva o domingo nos cemiterios, cando se celebra o Día de Defuntos con normas específicas para esas visitas, como non reunirse entre non convivintes e non permanecer máis de 30 minutos. Como repetimos desde marzo: paciencia, cariño e calma”, indica Juan González, alcalde de Nigrán, quen incide en que Nigrán disporá de gardas de seguridade privada nos seus cemiterios municipáis (Parada e San Fiz).

Desde o Consistorio faise un chamamento ao cumprimento estrito de todas as indicacións das autoridades sanitarias, facendo fincapé nas últimas restricións da Xunta de non congregarse máis de dez persoas. “Desde o Concello cumprimos escrupulosamente con este mandato nas actividades que organizamos pero coidamos que, con alerta vermella, é convinte suspendelas”, reflexiona González.

Redondela reforzará a vixilancia dos protocolos anticovid nos cemiterios e chama a “minimizar” o tempo de visita

“A responsabilidade individual da cidadanía ante a festividade de Todos os Santos é a ferramenta máis importante que temos para frear a onda de contaxios que estamos a padecer”, afirmou hoxe a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, en vésperas dunha das celebracións máis sentidas polas veciñas e veciños que enchen os cemiterios, tanto municipais coma parroquiais, para honrar aos seus defuntos.

O Concello de Redondela aconsellou xa hai días, adiantar a compra de flores para evitar aglomeracións de última hora que, coa actual situación de pandemia, supoñen un risco para a saúde, adiantou que nos dous cemiterios de competencia municipal –Eidos e Mañó– reforzarase a presenza policial e de Protección Civil e estableceranse puntos de entrada e saída así como itinerarios interiores que eviten, na medida do posible, os cruces de persoas.

Digna Rivas insistiu na necesidade de “minimizar o tempo de visita aos cemiterios” e facelas de xeito escalonado, en pequenos grupos e evitando as aglomeracións. Do mesmo xeito, a rexedora local insistiu que se reduzan ao mínimo posible as visitas aos Centros de Día e Residencias “que é o xeito máis eficaz de protexer aos nosos maiores”.

Doutra banda, a alcaldesa salientou que se reforzará tamén a presenza policial con controis nas entradas e saídas de Redondela logo de que a Xunta decretase o peche perimetral de Vigo que, dende as 15 horas de hoxe, impide desprazamentos fora do concello ata, polo menos, o vindeiro martes.

O Concello de Redondela insiste na “responsabilidade de todos e todas como a ferramenta que temos nas nosas mans para saír desta situación” e evitar que o número de contaxios siga medrando.

Caballero urxe a Feijóo a comparecer no Parlamento para que explique a “improvisación de pechar as cidades e negarse onte a blindar Galicia”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, urxiu hoxe a Feijóo a que compareza no Parlamento para explicar “a improvisación” de anunciar un peche urxente de todas as cidades de Galicia tan só un día despois de rexeitar o peche perimetral da comunidade, a diferencia do que están facendo a maioría de comunidades autónomas.

“Nós apoiamos que se tomen todas as medidas necesarias na loita contra o virus”, asegurou Gonzalo Caballero, quen fixo fincapé en que a Xunta está tomando decisións “improvisadas”.

“Feijóo leva todos estes días dando a batalla contra o goberno de España polo estado de alarma e dicindo que non se pode pechar Galicia, e agora anuncia o peche das sete cidades en cuestión de horas”, evidenciou o líder do PSdeG.

“É necesario que Feijóo explique no Parlamento o que está pasando”, requiriu Gonzalo Caballero, ao tempo que reclamou á Xunta que “deixe a confrontación” co goberno de Pedro Sánchez e empece a traballar “cóbado con cóbado” para frear a propagación da pandemia.

Sobre todo, afondou, á vista das “preocupantes” cifras de contaxios que rexistra Galicia, que supera os 8.300 casos activos e as 900 persoas falecidas.

O edificio administrativo da Deputación conta xa co primeiro aseo adaptado ás necesidades das persoas ostomizadas

A Deputación de Pontevedra dá un paso máis no seu total compromiso coas persoas ostomizadas coa posta en marcha do primeiro aseo adaptado, radicado no Edificio Administrativo, e confirma o inicio dos traballos para a instalación doutros servizos accesibles na sede provincial en Vigo e no Sexto Edificio do Museo. O proxecto, que xa é unha realidade, enmárcase na estreita relación de colaboración e traballo establecida coa Asociación Socio Sanitaria Educativa de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (ASSEI) e na importancia de visibilizar ás persoas con estoma e traballar por elas.

Este primeiro baño adaptado, que hoxe visitaron as deputadas provinciais Iria Lamas e Olga García xunto á presidenta de ASSEII Ángela Paz e ao seu vicepresidente Víctor Loira, é un servizo imprescindible para as persoas ostomizadas, que en Galicia son xa 5.000, 2.000 delas na provincia de Pontevedra. O espazo, situado no andar baixo do Edificio Administrativo, está perfectamente equipado, conta cun aparato sanitario adaptado, lavabo adaptado e todos os demais útiles e mobiliario necesarios. O proxecto iniciouse no mes de xaneiro, pero por mor da pandemia e a paralización administrativa durante o confinamento tivo que retrasarse.

ASSEI é unha asociación pioneira na reivindicación dos servizos para persoas ostomizadas e responsable da primeira construción destes equipamentos no hospital Montecelo. A asociación fixo un proxecto propio de baño adaptado que trouxo de Xapón, baseado no modelo da marca Totto. A día de hoxe, en toda Galicia hai 29 baños para persoas ostomizadas en sedes públicas, polo tanto o da Deputación no Edificio Administrativo é o número 30.

Galicia pecha os grandes núcleos urbanos para evitar a expansión da pandemia que se achega aos 8.400 casos activos

Fuente: SERGAS Datos cartográficos: CNIG Descargar los datos. Creado con Datawrapper

A Xunta de Galicia vén de decretar o peche perimetral dos grandes núcleos urbanos da comunidade autónoma nun intento de frear a escalada de contaxios pola covid que, no día de hoxe sitúanse nos 8.363 casos activos que se incrementa, día a día, de xeito exponencial.

O Goberno galego que, en principio rexeitou o peche da comunidade autónoma ao que lle daba facultade o estado de alarma decretado polo Goberno, optou hoxe por cerrar as grandes cidades, tanto na entrada coma na saída e, amais limita as reunións a persoas convivintes.

O endurecemento das medidas vén dada logo de que no mes de outubro se pasase dos 4.259 casos activos do día 1, ata os 8.363 deste 30 de outubro e cun crecemento exponencial nos últimos días.

De feito a área sanitaria de Vigo, que o día 10 de outubro rexistraba un total de 435 casos activos, contabiliza hoxe 1.758, colocándose como área sanitaria con máis casos de Galicia con 1.323 novos casos en tan só 20 días.

Así a situación, o Executivo galego optou por restrinxir a mobilidade cunha medida que entrará en vigor ás 15 horas de hoxe venres e, en principio, manterase ata o vindeiro martes en que a Consellería decidirá novas medidas, tal e como sinalou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

A medida, amais de Vigo, afecta aos concellos de Santiago, Ames, Teo,A Coruña, Arteixo, Pontevedra, Poio, Marín, Vigo, Lugo e Vimianzo.

O Castelo do Sobroso, en Mondariz, acolle unha histórica reunión das nove Entidades Locais Menores de Galicia

0

O pasado venres alcaldesas e alcaldes das Entidades Locais Menores de Galicia reuníronse no Castelo de Sobroso –que cedeu a Deputación de Pontevedra para tal fin–, na parroquia de Vilasobroso que tamén é unha Entidade Local Menor. Os alcaldes-presidentes de Arcos da Condesa, Bembrive, Berán, Camposancos, Chenlo, Morgadáns, Pazos de Rei, Queimadelos e Vilasobroso intercambiaban experiencias sobre o día a día na xestión das administracións locais que representan.

Despois de algo máis de un ano de mandato –que é o primeiro para moitos alcaldes e alcaldesas– e tras varias convocatorias electorais e aínda coas vicisitudes sanitarias da actual emerxencia sanitaria, esta iniciativa de reunirse é aplaudida por tódalas Entidades que necesitaban compartir e aprender coas súas homólogas porque, como dixo unha das alcaldesas: “A unión fai a forza”, “que ademais é o lema de Bembrive” como indica o presidente desa entidade.

As Entidades Locais Menores son a administración pública das parroquias pero en Galicia son minoritarias, a diferencia doutras comunidades autónomas ou das freguesías en Portugal, e ademais minimizadas desde o resto das administracións, as veces por desleixo ou descoñecemento lles dan as costas.

Esta reunión de Entidades busca fortalecer unha agrupación, un punto de partida para trazar as liñas básicas para mellorar a comunicación con outras administracións e poder lograr a medio prazo compromisos coa Xunta de Galiza e as Deputacións Provinciais, especialmente a Deputación de Pontevedra onde están oito das nove Entidades.

Compromisos que reflictan en subvencións específicas e liñas de investimento que non teñan que depender dos Concellos nos que están localizadas.

Aínda que existen asimetrías importantes entre as diferentes Entidades que varían dos miles de habitantes a uns poucos centos, tódalas alcaldesas e alcaldes coinciden na importancia de manter este tipo de reunións anualmente e non descartan asociarse para defender mellor os intereses dos veciños das parroquias con Entidade.

Ponteareas homenaxea a Ricardo Carvalho Calero no 110 aniversario do seu nacemento

O Concello de Ponteareas continúa a procurar alternativas para manter unha programación cultural segura e estábel (dentro das medidas sanitarias). Así, este sábado, día 31 de outubro, divulgará, coa colaboración das panadarías de todo o municipio, bolsas do pan (en papel procedente de fontes sostíbeis, de fabricación galega, ecolóxico e 100% reciclábel) coas caras impresas de Ricardo Carvalho Calero e Alfredo Pedro Guisado acompañadas dunha breve biografía e un poema de senllos escritores.

A Concellería de Lingua que dirixe Fernando Groba Bouza, que xa levara adiante outras iniciativas para celebrar o Día das Letras Galegas 2020 na propia semana do 17 de maio, entre as que destacou a chamada “Carvalho na túa voz” en que multitude de persoas se gravaron nas súas casas recitando textos do escritor ferrolán para publicar e compartir nas redes sociais do consistorio, retoma a celebración agasallándolles a todas as e os ponteareáns un anaquiño da nosa cultura e da nosa lingua. A excusa é o adiamento que fixo a Real Academia Galega para levar a cabo o plenario que lle corresponde pola imposibilidade de poder facelo no seu día.

“Ademais de homenaxear o escritor que nos representa a todos os galegos e galegas por ser o ano que a Real Academia Galega escolleu para el e por coincidir o 110 aniversario do seu nacemento neste venres 30 de outubro, aproveitamos a ocasión para dar a coñecer e poñer tamén en valor figuras das letras do noso concello” comenta o concelleiro nacionalista. “Este ano escollemos a Alfredo Pedro Guisado porque reencarna á perfección ese vínculo co reintegracionismo de Calero co mundo lusófono e porque o próximo ano será tamén o 130 aniversario do seu nacemento” informa.

O concelleiro de Lingua salienta a importancia de divulgar e pór en valor unha das figuras máis importantes da cultura galega do século XX, que dedicou a súa vida a dignificar o idioma e a cultura galegas, e outra que, para Ponteareas, foi tan senlleira. Agradece tamén a implicación das panadarías da localidade en divulgar a figura homenaxeada co reparto destas bolsas conmemorativas.

Mos namórase das mulleres

0

Onte presentouse no auditorio do Pazo de Mos a exposición fotográfica ‘Namórate de ti’ baseada no curso de autoestima e empoderamento a través da fotografía impartido a 12 mulleres grazas á colaboración entre EURURAL da Asociación de Desenvolvemento Rural MAIV Baixo Miño GDR 14, a Xunta de Galicia, o Concello de Mos, o CIM de Mos e a Fundación Pazo de Mos.

Ao acto de inauguración asistiron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira mosense de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, Julia Loureiro Campo, edil de Promoción Económica, Desenrolo Empresarial, Emprego, Educación, Persoal e Réxime Interno, e Mobilidade, membros do equipo técnico do GDR, a avogada do CIM (Centro de Información á Muller) de Mos, Ana Rodríguez Cabaleiro, membros da Fundación Pazo de Mos e as 12 mulleres participantes no curso que fixeron unha actuación no esceario do auditorio para os asistentes. A continuación puido contemplarse a exposición fotográfica.

Sobre todo o proceso que implica a realización deste curso por parte das 12 mulleres participantes estase a rodar unha curta documental, de entre 8 e 10 minutos de duración; grabada tamén por dúas mulleres.

Comezouse a rodar ao comezo do curso e aborda todo o procedemento de como lles cambia a perspectiva ás mulleres participantes tras haber levado a cabo esta acción formativa. A estrea do documental está prevista con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero que terá lugar o vindeiro 25 de novembro.

O proxecto constou de sesións grupais de catro días realizadas os días, luns 7 de outubro, mércores 9, xoves 10 e venres 11 nas que as participantes compartiron unhas vivenzas enriquecedoras a través da cohesión grupal e a autoobservación.

Tratouse dun curso destinado a mulleres desempregadas, e/ou que precisaban voltar a confiar en sí mesmas, vítimas de violencia de xénero, en perigo de exclusión social… etc.

Os obxectivos mellorar a calidade de vida das mulleres, a través dos obradoiros, e potenciar as súas cualidades e capacidades.

O obradoiro foi impartido por Tegra Gómez, que estudou Maxisterio e Animación Sociocultural, directora de tempo libre e de campos de traballo, creadora de proxectos de desenvolvemento comunitario, proxectos culturaris, monográficos sobre lingua, recursos creativos para a escola, literatura,… e por Patricia Maquieira, artista multidisciplinar, asesora de imaxe comercial, docente no sector comercio, rama de escaparatismo, visual merchandiser, fotografía, redes sociales, comercio electrónico, dinamizadora social, traballou na Asoc. Alba, Príncipe Felipe, con persoas con problemas graves de autoestima, e en proxectos de dinamización local como o plan Verea, ademais doutros proxectos.

As mestras Tegra Gómez e Patricia Maquieira declararon sobre os resultados do curso que “consideramos que o proxecto foi un éxito, de asistencia e as mulleres estiveron moi participativas, aportando nas súas vidas unha vivenza enriquecedora que lles axudou a crer máis nelas, mellorando o seu autoconcepto, así como as relacións con outras mulleres”.

Nigrán abre hoxe o prazo para que as asociacións do municipio soliciten axudas

0

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica hoxe as bases específicas que rexen a concesión das subvencións do Concello de Nigrán para as diferentes entidades do municipio (culturais, veciñais, festeiras ou deportivas). O prazo de solicitude é de 10 dias naturais contando a partir de mañá, o que significa que a data límite é o 8 de novembro. A partida orzamentaria destinada a este fin increméntanse de 72.000 € a 80.000 € coa novidade de que as asociacións poden incluír nos seus gastos subvencionables os derivados da aplicación do protocolo covid-19. Asemesmo, tamén por primeira vez e para non adiar máis o procedemento, xunto coa solicitude deben presentar xa a documentación xustificativa. Coma sempre, as beneficiarias deben estar inscritos no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Nigrán.

Coma en anos anteriores, mantense a contía máxima da subvención, sendo a liña de actividades culturais 25.000 euros en total (2.000 € tope por entidade) e incrementándose de 22.000 a 25.000 € a de fomento do asociacionismo e de 25.000 € a 30.000 € a de fomento da práctica deportiva establécese un mínimo de 1.000 euros por entidad solicitante para participar en competicións oficiais e por outra banda un máximo de 1.500 euros para a realización de actividades deportivas nas que se valorará a duración, antigüidade da mesma, número de persoas beneficiarias e, novamente, que sexa un deporte tradicional galego, coma é o caso dos bolos celta.

O treito antigo da estrada provincial Tabagón-A Vila-Portecelo, pasa a ser competencia do Concello do Rosal logo da transferencia feita pola Xunta

0

O Consello da Xunta autorizou onte o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito antigo da estrada provincial que comunica Tabagón, O Rosal e Portecelo a prol do Concello do Rosal. Trátase dun treito de 290 metros lineais na marxe dereita da vía provincial EP-3302, entre os puntos quilométricos 1+365 e 1+580.

Este treito antigo xerouse pola rectificación de trazado da estrada como consecuencia da execución, por parte da Xunta de Galicia, do treito III da VAP Tui–A Guarda. Neste tramo realizouse unha actuación planificada e coordinada entre o Concello, a Deputación Provincial de Pontevedra e a Xunta de Galicia, para mellorar a mobilidade peonil da zona.

A entidade provincial actuou no treito antigo de estrada da súa competencia, que é o obxecto deste cambio de titularidade, e deulle continuidade á senda peonil executada polo Departamento de Infraestruturas da Xunta no 2019, desde a subida ao Niño do Corvo ata a estrada de Morán, por un investimento de máis de 48.000 euros.

O cambio de titularidade inclúese no acordo entre o Concello e a Deputación Provincial de Pontevedra para a mellora da mobilidade peonil nesta estrada.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos incluídos no inventario da Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia.

Neste sentido, o Goberno galego autoriza esta transferencia pola que lle corresponderán ao Concello do Rosal as actividades de xestión e conservación da vía.

O Goberno de Redondela amosa a súa satisfacción pola supresión da peaxe de Rande anunciada polo Goberno do Estado

0

O Concello de Redondela vén de amosar a súa satisfacción polo anuncio do Goberno do Estado de incluír nos Orzamentos Xerais unha partida de 1,5 millóns de euros para a supresión da peaxe Redondela-Vigo, “unha peaxe a todas luces inxusta e que as e os redondeláns tivemos que sufrir durante moitísimos anos”, afirmou a alcaldesa Digna Rivas.

Cómpre lembrar que no mes de febreiro e acompañada polo concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, Digna Rivas desprazábanse a Madrid para manter reunións con distintos responsables do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, (MITMA).

Nas xuntanzas mantidas con Julián López Milla, secretario xeral de Infraestruturas; Javier Herrero, director xeral de Estradas; Carmen Sánchez, subdelegada do Goberno de Autoestradas e Javier Anibarro García, asesor do ministro de Transportes, reclamábase por parte dos representantes do Concello de Redondela “a necesidade de eliminar unha peaxe fondamente inxusta e que condicionaba non só a mobilidade das veciñas e veciños senón tamén o propio desenvolvemento do municipio”.

As xestións realizadas polo Goberno de Redondela no que era un dos obxectivos prioritarios do seu programa “míranse reflectidas agora nesa partida de 1,5 millón de euros” que permitirá, dunha vez por todas, poñer fin a unha peaxe “que era todo un despropósito e un agravio comparativo para a cidadanía de Redondela”, afirma o Executivo local.

Doutra banda, o Goberno redondelán lamenta “a farsa” protagonizada polo exalcalde de Redondela, Javier Bas, que en xaneiro de 2019 comezara unha recollida de sinaturas para reclamar esa gratuidade, iniciativa “que sería interesante senón fora porque no mes de setembro, estando xa o actual Goberno, as sinaturas seguían en caixas de cartón escondidas na Casa Consistorial e non foran enviadas a ningún lado”.

De feito, foi o actual equipo de goberno o que enviou ditas sinaturas “deixando ben claro que a campaña iniciada polo exalcalde só tiña como obxectivo facer campaña en vésperas dunhas eleccións municipais”.

Agora, a gratuidade de Rande comeza a transformarse nunha realidade. “Espero con entusiasmo dita supresión e plasmar esta magnífica noticia para toda a veciñanza”, conclúe a alcaldesa Digna Rivas.

Baiona pecha a programación de OutubroDiverso coa conversa ‘Orgullo, non solo hai un’ e o espectáculo ‘Las Varietés de Petra Porter’

0

O sábado, 31 de outubro, ás 12:00 horas o recibidor do Concello de Baiona acollerá unha conversa con Petra Porter e Comité Marikas x la fiesta sobre “Orgullo, non solo hai un”, abrindo o imaxinario ás formas de facer o Orgullo LGBTIQA+. Culminarase o Outubro Diverso ás 22:00 h co Espectáculo «Las VARIETÉS de Petra Porter», de Combinación Imperfecta. Un espectáculo que transformará ao público en protagonistas. Todas e todos serán actrices e actores do show, e para isto recompiláronse diferentes xogos, probas, enigmas e puzzles de diversa índole para converter a praza do Concello de Baiona nun concurso cheo de música, teatro e moita diversión.

A carpa instalada na Praza do Concello acollerá o espectáculo e, como é habitual nas actividades que acolle a carpa poñeranse, todas as medidas de seguridade e preventivas necesarias, cumprindo a normativa marcada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

A actividade do sábado pola mañá desenvolverase cun aforo limitado de 20 persoas, mantendo as distancias de seguridade e tomando todas as medidas de seguridade pertinentes. Tamén poderase ver en streaming a conversa a través dun directo do Instagram da Casa Colorida e da canle de youtube do Concello de Baiona.

Desde a Concellería de Igualdade mándase unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía xa que se van a poñer as medidas de seguridade e preventivas necesarias. O obxectivo xeral é reducir ao máximo o risco de contaxio e transmisión da pandemia á vez que se goza da programación.

En concreto, o programa é o froito do traballo conxunto da Concellería de Igualdade de Baiona, de activistas da Marcha Mundial das Mulleres e da Casa Colorida.

O Outubro Diverso é un espazo de aprendizaxe, de coñecemento e de tecer rede. Este espazo nace baixo a necesidade de achegar as nosas vilas as realidades LGBTIQA+, e de visualizar e conversar sobre os eixos de traballo e activismos dos diferentes colectivos e persoas que fan parte desta programación. Todos e todas xuntas pretendemos construír un espazo que sexa o primeiro de moitos no Val Miñor, onde sigamos aterrando nas vilas as vivencias e procesos LGBTIQA+ para seguir aprendendo e compartindo, para acompañar as realidades diversas de moitas veciñas e veciños da vila e, sobre todo, para seguir xerando dende o comunitario un novo mundo onde entren todos os mundo.

O campo de fútbol do Alivio, en Tomiño, conta xa cun desfibrilador

0

O Campo de Fútbol do Alivio xa conta cun aparato desfibrilador para previr e tratar ataques cardíacos que puideran producirse. O concelleiro de Deportes, Fran Campo, recibiu onte o dispositivo electrónico, que vén a sumarse aos que xa teñen os campos da Carballa e Regatiño (Goián), existindo unha cuarta unidade en poder da Agrupación de Protección Civil.

O novo equipo , coma os anteriores, foi adquirido grazas ao apoio económico da Deputación de Pontevedra para este fin (60 % do custe), achegando o resto o propio Concello e servirá para cubrir a actividade dos equipos que adestran nos campos deportivos.

O concelleiro de Deportes salientou  tras a entrega deste último desfibrilador, que varios membros dos clubs, realizaron os cursos necesarios para saber manexar os aparatos en caso de necesidade. “Deste xeito, incrementamos a seguridade dos nosos xogadores, no fútbol base e tamén noutras categorías”, comentou Fran Campo.

Dúas persoas feridas tras colidir catro turismos na A-55

0

Un total de catro coches que circulaban pola A-55, dirección Vigo, en Petelos, á altura do concello de Mos, colidiron por alcance a tarde de onte e dúas persoas resultaron feridas.

Faltaban dez minutos para as 17:30 horas, cando varios particulares contactaban co 112 Galicia para informar da colisión e, a partir de aí, aínda que non aseguraban se había persoas feridas, desde o centro de emerxencias pasouse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Tamén foron avisados os axentes de Tráfico, da Policía Local, os Bombeiros de Baixo Miño, os membros do Servizo de Emerxencias Municipal de Mos e o persoal do servizo de mantemento da estrada.

Segundo informaron os membros de Protección Civil, os dous feridos foron trasladados polos servizos sanitarios á Clínica Fátima de Vigo.

O BNG de Redondela valora positivamente a inclusión nos Orzamentos do Estado da eliminación da peaxe de Rande

0

O BNG de Redondela considera “enormemente positivo para o conxunto da veciñanza” que unha das “demandas históricas” se efectivice nos Orzamentos do ano 2021. Despois de anos de anuncios publicitarios, dende a organización nacionalista consideran que “dáse un paso en firme para eliminar unha peaxe totalmente discriminatoria, para a veciñanza de Redondela, e a nosa bisbarra”. Entenden que moitos veciños e veciñas que se desprazan a diario empregando a autoestrada, tanto a Vigo como a Puxeiros, xa non terán que pagar a Peaxe de Rande

Os nacionalistas consideran que a súa presenza no Congreso, xunto a un Goberno en minoría, “permite dialogar, e chegar a acordos, o que servíu para introducir esta Proposta”. Recordan que se trata dun primeiro paso, e que agora débeselle dar aprobación definitiva, para que a inicios de ano se poida efectivizar. O propio Néstor Rego, participou nun acto público en Chapela explicando o proceso de negociación.

Pola súa banda, o voceiro municipal, Xoán Carlos Gonzalez recoñece o importante papel desenvolvido polas asociacións de veciños de Chapela e Trasmañó, quen convocaron a unha importante mobilización en contra da Peaxe en febreiro do 2019. “Houbo un antes e un despois, na presión para acabar con este agravio”, afirma.

Destaca que no futuro inmediato, a parroquia de Chapela vaise ver enormemente beneficiada, posto que se reducirá o tráfico que pasa tanto pola Avenida de Vigo como Avenida de Redondela, co que se pode ir concretando o ‘Plan Chapela’ que no seu día presentaron no Parlamento.

O Pazo Provincial convértese na ‘Deputación do Tempo’ na celebración do centenario da «Revista Nós»

Grazas a unha orixinal ‘viaxe no tempo’, a xeración da ‘Revista Nós’ que veu a luz no 1920 e a actual xeración da cultura galega, uníronse esta tarde no especialísimo encontro propiciado pola Deputación para celebrar o centenario da emblemática publicación cuxa creación se xestou en Pontevedra. Con ‘1920 Nós, 2020 Nós-Outr@s’, a institución xuntou no escenario teatro, arte e conversa para poñer en valor o papel das mulleres daquela xeración, que marcou un punto de inflexión na historia cultural galega pero que non tivo o mesmo recoñecemento para as creadoras. De feito, só tres autoras: a lingüista alemá Margot Sponer, a profesora irlandesa Annie MacSwiney, e a poeta Francisca Herrera figuran na proxección da revista, cando foron moitas “e moi potentes” as mulleres que contribuíron con talento e activismo a aquela xeración.

O Salón de Plenos do tamén centenario Pazo Provincial transformouse nun Café Méndez Núñez do século XXI, nun acto que previamente arrancou coa visita teatralizada dos Quinquilláns, que cun “flashback” radical deron vida de novo a figuras clave da xeración Nós, como Vicente Risco (Josito Porto), Ramón Cabanillas (Lucho Penabade), Antón Losada (Víctor Mosqueira), Alfonso Castelao (Dane García) e Margot Sponer (Tero Rodríguez), que protagonizou o discurso reivindicativo na reclamación do recoñecemento para as mulleres da época. Os cinco mantiveron unha deliciosa conversa sobre o xerme da Revista Nós e as anécdotas da súa relación. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, exerceu de anfitrioa recibindo na escalinata do Pazo ás personalidades de “Nós”, caracterizadas cos traxes da época, que lembraron como tamén viviron a pandemia da gripe e desexaron saúde e forza á cidadanía.

Carmela Silva: “Reivindicamos particularmente a aquelas mulleres de 1920 e ás actuais da nova revolución cultural que quere ser o pulo dun cambio para unha sociedade mellor. Seguimos a beber do voso pensamento e coñecemento, pero agora con voz feminina”

Na súa intervención, a presidenta provincial tomou a testemuña das reivindicacións de Margot Sponer, e falou “da revolución cultural que actualmente ten nome de muller. Nos encanta que haxa homes, dixo, pero son moitísimas mulleres ocupando espazos, orgullosas e empoderadas”. Silva si lamentou que “aínda así, nas direccións e na alta representación as cousas non cambiaron demasiado”, e citou exemplos en todos os eidos: as Belas Artes, as direccións dos Museo, as editoriais, o xornalismo, o ámbito xudicial, á empresa etc… “Estamos un pouco fartas de ser as primeiras, queremos ser a metade de todo. Seguimos nesa loita”, lle dixo a Margot Sponer, lembrando como “ás mulleres cultas e formadas das Irmandades da Fala lles chamaban ‘As malvadas’. “Agora chámanos trepas e moitas cousas, dixo Carmela Silva, pero si iso é sinónimo de ocupar espazos e poñernos en pé, estamos encantadas”.

A presidenta provincial sinalou que actos como este serven “para darnos conta das moitas cousas que temos, da nosa historia e dunha lingua poderosísima coa que transmitir o pensamento dun pobo único que estando no noroeste quere ser universal”. Silva manifestou que “a historia cambia cando a cultura se sitúa no centro. Iso ocorreu en 1920, dixo, cando xente comprometida e con valores tiveron como obxectivo transformar e mellorar para que este pobo grandioso sentira o orgullo de todo aquelo que tiña construído. Fai dous mil anos, reflectiu, este lugar era o centro de dous mundos, o Atlántico e o Mediterráneo, e desde aquela fomos construíndo país. Iso fixo a Xeracións Nós”. A presidenta da Deputación rematou sinalando que “ao lado deste mundo onde ruído ou o cretinismo parecen ocupar espazos, aquí está a ocorrer algo extraordinario, de novo hai un enorme pulo cultural en todos os eidos. Por iso, o que hoxe celebramos é a nosa memoria, memoria que temos que reivindicar cando o que necesitamos e xente formada que volva pular por un pais que merece a pena”. Carmela Silva engadiu que “nesta Deputación do Tempo vos reivindicamos a todas e a todos, pero particularmente a aquelas de 1920 e ás mulleres da nova revolución cultural que quere ser o pulo dun cambio para unha sociedade mellor, coa cultura no centro e coa política como instrumento que o permita. Celebremos, dixo, ás mulleres valentes que van a cambiar o mundo, por iso quixemos cambiar neste acto o nome da Revista por “Nosoutras”. Seguimos a beber do voso pensamento e coñecemento, pero agora ten voz feminina”.

[su_image_carousel source=”media: 24151,24153,24154″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A conversa da xeración do presente 2020 ocupou o Salón de Plenos, ao xeito dos faladoiros que facían fai cen anos no Café Méndez Núñez_, cun coloquio no que participaron, xunto a Silva, mulleres e homes das letras, arte, historia, xornalismo, audiovisual e a universidade de hoxe. A tradutora e feminista María Reimóndez; o ilustrador Kiko da Silva; o catedrático de Lingua Galega Afonso Vázquez; a periodista Susana Pedreira; a produtora audiovisual Chelo Loureiro e o historiador e crítico de arte Miguel Fernández Cid, conectaron ambos momentos históricos e compararon nas súas intervencións a revolución cultural que implicou a xeración Nós co papel que está a desenvolver hoxe a cultura en Galicia.

No coloquio, falouse “do cambio transcendental aínda que non suficiente” do protagonismo das mulleres na cultura, e abordáronse as similitudes da actual xeración da cultura galega coa de Nós ao tratarse de etapas de crise económica e ruptura e cambio. Tamén subliñaron o papel fundamental que está a ter a cultura neste momento crítico para a sociedade e amosaron o seu punto de vista sobre o tratamento que está a recibir o sector nesta pandemia, fronte a outras áreas como a economía ou a educación.

Amais, o debate xirou sobre a existencia dunha nova revolución cultural como a que se produciu en 1920, e puxo enriba da mesa as perspectivas do futuro que agarda ás novas xeracións culturais a raíz do actual contexto da Covid-19. Para concluír, as persoas relatoras reflexionaron sobre a vixencia do pensamento, acción e creación da Xeración Nós, de xeito especial nos actuais proxectos culturais de carácter internacional que seguen a ter presente a identidade da cultura galega coa terra e a lingua, tal e como era a premisa deste grupo de intelectuais.

O evento contou con dúas artistas de Belas Artes, Nuria Ferreiro e Lara Cores, que renderon homenaxe á Xeración Nós desde a arte contemporánea pintando obras en vivo e en directo.

O Porriño sigue en alerta vermella por quinto día consecutivo

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre demandaba na mañá de hoxe á Consellería de Sanidade, datos sobre o número de contaxios no municipio. Segundo a resposta das autoridades sanitarias, ás 18 horas de onte mércores o número de persoas contaxiadas era de 52, polo que o municipio segue, por quinto día consecutivo, en alerta vermella.

Doutra banda, a o Concello, a través da Concellería de Seguridade, adiantou que con ocasión da festividade do 1 de novembro, Día de Todos os Santos, haberá un despregue da Policía Local en todos os cemiterios do Porriño.

Cemiterio Municipal do Porriño

Segundo indicou a concelleira Lourdes Moure, haberá policía no acceso a cada un dos cemiterios, tanto no municipal do Porriño como nos das respectivas parroquias.

Deste xeito darase cumprimento ao protocolo anticovid promulgado o pasado día 22 pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia que limita a catro persoas do mesmo grupo familiar e a 30 minutos de duración, as visitas aos cemiterios. O mesmo protocolo insta aos Concellos a tomar as medidas necesarias para garantir o cumprimento destas normas e evitar as aglomeracións.

A Deputación reafirma o seu compromiso con Nigrán coa estrea da Praza da Carrasca e garante as sendas peonís de Chandebrito e Parada

0

A praza da Carrasca xa está recuperada para o desfrute da veciñanza de Nigrán e, especialmente, da parroquia de Parada. Os deputados de Cooperación, Santos Héctor, e de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitaron hoxe a actuación, na que se teñen investido 73.795 euros con cargo ao Plan Concellos, acompañados polo alcalde, Juan González. A visita serviu tamén para anunciar novas obras na zona da Carrasca e o acordo total entre Deputación e Concello para poñer en marcha o procedemento que fará posible a construción das sendas peonís de Chandebrito e Parada, atendendo así a unha vella reclamación do municipio do Val Miñor.

A nova praza da Carrasca pasa a contar cunha superficie perfectamente adaptada as súas funcións de centro de vida neste núcleo, dando prioridade aos usos peonís e regulando adecuadamente o tráfico. O espazo conta agora con 685 metros cadrados de superficie “adoquinada” e rematada con lousa de pedra nas marxes, ademais dun asfaltado perimetral de 1.639 metros cadrados. A praza alberga o Centro Cultural Bolos de Carrasca e varios comercios, ademais de locais de hostalería, polo que a mellora era especialmente demandada.

Santos Héctor, deputado responsable da área de Cooperación cos concellos, amosouse “moi satisfeito de ver como a praza da Carrasca quedou perfectamente adaptada para cumprir co seu papel como centro de vida”. “Ademais esta obra ordena o tráfico, poñendo en valor algo que na Deputación valoramos especialmente”. Destacou que, ademais, protéxese cunha contorna digna unha das poucas carballeiras urbanas que hai en Nigrán, polo que tamén se promoven valores medioambientais. “Conseguimos transformar unha praza que antes non estaba pensada para as persoas cunha mellora estética e funcional moi evidente”. Santos Héctor rematou felicitando ao Concello de Nigrán “por saber utilizar o diñeiro público do Plan Concellos para favorecer e mellorar a vida das persoas, un obxectivo que aquí se cumpre ao 100%”.

O alcalde, Juan González, cualificou o Plan Concellos de “ferramenta extraordinariamente útil e que representa a vontade de colaboración institucional da Deputación, porque somos os concellos os que decidimos os proxectos que se executan”. “A praza da Carrasca é o exemplo de como o entendemento entre institucións redunda en obras beneficiosas para a cidadanía”. O alcalde aproveitou a ocasión para anunciar outro investimento, de 200.000 euros, para levar o saneamento e abastecemento de auga a tódalas vivendas do núcleo rural da Carrasca. A actuación vaise sufragar con cargo ao Plan Concellos 2020.

Por outra banda, o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, anunciou que a Deputación xa contratou a redacción dos proxectos das sendas peonís da estrada provincial EP-2102, no tramo de 4,3 Km entre San Roque de Camos e Chandebrito e da EP-2106, nos 995 metros que unen A Areíña coa praza da igrexa de Parada. Unha vez redactados os proxectos, asinarase un convenio para a execución das obras. “O alcalde transmitiunos a necesidade destas dúas obras a causa do perigo que entrañan estas estradas para os peóns, e podo dicir que xa estamos facendo os traballos de campo, así que esperemos que pronto poidamos dar cobertura a esta necesidade, porque falamos de algo que para nós é moi sensible, como é a seguridade peonil”, afirmou Agís. Juan González explicou que as sendas “son dúas vellas peticións veciñais porque son zonas polas que camiña moita xente sen seguridade algunha, así que comezar a traballar para convertelas en realidade é un paso importantísimo para toda a veciñanza de Nigrán”.

Unha vez rematados os proxectos e asinado o convenio, a Deputación comprométese a execución dunhas obras que encaixan plenamente no seu Decálogo de Criterios nas Estradas Provinciais, no que se establecen as condicións de intervención nos 1.700 Km de rede provincial. O Decálogo ten como primeiro punto a aposta pola seguridade na mobilidade, dando prioridade aos peóns, ciclistas, transporte público e transporte privado, por esta orde.

9,3 millóns de euros en investimentos en Nigrán

A Deputación leva investidos nos últimos 5 anos un total de 9,3 millóns de euros en Nigrán. Con cargo ao Plan Concellos executáronse 43 obras. Ademais, financiáronse 84 actividades sociais, culturais e deportivas e contratáronse 128 traballadoras e traballadores para a prestación temporal de servizos relacionados coas competencias municipais. Nigrán tamén benefíciase do Plan de Reequilibrio para a construción da nova Biblioteca Municipal dunha subvención de case 1,5 millóns de euros, ademais de axudas para a adaptación do seu punto limpo, para a reconversión a tecnoloxía led da rede de iluminación e para a redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS).

A Xunta de Galicia subvenciona con 44.000 euros máis ás Comunidades de Augas de Mos

0

A Xunta de Galicia destina 43.989,39 euros máis a outras 5 Comunidades de Usuarios de Augas para Usos Domésticos a través de Augas de Galicia da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. As 5 Comunidades beneficiarias son a C.U. Mina do Ferreiro, a C.U. Campo do Monte-Santa Marta, a C.U. de Casal, Casalmorto e Roublín, a C.U. de Pombal e Pantaño e a C.U. Os Castros.

Precisamente a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou onte acompañada do concelleiro da parroquia de Torroso, Alberto Méndez, as obras que a Comunidade de Usuarios da parroquia de Torroso está a poder realizar grazas á subvención autonómica de 12.000 euros.

A maiores destes preto de 44.000 euros que acaban de ser concedidos por Augas de Galicia, este ano a Xunta xa aportou, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, 51.700 euros a subvencionar melloras noutras 5 Comunidades de Usuarios de Augas de Mos: a Comunidade de Usuarios de Augas para Usos Domésticos do Barrio de Castro-Mos, a Comunidade de Usuarios Mina do Ferreiro (que recibe agora novamente axuda a través da liña de Augas de Galicia), a Comunidade de Augas de Torroso, a Comunidade de Augas Fonte do Pobo, e a Comunidade de Usuarios de Fonteliña.

Deste xeito o importe anual destinado pola administración autonómica ás Comunidades de Augas mosenses suma 96.000 euros.

Grazas ás subvencións autonómicas recibidas, estas Comunidades de Augas poden acometer melloras en depósitos, acondicionamento de instalacións e reposicións de tubaxe, entre outras melloras.

Ademais da axuda aos colectivos das Comunidades de Usuarios de Augas, a Xunta axudou económicamente no que vai de 2020 a varias asociacións veciñais, pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a través do Plan Específico de Acción Comunitaria.

As diferentes subvencións están a ser investidas en varias asociacións destinadas a obras, tales como acondicionamento de instalacións, reforma de fiestras,  obras de acondicionamento da accesibilidade, melloras eléctricas, compra de mobiliario, etc…

As Asociacións de Veciños beneficiarias son Chan do Bosque, Celado de Cela, San Rafael de Pereiras, San Mamede de Torroso e Santa Baia de Mos.

O Concello de Oia incorpora un novo camión multiusos

0

O Concello de Oia vén de incorporar un novo camión multiusos para a recollida de residuos sólidos urbanos e restos vexetais procedentes de desbroces e limpeza de vías públicas; unha actuación que busca mellorar a calidade deste servizo. A compra deste vehículo supuxo un investimento superior aos 44.000 por parte da Administración local.

O camión chegou este mércores a Oia para incorporarse de inmediato aos servizos municipais de recollida de residuos en substitución do camión que se viña empregando ata o de agora, o cal estaba dando moitos problemas debido á súa antigüidade. A nova incorporación, da marca Fuso, está dotada con tecnoloxías para a redución de emisións contaminantes.

Unha vez recibido polo Concello, a alcaldesa, Cristina Correa, e mailo concelleiro de Medio Ambiente, José Manuel Rodríguez, fixeron unha revisión das prestacións e equipamentos do camión. Entre as súas principais características destacan as tres opcións de basculante da súa caixa colectora: cara o lado esquerdo, o dereito e cara atrás; o que supón unha mellora respecto ao antigo vehículo (que só tiña unha).

Renovación do parque móbil municipal

O novo camión multiusos supón un investimento total de 44.649 euros, financiados a través dos remanentes de tesourería (como investimento financeiro sostible) dos orzamentos municipais de 2019. O contrato foi licitado e adxudicado á empresa Angal Vehículos Industriales SL; que vén de facer a entrega ao Concello nesta mesma semana.

Con esta actuación, o goberno local de Oia dá continuidade ao proceso de renovación do parque móbil municipal que está a desenvolver ao longo do presente mandato. O ano pasado adquiriuse unha nova furgoneta, vehículo ao que agora se suma o novo camión para a recollida do residuos sólidos urbanos.

Ponteareas decreta novas medidas tras declararse o nivel de alerta vermella pola Covid-19

O Concello de Ponteareas vén de reunir de urxencia o seu comité de seguimento da Covid-19, tras aumentar novamente a incidencia da pandemia na localidade. Segundo os datos oficiais publicados polo Servizo Galego de Saúde, Ponteareas sitúase en nivel de alerta vermella, ao superar nos últimos sete días os 21 novos casos positivos confirmados por PCR.

O goberno municipal aclara unha vez máis que “ningún Concello recibe da Consellería de Sanidade o número concreto de persoas contaxiadas pola Covid-19, pero ante os datos semanais publicados no mapa epidemiolóxico galego, debemos tomar medidas que poñan freo á escalada de contaxios, xa que sitúan a Ponteareas nun tramo que acumula entre 28 e 42 novos casos nas últimas dúas semanas”.

Entre as medidas adoptadas, que estarán en vigor mentres se manteña o nivel de alerta, suspéndense todas as actividades e eventos socioculturais nas instalacións públicas e nos Centros Culturais, con excepción da Biblioteca Municipal que permanecerá aberta para o préstamo de libros. Así mesmo,  decrétase a suspensión das actividades deportivas en equipo que se practican nas instalacións municipais,  mantendo unicamente as competicións federadas xa programadas, que poderán celebrarse sen presenza de público.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, sinalou que “somos conscientes da seguridade coa que se viñan desenvolvendo as actividades culturais e deportivas por parte das diferentes entidades, pero ante a nova situación decidimos extremar as precaucións e pór en marcha todas as medidas que poidan axudar a minimizar os riscos e paliar a gravidade da situación para preservar a saúde da cidadanía”.

Outra das medidas adoptadas polo goberno local refírese ás feiras e mercados, onde os postos estarán limitados unicamente á venda de produtos agroalimentarios. Ademais, intensificarase a desinfección en espazos públicos como parques infantís e biosaudables, suspéndese a celebración de bingos sociais e suprímense as visitas á Residencia de Maiores.

Normativa específica para o Cemiterio Municipal

De cara á celebración da festividade de Todos os Santos e Defuntos, o goberno detallou unha serie de medidas aplicadas ao Cemiterio Municipal, de acordo co protocolo establecido pola Dirección Xeral de Saúde Pública. Entre elas estipúlase o horario de apertura da instalación, que será de 9 a 19h, establecendo un máximo de 4 persoas conviventes por grupo de visitas, cunha duración inferior a trinta minutos. Así mesmo,  organizarase a zona de tránsito de vehículos, que accederán pola estrada provincial cara As Neves e sairán cara a rúa Trovador Xoán García de Guillade. Co fin de evitar aglomeracións, non se celebrarán oficios relixiosos na instalación e a entrada e saída do recinto será controlada, realizando tomas de temperatura e facilitando xel hidroalcohólico no acceso para a desinfección de mans. Persoal Municipal e a Agrupación de Voluntarias e Voluntarios de Protección Civil velarán polo cumprimento das medidas establecidas.

Horario de inverno no Punto Limpo da Guarda

0

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Medio Ambiente, ven de anunciar un cambio de horarios na atención que se presta aos cidadáns no Punto Limpo do municipio, ampliando o horario de apertura de xeito que se facilita o acceso a este servizo, coincidindo co cambio ao horario de inverno.

A partires do xoves día 29 de outubro de 2020 o horario do Punto Limpo da Guarda será o seguinte:

  • Luns de 8:00h a 14:30h
  • Martes de 8:00h a 14:30h
  • Mércores de 8:00h a 17:30h
  • Xoves de 8:00h a 14:30h
  • Venres de 8:00h a 14:30h
  • Sábados de 8:30h a 13:00h

O Concello da Guarda considera que con esta ampliación do horario do punto limpo mellorarase o servizo e facilitarase tamén a reciclaxe, dentro da folla de ruta da Estratexia Europea 2020 e nas medidas recollidas no paquete de economía circular.

A Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda continúa deste xeito coa mellora das taxas de reciclaxe, contando ademais cun dos puntos limpos de referencia a nivel autonómico. O Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia 2010-2020 (PXRUG), establece as bases para impulsar a xestión de residuos urbanos en Galicia, facendo especial fincapé na prevención e a valorización dos residuos, accións que van en consonancia co PEMAR, Plan Estatal Marco de Xestión de Residuos.

Máis información no Punto Limpo da Guarda, ao carón da Piscina Municipal, no teléfono 690 01 69 76 ou no enderezo electrónico [email protected].

Nigrán presentará unha moción esixindo á Consellería de Sanidade un cambio urxente no sistema de Atención Primaria

0

O goberno de Nigrán presentará no vindeiro pleno ordinario de novembro unha moción elaborada pola plataforma SOS Sanidade Pública na que se alerta á Xunta da necesidade de reforzar a Atención Primaria e de cambiar o actual sistema de consulta telefónica. Por este motivo, o alcalde, Juan González, e o edil de Seguridade, Rubén Rial, mantiveron esta mañá un encontro con Jesús Araujo Nores, membro de SOS Sanidade Pública e da Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública (AGDSP).

A moción recolle a situación sanitaria insostible nos centros de saúde, sen consultas presenciais e só con citas telefónicas que acumulan demoras de 10-12 días. “Temos moitas queixas dos veciños ao respecto, especialmente de persoas maiores. Non se pode manter por máis tempo a consulta exclusiva telefónica, estase a adiar o diagnóstico de patoloxías non covid graves que, precisamente, requiren de celeridade no tratamento”, sinala o alcalde, Juan González, quen considera que “pasados xa bastantes meses desde o inicio da pandemia, compre que a Xunta estableza protocolos anti-covid nos centros de saúde para retomar as consultas presenciais”. Segundo a plataforma SOS Sanidade Pública, debido a estas dificultades para acceder ao sistema de saúde estímase nun 25% o aumento da mortaldade por enfermidades non covid.

Así, entre outros aspectos, a moción insta á Consellería de Sanidade a establecer un protocolo anticovid en cada centro para poder reabrilos con atención presencial e desdobrando consultas para reducir a lista de agarda. Ademais, requírese o aumento urxente do orzamento destinado a Atención Primaria; acabar coa precariedade do persoal contratado; e maior transparencia na información sobre as listas de agarda, tanto diagnósticas como cirúrurxicas (cun plan de choque urxente para reducir o gran número acumulado nestes meses).

Todo este colapso que está a sufrir o sistema só favorece á privatización, coa correspondente fuxida das persoas con maior poder adquisitivo aos seguros privados. “Agora, máis que nunca, debemos reclamar todos xuntos o reforzo da sanidade pública como un ben universal e innegociable”, finaliza o alcalde, Juan González.

O SEIS de Redondela retira un niño de vespa velutina de grandes dimensións na parroquia de Quintela

0

No día de onte o SEIS (Servizo de Emerxencias, Incendios e Seguridade) de Redondela procedeu á retirada dun niño de vespa velutina de grandes dimensións que se atopaba nunha figueira da finca dunha vivenda da parroquia de Quintela. O niño foi inutilizado a semana pasada polo servizo de emerxencias e foi preciso dispararlle cun fusil de aire comprimido automático 12 veces para eliminar a actividade, cando o habitual veñen sendo de cinco a seis disparos.

Na mañá de onte, efectivos do SEIS visitaron o lugar e o comprobar a falta de actividade procederon a retirada deste niño que as dimensións que tiña desmarcase do habitual neste tipo de actuacións que veñen sendo niños do tamaño dun balón de fútbol.

armas automáticas de aire comprimido contra a vespa velutina

O Servizo de Emerxencias de Redondela comezou a utilizar na campaña de loita contra as Velutinas deste ano dúas armas automáticas de aire comprimido e traxes de seguridade lixeiros que facilitan e reducen o tempo das actuacións en mais dun 60 %. Este equipamento foi adquirido pola Concellería de Medio Ambiente en Decembro do pasado ano con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

O departamento medioambiental dotou o servizo dun local de custodia para as armas e equipamento que tan só pode ser utilizado por persoal autorizado. O equipamento tamén dispón dun conxelador para manter conxeladas a balas que conteñen veleno con base alcohólica mesturado con auga para facilitar a conxelación e poder introducir as balas nos cargadores con capacidade para 10 disparos. De momento no que vai de campaña o Concello de Redondela eliminou máis de 120 niños de vespa velutina, cantidade que continuará en aumento pois continúan chegando avisos o departamento de medio ambiente.

Dende o inicio da campaña os resultados do emprego deste tipo de armas deron resultados satisfactorios pois a sua utilización permite o persoal do Concello actuar a maior distancia dos niños diminuíndo notablemente pos ricos de actuación. Tamén se ten constatado que a cantidade de veleno empregado é moito menor que coa pértega que se utilizaba en campañas pasadas reducindo así a introdución desta sustancia no medio ambiente. Por outra banda o tempo de actuación redúcese con unha porcentaxe moi elevada con respecto a pértega que se utilizaba en campañas pasadas.

Galicia preto dos 8.000 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 7.930, deles 1.358 son da área da Coruña, 782 da de Lugo, 1.407 da de Ourense, 838 da de Pontevedra, 1.624 da área de Vigo, 1.251 da de Santiago, e 670 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 67 están en UCI, 414 en unidades de hospitalización e 7.449 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 26.270 persoas curadas, rexistrándose 889 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 663.251.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Carmela Silva recibe na Deputación á directora do CRA ‘Mestra Clara Torres’ de Tui, premio ‘Escola do Ano’ da Fundación Princesa de Girona

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recibiu hoxe no Pazo Provincial a Teresa Domínguez, directora do CRA Mestra Clara Torres de Tui, e transmitiulle a felicitación da institución polo premio Escola do Ano da Fundación Princesa de Girona, que acaba de recibir o centro polo seu carácter innovador e a súa dinamización da contorna rural. Precisamente, unha das accións que valorou o xurado destes premios foi a iniciativa dos Calendarios Competenciais para Infantil e Primaria, impulsados por esta docente, que a Deputación elabora desde o 2016 e reparte nos centros escolares da provincia.

Carmela Silva definiu a Teresa Domínguez como “unha filósofa da educación, que para min é o lugar mais alto que pode ter un ser humano”, amais dunha “gran innovadora pedagóxica e unha autentica servidora pública, que entende o servizo público como compromiso co espazo, co tempo que lle tocou vivir e coa profesión que elixiu, a de mestra”. A presidenta destacou que o premio recibido polo centro e a proposta educativa “avanzadísima” que Domínguez defende “son os modelos que temos que amosar á sociedade para que estean na conciencia cidadá”. “Teresa vai pasar á historia como pedagoga, dixo, e estou segura de que cando se xubile, a súa semente vai quedar recollida por outra xeración de mestras e mestres. Na Deputación queremos seguir contando co seu compromiso e capacidade e coa gran marea de ideas que ten”.

A presidenta provincial enxalzou a mestras como Teresa Domínguez e ao traballo do colexio tudense “como os modelos que temos que amosar á sociedade”

Teresa Domínguez quixo facer partícipes deste premio á presidenta e á institución provincial xa que, como explicou, moitas das actuacións que a Fundación valorou foron aquelas de portas abertas ao territorio, accións e estratexias proactivas que promoveran o desenvolvemento do rural e o desenvolvemento das familias e que compensasen desigualdades. “E o calendario foi unha desas ferramentas –subliñou-. Tanto desde a Casa Real como desde a propia Fundación e algún membro do xurado que me chamou, dixeron que a iniciativa dos calendarios os deixou impresionados. Pola miña parte non teño máis que seguir dando as grazas”. Domínguez destacou tamén que elixiu na súa traxectoria traballar no rural “e rematarei unha vida dedicada á educación na súa etapa administrativa, pero seguirei vinculada á educación ata que morra”.

Carmela Silva quixo destacar tamén a grande aceptación que están a ter entre a comunidade educativa os Calendarios Competenciais, “un proxecto marabilloso que é unha verdadeira obra pedagóxica dun modelo educativo que compromete as familias e as nenas e os nenos e se integra no territorio, que entende que temos que educar aos nenos non só en contidos senón en competencias”. Explicou que cada ano, estes calendarios comprométense cun concepto e se neste 2o20 foi o recoñecemento ás mestras e a súa pegada na educación, no vindeiro 2021 “van recoñecer ás persoas que nos coidaron, particularmente ás da sanidade”.

Os Calendarios Competenciais constitúen unha innovadora experiencia e os seus contidos ofrecen distintas propostas que teñen como obxectivo conseguir que a educación, aprendizaxe e competencias a adquirir polas nenas e nenos se fagan desde múltiples perspectivas, entre elas a implicación das familias. En total este ano a Deputación recibiu 6.000 solicitudes de calendarios competenciais de infantil e primaria.

Mos xa ten a súa propia mascarilla oficial de La Vuelta 20

0

A clase de 2º curso de Bacharelato de Artes do IES de Mos recibiu onte os seus exemplares da mascarilla oficial da etapa de La Vuelta Ciclista a España que sairá do Pazo de Mos o 5 de novembro.

A mascarilla oficial é o deseño de Ezequiel Ramos Prino, alumno gañador do concurso.

Ademais o Concello agasalla ao Instituto con material de papelería para deseño gráfico para os 26 alumnos/as da clase, para os 16 participantes no concurso a súa mascarilla xa producida e serigrafiada en tea e para os 10 restantes un exemplar da mascarilla gañadora tamén serigrafiada. Estas mascarillas son financiadas por La Vuelta.

Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, tras ter observado os 16 deseños participantes, quedaron “asombradas, marabilladas e moi satisfeitas ante o resultado de todos e cada un deles” polo que felicitan tanto aos autores como ao profesorado. Así mesmo agradecénlles enormemente a participación.

Os alumnos/as que participaron no concurso para elixir a mascarilla oficial da saída dunha etapa de La Vuelta 20 desde Mos o vindeiro 5 de novembro foron un total de 16, dos 26 rapaces e rapazas de 2º de Bacharelato que cursan o Bacharelato de Artes.

Presentaron as súas creación o pasado 9 de outubro, unha por cada alumno, incluíndo 2 versións de cada deseño: unha en cor e outra en branco e negro; así como o esbozo a man e a versión dixital do mesmo.

O grupo de participantes no concurso lucindo cadansúa mascarilla concursante

O deseño gañador elixiuse por votación dos propios 26 alumnos/as da clase e o resultado anunciouse hoxe públicamente. Os deseños inclúen os logotipos oficiais de La Vuelta e o escudo do Concello de Mos, e a meirande parte deles, incluído o gañador, inspíranse na simboloxía clásica do escudo e a bandeira de Mos: a rosa, o xadrezado en cores vermello e amarelo… e do ciclismo: bicicletas, rodas… etc. É por elo que as cores dominantes en case todos os deseños son o negro, o branco, o vermello, o amarelo e o verde.

Boa parte do bo resultado dos deseños ven dado pola formación previa e o labor docente da profesora de deseño que os instruiu en nocións fundamentais de publicidade e márketing tales como público obxectivo, ‘target’, cliente… etc.

Da mascarilla gañadora procedeuse á producción de varios centos de unidades que están financiadas por La Vuelta e serán entregadas como agasallo institucional con motivo da saída de La Vuelta 2020 en Mos o vindeiro 5 de novembro.

O Concello de Baiona estable un protocolo especial para as visitas ao cemiterio municipal de Santa María de Baiona

0

O Concello de Baiona ditou un protocolo para garantir que a celebración do Día de Todos os Santos e o de Defuntos conmemórense con todas as medidas de seguridade acordes á situación sanitaria actual no cemiterio municipal de Santa María de Baiona.

O alcalde, Carlos Gómez Prado, sinalou que “conforme ao contexto actual elaborouse un protocolo que se axusta ás directrices marcadas polas autoridades sanitarias, permitindo á súa vez que todos os visitantes poidan render culto aos seus seres queridos de forma segura”.

Para que a visita ao cemiterio municipal realícese co mínimo de riscos posibles e co fin de evitar aglomeracións, a Concellería de Medio Ambiente, ao fronte de Rosa María Domínguez Roda, limita o aforo do recinto ao 50 por cento, marca un itinerario direccional nas beirarrúas que favorece o tránsito de persoas e coloca cartelería informativa coas medidas de seguridade. O tempo de estancia no recinto recoméndase que non supere os 20 minutos. Así mesmo, débese respectar un aforo máximo dunha persoa por cada catro metros cadrados e establécese un máximo de 4 persoas por grupo de visitas do mesmo grupo familiar/conviventes, directrices que marcan as indicacións oficiais.

Desde a concellería lembran que se deben observar sempre as debidas medidas de hixiene de mans e respiratoria, co uso obrigatorio da máscara así como as medidas de distanciamento interpersoal. Destacar que evitar a propagación da pandemia é responsabilidade de toda a cuidadanía, débense tomar todas as medidas de protección e hixiénicas individuais recomendadas para evitar un agravamento da situación.

Igualmente, recoméndase visitar o camposanto os días previos ou posteriores ao 1 de novembro para evitar o momento no que maior afluencia de persoas adoita producirse.

“Ínstase os veciños a que adianten ou pospoñan as súas visitas para evitar a concentración de persoas nunha única xornada e tratar de evitar as aglomeracións. #Ante situacións especiais temos que tomar medidas especiais, como será a próxima fin de semana coa celebración de de Todos os Santos e Defuntos e a tradición de visitar os cemiterios durante esa fin de semana. Desde o Concello de Baiona establecemos un protocolo de actuación para regular a visita, cun aforo limitado. Dentro do cemiterio marcáronse uns itinerarios indicados con frechas, para que a xente non se cruzamento. Pero para que todo funcione correctamente, necesitamos a corresponsabilidade de todos e todas e pedimos á cidadanía que cumpra coas normas establecidas e colabore para que se desenvolvan as visitas ao cemiterio de forma graduada e cumprindo o protocolo” indica o alcalde.

“Desde o Concello sabemos a importancia e emotividade que ten esta festividade para os nosos veciños e veciñas e máxime cando nos atopamos nesta situación de pandemia e moitas familias non puideron despedirse dos seus seres queridos como facemos de maneira cotiá polas restricións, o confinamento, a desescalada e a nova normalidade”, finaliza Gómez.

O obxectivo do protocolo non é outro que protexer aos cidadáns e minimizar o risco de contaxio.

O Goberno de Redondela advirte, que as declaracións da Xunta sobre as obras da avenida Mendiño “son unha falta de respecto á veciñanza que non imos tolerar”

0

O Goberno de Redondela expresou hoxe a súa indignación polas manifestacións realizadas pola Xunta de Galicia sobre as obras da avenida Mendiño nas que a Consellería de Infraestruturas asegura “que está a reclamar ao Concello que certifique que dispón do crédito necesario para cumprir co compromiso de cofinanciar esta actuación por un total de 433.000 €, a cuarta parte do total”.

O executivo local considera que tanto a Xunta de Galicia como o PP local “teñen entrado na errónea dinámica de repetir unha mentira cantas veces faga falta ata que se transforme en verdade”. As comunicacións entre Concello de Redondela e Axencia Galega de Infraestruturas, todas elas vía Rexistro de entradas e por conseguinte, debidamente documentadas, deixan clara una realidade “que difire totalmente da que se quere ‘vender’ ás veciñas e veciños”.

En marzo (24/03/2020) tivo entrada comunicación dirixida a Alcaldesa dende a Axencia Galega de Infraestruturas, na que se require a conformidade do Concello de Redondela co texto proposto de convenio para realizar obras para a mellora da seguridade viaria e reordenación da PO-363. Treito: Redondela – praia de Cesantes por un importe total de 1.594.713,10 €, así como a certificación da retención de crédito correspondente ao cofinanciamento da actuación por parte do Concello.

No que á conformidade do texto do convenio fai referencia, a secretaria municipal advertiu unha serie de cuestións xurídicas que, segundo a Lei re Réxime Xurídico do Sector Público “necesitaban da súa modificación ou incorporación ao texto do convenio” tales como a determinación nas cláusulas do convenio das competencias da Xunta e Concello respecto a actuación de que se trata, tendo en conta, sinala o Concello “que neste caso a estrada obxecto de actuación (…) é de titularidade da Xunta de Galicia”.

Doutra banda, faise referencia a que o importe que corresponde ao Concello “correspóndese cos custos dos servizos municipais de abastecemento e saneamento, así como o 50 % do importe do alumeado, nas cláusulas do convenio se engadía a semaforización”. Nese senso, o Concello sinalaba que dita semaforización “non forma parte dos servizos municipais de prestación mínima, polo que debía eliminarse dita referencia”.

Finalmente indicábase que non prevé o texto do convenio a imputación orzamentaria concreta da achega da AXI de acordo co apartado d) do artigo 49 da Lei de Réxime Xurídico do Sector Público.

Todas estas apreciacións foron enviadas á Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia, mediante escrito da Alcaldía remitido o 16/04/2020 con número de rexistro de saída do Concello de Redondela 1894 e presentado na sede electrónica da Xunta de Galicia o mesmo día.

Polo tanto, sinala o Concello de Redondela, non procede a emisión da retención de crédito da achega do Concello de Redondela, “ata ter o texto definitivo do convenio, xa que ademais podería incluso variar a contía da achega municipal definitiva, ao eliminar os custos correspondentes á rede semafórica, no seu caso”.

A este escrito do mes de abril no que se achegaban as apreciacións do Concello para ser incluídas no convenio ou modificado o seu texto “a día de hoxe non ten resposta, pese a ter constancia de que foi recibido na Axencia Galega de Infraestruturas”, afirma a alcaldesa Digna Rivas.

A realidade, subliña a rexedora local, “é que a Xunta non está pola labor de realizar obras en concellos que non sexan ‘da súa cor’ como ben queda demostrado e ampárase para iso, nunha serie de falsidades que son un insulto e unha falta de respecto á cidadanía que este Goberno non vai consentir”.

O Concello de Redondela, engade Rivas, cumpriu “de xeito escrupuloso” con todos os requirimentos que fixo a Consellería e “non imos tolerar que se falte á verdade de xeito tan descarado cando, o certo, é que dende abril estamos á espera que se nos remita o convenio coas modificacións indicadas polos servizos xurídicos do Concello”.

Este Goberno, afirma a rexedora local, “actuou sempre co principio de lealdade institucional, termo que, polo visto, descoñece a Xunta de Galicia”. Se tan certo é que queren realizar este proxecto “que remitan dunha vez por todas o convenio coas apreciacións indicadas polo Concello de Redondela, e que demostren que como goberno de Galicia que son, gobernan para toda a cidadanía sen distinción de cor política, cousa que ata o de agora non fixeron”.

Realizada con todos os resultados negativos a proba serolóxica aos traballadores municipais

0

Na mañá de onte realizouse á plantilla municipal do Concello de Tui as probas serolóxicas da covid19, sendo negativos todos os test. Nestes momentos son 4 os traballadores municipais con infección activa por coronavirus, tras confirmarse antonte por PCR un novo caso.

O municipio continúa en alerta vermella ao rexistrar máis de 21 positivos no últimos 7 días, segundo o mapa que publica a diario a Consellería de Sanidade. Mantéñense as medidas establecidas a semana pasada de peche de instalacións municipais de carácter deportivo e cultural, ás que se suman as quendas rotatorias no persoal municipal, e o establecemento de cita previa en todos os departamento.

Amais establécense unha serie de recomendación ante a celebración de Todos os Santos ante a visita ao cemiterio municipal, que se debe limitar a un máximo de 4 persoas convivintes e non máis de 30 minutos, entre outras.

Dende o Concello apélase á responsabilidade e a precaución ante a actual situación que estamos a vivir.

Nigrán celebra as Letras Galegas este sábado co concerto de ‘Xardín Desordenado’

0

O Concello de Nigrán sumarase á conmemoración das Letras Galegas este sábado 31 de outubro (nova data designada pola Real Academia Galega ao coincidir o 17 de maio en confinamento) co concerto de Xardín Desordenado ás 20:00 no Auditorio Municipal. Esta programación especial en homenaxe a Ricardo Carvalho Calero conta co apoio da Deputación de Pontevedra para actividades de dinamización da lingua galega. Como ven sendo habitual, o aforo estará limitado a 54 persoas para manter unha correcta distancia de seguridade.

A banda galega ‘Xardín Desordenado’, con máis dunha década musicando a poetas galegos, abordará no seu espectáculo gratuíto temas trascendentais para o autor homenaxeado, a súa relación co seu Ferrol natal, o seu compromiso social ou incluso a importancia que tiñan para él os seus encontros cos amigos.

Igualmente, o Concello reprogramará para mediados de novembro a obra de teatro de Galaxia que estaba prevista no IES Proval o 15 de outubro (cancelárase ao coincidir con alerta vermella) e, para rematar a programación cultural de novembro, ofrecerá o concerto do dúo de guitarras Pino&Pino o sábado 14 de novembro ás 20:00 no Auditorio Municipal.

Xampatito Pato presenta este venres no Teatro Municipal o espectáculo de circo-teatro ‘Só’

0

Unha proposta para todos os públicos na que se combina circo e teatro é que chega este venres ao Teatro Municipal de Tui, dentro da programación cultural ‘Volvemos ao Teatro’ organizada polo Concello de Tui. Será da man da compañía Xampatito Pato co espectáculo ‘Só’. Comezará ás 19:30 h e coa capacidade limitada a 60 persoas, cumprindo todas as medidas de prevención e seguridade.

‘Só’ achéganos a historia dun personaxe, único na súa especia, obsesivo, cuadriculado e meticuloso. Pero está rodeado de caixas que escapan do seu control polo que xoga con elas para darlles forma. Do caos de partida xorde un universo onde se inventa a risa, e se crea unha loucura cómica, que se transforma nun novo ser, cunha nova figura.    

Baixo a dirección de Arturo Cobas sobre o escenario estará Jesús Velasco, nun espectáculo cunha duración de 50 minutos. ‘Só’ ten recibido numerosos galardóns, entre eles o 2º Premio Panorama Circada 2019, e o Premio do Público do Festival Malabharía 2020.

As entradas están á venda, en www.tui.gal até o venres ás 18:30 h ou o mesmo venres, dende unha hora antes do inicio da función, no despacho de billetes. Teñen un prezo de 4 € e 3 €, este último para público infantil e para as persoas que teñan dereito a algún dos descontos establecidos.