O Concello de Redondela vén de amosar a súa satisfacción polo anuncio do Goberno do Estado de incluír nos Orzamentos Xerais unha partida de 1,5 millóns de euros para a supresión da peaxe Redondela-Vigo, “unha peaxe a todas luces inxusta e que as e os redondeláns tivemos que sufrir durante moitísimos anos”, afirmou a alcaldesa Digna Rivas.
Cómpre lembrar que no mes de febreiro e acompañada polo concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, Digna Rivas desprazábanse a Madrid para manter reunións con distintos responsables do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, (MITMA).
Nas xuntanzas mantidas con Julián López Milla, secretario xeral de Infraestruturas; Javier Herrero, director xeral de Estradas; Carmen Sánchez, subdelegada do Goberno de Autoestradas e Javier Anibarro García, asesor do ministro de Transportes, reclamábase por parte dos representantes do Concello de Redondela “a necesidade de eliminar unha peaxe fondamente inxusta e que condicionaba non só a mobilidade das veciñas e veciños senón tamén o propio desenvolvemento do municipio”.
As xestións realizadas polo Goberno de Redondela no que era un dos obxectivos prioritarios do seu programa “míranse reflectidas agora nesa partida de 1,5 millón de euros” que permitirá, dunha vez por todas, poñer fin a unha peaxe “que era todo un despropósito e un agravio comparativo para a cidadanía de Redondela”, afirma o Executivo local.
Doutra banda, o Goberno redondelán lamenta “a farsa” protagonizada polo exalcalde de Redondela, Javier Bas, que en xaneiro de 2019 comezara unha recollida de sinaturas para reclamar esa gratuidade, iniciativa “que sería interesante senón fora porque no mes de setembro, estando xa o actual Goberno, as sinaturas seguían en caixas de cartón escondidas na Casa Consistorial e non foran enviadas a ningún lado”.
De feito, foi o actual equipo de goberno o que enviou ditas sinaturas “deixando ben claro que a campaña iniciada polo exalcalde só tiña como obxectivo facer campaña en vésperas dunhas eleccións municipais”.
Agora, a gratuidade de Rande comeza a transformarse nunha realidade. “Espero con entusiasmo dita supresión e plasmar esta magnífica noticia para toda a veciñanza”, conclúe a alcaldesa Digna Rivas.