8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosA Xunta de Galicia subvenciona con 44.000 euros máis ás Comunidades de...

    A Xunta de Galicia subvenciona con 44.000 euros máis ás Comunidades de Augas de Mos

    Entre as 10 Comunidades de Usuarios mosenses beneficiarias das axudas de Vicepresidencia e Augas de Galicia suman preto de 100.000 euros

    A Xunta de Galicia destina 43.989,39 euros máis a outras 5 Comunidades de Usuarios de Augas para Usos Domésticos a través de Augas de Galicia da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. As 5 Comunidades beneficiarias son a C.U. Mina do Ferreiro, a C.U. Campo do Monte-Santa Marta, a C.U. de Casal, Casalmorto e Roublín, a C.U. de Pombal e Pantaño e a C.U. Os Castros.

    Precisamente a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou onte acompañada do concelleiro da parroquia de Torroso, Alberto Méndez, as obras que a Comunidade de Usuarios da parroquia de Torroso está a poder realizar grazas á subvención autonómica de 12.000 euros.

    A maiores destes preto de 44.000 euros que acaban de ser concedidos por Augas de Galicia, este ano a Xunta xa aportou, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, 51.700 euros a subvencionar melloras noutras 5 Comunidades de Usuarios de Augas de Mos: a Comunidade de Usuarios de Augas para Usos Domésticos do Barrio de Castro-Mos, a Comunidade de Usuarios Mina do Ferreiro (que recibe agora novamente axuda a través da liña de Augas de Galicia), a Comunidade de Augas de Torroso, a Comunidade de Augas Fonte do Pobo, e a Comunidade de Usuarios de Fonteliña.

    Deste xeito o importe anual destinado pola administración autonómica ás Comunidades de Augas mosenses suma 96.000 euros.

    Grazas ás subvencións autonómicas recibidas, estas Comunidades de Augas poden acometer melloras en depósitos, acondicionamento de instalacións e reposicións de tubaxe, entre outras melloras.

    Ademais da axuda aos colectivos das Comunidades de Usuarios de Augas, a Xunta axudou económicamente no que vai de 2020 a varias asociacións veciñais, pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a través do Plan Específico de Acción Comunitaria.

    As diferentes subvencións están a ser investidas en varias asociacións destinadas a obras, tales como acondicionamento de instalacións, reforma de fiestras,  obras de acondicionamento da accesibilidade, melloras eléctricas, compra de mobiliario, etc…

    As Asociacións de Veciños beneficiarias son Chan do Bosque, Celado de Cela, San Rafael de Pereiras, San Mamede de Torroso e Santa Baia de Mos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.