17.7 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO treito antigo da estrada provincial Tabagón-A Vila-Portecelo, pasa a ser competencia...

    O treito antigo da estrada provincial Tabagón-A Vila-Portecelo, pasa a ser competencia do Concello do Rosal logo da transferencia feita pola Xunta

    Trátase dun treito de 290 metros da vía provincial EP-3302, xerado pola rectificación de trazado realizada pola Xunta de Galicia para executar o treito III da vía de altas prestacións Tui-A Guarda

    O Consello da Xunta autorizou onte o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito antigo da estrada provincial que comunica Tabagón, O Rosal e Portecelo a prol do Concello do Rosal. Trátase dun treito de 290 metros lineais na marxe dereita da vía provincial EP-3302, entre os puntos quilométricos 1+365 e 1+580.

    Este treito antigo xerouse pola rectificación de trazado da estrada como consecuencia da execución, por parte da Xunta de Galicia, do treito III da VAP Tui–A Guarda. Neste tramo realizouse unha actuación planificada e coordinada entre o Concello, a Deputación Provincial de Pontevedra e a Xunta de Galicia, para mellorar a mobilidade peonil da zona.

    A entidade provincial actuou no treito antigo de estrada da súa competencia, que é o obxecto deste cambio de titularidade, e deulle continuidade á senda peonil executada polo Departamento de Infraestruturas da Xunta no 2019, desde a subida ao Niño do Corvo ata a estrada de Morán, por un investimento de máis de 48.000 euros.

    O cambio de titularidade inclúese no acordo entre o Concello e a Deputación Provincial de Pontevedra para a mellora da mobilidade peonil nesta estrada.

    Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos incluídos no inventario da Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia.

    Neste sentido, o Goberno galego autoriza esta transferencia pola que lle corresponderán ao Concello do Rosal as actividades de xestión e conservación da vía.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.