A Xunta concedeu no último ano un total de 224 axudas ao sector do taxi para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida e de baixas ou cero emisións, cun investimento total de case 1,15 millóns de euros.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución que recolle a listaxe dos beneficiarios destas axudas concedidas para a adquisición destes vehículos, no marco da convocatoria do ano 2020.
Para ampliar a información sobre esta resolución pode consultarse o DOG a través do seguinte enlace: https://xurl.es/zt8z0.
A iniciativa da Xunta, que incrementou o Orzamento inicial destes incentivos ao sector do taxi, para atender á demanda das distintas convocatorias, permitiron atender 41 solicitudes de axudas para vehículos adaptados á mobilidade reducida, 180 para taxis ECO e 3 para coches de cero emisións.
As subvencións son de ata 4.000 euros para os taxis de baixas emisións, 6.000 euros no caso de vehículos de emisións cero e 10.000 euros para coches adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida.
Das mesmas beneficiáronse as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade.
A Xunta suma máis de 3 M€ en incentivos ao sector nos últimos 5 anos, para a modernización da súa flota, tendo en conta a convocatoria correspondente ao ano 2021, que está actualmente aberta, dotada cun crédito de 350.000 euros.
Estas medidas teñen como obxectivos incrementar a competitividade deste sector do que dependen case 4.000 familias galegas, pero tamén de facilitarlle a vida ás persoas con mobilidade reducida e contribuír ao medio ambiente, fomentando unha mobilidade menos contaminante.