Luns, 17 Marzo de 2025

O BNG de Redondela valora positivamente a inclusión nos Orzamentos do Estado da eliminación da peaxe de Rande

Satisfacción nas filas nacionalista, polo acordo acadado polo seu deputado, Néstor Rego co Goberno do Estado. “Recóllese a proposta, froito das negociacións para que Pedro Sánchez fora investido presidente do estado español”, afirman.

O BNG de Redondela considera “enormemente positivo para o conxunto da veciñanza” que unha das “demandas históricas” se efectivice nos Orzamentos do ano 2021. Despois de anos de anuncios publicitarios, dende a organización nacionalista consideran que “dáse un paso en firme para eliminar unha peaxe totalmente discriminatoria, para a veciñanza de Redondela, e a nosa bisbarra”. Entenden que moitos veciños e veciñas que se desprazan a diario empregando a autoestrada, tanto a Vigo como a Puxeiros, xa non terán que pagar a Peaxe de Rande

Os nacionalistas consideran que a súa presenza no Congreso, xunto a un Goberno en minoría, “permite dialogar, e chegar a acordos, o que servíu para introducir esta Proposta”. Recordan que se trata dun primeiro paso, e que agora débeselle dar aprobación definitiva, para que a inicios de ano se poida efectivizar. O propio Néstor Rego, participou nun acto público en Chapela explicando o proceso de negociación.

Pola súa banda, o voceiro municipal, Xoán Carlos Gonzalez recoñece o importante papel desenvolvido polas asociacións de veciños de Chapela e Trasmañó, quen convocaron a unha importante mobilización en contra da Peaxe en febreiro do 2019. “Houbo un antes e un despois, na presión para acabar con este agravio”, afirma.

Destaca que no futuro inmediato, a parroquia de Chapela vaise ver enormemente beneficiada, posto que se reducirá o tráfico que pasa tanto pola Avenida de Vigo como Avenida de Redondela, co que se pode ir concretando o ‘Plan Chapela’ que no seu día presentaron no Parlamento.