Xoves, 31 Xullo de 2025

Tui celebra o 8M co lema “Somos e seremos as loitadoras”

0

Somos e seremos as loitadoras” é o lema co que este ano o Concello de Tui vai celebrar o 8M, Día Internacional da Muller. O obxectivo é visibilizar e lembrar a algunhas das mulleres que ao longo da historia acadaron os dereitos dos que hoxe gozan, pero tamén a reivindicación que as mulleres seguen a realizar en prol da igualdade real.

O programa de actividades previsto comezou hoxe venres, 5 de marzo, ás 12 h na Casa do Concello. Alí presentouse o III Plan de Igualdade de Oportunidades entres homes e mulleres do Concello de Tui.  Un plan que foi aprobado por unanimidade en pleno o pasado mes de decembro. A presentación, que terá lugar no salón de sesións, con aforo limitado, correrá a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, e da técnica redactora do Plan, Laura Seara, quen fóra secretaria de Estado de Igualdade.

O luns, 8 de marzo, ás 12 h, no edificio da praza da Inmaculada desenvolverase o acto institucional que, debido ao limitado do aforo, será retransmitido en directo pola canle de Youtube do Concello de Tui.  No mesmo 6 mulleres darán lectura ao manifesto “O persoal é político” reivindicativo da axenda femininista en distintos ámbitos. Amais a pedagoga Teresa Domínguez dará lectura a un poema da súa autoría para a ocasión, e as alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Tui, Dafne Piñeiro e Lourdes Quintela, porán a nota musical a este evento. O acto abrirase coa proxección do audiovisual “Únete á R-Evolución nos coidados” que rende homenaxe ás mulleres que estiveron en primeira liña durante a pandemia, e que ao tempo constitúe unha reivindicación do valor dun traballo absolutamente feminizado e invisibilizado no que urxe promover a corresponsabilidade.

Amais deste eventos está prevista a colocación de lonas reivindicativas en rexeitamento das violencias machistas nos espazos públicos deportivos, en colaboración coa concellería de Deportes.  “Aquí xogamos contra a violencia machista. O mellor resultado é cero violencia” é a mensaxe impresa, acompañada de imaxes de rostros femininos en memoria daquelas mulleres que xa non están. 

Tamén distintos carteis co lema “Somos e seremos as loitadoras” serán colocados en distintos espazos no centro urbano. O programa completarase con outras actividades ao longo do mes de marzo que serán anunciados proximamente.

A Xunta concede 224 axudas para a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, eléctricos ou de baixas emisións

A Xunta concedeu no último ano un total de 224 axudas ao sector do taxi para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida e de baixas ou cero emisións, cun investimento total de case 1,15 millóns de euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución que recolle a listaxe dos beneficiarios destas axudas concedidas para a adquisición destes vehículos, no marco da convocatoria do ano 2020.

Para ampliar a información sobre esta resolución pode consultarse o DOG a través do seguinte enlace: https://xurl.es/zt8z0.

A iniciativa da Xunta, que incrementou o Orzamento inicial destes incentivos ao sector do taxi, para atender á demanda das distintas convocatorias, permitiron atender 41 solicitudes de axudas para vehículos adaptados á mobilidade reducida, 180 para taxis ECO e 3 para coches de cero emisións.

As subvencións son de ata 4.000 euros para os taxis de baixas emisións, 6.000 euros no caso de vehículos de emisións cero e 10.000 euros para coches adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida.

Das mesmas beneficiáronse as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade.

A Xunta suma máis de 3 M€ en incentivos ao sector nos últimos 5 anos, para a modernización da súa flota, tendo en conta a convocatoria correspondente ao ano 2021, que está actualmente aberta, dotada cun crédito de 350.000 euros.

Estas medidas teñen como obxectivos incrementar a competitividade deste sector do que dependen case 4.000 familias galegas, pero tamén de facilitarlle a vida ás persoas con mobilidade reducida e contribuír ao medio ambiente, fomentando unha mobilidade menos contaminante.

A Guarda conmemora o Día Internacional da Muller 2021

0

Nun ano marcado pola pandemia e polas restricións sanitarias desde o Concello da Guarda programáronse actividades adaptadas á situación actual para seguir reivindicando e loitando por unha igualdade real entre mulleres e homes en todas as esferas da vida (no ámbito persoal, familiar, laboral, de lecer…).

Actividades programadas para este ano 2021:

Campaña de sensibilización – O Concello de A Guarda énchese de frases e palabras a prol da Igualdade á muller durante o mes de marzo.

A través do poder dos deseños, composto dun perfil de caras de mulleres de diferentes idades e razas, e mostrando palabras ou frases a prol da Igualdade, pretendemos conmemorar dende A Guarda o Día Internacional da Muller.

Queremos indicar que o material empregado para pendurar os carteis de formato redondo nas árbores foi corda de cáñamo coa intención última de non ferir ás árbores.

A Campaña de Sensibilización vese complementada cunha valla publicitaria na Alameda con motivo do 8M, a colocación dunha pancarta no balcón do Concello, a Iluminación en cor morada do Concello e do CIM, así como unha entrevista á directora do CIM na radio do IES A Sangriña feita polo propio alumnado do Centro.

E este ano queremos centrar as nosas actividades na poboación máis nova, as crianzas e a xuventude, porque consideramos primordial que a concienciación e o fomento de Igualdade entre mulleres e homes estea centrada neste sector da poboación.

Actividades nos centros de ensino

O Contacontos “O pozo das Señoras” con  Rilo e Penadique (contadora de contos e música) levarase a cabo en formato online (debido a situación sanitaria actual) dirixido a crianzas con idades comprendidas entre os 6 e 10 anos.

Ofreceráselle a todos os centros de ensino da Guarda unha ligazón que estará dispoñible durante toda a mañá do martes día 9 para facilitar o seu acceso e adaptarse á programación educativa de cada centro.

A actividade que chamamos “Mulleres galegas, donas do seu”  vai ir dirixida ao alumnado de 1 º de Bacharelato do IES A Sangriña,  é un dos exercicios prácticos  de Interpretación do Patrimonio material e inmaterial galego, que 14 alumnos/as de 2º curso do Ciclo Superior de Guías, Información e Asistencia Turística  do CIFP de Hostalaría e Turismo Carlos Oroza en Pontevedra, deseñaron no módulo de Procesos de Guía que imparte a profesora Tina Otero.

Consiste en investigar e recuperar aspectos moi interesantes da dura vida de  moitas mulleres galegas e non galegas tiveron ao longo da historia e convertelo nun discurso dinámico, interesante e actual para que a nosa audiencia,  xoves  adolescentes coñezan as estas protagonistas, mulleres que viviron en tempos duros, difíciles.. pero que  non se acobardaron… loitaron, traballaron e se esforzaron para mellorar a súa situación, a das súas   familias e sen sabelo a de toda a sociedade, porque elas axudaron a que agora no século XXI as mulleres teñamos máis dereitos, liberdades e unha mellor vida, de feito van recoñecer nestas historias ás súas nais e avoas.

O obxectivo principal deste traballo é aplicar os coñecementos, destrezas e habilidades acadadas durante o ciclo e preparar  emotivos discursos complementados con  dinámicas presentacións que sacan do esquecemento  histórico a estas mulleres,  darlles voz e poñelas como exemplo para invitar a toda a sociedade a seguir loitando por esa igualdade e liberdade  que desgraciadamente aínda a día de hoxe as mulleres e as xoves ás que está dirixido este discurso as  veces  non temos…. buscamos provocar na nosa audiencia  unha reflexión e reacción final  positiva con cada unha das mulleres e oficios que presentamos, por iso a grande importancia de proxectos como o que nos presenta a profesora Tina Otero que nos ofrecen a oportunidade de crear sinerxias entre diferentes centros educativos e o CIM da Guarda. Convídase a todas as persoal que queiran vestir algunha prenda ou pór algún complemento de cor morada, como cor que simboliza o Día Internacional das Mulleres.

Mos constitúe a Mesa Local da Saúde coincidindo co Día Mundial da Obesidade

Coincidindo co Día Mundial da Obesidade, e a petición do persoal de Enfermería do Centro de Saúde de Mos, onte celebrouse no Pazo de Mos a sesión constitutiva da Mesa Coordinadora dos Programas Municipais de Saúde, contando coa presencia do Xerente da Área Sanitaria de Vigo e do CHUVI, Javier Puente.

Ademais de Puente asistiron á constitución da Mesa, convocada polo Concello de Mos, a alcaldesa, Nidia Arévalo; Sara Cebreiro, concelleira de Política Social e Igualdade; Julia Loureiro, concelleira de Educación; Lorena Comesaña, Macarena Chacón e Lucía Leirós, enfermeiras de medicina Familiar e Comunitaria do Centro de Saúde de Mos; Pablo López, Traballador Social da Asociación Española Contra o Cancro; Lorena Lago, monitora deportiva do Concello de Mos; Sandra Ledo, Traballadora Social do departamento municipal de Servizos Sociais, e Alba María Bugarín, Educadora Social do departamento municipal de Educación.

Na súa intervención o Xerente do CHUVI, manifestou a “total dispoñibilidade e absoluta colaboración da Área Sanitaria, do SERGAS e da Consellería de Sanidade en iniciativas deste tipo orientadas a facer un Mos máis saudable”.

Sobre esta Mesa que aglutina a diferentes colectivos municipais relacionados coa saúde, profesionais do ámbito e sector sanitario, etc. a rexedora local mosense declarou que “faise especialmente importante e necesiaria nun momento no que consideramos fundamentais este tipo de iniciativas dada a crise sanitaria derivada da COVID-19 na que nos atopamos inmersos, polo que felicito e doulle as grazas ao persoal do Centro de Saúde que tivo a iniciativa. E tamén destacar que teña sido constituída no día de hoxe, Día Mundial da Obesidade, como símbolo da loita contra esta importante causa de enfermidade e a promoción desde o Concello de Mos de hábitos de vida e alimentación saudables para combatila”.

Durante a celebración da Mesa plantexáronse e paníficaronse actividades a levar a cabo cos diferentes colectivos (escolares, adolescentes ,mediana idade e maiores) por parte das enfermeiras. Presentouse o obradoiro de almorzos saudables na escola por parte de Julia Loureiro. E acordouse iniciar, despois da vindeira Semana Santa, un programa de actividades deportivas ao aire libre para maiores, organizadas en grupos moi reducidos e guiadas polos monitores deportivos municipais; para que este colectivo, moi activo no municipio e que é o que máis está a sufrir o illamento por mor da crise sanitaria, poida retomar o exercizo físico e a socialización que tanto lle convén e que tanto ansía.

Os obxectivos desta primeira reunión da Mesa eran dar a coñecer aos principais activos comunitarios, a iniciativa de crear un espazo que se converta nunha ferramenta clave de participación que permita coñecer as necesidades sentidas dos cidadáns, organizacións e institucións locais e que a través da coordinación desenvólvanse intervencións comunitarias que dean resposta a estas demandas mellorando a calidade de vida da poboación mosense. Facilitar o contacto, comunicación e coordinación intersectorial no municipio. Crear sinerxias entre os diferentes actores do territorio optimizando os recursos da comunidade. Visualización das fortalezas e debilidades do territorio. Promover a saúde e o benestar social, potenciando a capacidade das persoas e grupos para a abordaxe dos seus problemas, demandas e necesidades.

O Concello de Tui creará unha nova área recreativa na sede do CRA Mestra Clara Torres nas Bornetas

0

Nos próximos días iniciaranse as obras de acondicionamento da área recreativa na sede do Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres, nas Bornetas. Os traballos, financiados con fondos do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra, tiñan un prezo inicial de licitación de 107.105,11 euros e adxudicáronse nun procedemento en aberto á empresa Sodein Solucións Integrais por un importe de 87.271,55, cun prazo máximo de execución de 2 meses.

A obra abrangue unha superficie de 346 m2. Consistirá nunha serie de actuacións previas, como a retirada da marquesiña que se atopa na fachada, por atoparse en moi mal estado xerando un importante feísmo non só para a edificación senón tamén para o viario, retirada dun telladiño que se atopa no interior dese recinto, ao estar en mal estado e ser de amianto, acondicionamento de todo o muro exterior e renovación de todo o sistema de peche perimetral xunto co tratamento do todo o muro exterior.

Esta actuación segue a nova política de parques e xardíns que contempla o acondicionamento e recuperación de espazos de lecer ao aire libre para o goce de todos e cada un dos membros da unidade familiar. Así enténdense estes lugares coma inclusivos e integradores, que a maiores de ser un espazo para xogos deben incluír zonas de aprendizaxe e desenvolvemento en idades temperás, sen deixar atrás a posibilidade de gozar e realización de exercicio para os maiores nunha contorna adaptada, adecuado e agradable para o desempeño destas actividades.

[su_image_carousel source=”media: 31683,31684,31681,31680″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Na sede do CRA nas Bornetas a área de xogos infantís estará composta por unha montaña, con zona de escalada por cordas, 15 puños de escalada, un trampolín circular, un tobogán para os máis pequenos, e un túnel. Tamén incluirá unha randeeira (columpio) de dobre asento: asento plano e asento tipo berce para bebes; balancín dobre: para ir sentado ou de pé; xogo de peirao tipo cesto e xogo de peirao para dous usuarios. Outro dos elementos a colocar será unha torre dobre para nenos de 3 a 14 anos: integrada por dúas torres con acceso una por unha escaleira colgante e outra por un muro inclinado de escalada, comunicadas entre si por unha ponte de cordas e con saída por un tobogán. Unha das torres ten un xogo de 3 en raia.

Areas de seguridade dos elementos, de caucho continuo

Tamén se vai acondicionar unha area de biosaludables cun elemento de biosaludables de cintura para 3 usuarios, un elemento de esquí de fondo, un elemento biosaludable elevador para 2 usuarios e unha bicicleta estática.

O proxecto a executar contempla tamén a colocación de mobiliario coma unha mesa de picnic feita de material reciclado, unha mesa con 4 bancos con taboleiro para xogar ao parchís, aparcabicicletas, unha papeleira con capacidade para 240 litros, con 4 espazos para recollida selectiva e de orgánicos, e dous bancos.

superficie do recinto cuberta de céspede artificial

Cabe facer unha mención especial ao nomeamento no pasado ano 2020 ao CRA Mestra Clara Torres como a Mellor Escola de España, sendo un exemplo para todo o país de dinamización en contornas rurais a través da participación e implicación das familias e da comunidade que forma parte. Un centro creado hai máis de 20 anos coa fusión de 9 escolas unitarias repartidas en 9 parroquias de Tui, que por desgraza a data de hoxe víronse mermadas de forma considerable.

Neste sentido, e recollendo o espírito de integración, igualdade e solidariedade nas súas actividades xunto coa súa capacidade de transformación, o Concello de Tui como homenaxe a este labor educativo realizará un grafiti en todo o muro perimetral, recollendo todos estes aspectos que esta comunidade educativa ten abanderado durante estes anos. Esta actuación foi encargada ao Grafitero do Val Miñor Gori, que conta entre outros traballos destacados co parque da Coelleira en Gondomar, o traballo na Asociación de Mariñeiros en Bouzas en Vigo, as pinturas da empresa Aqualia inspiradas no mundo mariño entre outros. O Concello de Tui xa conta cunha das súas obras no pavillón novo coa figura de Michael Jordan.

Galicia rexistra un total de 4.168 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.168, deles 1.388 son da área da Coruña, 373 da de Lugo, 250 da de Ourense, 599 da de Pontevedra, 722 da área de Vigo, 460 da de Santiago e 376 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 89 están en UCI, 311 en unidades de hospitalización e 3.768 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 106.901 persoas curadas, rexistrándose 2.262 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.700.113. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 255.595.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

CCDR-N, Xunta de Galicia e AECT’s da Eurorrexión analizan actual situación de fronteira

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño participou, este pasado mércores, nunha reunión promovida polo AECT Galiza-Norte de Portugal (GNP, AECT), na que tamén participou o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o presidente e o vicepresidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, António Cunha e Beraldino Pito, e o director xeral de Relacións Externas da Galicia, Jesús Gamallo, así como o AECT Eurocidade Chaves-Verín.

Deste encontro de traballo conxunto, e que se pretende que pase a ter un carácter regular, resultou a convicción común de que os graves impactos da pandemia Covid-19 e das fortes limitacións impostas á circulación económica e social nas zonas fronteirizas, altamente integradas entre o Norte de Portugal e Galicia, nomeadamente polo peche das fronteiras, xustifican a adopción de medidas de compensación económica e de estímulo á reactivación das actividades empresariais, comerciais e turísticas.

O AECT Río Miño reiterou “a urxencia” para que os concellos do territorio do Miño afectados polo polo peche da fronteira “teñan prioridade” no momento da distribución dos fondos europeos que están agora a ser xestionados: os do ‘ Next Generation’ e os do próximo cadro comunitario, do programa POCTEP 2021-2027, no cal tanto a Xunta da Galicia como a CCDR-N teñen capacidade de xestión.

Reiteran, solidariamente, o chamamento anteriormente efectuado de que sexan abertos todos os puntos de fronteira existentes, cos mecanismos de control necesarios para respectar as normas sanitarias definidas, traballando así para que os cidadáns e as empresas destes territorios non sexan penalizados por habitaren unha rexión onde “a Europa se fai” diariamente.

Os participantes acordaron apoiar tamén a iniciativa para a creación dun “Mecanismo para remover os obstáculos xurídicos e administrativos nun contexto transfronteirizo”, por consideraren que pode ser unha ferramenta útil para encontrar solucións para problemas de natureza xurídica e administrativa que se colocan aos habitantes das zonas de fronteira.

No encontro tamén quedaron reflectidas expresamente “as ganas e o compromiso eurorrexional de relanzamento da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, cuxo plenario, que se realizará en canto sexa posible, será obxecto duna actualización para integrar a nova realidade da cooperación territorial, especialmente, de axentes como os AECT e as Eurocidades.

As mulleres de Gondomar, protagonistas na celebración do 8 de Marzo 2021

0

Mozas, maiores, nenas, traballadoras, estudantes ou mulleres en paro todas sumáronse a achegar a súa imaxe como símbolo do papel que representan na sociedade e sumarse así aos actos que este ano organizou o Goberno local con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora, ante a imposibilidade de celebrar manifestacións ou concentracións debido á situación de emerxencia na que se atopa o país.

Todas elas serán as protagonistas dun vídeo que se difundirá durante o vindeiro luns 8 de marzo e no que a súa imaxe estará acompañada por frases de loitadoras históricas polos dereitos da muller como Rosalía de Castro, Clara Campoamor, Rosa Luxemburgo, Emily Dickinson, Rosa Parks ou Emilia Pardo Bazán, entre outras.

A difusión do vídeo intégrase dentro do programa de actividades que terá como acto central a lectura dun manifesto institucional a partir das 12.00 do mediodía na Praza Paradela onde, como en anos anteriores, instalarase o Punto de Igualdade no que se entregarán máscaras deseñadas para conmemorar a xornada, e confeccionadas pola Asociación Galicia Nai e Señora (reutilizables e homologadas) e que destina parte dos beneficios a axudar ao Pobo Saharahui.

Por outra banda o goberno local edituou unha guía titulada “Gondomar, sementando igualdade”, financiada polos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Nela, ademais de ofrecer información sobre as distintas institucións públicas e teléfonos que hai ao dispor das mulleres máis vulnerables ou vítimas de violencia de xénero, expóñense liñas básicas para identificar no noso día a día os micromachismos ou situacións de desigualdade cara ás mulleres, así como as claves para conseguir camiñar todos na mesma dirección na achega da igualdade.

Conscientes desde o goberno local da importancia de sensibilizar á sociedade nesta materia unha vez máis aposta firmemente polas novas xeracións, programando obradoiros que se ofrecen aos CEIP do municipio. Dirixidos aos estudantes 6º de primaria, desenvólvense en diferentes trimestres, e nesta ocasión céntranse na educación afectivo-sexual ou na detección dos micromachismos, iniciativas que sempre teñen unha gran acollida por parte da comunidade educativa.

A Deputación súmase ao grupo de traballo da rede da Axenda 2030 para a posta en marcha de boas prácticas relacioadas cos ODS

A Deputación de Pontevedra formará parte dos Grupos de Traballo sobre Boas Prácticas e Experiencias de Xestión na implementación local dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que porá en marcha a Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030 da Federación de Municipios e Provincias (Femp). Así o anunciou hoxe a presidenta, Carmela Silva, tras participar na sesión do Consello de Goberno, no que participa a institución provincial.

A Femp considera fundamental a aportación dos concellos e entidades locais para axudar na implementación dos ODS, como xa fixo a Deputación de Pontevedra quen remitiu as iniciativas xa desenvolvidas de boas prácticas na súa xestión. A intención da institución provincial, como sinalou Carmela Silva, é seguir profundizando nestas actuacións coa súa participación nos grupos de traballo que se formarán a partir de agora.

A Rede tamén coñeceu os avances do documento sobre a estratexia para implementar a folla de ruta da Axenda 2030. Xa se teñen as directrices, nas que a presidenta provincial puxo en valor que os concellos formen parte activa, e engadiu que deberían participar agora “tanto na definición da estratexia como na asunción de recursos para aplicala a nivel local”. Carmela Silva sinalou que a Deputación xa participou nas directrices e agora o fará na estratexia. “A Axenda 2030 é realmente por onde vai ir o mundo, tanto a nivel económico, social, de posición da igualdade das mulleres, e todo o que ten que ver coa transición ecolóxica e a loita contra a pobreza”, dixo a presidenta. “Polo tanto, engadiu, é o gran marco do mundo que se quere construír. A Deputación de Pontevedra ten un papel moi protagonista na Rede porque somos unha gran referencia en boas prácticas. De feito, o noso orzamento está orientado ao cumprimento da Axenda 2030. Xa o estivo no 2020 e mais no 2021, e tamén creando unha rede cos 61 concellos da provincia para que sexamos un modelo a seguir por outros territorios galegos e do estado español”.

Na actualidade, como informou na sesión o presidente da Rede, José Hila, forman xa parte desta Rede un total de 266 entidades locais, aínda que coas últimas incorporacións esta cifra chegará en breve a máis de 280. O 25% dos integrantes son concellos de menos de 2.500 habitantes, un feito que amosa, segundo o presidente, “a necesidade destes concellos de facerse ver no eido dos ODS e tamén que o demográfico é un dos grandes retos e nesta rede está presente”. Entre as novas iniciativas que tamén se anunciaron figura a celebración de cursos de formación e capacitación na Axenda 2030 para o persoal das entidades locais que vai poñer en marcha a Femp, e nos que tamén participará a Deputación de Pontevedra.

O C.B. Nigrán fai que o pavillón de Panxón volva a ‘respirar’ baloncesto

0

El C.B. Nigrán, todos o sabemos, pode co que lle boten, incluso con ter que interromper unha tempada no mes de xaneiro sen tempo sequera para comezar a competición. As ganas poden con todo e por iso o Club retoma agora a tempada pero, iso si, “cumprindo con todas as medidas sanitarias anticovid marcadas tanto pola Secretaría Xeral para o Deporte coma pola Ferderación Galega de Baloncesto”, explican dende o club de Nigrán.

O protocolo posto en marcha e que cumple las indicaciones dadas pola Xunta, recolle tanto aspecctos xerais da volta á actividade como medidas concretas para o desenvolvemento dos diferentes adestramentos e partidos.

O Club tivo que realizar un esforzo económico e ralizar un investimento extra para facerse con todo o material anticovid e poder cumprir así con todas as medidas hixiénico sanitarias, tanto nos que se refire a adestradores e xogadores coma ao material e as instalacións deportivas utilizadas.

A Directiva do club tramitou xa no mes de setembro máis de 120 fichas federativas que se distribúen a través das diferentes categorías, que abarcan desde a categoría baby ata a senior, conformando un total de 10 equipos.

Esta tempada conta tamén con novos adestradores que traballan coordinados por Nuria Gómez, directora deportiva do Club, para planificar os diferentes adestramentos de acordo ás novas circunstancias que obrigan a modificar parte da metodoloxía de traballo.

Estes adestramentos comezaron de forma graduada no mes de setembro. Os primeiros en iniciar a actividade foron as categorías infantil, cadete, junior e senior, e unha semana despois comenzo todo o minibasket, unha vez que se iniciou o curso escolar co fin de facelo de forma coordinada cos centros educativos.

Esta semana recibiron unha noticia máis que esperada , o inicio da competición que arrincará dentro dunha semana nas pistas do pavillón municipal de Panxón, que será a sede dos partidos que se xoguen como locais e que polo tanto volve a ‘respirar’ baloncesto de alta emoción.

O Club iso si, recalca a importancia “de ter paciencia na adaptación a este novo escenario e de ser conscientes desta nova realidade”, pero tamén cren que hai que pensar en positivo para poder realizar a actividade deportiva coa maior normalidade.

Pese a todas as circunstancias que marca esta situación de pandemia, o C.B. Nigrán síntense con forza, de feito con moita forza, esa forza que nace do convencemento de estar no camiño correcto e que se alimenta da paixón por este deporte. Contan amáis co apoio das familias que o amosan día a día e que lles transmiten as ganas de que os seus fillos e fillas volvan a pisar a cancha, que volvan a compartir a pista cos seus compañeiros e compañeiras.

Ese contacto vai máis aló do meramente deportivo e se traslada ao plano emocional, algo primordial para estas rapazas e rapaces en idade de formación e que tiveron que soportar un confinamento moi duro.

“Volver compartir pista, poder convivir, charlar, interaccionar, competir buscando o afán de superación, esforzarse para mellorar cada día individual e colectivamente, son aspectos fundamentais que van axudar moito aos nenos para superar os momento complicados que, en maior ou menor medida, tiveron que vivir”, afirman dende o C.B. Nigrán e non lles falta razón. Ese impulso, ese non rendirse nunca, ese facer fronte ás adversidades é o que fai que un Club sexa grande no máis amplo sentido da palabra e o C.B. Nigrán o é; vaia se o é!

O Concello rehabilita as Escolas de Torroña para usos socioculturais

0

O Concello de Oia vén de acometer diversas obras de mellora e rehabilitación do inmoble das antigas Escolas de Torroña, unha actuación que supuxo diversos traballos de renovación de materiais, intervencións en materia de accesibilidade e dotación de equipamentos para usos socioculturais.

A actuación contou cun investimento total de 53.131,08 euros e foi realizada ao abeiro dunha subvención do GDR Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural. A cantidade incluída dentro da axuda (concedida dentro da medida LEADER, con fondos de FEADER, MAPA e Agader) ascendeu a un total de 48.778,98 euros. Pola súa banda, os 4.352,10 euros restantes corresponden a unha achega de fondos propios do Concello.

As obras de mellora consistiron na renovación de fiestras, portas, pavimentos e falsos teitos a fin de solucionar os problemas de illamento térmico, acústico e de humidade que existían neste local. Por outra banda, tamén se desenvolveron actuacións na zona de aseos (tanto nos accesos, como nos materiais de acabado e no mobiliario) para mellorar a súa accesibilidade.

Do mesmo xeito, renovouse a pintura e acabados das paredes e incorporáronse novos equipamentos e elementos de mobiliario destinados mellorar a calidade dos usos socioculturais que se adoitan desenvolver no inmoble (programas de envellecemento activo e outras iniciativas).

Entre as novas incorporacións no equipamento das Escolas de Torroña destaca un proxector, amplificadores e altofalantes; así como varias cadeiras, mesas e estores.

A Xunta adxudica as obras para a execución dunha senda peonil na estrada autonómica PO-404 no concello de Tui

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras para a execución dunha senda peonil na estrada PO-404, entre os puntos quilométricos 1+760 e 1+820, no concello de Tui.

A intervención foi adxudicada á empresa Construcciones Obras y Viales S.A. e conta cun investimento de 32.400 euros.

Os traballos, que comezarán nas vindeiras semanas, teñen un prazo de execución de 2 meses.

Esta actuación permitirá prolongar a senda no perímetro da glorieta da intersección da estrada autonómica co viario de acceso á depuradora de Guillarei, salvando un punto da estrada especialmente estreito. Esta glorieta foi executada pola Xunta no ano 2019, cun investimento de preto de 263.000 euros.

Construirase un treito de senda de 60 metros de lonxitude, entre os puntos quilométricos 1+760 e 1+820, cun ancho mínimo de 1,5 metros.

A intervención, que se executará no dominio público existente, inclúe un muro e sostemento dunha altura media de 1,5 metros.

A Xunta continúa traballando no mantemento das estradas autonómicas co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade.

Os camiños de Mañufe, en Gondomar, estrean pavimento e gañan en seguridade tras un investimento de 78.000 euros da Deputación

0

A veciñanza do barrio Cristillón e do camiño de Levadas-A Cruz, ambos na parroquia gondomaresa de Mañufe, gozan de accesos completamente renovados despois doas obras realizadas polo Concello con cargo ao Plan Concellos da Deputación, cun investimento total que  supera os 78.000 euros. A zona foi visitada hoxe polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, acompañado do alcalde, Francisco Ferreira, da deputada e concelleira Iria Lamas e outros membros do goberno local.

O deputado de Cooperación cualificou o resultado das obras de Mañufe como “extraordinario” e subliñou que non só renovaron a capa de rodadura, senón que tamén supuxeron unha mellora na seguridade viaria. Santos Héctor destacou que este municipio está a gañar poboación e soubo converterse nun polo de emprego pola actividade que desprega dende o polígono da Pasaxe.  O deputado felicitou ao alcalde e destacou a súa aposta polo acondicionamento das dotacións rurais. “Estas obras que hoxe visitamos dignifican dúas zonas que están en franco crecemento, porque á parte da xente que vive aquí tamén hai moita segunda residencia”. Héctor engadiu que volve quedar patente a versatilidade do Plan Concellos facendo posible todo tipo de actuacións: “Gondomar coñece a primeiros de ano os fondos dos que vai dispoñer e así ten marxe de manobra para decidir onde investilos”, significou.

Francisco Ferreira afirmou que cando se fala do Plan Concellos podería chamárselle tamén “plan rural, porque o 80% das actuacións que facemos no noso concello están dedicadas ás parroquias”. Despois de cinco anos de obras recuperando espazos públicos, estradas, pluviais, saneamento e alumeado subliñou que Mañufe e Gondomar avanzan “gracias a esta nova Deputación, que marca un antes e un despois no desenvolvemento do territorio da provincia; estamos chegando a cada recuncho”. Ao respecto das obras realizadas destacou que xa comezou unha segunda fase en Cristillón e tamén se van facer novas actuacións en Piquetes, que se unirán ás xa realizadas recentemente. Ferreira subliñou que Mañufe é importante para o Concello, dada a súa poboación e require dunha atención constante. “É unha obviedade repetir o que levamos feito tras seis anos co apoio da Deputación; basta con percorrer as parroquias para comprobalo”.

As obras no barrio do Cristillón cinguíronse a un tramo de preto de 350 metros cunha anchura media de 3 metros, onde o firme presentaba numerosas roturas, desprendementos e fochancas. A maiores as marxes carecían dun tratamento adecuado, propiciando así o crecemento da broza. O gasto para a pavimentación completa deste ámbito foi de preto de 31.000 euros.

Pola súa banda, no camiño de Levadas ata A Cruz, tamén en Mañufe, investíronse preto de 50.000 euros no novo firme, así como na accesibilidade, a funcionalidade e a nova rede de drenaxe das augas pluviais. As obras consistiron no fresado dos tramos máis deteriorados, a aplicación dunha nova capa de aglomerado asfáltico e a aposta pola seguridade viaria, colocando bandas de lastro de granito nas interseccións. Estas tiras de pedra ofrecen un logrado acabado estético á vez que funcionan como elementos redutores da velocidade. Antes das obras, executadas polo Concello con fondos da Deputación, os 860 metros de lonxitude deste camiño, cunha anchura media de 4,2 metros, presentaban un avanzado deterioro e xa fora obxecto de varios “parches”. O mal estado non só prexudicaba ao acceso ás vivendas, senón tamén ás veigas da contorna.

A Deputación achegou máis de 8,5 millóns de euros ao concello de Gondomar desde 2015. En concreto, este ano o Plan Concellos destina 1 millón de euros para o municipio. Os investimentos da institución provincial permitíronlle a Gondomar levar a cabo numerosas obras. Ademais, Gondomar foi quen de contratar máis de 70 traballadoras e traballadores desempregados para prestar servizos municipais. Neste ano 2021, o municipio miñorano xa ten aprobada a contratación de 10 persoas traballadoras, cunha achega de 158.070 euros.

O persoal do Servizo de Axuda no Fogar de Tomiño recibe a primeira dose da vacina contra a Covid-19

0

Esta semana as 44 traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Tomiño recibiron xa a primeira dose da vacina contra o Covid-19. Así o comunicou a empresa adxudicataria do servizo, IDADES SL, quen informou que seguindo o Plan de Vacinación de Galicia o persoal de axuda a domicilio está considerado colectivo prioritario, converténdose neste xeito nas primeiras traballadoras fóra dos centros residenciais e do persoal sanitario en iniciar o proceso de vacinación.

O Servizo de Axuda no Fogar traballa diariamente no coidado de persoas en situación de dependencia, atendendo en Tomiño na actualidade a 121 usuarios/as. O programa inclúe servizos de fisioterapia, podoloxía, acompañamento, socialización ou o desenvolvemento de hábitos saudables, entre outras, que representan unha axuda indispensable no coidado de persoas maiores e enfermas.

Desde o Concello de Tomiño, malia ser unha competencia de ámbito autonómico, apostan decisivamente polo fortalecemento deste servizo así como polo investimento das políticas sociais, partida que pasou de 940.000 euros a case 1.150.000 nos orzamentos municipais do 2021, dos cales 750.000 van destinados ao Servizo de Axuda no Fogar.

A alcaldesa do Porriño solicita ao Conselleiro de Sanidade, en nome da hostalería, unha ampliación do prazo para descargar os códigos QR

A alcaldesa Eva García dirixiu esta mañá unha carta ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, solicitándolle a considerar que a Xunta de Galicia amplie o prazo para formalizar os trámites necesarios para o “Plan de Hostalería Segura”.

A falta dunhas horas para que entren en vigor as medidas requiridas, a hostalería do Porriño trasladou hoxe nunha reunión á concelleira de Seguridade, Lourdes Moure e axentes da policía local, “a nosa preocupación polo colapso da páxina web de Turespazo para obter os códigos QR, cuxo prazo remata a media noite “, segundo José Manuel Fernández, presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño.

En consecuencia, a alcaldesa decidiu instar por carta ao titular da Consellería de Sanidade que “permita a ampliación do devandito prazo para dar tempo para formalizar todas as solicitudes dos hostaleiros do Porriño á vista da inquedanza xerada entre os autónomos pola posibilidade de non poder cumprir a normativa por motivos alleos ao seu control “, segundo a carta de García de la Torre.

A Real Federación Galega de Motonáutica e Fibralar asinan un convenio de colaboración

0

Este mércores tivo lugar na Casa do Concello de Tomiño a sinatura dun convenio de colaboración entre a Real Federación Galega de Motonáutica e a empresa operadora de internet e móbil Fibralar. O acordo pretende potenciar a implantación do Campionato Galego Inclusivo de Motonáutica –que pasará a chamarse Campionato Galego Inclusivo Fibralar de Motonáutica–, un proxecto pioneiro que procura facilitar a integración das persoas con diversidade funcional na práctica do deporte.

“Hoxe é un día histórico para o deporte inclusivo, é un pracer asinar este convenio que contribuirá na mellora do sistema loxístico, así como tamén na prevención fronte ao Covid-19 durante a celebración dos campionatos”, declarou o presidente da Real Federación Galega de Motonáutica, José Fernández. Pola súa parte o xerente de Fibralar, Rafael Fernández, agradeceu a colaboración das institucións e resaltou a importancia do papel social que este acordo significa. “Queremos aportar o noso gran de area para contribuír á inclusión na nosa sociedade”, declarou.

A alcaldesa de Tomiño e o concelleiro de Deportes, Sandra González e Francisco Campo, congratuláronse ante esta colaboración, á cal definen como “enormemente positiva para o establecemento dunha sociedade máis inclusiva” unha prioridade que todos os gobernos deberían fixar na súa axenda.

O campionato naceu no ano 2016 logo dunha primeira proba realizada no Espazo Fortaleza da vila tomiñesa de Goián o ano anterior que serviu como xerme, e que este ano vai camiño da súa sexta edición. “Este ano a competición vai dar un salto cualitativo moi importante, así que animamos á xente con diversidade funcional a que se interesen e se atrevan a probar este deporte”, comentou Marcos Casaleiro, secretario da Federación.

A organización espera que este convenio sirva para expandir e difundir o deporte noutras comunidades, así como consolidar e aumentar o número de probas do campionato galego, que segundo o vocal da Federación, Carlos Alberto Estévez, se duplicarán este ano pasando de 5 a 10, á espera de que se confirme a realización de outras dúas probas máis en Ares e Ribadeo, onde participan máis dunha vintena de equipos. “Esperamos que pouco a pouco haxa probas en cada vez máis localidades galegas e cada vez se vaia sumando máis xente”, declarou Estévez.

O campionato dará comezo o vindeiro 27 de marzo coa primeira proba, que se realizará en Baiona. Desde a Federación animan á xente a interesarse e participar, e lembran que periodicamente se ofertan cursos abertos para obter e renovar as licencias de navegación, facilitando deste xeito o achegamento de cada vez máis xente a este deporte.

O Rosal enche a praza do Calvario co proxecto do CRA María Zambrano «Iguais somos +»

A igualdade este mes está máis presente que nunca en todos os recunchos do Rosal. A Praza do Calvario acolle dende este mesmo mércores ata finais de marzo a exposición ‘Iguais somos +’, unha mostra que forma parte da campaña de igualdade de xénero organizada pola ANPA do CRA María Zambrano co obxectivo de traballar e formar en igualdade tanto a nenos e nenas como ás propias familias. Durante este mes poderán verse colgando do Concello e e da Cámara agraria lonas con imaxes recollidas dentro da iniciativa ao longo dos últimos meses.

Para implicar a nais e pais nesta campaña, ‘Iguais somos +’ naceu con dúas liñas de formación diferenciadas. Por un lado, unha pensada para traballar coas familias realizando pequenos titoriais nos que abordar cuestións como a lectura en igualdade en casa, o uso da linguaxe, conceptos que xiran arredor da igualdade, os videoxogos, a televisión… e outras temáticas que poden interesar a pais e nais para aplicar á educación en igualdade das nenas e nenos da casa.

Por outra banda, o proxecto inclúe unha fase de formación do alumnado en colaboración co profesorado que baixo o nome de ‘Mullerandum’ buscaba achegar ao nenos e nenas a unha escolma de mulleres que poden ser un referente e que foran os propios estudantes os que presentaran estas figuras en casa.

O proxecto completouse con accións como retratos de igualdade en familia ou a realización dun vídeo. Pódese atopar toda a información e os vídeos da campaña na canle de Youtube da ANPA do CRA.

Un dos vídeos da campaña do CRA María Zambrano

Esta exposición forma parte da programación centrada na igualdade organizada polo Concello do Rosal para todo o mes de marzo e que busca a implicación da veciñanza participando en accións como a colocación das pegatinas do ‘Revolucionando Mentes 8M’ en fiestras e escaparates. Estas pegatinas poden recollerse na casa consistorial. Ademais, o vindeiro venres 5 de marzo tamén se inaugurará a exposición ‘O traballo non ten xénero’, que irá acompañada dun teito de cristal co que simular as dificultades ás que teñen que enfrontarse as mulleres ao longo da súa vida laboral, social, familiar… polo mero feito de ser muller.

A Confederación Miño-Sil mellorará a contorna do río Caselas ao seu paso por Caldelas de Tui

0

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, mellorará a contorna do río Caselas ao seu paso por Caldelas de Tui. José Antonio Quiroga, presidente da CHMS, visitou a zona de actuación para avanzar no proxecto, que se atopa en redacción, acompañado por Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, e a concelleira Ana María Núñez.

“Executarase unha senda peonil no río Caselas que enlazará con outras xa existentes, recuperarase unha levada tradicional e procederase á restauración de varios muíños, ademais da limpeza e conservación do leito. Queremos poñer en valor unha zona con importante riqueza etnográfica para o goce de veciños e visitantes”, explicou José Antonio Quiroga.

Estas actuacións incluiranse nun protocolo de colaboración que posibilitará os traballos e o financiamento dos mesmos e que será rubricado entre ambas as Administracións.

“A través deste proxecto, ademais, mellorarase o funcionamento natural do río, amortecendo o efecto dos procesos hidrolóxicos e aumentando a súa heteroxeneidade e grao de naturalidade. En cando ás técnicas, prestarase máximo respecto á contorna, sendo fundamental a súa integración co funcionamento ecolóxico do río e coa paisaxe fluvial e patrimonial da zona de actuación.” concluíu o presidente.

Baiona modificará a ordenanza fiscal do lixo para incorporar a bonificación de Sogama que baixará o recibo á cidadanía

0

O concello de Baiona trasladará aos veciños e veciñas a rebaixa do canón que o Concello paga a Sogama en concepto de tratamento do lixo. O alcalde Carlos Gómez Prado, solicitou a Sogama unha bonificación do 10 % no custo do tratamento de residuos durante este ano e o próximo, “tendo en conta que o Concello está en condicións de garantir a aplicación de medidas de redución de lixo e fomento da reciclaxe. Esta proposta supón que SOGAMA factúrelle ao Concello de Baiona 39.731,17 euros menos cada uns dos exercicios”.

O total da minoración darase nun único recibo anual e terá carácter retroactivo, desde o mes de xaneiro do 2021. Os efectos económicos da bonificación do canon do exercicio 2021 deben trasladarse ao beneficiarios do servizo de recollida de lixo no exercicio 2022, ao dispoñer o artigo 7º da Ordenanza Fiscal do Concello de Baiona que o pagamento da taxa producirase o 1 de xaneiro de cada ano.

“A rebaixa que se producirá en Baiona segue unha liña de mellora do servizo de recollida de residuos, onde o concello comprométese en trasladar ao recibo que pagan os veciños e veciñas calquera aforro no custo do servizo. O concello de Baiona tamén se compromete así na adopción de medidas orientadas á redución na xeración de residuos e o fomento da reciclaxe en todas as súas formas”, sinala o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado.

Baiona levará ao pleno municipal de mañá a aprobación inicial da nova ordenanza fiscal reguladora da taxa polo servizo de recollida e tratamento de residuos.

O Concello de Nigrán incorpora sendos conserxes interinos ao CEIP Carlos Casares e ao pavillón de deportes

0

O Concello de Nigrán ven de incorporar a sendos conserxes municipais ao CEIP Carlos Casares de Vilariño e ao Pavillón Municipal de Panxón con carácter de interinidad ao cubrir cadansúa praza de persoal xubilado. O Concello cubre deste xeito dúas vacantes xurdidas hai anos e que a coñecida como ‘lei Montoro’ (suspendida o setembro pasado) impedía recuperar. Paralelamente, mediante a contratación por acumulación de tarefas o consistorio contratou a outros dous bedeles para os colexios de CEIP da Cruz (Camos) e Mallón, quedando deste xeito atendidos todos os centros educativos públicos do municipio (Humberto Juanes xa dispoñía de conserxe fixo).

“A recuperación do bedel fixo para o CEIP Carlos Casares era unha vella demanda da comunidade educativa deste centro, xa que hai anos que se xubilara o anterior e íamos cubrindo a praza como podíamos a través de Deputación. Agora que por fin a lei nos permite incorporar a persoal interino damos felizmente por zanxado este problema que se nos presentaba con cada curso escolar”, admite o alcalde, Juan González, quen destaca tamén a importancia de cubrir a praza do Pavillón Municipal de Deportes. “Estamos a piques de concluir o proceso selectivo para incorporar a un técnico de Deportes fixo e agora xa dispomos de conserxe, polo que esta concellería, ata agora sen ningún persoal subscrito, se verá reforzada dun xeito exponencial repercutindo nun mellor servizo en xeral”, explica González.

Paralelamente, este mesmo luns 1 de marzo o Concello incorporou a Vías e Obras aos seis operarios municipais que superaron o proceso selectivo para crear unha bolsa de emprego e cubrir así as prazas que foron xurdindo por xubilación, cuestión tamén posible tras a derogación da lei de estabilidade orzamentaria de Montoro. En concreto, sumáronse desde este 1 de marzo dous peóns operarios, dous peóns albaneis, un peón condutor e 1 peón electricista, pasando o persoal de Vías e Obras de 15 a 21 persoas. “Esta concellalía, fundamental para a veciñanza porque dela depende o mantemento de practicamente todos os bens municipais, repercutirá moitísimo na axilización dos traballos e optimización dos mesmos, é unha moi boa nova para todos”, recoñece o rexedor. Por último, tamén este 1 de marzo, incorporouse unha auxiliar para o departamento de Contratación e dúas para Tesourería.

Galicia sitúase por debaixo dos 4.500 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.453, deles 1.492 son da área da Coruña, 401 da de Lugo, 277 da de Ourense, 632 da de Pontevedra, 758 da área de Vigo, 469 da de Santiago e 424 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 93 están en UCI, 355 en unidades de hospitalización e 4.005 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 106.409 persoas curadas, rexistrándose 2.259 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.691.999.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 244.187.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Redondela inaugura o sábado 6 a exposición «Conquistadoras»

0

O Concello de Redondela inaugurará, este vindeiro sábado 6 de marzo, ás 12 horas fronte á Casa do Concello, a exposición ‘Conquistadoras’ unha mostra que busca poñer en valor, a través de nomes e caras de mulleres galegas, o esforzo que fixeron por abrir camiños antes pechados á muller e a súa loita por acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Na inauguración da mostra estarán presentes familiares das mulleres redondelás que protagonizan boa parte da mostra. O formato elixido para esta exposición é o de grandes cubos que, en cada unha das súas caras, amosan a foto da protagonista acompañada dunha breve semblanza biográfica. O formato permite darlle á mostra un caracter itinerante xa que a intención da Concellería de Igualdade, como sinala a alcaldesa Digna Rivas “é que ao longo do ano esta exposición poida percorrer todo o municipio e que a veciñanza coñeza ás mulleres que, ao longo do tempo, fixeron historia na loita pola igualdade de dereitos”.

Durante todo mes de marzo, a mostra estará en Redondela para, no mes de abril, instalarse no paseo marítimo de Chapela. A previsión é que en maio poida estar en Cesantes e logo percorrer o resto de parroquias do municipio.

A mostra, organizada pola Concellería de Igualdade, que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, forma parte do programa de actividades que se desenvolverá con motivo do 8-M, algunhas das que, como esta exposición, subliña a alcaldesa redondelá, “estenderanse ao longo de todo o ano porque a reivindicación da igualdade nin pode nin debe quedar cinguida a un só día, senón que ten que ser un traballo constante durante todo o ano”.

Salceda e Salvaterra solicitan conxuntamente unha axuda para realizar o obradoiro de emprego ‘Sustentable’

Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño veñen de solicitar á Xunta de Galicia unha subvención para a realización dun obradoiro de emprego denominado ‘Sustentable’. A solicitude faise ao abeiro da convocatoria de subvencións para os obradoiros duais de emprego da Consellería de Emprego e Igualdade.

Este Obradoiro no que participarán 20 alumnos traballadores durante 9 meses, será solicitado conxuntamente polos dous concellos e nel impartiranse os certificados de profesionalidade de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, ámbolos dous de nivel 1 e Xestión de residuos urbáns e industriais e Limpeza en espazos abertos e instalación industriais ámbolos dous de nivel 2.

As prácticas profesionais desenvolveranse en ámbolos dous concellos con excepción do certificado de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes que se realizará íntegramente en Salvaterra de Miño, concretamente en Monte Castelo, Pesqueiras e o de Xestión de residuos urbáns que se realizará no Concello de Salceda.

Os obradoiros duais de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co devandito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

O novo portal de turismo de Salvaterra acada preto de 9.000 visitas en seis meses

Hai seis meses o Concello de Salvaterra de Miño presentaba a súa nova páxina de turismo, un portal que buscaba ser unha ventá aberta a todo o territorio  co fin de dar a coñecer toda a potencialidade dos recursos turísticos do municipio. O Concello que preside Marta Valcárcel presentaba esta iniciativa baixo o slogan,  ‘Salvaterra de Mińo un lugar para disfrutar, un lugar para vivir’.

“Un espazo dinámico, sinxelo e moi intuitivo que busca ser un escaparate máis de todos os recursos que ofrece este Concello do Sur de Pontevedra, elaborada polo propio persoal da administración local, e que en tan solo seis meses recibiu preto de 9.000 visitas”, sinalou a alcaldesa de Salvaterra.

Marta Valcárcel lembra que Salvaterra de Miño é unha das zonas máis visitadas do sur de Pontevedra. “Só o Parque público A Canuda atrae a miles de visitantes durante todo o ano; unido aos máis de 30 quilómetros de sendas verdes polos diferentes ríos do Concello, ao Recinto amurallado, o Museo da Ciencia do Vińo, a propia maxia que conleva ser unha Vila transfronteiriza e ao Espazo Termal Lúdico de Teans fan que Salvaterra de Miño non sexa soamente un Concello estratéxico en termos de turismo, senón que sexa un dos Concellos que máis medra de toda a contorna”, apunta a rexedora local. 

A páxina está dividida en tres grandes bloques:  “Ven, cońece e visita, onde se presentan todos os recursos, a nosa gran riqueza cultural, histórica e patrimonial, ademais de darnos a cońecer os lugares onde durmir e disfrutar  da nosa gastronomía”, remata Marta Valcárcel.

O BNG esixirá no Parlamento o aumento de persoal médico e de enfermaría no Centro de Saúde de Salceda de Caselas

O BNG en Salceda de Caselas informa que levará a termo novas iniciativas parlamentarias para esixir que a Consellaría de Sanidade e o SERGAS cumpran co compromiso de aumentar persoal médico (1 mais) e de enfermaría (1 mais). Nestes momentos o Centro de Saúde de Salceda non conta co persoal que se correspondería co demanda de atención existente; nen coa ratio médico/paciente que ten establecido o SERGAS (1.300 pacientes).

Nestes momentos, nas catro consultas de medicina, cada profesional ten no seu cupo uns 1.600 pacientes; a situación asitencial do día a día é de saturación; o que se trata de paliar transitoriamente con persoal de refozo.

A quinta praza de medicina, coa correspondente de enfermaría, situaría as ratios na media establecida polas autoridades sanitarias. É de salientar que coa inauguración das novas instalacións xa non existe a problemática de “falta de espazo” para consultas; e que, ademais, o compromiso do SERGAS é que dado o incremento de poboación en Salceda se atendería a demanda co aumento de persoal, xa no ano 2020.

O Grupo Parlamentario do BNG presentou, xa no pasado mes de decembro do 2020, unha emenda aos orzamentos da Xunta de Galiza para o 2021 para prever o aumento de persoal; emenda que foi rexeitada polo Partido Popular.

Mañá xoves, día 4 de marzo, o Deputado no Parlamento de Galiza Luís Bará estará en Salceda para visitar o centro de Saúde co fin de coñecer, de primera man a situación, e comentar iniciativas a presentar no Parlamento de Galiza.

O AECT Río Minho reivindica ante a Xunta e a CCDR-N, prioridade para recibir fondos europeos do ‘Poctec’ e do ‘Next Generation’

O AECT Rio Miño reclamou onte á Xunta de Galicia e Á CCDR-N de Portugal que os concellos do territorio do Miño afectados polo peche da fronteira con Portugal “teñan prioridade” á hora de recibir fondos europeos. O agrupamento insiste en que o prexuízo económico que está a sufrir a zona debe terse en conta na distribución dos fondos que agora se están a xestionar: os do ‘Next Generation’ e os do próximo cadro comunitario, do programa POCTEP 2021-2027, no que tanto Xunta como CCDR-N teñen capacidade de xestión.

O AECT Rio Miño fixo esta reclamación hoxe nun foro convocado polo goberno galego e a Comisión de Coordinação e Desenvolvemento da Region Norte de Portugal (CCDR-N) –o seu equivalente luso- na que participaron os tres agrupamentos europeos de cooperación territorial (AECT) existentes en Galicia, o AECT Galiza-Norte de Portugal que xestionan as dúas entidades (Xunta e CCDR-N),e os propios da fronteira, o AECT Verín Chaves e AECT Rio Miño. No encontro estiveron presentes tanto os directivos dos AECT como o vicepresidente Alfonso Rueda e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE Jesús Gamallo cunha única temática na mesa: o actual peche de fronteiras e o horizonte dos fondos europeos.

O vicepresidente do AECT Rio Miño e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, fixo fincapé unha vez máis na idea de que os concellos da fronteira teñen que ser compensados polo impacto económico ‘extra’ que está a supoñer o peche dos pasos sobre sumado ao que acumulan empresas, traballadorxs e autónomxs pola COVID . Lembrou que no estudo elaborado pola Universidade de Vigo e dirixido polo profesor Xavier Cobas apúntase que hai un ‘efecto fronteira’ que se estima no 12% no comercio e no 19% na hostelería a maiores do xa creado pola pandemia noutros territorios. “Ese ‘efecto fronteira’ foi creado por decisións políticas, e agora que hai uns fondos económicos europeos, ten que terse en conta para que eses territorios que sufriron doblemente teñan partidas específicas para poder revitalizar e recuperar a súa economía”, afirmou Benítez, engadindo que esa é unha petición que o AECT levará a diferentes foros e que se presentou ante a Xunta porque está en debate como vai ser a xestión do POCTEP 2021-2027 do cal a Xunta e a CCDN-R teñen capacidade de xestión.

O matiz importante, subliñou Benítez, é que os esforzos económicos “se centren aínda máis no territorio de fronteira” e non en territorios tan extensos como os que veñen sendo habituais para eses programas, que actualmente chegan a toda Galiza e a case todo Portugal menos Lisboa. “Eses fondos teñen que usarse para compensar os territorios que sufriron o prexuizo económico de non poder relacionarse cos do lado por haber unha fronteira. Sempre houbo un prexuízo económico histórico, por iso naceron os fondos transfronteirizos: foron creados para os territorios que durante centos de anos tiveron unha fronteira que impediu a relación e desenvolverse económicamente como se non fosen da ‘raia’. Durante moitos anos eses fondos empregáronse para moitos proxectos que non tiñan que ver coa fronteira, pero creemos que esta volta ao peche de fronteiras pola COVID debe facer volver á orixe, á concepción deses fondos: a atender prioritariamente a fronteira”, insistiu o deputado.

Benítez expuxo na reunión outras iniciativas que está a desenvolver o AECT Rio Miño pola problemática do peche da fronteira con Portugal. A última é a creación dun rexistro de persoas afectadas para reclamar posibles indemnizacións polos rodeos derivados de que haxa só un paso 24 horas aberto na fronteira, o gasto de tempo extra, o gasto en combustible, a perda de clientes ou a imposibilidade de cruzar no control.

Maxia e teatro abren a programación cultural no Teatro Municipal

0

Con dobre proposta comeza esta semana a programación cultural no Teatro Municipal de Tui. Hoxe xoves, 4 de marzo, ás 18:30 h 2 Mind Combined presenta ‘Maxia sen trucos’ e o venres 5 de marzo ás 19:30 horas, La Quintana presenta a súa comedia ‘O Premio’.

Ian Hamilton e Elisa Alfaya –2 Mind Combined– presentan hoxe xoves un espectáculo para público familiar a partir de 4 anos, no que combinan maxia, ilusionismo, mentalismo, sombras chinescas… Ao longo de 50 minutos en ‘Maxia sen trucos’ achegan ilusións imposibles, bailarán, xogarán, e transmitirán unha mensaxe de esperanza. As entradas están á venda en tui.gal aos prezos de 4 € e 3 € até hoxe xoves ás 17:30 h.

Ao día seguinte, o venres, 5 de marzo, ás 19:30 h La Quintana presenta a comedia ‘O Premio’. Marian Bañobre dirixe a Victoria Teijeiro Álvarez, Raquel Espada e Xurxo Cortázar nesta obra teatral de creación colectiva con dramaturxia de Santiago Cortegoso. ‘O Premio’ é un reality en directo onde o público vota a quen merece levar o premio da súa vida: “Morrer logrando a fama. Todo por un soño”. A obra parte dun momento, nun futuro próximo, no que o progreso tecnolóxico e a loita cara ao éxito económico, sentimental e social é tal, as persoas caen en ‘O Premio’ como única fórmula de conseguir a felicidade. Plantexan tres finais distintos en función do voto do público. A obra ten unha duración de 90 minutos. As entradas están á venda en tui.gal até o venres ás 18:30 h aos prezos de 6 € e 5 €.

Cómpre lembrar que o aforo do teatro está limitado a 148 butacas por función.

Feijóo afirma que a Xunta seguirá facilitando o acceso ao chan industrial poñendo a disposición este ano 1,4 millóns de metros cadrados de superficie bonificada nos seus parques empresariais

0

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que a Xunta seguirá facilitando o acceso ao chan industrial, poñendo a disposición este ano 1,4 millóns de metros cadrados de superficie bonificada nos seus parques empresariais. Para conseguir este obxectivo, afirmou que a Administración autonómica destinará 8 millóns de euros, co obxectivo de bonificar a adquisición das 545 parcelas dispoñibles, a través da compra, con prezos bonificados ao 30% ou ao 50%; ou mediante o pago dun canon anual reducido, é dicir, en dereito de superficie. Así mesmo, e como novidade, subliñou que a Xunta ofrecerá unha terceira vía de acceso, a de arrendamento, que inicialmente estará dispoñible para os parques de Ferrolterra e da fronteira con Portugal.

Despois de lembrar que, desde 2015 a Comunidade leva adxudicados un total de 2,1 millóns de metros cadrados, cunha bonificación de preto de 65 millóns de euros, Feijóo incidiu en que a Xunta seguirá facilitando o asentamento das empresas en Galicia. “E farémolo cunha nova Lei de desenvolvemento de áreas empresariais”, dixo, co fin de regular de forma clara e unificada as diferentes formas de implantación das empresas.

Durante a colocación da primeira pedra da iniciativa PEMOS-18 da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), o responsable do Executivo galego, que estivo acompañado polo presidente dos empresarios, Manuel Castro, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, membros do goberno local e a deputada autonómica Feli Rodríguez, referiuse a este proxecto como un exemplo de colaboración entre empresas que se unen para sumar forzas. Non en balde, as once empresas implicadas -maiormente relacionadas co sector da automoción- foron pioneiras en conformar o primeiro dos proxectos empresariais singulares declarados pola Xunta no que se unen varias entidades, co obxectivo de adquirir chan empresarial e aproveitar sinerxias.

“En total, estamos a falar dunha operación que supuxo unha bonificación de chan industrial por parte da Xunta de preto de 900.000 euros”, dixo, precisando que, destas empresas, unha optou pola adxudicación en dereito de superficie; e as outras dez optaron por comprar o resto de parcelas, por un importe de máis de dous millóns de euros. Despois de que xa se adxudicase a construción conxunta das 11 naves, Feijóo aseverou que este proxecto, que supoñerá un investimento de máis de 11 millóns por parte das empresas, permitirá a consolidación de máis de 300 postos de traballo.

O presidente do Goberno galego concluíu resaltando que o polígono empresarial da Veigadaña segue sumando iniciativas, como proba o feito de que máis do 92% da superficie de parcelas do parque están xa adxudicadas, quedando dispoñibles para venda 6 parcelas, cunha superficie total de preto de 30.000 metros cadrados. Fai falta destacar ademais que a Xunta colaborou con outros proxectos relevantes neste polígono: no ámbito da conciliación, con axudas para a posta en marcha dunha escola infantil con 74 prazas, que conseguiu o Premio de Arquitectura de Galicia 2020; e no ámbito do emprendemento, cunha achega para a posta en marcha do viveiro de empresas de Mos, para ofrecer acompañamento profesional a novos proxectos empresariais.

No Día Mundial do Linfedema a asociación AGL agasalla almofadas con corazón

Co gallo da conmemoración do Día Mundial de Linfedema, dende a Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL), entidade que forma parte de COGAMI, teñen programados diferentes actos durante este mes, a maioría deles desenvolvidos a través das redes sociais co fin de evitar riscos sanitarios coa situación actual na que convivimos.

Un destes actos programados é a entrega de almofadas a todas as mulleres que pasaron, ou están pasando, por un proceso postoperatorio dunha cirurxía mamaria. Mediante a entrega desta denominada `almofada do corazón´, que AGL realiza en colaboración coa asociación barcelonesa de El Caliu de Cor, esta almofada ou coxín servirá para paliar a dor e o malestar derivados da cirurxía. A entrega será gratuíta e poderá adquirirse dende agora, tras poñerse en contacto con AGL ou a través da farmacia Rolán, situada en Vilagarcía de Arousa, concello no que ten a súa sede a entidade.

Outras das accións programadas para esta semana do Linfedema serán a difusión a través das redes sociais Facebook e Instagram, que ten abertos AGL, de profesionais da medicina, representantes municipais e de entidades sociais que amosarán o seu apoio ás persoas que viven con esta enfermidade. Para rematar, realizaranse tamén charlas on line organizadas por diferentes entidades de linfedema e lipedema de España é outra das actividades programadas durante o mes de marzo.

Data para a reivindicación

Esta data conmemorativa serve tamén para que dende os movementos asociativos se  expoñan reivindicacións para todas as persoas que viven con esta enfermidade. Algunhas das peticións que demanda AGL serían: a instalación no sistema sanitario dun tratamento con drenaxe linfático manual para todas as persoas diagnosticadas de linfedema, a realización de diagnósticos rápidos, a necesidade de contar con máis profesionais especializados e a existencia dun banco de datos reais co número de persoas afectadas en Galicia por linfedema, así como a creación dun centro de referencia de Linfedema na nosa Comunidade.

Que é o Linfedema?

O linfedema é unha enfermidade crónica e progresiva do Sistema Linfático, que pode causar graves deformidades, discapacidades e complicacións que poden ser potencialmente mortais e tamén causantes de cargas psicolóxicas e económicas. Nos países desenvolvidos, o 90% das persoas que teñen linfedema é causado polos tratamentos contra o cancro.

Segundo a Organización Mundial da Saúde, 1 de cada 30 persoas teñen linfedema, patoloxía que afecta entre 140 e 250 millóns de persoas a nivel mundial e que, segundo as propias entidades que defenden os dereitos das persoas que viven con esta enfermidade, non se lle presta a importancia que merece.

En canto á incidencia de linfedema en Galicia, dende AGL din que, a falta de ter datos globais recollidos, estímase que hai 50.000 persoas afectadas, das que 3.000 son mulleres que o desenvolven  tras ser intervidas dun cancro de mama. Polo tanto, neste 6 de marzo, Día Mundial da Linfedema, dende o movemento asociativo reclaman que existan mellores opcións nos tratamentos, máis fondos destinados a investigación,  programas educativos para profesionais da saúde e un mellor acceso á atención especializada para as persoas que viven con linfedema.

A Concelleira de Emprego e Formación do Concello de Ponteareas anuncia a contratación de trinta persoas desempregadas

A Concellería de Formación e Emprego, dirixida pola socialista Vanesa Fernández, vén de facer públicas as listaxes de persoal a contratar con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

“Cómpre que dende as institucións fomentemos o emprego e fagamos políticas activas de emprego orientadas a diminuir a taxa de paro, sobre todo agora, coa crise económica e social pola que estamos pasando. Ninguén pode quedar atrás e todos os recursos son poucos para axudar aos nosos veciños e veciñas”, afirma Vanesa Fernández, concelleira de Emprego.

Dendo o Goberno BNG-PSOE vanse destinar arredor de 324.000 euros na contratación de 13 peóns de medio ambiente, un/unha limpador/a, un/unha axudante de cociña, un auxiliar de clínica, tres albaneis, dous oficiais de oficios varios, un fontaneiro, dous peóns de vías e obras, dous auxiliares administrativos/as, un técnico/a en obra pública, un técnico/a de medio ambiente, un técnico/a en Administración pública e un animador sociocultural.

Premer para ampliar

En todas estas categorías hai variedade e diversidade de formación e niveis para darlle oportunidade a un amplo abano de persoas que van dende os postos que requiren titulación a outros que non a precisan.

Dende a Concellería infórmase que é imprescindible inscribirse na oficina de emprego de Ponteareas e as bases do proceso selectivo poderán consultarse na páxina web do concello no apartado “oferta de emprego público” ou no propio Centro de Desenvolvemento Local.

A concelleira Vanesa Fernández incide na importancia da colaboración entre administracións, como a Deputación de Pontevedra cos concellos; para poder achegar os máximos recursos aos veciños e veciñas “que son os que realmente precisan neste intre sentir as administracións ao seu carón”.

Galicia recibirá a finais desta semana 30.000 doses da vacina de Astrazéneca

Galicia recibirá ao redor de 30.000 doses da vacina elaborada pola farmacéutica Oxford-Astrazéneca a finais da presente semana. Así llo confirmou a Ministra de Sanidade, Carolina Darias, ao máximo responsable da Sanidade galega, Julio García Comesaña, durante a xuntanza mantida esta tarde no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Con estas novas doses, a Xunta de Galicia poderá seguir avanzando no proceso de vacinación iniciado o pasado 27 de decembro e así acelerar o seu ritmo á hora de administralas doses. Nestes intres, a comunidade galega xa ten administradas un total de 233.316 doses. Nomeadamente, 184.620 doses de Pfizer, 6.367 de Moderna e 42.329 de Astrazéneca.

Neste sentido, o Servizo Galego de Saúde xa vacinou coa primeira das doses a 115.163 galegos e galegas, aos que hai que engadir as 59.072 persoas ás que xa se lle administrou a pauta completa.

Neste intres a Xunta de Galicia está a vacinar cunha maior intensidade ás preto de 234.000 persoas que conforman a poboación de maiores de 80 anos na comunidade. Até o de agora, xa foron 42.594 persoas desta franxa de idade, que xa recibiron a primeira doses.

Así mesmo, no que atinxe á estratexia de vacinación que está a levar a cabo Galicia, a Xunta continúa coa vacinación dos grandes dependentes, o persoal docente, o persoal sanitario de clínicas privadas, os inspectores sanitarios, os facultativos do Imelga, os membros da Policía Nacional e Autonómica, bombeiros, persoal funcionario non-sanitario das institucións penitenciarias, os profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e ao persoal dos centros de Día.

Este ritmo de vacinación sitúa na actualidade a Galicia no terceiro posto das comunidades autónomas que maior número de doses administrou, en relación coas vacinas recibidas.

Na reunión mantida esta tarde xunto coas restantes autoridades sanitarias españolas, tamén se acordou adiar o debate sobre a posible relaxación da medidas restritivas e o levantamento dos perímetros autonómicos de cara á vindeira Semana Santa.

Digna Rivas chama á prudencia e a “non baixar a garda” ante o descenso dos casos de COVID no municipio

0

A baixada continuada de casos activos por coronavirus no municipio de Redondela, que posibilitou que onte o Comité Clínico da Xunta baixara ao municipio ao Nivel 3, foron acollidos con satisfacción polo Goberno local. A alcaldesa Digna Rivas quería trasladar unha mensaxe de agradecemento “a todas as veciñas e veciños polos esforzos e sacrificios realizados durante todo este tempo” e ao mesmo tempo chamou “as non baixar a garda para non ter que retroceder coas consecuencias negativas que iso implicaría”.

Digna Rivas quixo tamén agradecer ao persoal municipal “a profesionalidade coa que, en todo momento, desenvolveron o seu traballo e que permitiu que, pese as complicadísimas circunstancias, os servizos municipais seguiran funcionando con total normalidade”.

A partir das 00 horas do venres 5 de marzo, Redondela pasará polo tanto ao nivel máis baixo de restricións que permiten, entre outras cousas, apertura da hostalaría ata as 18 horas co 30 % de ocupación no interior e 50 % nas terrazas e mobilidade entre os municipios que estean no mesmo nivel. Nese sentido Digna Rivas lembra que a nova situación permitirá que as veciñas e veciños “poidan desprazarse a calquera municipio agás Pazos de Borbén e Mos, que están en nivel 2 e Soutomaior que é o único municipio de Galicia que permanece co nivel máximo de restricións”.

Galicia rexistra un total de 4.686 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.686, deles 1.543 son da área da Coruña, 427 da de Lugo, 284 da de Ourense, 683 da de Pontevedra, 771 da área de Vigo, 519 da de Santiago e 459 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 97 están en UCI, 375 en unidades de hospitalización e 4.214 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 105.988 persoas curadas, rexistrándose 2.256 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.684.590.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 233.316.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

A Concellería de Mobilidade e Tráfico regula o acceso ás rúas peonís da Esperanza e República Arxentina

A Concellería de Mobilidade e Tráfico puxo en marcha a regulación do acceso ás rúas peonís da Esperanza e República Arxentina. Nos últimos días repartíuse información a todos os residentes e comerciantes das dúas rúas explicando de forma detallada quen pode acceder con vehículo a esas rúas, en que supostos e en que condicións de circulación e parada. Segundo explica o edil de Mobilidade, Roberto Mera, “até agora non existía unha regulación clara o que xeraba inseguridade xurídica. Coa nova regulación poñemos claridade e garántese o acceso daqueles vehículos que realmente teñen necesidade de entrar nesas rúas peonís”.

Ademais da nova regulación, instalouse sinalización e modificouse o itinerario de acceso de maneira que agora os vehículos autorizados deberán entrar por República Arxentina e saír por Esperanza, ao contrario de como se viña facendo até agora. Durante as feiras e mercados estarán autorizados a entrar pola rúa Baratillo accedendo por Esperanza.

Coa nova regulación poderán acceder a estas rúas os/as residentes sen garaxe para a carga e descarga de vultos, as persoas usuarias de garaxes para acceder eles, os titulares de actividades comerciais para cargas e descargas e os vehículos destinados a recoller ou deixar persoas con mobilidade reducida. Todas elas/eles deberán dispoñer da correspondente tarxeta de autorización, que poden tramitar no Concello a través da Oficina da Policía Local, utilizando o formulario dispoñíbel na web municipal. Ademais, tamén poderán acceder a estas rúas os/as repartidores/as e mensaxeiros/as, os taxis para recoller ou deixar usuarios/as e os servizos de emerxencia e municipais.

Nas rúas peonís non existen zonas de estacionamento polo que todas as persoas que accedan poderán realizar unha parada polo tempo imprescindíbel diante do seu destino e non máis de 15 minutos. Cando fora preciso por máis tempo deberán solicitalo á Policía Local.

Segundo Roberto Mera, “esta regulación diferencia o tráfico de necesidade do tráfico de comodidade, de maneira que se autoriza a entrada nunha rúa peonil cando é imprescindíbel facelo cun coche e non existe outra alternativa”. Os vehículos deberán circular a 10 km/h, dar preferencia aos peóns e ciclistas e separarse deles alomenos 1,5 metros. Para calquera aclaración o Concello pon a disposición da veciñanza o teléfono 986640050 da Policía Local e o correo [email protected].

O Concello de Salvaterra de Miño aposta polo deporte online ofrecendo “GimnasioTV” a todos os seus veciños

A partires do 4 de Marzo O Concello de Salvaterra de Miño dará acceso a todos os seus veciños e veciñas a “Gimnasio TV”, unha novedosa plataforma de fitness dixital, de xeito gratuito. Desenrolada pola empresa de xestión deportiva Sportmadness, ofrece clases de Yoga, Baile Activo, Pilates, Ximnasia de Mantemento e Baile con monitores especializados, que estarán dispoñibles 24/7 e en calquera dispositivo con conexión a Internet.

Nunha tempada na que a Pandemia obrigou a establecer limitacións na práctica deportiva, a Concellería de Deportes de Salvaterra de Miño aposta por ofrecer unha solución dixital para todos os seus veciños e veciñas, que poida complemetar as súas actividades presenciais.

Asimilando a súa estructura á de plataformas de vídeo como Netflix, Gimnasio TV persegue ofrecer un complemento flexible e de alta calidade ao deporte presencial. Todo iso por medio dunha plataforma sinxela e para todos os habitantes do Concello.

En verbas de Edgar Martínez, Concelleiro de Deportes de Salvaterra de Miño, “É unha iniciativa que permitirá loitar fronte os estragos físicos e psicolóxicos derivados da Pandemia, dun xeito seguro e guiado, xa que se pode facer dende a casa”.

Pola súa parte, Pablo Goberna, delegado de Sportmadness en Pontevedra engadía: “Estamos moi orgullosos de que O Concello de Salvaterra de Miño aposte por Gimnasio TV e así poder axudar na práctica deportiva a toda a veciñanza”.

A Concellería  de Deportes de Salvaterra de Miño e Sportmadness xa traballan unidos para dar a coñecer a plataforma no municipio e apoiar a todos os usuarios que queiran comezar a usala.

Para que os veciños poidan gozar do servizo, solo teñen que acceder a www.gimnasiotv.com e realizar o seu rexistro.

A Biblioteca do Porriño sempre na vangarda

Entrar na biblioteca do Porriño xa non é un ritual dedicado ao silencio e as lámpadas de lectura, reservado para ás persoas de oposicións ou universidade entregadas aos seus exames.

A biblioteca é algo moi diferente hai máis dunha década. Abriu portas, habilitou espazos a outros perfís de persoas usuarias e, amais de emprestar libros, ofrece material audiovisual, cómics e gratuidade da conexión a internet; incluso nos últimos anos,… mesmo foi territorio adolescente.

Durante este tempo de incerteza marcado pola covid 19, a Biblioteca do Porriño malia a distancia continuou co servizo de préstamo da colección, acadando cifras moito máis positivas do esperado, incluso gratamente sorprendentes.

A Concellería de Cultura, dirixida por Cami Moreira Fontán, da que depende a biblioteca municipal, aproveitou este tempo para reinventar os espazos e adaptalos a unha nova realidade conectada ao mundo da lectura, sendo este, o servizo bibliotecario por excelencia a perseguir polas bibliotecas .

A SALA XERAL, transformouse, coa adecuación do seu mobiliario, nun espazo de socialización e participación cidadá, que convive cunha colección ecléctica de distribución máis atractiva, co crecemento da colección bibliográfica de referencia, e contando cun incremento dos centros de interese existentes.

Ao mesmo tempo, equipamos a biblioteca con tabletas e portátiles que substitúen ás antigas CPUs, unha actualización dos equipos informáticos que reverte no uso da nosa comunidade bibliotecaria.

Ademais, a biblioteca implementará eFilm, unha plataforma de préstamo audiovisual en streaming; que usando só a tarxeta da biblioteca poderás acceder a miles de películas, series, curtas e moito máis.

eFilm conta cun catálogo coa mellor selección de cine español, cine europeo, cine independente e cine clásico. En breve, tamén contará con: concertos e cursos de idiomas legais e gratuítos para toda a colectividade adscrita á Biblioteca do Porriño

Cómpre destacar o CLUB DE LECTURA, unha proposta que continúa, agora tamén en liña con gran éxito. E estamos de estrea cunha nova actividade, un CICLO DE CINEMA,  con pases no último venres de cada mes coordinado por Rebobina Asociación Cultural.

Unha atención especial merece a PÁXINA WEB da biblioteca https://bibliotecadoporrino.com, onde podemos consultar; diferentes trámites persoais, a colección dixital, unha selección de recursos web como GaliciaLe, seccións interesantes, como son: noticias clasificadas por idiomas, idade ou xénero literario, seleccións temáticas e recomendacións, moi apreciadas pola poboación lectora.

Proseguindo coas innovacións, instalouse unha CAIXA DE DEVOLUCIÓNS  no exterior do edificio, achegado á praza de aparcamento reservada durante 15 minutos para realizar trámites rápidos na biblioteca, axudando a resolver problemas de estacionamento.

Isto amplía o servizo de devolución de libros ás 24 horas do día, os sete días da semana, os 365 días do ano, cumprindo cos obxectivos de desenvolvemento sostible e promovendo o benestar garantido para a veciñanza.

Unha das grandes novidades que presenta a biblioteca municipal é a SALA DE ESTUDO, situada na planta baixa do edificio do Centro Cívico, onde a poboación que precise da temperatura e luz adecuadas, de silencio e comodidade para concentrarse nos seus estudos, atopara o lugar idóneo.

Dous espazos, dous diferentes usos. A actividade de estudar é altamente exclusiva e de ningún xeito compatible coas actividades dunha biblioteca pública, entendida coma un espazo de convivencia onde, ao redor da lectura, a información e o lecer creativo, as persoas de todas as idades, ou niveis de formación, atópanse facendo comunidade, servíndonos das instalacións e recursos documentais creamos un centro vivo ao servizo da comunidade.

A Xunta ofrece 29 actuacións escénicas e musicais en Tui, Tomiño, Redondela, Gondomar e Ponteareas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

A Xunta promove ata xuño 29 actuacións escénicas e musicais na área de Vigo, no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). As funcións organizadas en colaboración cos concellos desenvolveranse en Tui, Tomiño, Cangas, Redondela, Gondomar e Ponteareas. A carteleira con todas as funcións e horarios pódese consultar no web de Cultura de Galicia e da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic).

A programación nestes seis municipios da área de Vigo comeza mañá, co espectáculo Maxia sen trucos, de Ian&Elisa, no Teatro Municipal de Tui. Trátase dunha mestura de maxia e sombras chinesas que mergullarán o público familiar nun mundo imaxinario onde nada é imposible. As funcións continúan neste concello o venres 5, coa peza teatral O premio, de La Quintana, unha comedia sobre a situación que viviremos nun futuro próximo derivada do progreso tecnolóxico e a loita cara ao éxito económico, sentimental e social.

A próxima semana, o día 11, estará dedicado á cativada con O lobo e a lúa, de Baobab Teatro. Os días 23 e 24 deste mes haberá unha dobre función da estrea de Illas desertas, de ArtesaCía, proxecto beneficiado no programa de axudas á creación escénica da Xunta.

Ademais, este sábado 6 arranca a programación da RGTA prevista no Auditorio Municipal de Goián, en Tomiño, coa representación de Feminíssimas, de De Ste Xeito Producións, unha creación colectiva coa amizade como fondo e o feminismo como forma. Xa en abril, o 25, chegará para a público familiar o novo circo de Xampatito Pato e o seu espectáculo , e o 23 de maio farao a música, cun concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona. Finalmente, en xuño, o día 20, está prevista a obra de teatro 32m2, de ButacaZero.

Funcións en Cangas e Redondela

O Premio, de La Quintana, marca tamén este sábado o inicio das funcións en Cangas, que continúan en abril, o día 24, con Medida x Medida, de Producións Teatráis Excéntricas. En maio será a quenda de Fulano, Mengano e Citano, coa obra A louca historia de Galicia, o día 15, e de Chévere, con Curva España, o día 22. Nese mesmo mes, o 29, representarase O ogrocho, de Ningures Producións, dirixido á cativada, e o 5 de xuño O meu reino non é deste mundo, de Teatro da Ramboia. Todas as actuacións serán no Auditorio Municipal.

Pola súa banda, Redondela retoma a programación no Auditorio do Multiúsos da Xunqueira este domingo, con Cartoóns, de Producións Teatráis Excéntricas, para público familiar. O 27 deste mes Malasombra Producións exhibirá Nós (A historia de Galicia). O teatro segue a ser protagonista en abril, con O libro da selva, de Teatro Avento, dirixida á rapazada, o día 4, e con 32m2, de ButacaZero, o 24. En maio chega Ibuprofeno Teatro, con O mel non caduca, o día 8, e O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, o 29. As funcións deste semestre finalizan o 13 de xuño con Mai Mai, de Baobab Teatro, outra peza para público familiar.

Programación en Gondomar e Ponteareas

Canto a Gondomar e Ponteareas, as funcións previstas neste semestre arrancan o vindeiro mes de abril. Así, o Auditorio Lois Tobío de Gondomar acolle xa o día 3 a peza O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro, e o 10, Despois das ondas, de ButacaZero. O 17 de abril será a quenda de Companyia La Tal, coa obra Italino Grand Hotel, para público familiar, e o 1 de maio de Cinema Sticado, con Pika. Ponteareas comeza a programación do semestre o 24 de abril con O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia. Xa en maio, representarase Clausura do amor, de Cámara Negra en coprodución co Centro Dramático Galego, o día 15, e o 19 de xuño, O mozo da última fila, de Redrum Teatro. As funcións terán lugar no Auditorio Reveriano Soutullo.

As representacións previstas nestes seis municipios da área de Vigo súmanse ás máis de 30 actuacións escénicas que xa se están a desenvolver en colaboración co Concello de Vigo desde o pasado 19 de febreiro, no Auditorio Municipal.

Máis de 300 actuacións en 40 concellos

Deste xeito, a Rede Galega de Teatros e Auditorios retoma a actividade, suspendida nas últimas semanas por mor das restricións da covid-19, como o programa cultural máis intenso e extenso de todos os promovidos pola Xunta. Cómpre salientar que a programación total deste primeiro semestre ofrece máis de 300 actuacións musicais e escénicas en 40 concellos da Rede, coa participación de 110 formacións artísticas profesionais. Mobilízanse así contratacións por valor aproximado dun millón de euros, cofinanciados entre a Xunta e os concellos asociados.

Abertas as inscricións para unha xornada de posta en valor do patrimonio cultural da Guarda

0

O vindeiro mércores día 10 de marzo o Concello da Guarda será o escenario para a realización da Xornada para a co-creación de solucións para a posta en valor do patrimonio cultural da Guarda, evento organizado pola Universidade de Vigo.

Esta xornada, que arrancará ás 16:30h da tarde, ten coma obxectivo contribuír a crear novos produtos e servizos que poidan ser comercializados polos profesionais e entidades da zona para dinamizar e atraer novos viaxeiros ao concello.

A xornada estará dividida en dúas partes, na primeira delas realizarase unha charla con expertos sobre o patrimonio cultural inmaterial da Guarda e boas prácticas no sector e, despois dunha breve pausa, realizaranse mesas de traballo nas que os asistentes poderán traballar no desenvolvemento de novos produtos e servizos turísticos para o territorio.

Todas aquelas persoas, sexan profesionais ou non, e que desexen desenvolver ou participar en proxectos para a creación de novos produtos turísticos, atraer turismo á Guarda, potenciar a nosa cultura ou dar a coñecer o noso patrimonio, teñen unha oportunidade moi especial nesta xornada, na que participarán expertos coma J. Miguel Villa ou investigadores da Universidade de Vigo, socia deste proxecto europeo. Máis información sobre o proxecto en: https://atlanticculturescape.eu/.

Tui a xornada de promoción do Camiño Portugués dentro do proxecto “Coñece os Camiños”

0

A aula da Uned, no antigo convento de San Domingos, en Tui acolle este sábado, 6 de marzo, a xornada de promoción do Camiño Portugués dentro do proxecto  “Coñece os Camiños”.

Ao longo da xornada, de 11.30  a 17.30 h, celebraranse distintas conferencias e visitas guiadas centradas nesta vía xacobea. A organización correspondente á Orden del Camiño de Santiago, contando coa colaboración do Concello de Tui. Podes descargar o programa completo na seguinte ligazón.

O programa previsto comezará ás 11.30 h coa recepción por parte das autoridade e membros da Orden del Camiño de Santiago. A continuación o historiador e técnico do Concello de Tui, Rafael Sánchez Bargiela, pronunciará a conferencia “O Camiño Portugués en Tui: tradición, historia e patrimonio”.

Ás 12.10 h Rubén Riós, actos e emprendedor creativo pronunciará a conferencia “Camiños de Empatía”. A continuación será a quenda de Bruno de Llano Gómez Ulloa, especialista en Xestión Local de Autonómica de Ecoembes quen falará sobre “O Camiño de Santiago, Camiño Sostible”.

Ás 13 h terá lugar a presentación do proxecto “Alfombristas de Santiago. Un proyecto Mundial” por parte de Miguel Ángel García Correa, presidente de Asociación de Alfombristas.

O programa previsto continuara cunha actuación musical, que dará paso ás visitas guiadas á igrexa de San Domingos, ao conxunto histórico e á catedral de Santa María.

Nesta actividade o aforo está limitado e as persoas interesadas en asistir deberán reservar praza nos correos [email protected] ou [email protected].

Marzo de Sábados Teatrais

A pandemia global que sufrimos tamén afecta ao mundo da cultura, que debe reinventarse con iniciativas artísticas innovadoras.

Nesta ocasión XERPO tráenos unha proposta teatral compatible cos tempos de corentena; chamado “TEATRO CONFINADO”.

Linguaxes e códigos moi distintos entre si, que emerxen, mantendo a esencia teatral do directo, nun espectáculo online.

O público desde o seu sofá, nas súas casas, experimenta un espectáculo escénico ao vivo a través da, xa recoñecida , aplicación Zoom.

Por 1ª vez en Galiza e aquí no Porriño, gozaremos do que está sendo unha nova forma artística moi demandada xa en toda Europa, “teatro virtual”, “teatro na casa”, teatro de Salón” ou “TEATRO CONFINADO”.

En España, esta singradura foi iniciada polo prestixioso teatro madrileño La Abadía, xerando unha verdadeira “carteleira” de teatro online en directo, con obras como “La Teoría de la Pelvis” de Alberto Cortés e Rosa Romero, que agora tamén podemos gozar na nosa carteleira;

“MARZO DE SÁBADOS TEATRAIS”

PEZA TEATRALDATAINSCRICIÓNHORARIO
GREGOR-E (estrea)6 de marzoDo 1 ao 5 de marzo21:00 h
#InterferenciaVarada13 de marzoDo 8 ao 12 de marzo21:00 h
La Teoría de la Pelvis20 de marzoDo 15 ao 19 de marzo21:00 h
A Comuna da Ingrávida Día Mundial do Teatro27 de marzoDo 22 ao 26 de marzo21:00 h

GREGOR-E

Enlace: https://ecultura.net/ciclo-marzo-de-sabados-teatrais-obra-gregor-e/

“Gregor-e” é a segunda parte de “MetamorfoseS”, unha peza de Xerpo que rodou polos escenarios de toda a península cos seus cables e sensores que daban vida ao programador Gregor Samsa, que un fatídico día espertou convertido nun monstruoso… ordenador.

En “Gregor-e”, o personaxe que encarna Álex Sobrino, esperta como ser humano dixitalizado nun ordenador pensando que aínda está na súa casa, que ten que coller o tren das 8:15h para ir traballar e que ten á súa familia pendente do seu soldo mileurista. A obra transcorre co descubrir de Gregor-e do seu estado actual.

#InterferenciaVarada

Enlace: https://ecultura.net/ciclo-marzo-de-sabados-teatrais-obra-interferencia-varada/

É posíbel viaxar na realidade espazo-temporal que vivimos. O haiku, os púlsares e máis descubrimentos agárdannos nunha proposta chea de honestidade, poética e asombro.

La Teoría de la Pelvis

Enlace: https://ecultura.net/ciclo-marzo-de-sabados-teatrais-obra-la-teoria-de-la-pelvis/

Si las capacidades de acción ya se encontraban en un estado de somnolencia, este Estado de Alarma viene a rematar la poca acción que nos quedaba. Podríamos decir que el confinamiento supone para “La teoría de la pelvis” lo que supuso la caída de la manzana del árbol para Newton.

A comuna da Ingrávida

Enlace: https://ecultura.net/ciclo-marzo-de-sabados-teatrais-a-comuna-da-ingravida/

Presentación do día mundial do teatro na compañía de artistas convidadas, Mariana Carballal e Tatán de Tanxarina entre outras.

Nesta zoomtanza o público asistirá a unha presentación da Comuna da Ingrávida na que unha por unha irán presentando e falando coas artistas convidadas e, ao final, lerase o Manifesto do día mundial do Teatro polo ITI (International Theatre Institute) traducido ao galego.