Mércores, 23 Abril de 2025

Caballero urxe a Feijóo a comparecer no Parlamento para que explique a “improvisación de pechar as cidades e negarse onte a blindar Galicia”

Apoia “todas as medidas necesarias na loita contra o virus”, pero reprocha a Feijóo que se negue a blindar Galicia para confrontar co goberno de España mentres pecha todas as cidades galegas en cuestión de horas

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, urxiu hoxe a Feijóo a que compareza no Parlamento para explicar “a improvisación” de anunciar un peche urxente de todas as cidades de Galicia tan só un día despois de rexeitar o peche perimetral da comunidade, a diferencia do que están facendo a maioría de comunidades autónomas.

“Nós apoiamos que se tomen todas as medidas necesarias na loita contra o virus”, asegurou Gonzalo Caballero, quen fixo fincapé en que a Xunta está tomando decisións “improvisadas”.

“Feijóo leva todos estes días dando a batalla contra o goberno de España polo estado de alarma e dicindo que non se pode pechar Galicia, e agora anuncia o peche das sete cidades en cuestión de horas”, evidenciou o líder do PSdeG.

“É necesario que Feijóo explique no Parlamento o que está pasando”, requiriu Gonzalo Caballero, ao tempo que reclamou á Xunta que “deixe a confrontación” co goberno de Pedro Sánchez e empece a traballar “cóbado con cóbado” para frear a propagación da pandemia.

Sobre todo, afondou, á vista das “preocupantes” cifras de contaxios que rexistra Galicia, que supera os 8.300 casos activos e as 900 persoas falecidas.