O Concello de Nigrán ven de incorporar a sendos conserxes municipais ao CEIP Carlos Casares de Vilariño e ao Pavillón Municipal de Panxón con carácter de interinidad ao cubrir cadansúa praza de persoal xubilado. O Concello cubre deste xeito dúas vacantes xurdidas hai anos e que a coñecida como ‘lei Montoro’ (suspendida o setembro pasado) impedía recuperar. Paralelamente, mediante a contratación por acumulación de tarefas o consistorio contratou a outros dous bedeles para os colexios de CEIP da Cruz (Camos) e Mallón, quedando deste xeito atendidos todos os centros educativos públicos do municipio (Humberto Juanes xa dispoñía de conserxe fixo).
“A recuperación do bedel fixo para o CEIP Carlos Casares era unha vella demanda da comunidade educativa deste centro, xa que hai anos que se xubilara o anterior e íamos cubrindo a praza como podíamos a través de Deputación. Agora que por fin a lei nos permite incorporar a persoal interino damos felizmente por zanxado este problema que se nos presentaba con cada curso escolar”, admite o alcalde, Juan González, quen destaca tamén a importancia de cubrir a praza do Pavillón Municipal de Deportes. “Estamos a piques de concluir o proceso selectivo para incorporar a un técnico de Deportes fixo e agora xa dispomos de conserxe, polo que esta concellería, ata agora sen ningún persoal subscrito, se verá reforzada dun xeito exponencial repercutindo nun mellor servizo en xeral”, explica González.
Paralelamente, este mesmo luns 1 de marzo o Concello incorporou a Vías e Obras aos seis operarios municipais que superaron o proceso selectivo para crear unha bolsa de emprego e cubrir así as prazas que foron xurdindo por xubilación, cuestión tamén posible tras a derogación da lei de estabilidade orzamentaria de Montoro. En concreto, sumáronse desde este 1 de marzo dous peóns operarios, dous peóns albaneis, un peón condutor e 1 peón electricista, pasando o persoal de Vías e Obras de 15 a 21 persoas. “Esta concellalía, fundamental para a veciñanza porque dela depende o mantemento de practicamente todos os bens municipais, repercutirá moitísimo na axilización dos traballos e optimización dos mesmos, é unha moi boa nova para todos”, recoñece o rexedor. Por último, tamén este 1 de marzo, incorporouse unha auxiliar para o departamento de Contratación e dúas para Tesourería.