Domingo, 1 Xuño de 2025

A escola de música do Porriño celebra Santa Icía

A Escola Municipal de Música do Porriño celebra o día da patroa dos músicos, Santa Icía, cun concerto. Será este xoves, día 23 de novembro, a partir das 19 h no Círculo Recreativo Cultural.

Actuarán a Coral Polifónica, o grupo de Música Tradicional e a Banda de Música da Escola Municipal de Música.

O Concello ultima xa os premios “Síntete Covelo”

0

Un ano máis o Concello de Covelo quere recoñecer a traxectoria da súa veciñanza e ultima xa unha nova edición dos premios “Síntete Covelo”. A novena edición ten aberto o prazo para as candidaturas que optarán a recibir este sentido recoñecemento.

Coa finalidade de facer público o recoñecemento á traxectoria de persoas ou entidades que leven a cabo proxectos destacados e relevantes para o noso Concello e para Galicia, o Concello de Covelo entregará este premios para os que estará aberto o prazo de propostas ata o vindeiro día 1 de decembro ás 14 horas.

Calquera persoa poderá presentar candidaturas que terán que estar relacionadas coa contribución á creación, ás artes, á ciencia ou humanidades, ao deporte, ao medio ambiente e á conservación do noso entorno e paisaxe local.

.As candidaturas teranse que presentar mandando un informe de méritos ao correo electrónico [email protected] ou ben por correo ordinario ou presencialmente nas oficinas do Concello.

Deberán incorporar o seu curriculum ou memoria do seu percorrido e traxectoria, notas de prensa, entrevistas na radio ou televisión, vídeos, etc., que deberán aportar nun sobre onde se indiquen os datos da persoa, empresa, asociación ou club que se propón para o “IX Galardóns Síntete Covelo”.

O xurado, composto por tres concelleiras e concelleiros de todos os grupos da Corporación, entregará o premio o sábado día 23 de decembro ás 18:30 horas no auditorio municipal.

O contacontos “Pés de lobo” aterriza en Redondela

0

O vindeiro xoves, 23 de novembro ás 18:00 horas, desenvolverase un novo contacontos na Biblioteca Municipal Valle-Inclán de Redondela, dentro do programa “Tardes de Outono. Contos en familia” organizado pola Fundación Filomena Rivero Alonso.

Contaran co narrador Anxo Moure  interpretando o seu espectáculo de narración oral “ Pés de lobo”, para  nenas e nenos a partir de 4 anos. A actividade é de balde pero é necesaria a inscrición previa desde o venres anterior á actuación, a través do correo electrónico: [email protected] ou no whatsapp 617340323. Unha actividade organizada pola Fundación Filomena Rivero Alonso, coa colaboración do Concello de Redondela e as Bibliotecas Públicas Municipais de Redondela.

O goberno de Ponteareas bonificará impostos para a rehabilitación de vivendas, cesión de portais aos alfombristas e centros culturais

O pleno do Concello de Ponteareas celebrado onte deu luz verde, por maioría absoluta, a dúas propostas fundamentais que conlevan  modificacións significativas nas ordenanzas fiscais do municipio. Trátase da bonificación nun 95 % da contía tanto do ICIO, Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras como do IBI, Imposto sobre Bens Inmobles.

A primeira, referente ao ICIO, implica unha serie de bonificacións estratéxicas para fomentar o progreso urbanístico e social na localidade como é o caso da cota para obras realizadas por administracións públicas, o que beneficiará á construción do novo centro de saúde, unha medida crucial para o benestar dos veciños.

 Ademais, establécese unha bonificación por defecto, é dicir, sen necesidade de levarse a pleno, para as obras realizadas nas instalacións por parte de colectivos sociais, culturais e deportivos, sempre que estean aliñados cos obxectivos das devanditas organizacións.

Outra disposición importante é a bonificación nese 95% para obras en áreas declaradas de rehabilitación integral por parte da Xunta de Galicia ou outras administracións, así como para edificacións con máis de 75 anos de antigüidade. Estes cambios compleméntanse coa equiparación do tipo impositivo ao 4%, aliñándoo así cos estándares da maioría dos concellos provinciais. Esta subida soamente repercute sobre as obras de carácter maior xa que as de pequeno volume non se incrementan.

Pola súa banda, a bonificación no IBI, apunta a excluír desta taxa aos centros sanitarios de titularidade autonómica, fortalecendo así a infraestrutura de saúde. Así mesmo, outórgase esta bonificación de forma automática para centros culturais non municipais, estendendo esta vantaxe pero condicionada á aprobación en pleno aos propietarios que cedan os seus inmobles ás asociacións alfombristas para eventos como o día do Corpus.

Estas propostas, apoiadas por unha maioría absoluta no pleno, reflicten o compromiso do Concello de Ponteareas co desenvolvemento urbano sostible, o estímulo á actividade cultural e o apoio a iniciativas sociais clave.

Programa de activades do Concello da Guarda con motivo do Día Internacional da eliminación da Violencia contra a Muller

0

O día 25 de novembro terá lugar, ás 12:00 h na Casa dos Alonsos, un acto conmemorativo  onde as e os portavoces dos diferentes  partidos políticos terán a oportunidade de  manifestar a súa repulsa contra todas as manifestacións da violencia machista e o seu compromiso coa igualdade. Este acto estará acompañado dunha actuación a cargo do Grupo Dansá.

O mesmo 25, terá lugar no Centro Cultural ás 20:30 h, a representación de “Iphixenia na porta do súper”, un monólogo actual que fala das consecuencias dos recortes sociais a través da vida da súa protagonista, unha moza de barrio que pasa os días nun bucle de alcohol e apatía rondando as rúas da súa vila. Interpretada maxistralmente por Alba Caneda, a súa personalidade magnética e directa amosa sen filtros e con humor aos dilemas da protagonista na súa particular historia de amor/desamor, nas decisións que lle seguen e as consecuencias finais as que se ve abocada polos recortes sociais.

A protagonista do noso espectáculo chámase Iphixenia, “Ifi”, como adoita a grafitear nas paredes e paradas do seu barrio. É unha rapaza de vinte e poucos anos, que non estuda nin traballa. Unha moza de clase baixa que vive coa súa avoa e que pasa o día na rúa intentando pasar o tempo nun bucle de resacas. É esa persoa que atopas na porta do supermercado agardando conseguir unha moeda pero que non queremos ver. En certo modo, a pesar de cruzarnos con ela tódolos días, resulta invisible aos nosos ollos, non queremos saber nada da súa vida. E a vida de Ifi garda moitas sorpresas.

Actividade financiada con cargo aos créditos do Fondo do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade, Secretaría do Estado de Igualdade e  contra a Violencia de Xénero.

Continuando coa programación, o 28 de Novembro desde as 9:30h a 13:30h levarase a cabo na Praza do Reló do Concello da Guarda, a Campaña ‘AGRESIÓN OFF, EU DIGO NON Á VIOLENCIA SEXUAL’, impulsada pola Secretaría Xeral de Igualdade, dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ten como finalidade informar á cidadanía sobre a violencia sexual en particular e sobre a a violencia de xénero en xeral: como previla, como detectala e como combatela, ofrecendo pautas claras de actuación. Igualmente trátase de sensibilizar e concienciar sobre a importancia de rachar coas condutas violentas e non igualitarias, tanto nas relacións sociais como de parella, principalmente entre a xente moza, facendo fincapé na identificación das múltiples formas de micromachismos e violencias cotiás que sofren as mulleres, e promovendo modelos de relación afectivo-sexual baseados no respecto e a tolerancia.

Os centros educativos de Salvaterra visitan os castros de Soutolobre-Lourido

Dende o Concello de Salvaterra de Miño organizáronse varias visitas con alumnos dos centro de educativos de primaria do CEIP de Alxén, CEIP de Leirado e CEIP Infante Felipe para descubrir a excavación nos Castros de Soutolobre-Lourido. Esta foi unha visita guiada polo arqueólogo Francisco Hermes dentro do plan que leva a cabo o Concello para a posta en valor dos xacementos arqueolóxicos que nesta lugar se atopan.

Recordamos que se trata dun xacemento arqueolóxico de moitísima relevancia dado que se atopa dentro un petróglifo que hoxe, despois dos estudos realizados, pódese constatar que se trata dunha estela da idade do bronce. Algo único e o máis peculiar do noroeste da península debido os estudos que constatan que a cabana castrexa contaba cunha escaleira que daba acceso ó piso inferior.

Nigrán garantirá o Servizo de Atención Temperá durante 3 anos cunha inversión de 417.000 euros

0

O Concello de Nigrán investirá 417.030 € nos vindeiros 3 anos para o ‘Servizo de Atención Temperá’ (SAT), dirixido a crianzas de 0 a 6 anos con algún trastorno transitorio ou permanente no seu desenvolvemento ou en risco de padecelo. O goberno local inaugurou o SAT en xaneiro na antiga ‘Escola de Nenas’ do Ceán e, co obxectivo de garantir a súa continuidade, ven de licitar un novo contrato de 1 ano prorrogable a outros 2 (139.000 €/ano). Actualmente, este servizo público a cargo da concesionaria La Esperanza del Valle Miñor (xestora do CEE Juan María) atende a 70 familias nigranesas que xa non teñen que desprazarse cos seus fillos ata Vigo e que, desde que o solicitan, son avaliados e atendidos en menos de 30 días porque non hai lista de agarda.

“Somos pioneiros no Val Miñor en contar co noso propio SAT e estamos moi orgullosos de telo; o noso obxectivo é mantelo permanentemente como un piar da nosa política ‘Un Nigrán para todos’, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que “era unha demanda de moitas familias, educadores e sanitarios e unha prioridade para o Departamento de Servizos Sociais de Nigrán, así que a satisfacción é máxima ao contrastar a gran acollida que ten”.

A principal novidade do vindeiro contrato é precisamente a súa duración, que pasa de 1 a 3 anos, manténdose a sede na antiga Escola de Nenas do Ceán. O servizo contará, como ata agora, cun psicólogo, un logopeda e un fisioterapeuta e seguirá formando parte da Rede Galega de Atención Temperá, (nun 31% dos casos as crianzas acuden a máis dunha especialidade, é dicir, reciben servizos compartidos de logopedia, fisioterapia e/ou psicoloxía) .

Todos os pacientes son derivados a través dos centros de saúde de Nigrán (pediatría) e os centros educativos ou ben os propios servizos sociais do Concello tamén poden recurren a el para a petición de diagnóstico, sendo fundamental o seu traballo para a detección precoz dos trastornos ou do risco de padecelos. Entre os casos con alta probabilidade de precisar deste servizo están as crianza con gran prematuridade, dano cerebral, parálises, trastornos do espectro autista, TDAH, trastornos de conducta ou emocionais, sordeira, cegueira, anomalías conxénitas do cerebro… Isto xeralmente implica un retraso no desenvolvemento xeral, da motricidade fina ou grosa, do sistema cognitivo, da linguaxe… Noutros casos, a crianza que o precisa se atopa nunha situación de vulnerabilidade evolutiva debido a factores de risco biolóxicos, psicolóxicos ou sociais, e, por tanto, con alta probabilidade de desenvolver un trastorno ou retraso no desenvolvemento de non mediar unha intervención temperá. Polo tanto, ditas actuacións non van dirixidas únicamente aos nenos que padecen algún déficit físico, psíquico ou sensorial, senón tamén aos que poden presentar problemas madurativos ou de adaptación (coñecidos como nenos de alto risco) e aos nenos sen unha patoloxía evidente.

“A importancia da atención temperá radica na plasticidade do cerebro infantil; co conxunto de intervencións propostas preténdese responder canto antes ás necesidades transitorias ou permanentes da crianza, con independencia de se presenta ou presentará unha discapacidade”, explican desde o SAT de Nigrán.

O obxectivo é que o Servizo de Atención Temperá continúa deseñando de xeito multidisciplinar sesións individualizadas que permitan potenciar a capacidade de desenvolvemento e de benestar destes pequenos e das súas familias. “Hoxe en día non cabe dúbida que a detención precoz na primeira infancia é fundamental para mellorar infinidade de aspectos na vida das persoas, por iso o consideramos básico para o Nigrán que estamos a construír”, resume o alcalde.

Arévalo expónlle a súa folla de ruta para a lexislatura ao presidente da Deputación

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, para expoñerlle a súa folla de ruta de xestión como rexedora local na presente lexislatura e facer un repaso de asuntos de especial importancia para Mos en aras de solicitar á administración provincial a colaboración co Concello para lograr facelos realidade.

Así, Arévalo está a realizar unha ronda de visitas a representantes de administracións supramunicipais co obxectivo de lograr a man tendida en proxectos capitais para Mos. Entre elas atópase este encontro co presidente provincial, que marca o inicio de lexislatura.

Entre os principais puntos comentados pola alcaldesa ao presidente destacan a solicitude de aopio en obras que se quere iniciar canto antes como son a nova fase do Parque da Pesqueira, a senda de Dornelas Porselo-Brea e a estrada de San Cosme. Así mesmo, Arévalo plantexoulle a Luis López a necesidade de recuperar as axudas provinciais eliminadas polo anterior goberno da Deputación ao tecido asociativo dos concellos, tanto asociacións veciñais como culturais e traídas de auguas. “É fundamental coidar ao noso tecido asociativo e que a Deputación de Pontevedra volte a apoialo tanto con subvencións como con actuacións no caso dos grupos e asociacións culturais”, explica a alcaldesa de Mos.

Outros temas que a rexedora local lle plantexou ao presidente provincial foron necesidades en infraestruturas deportivas municipais, colaboración en diferentes proxectos de humanización, apoio en eventos culturais e reforzo para a dotación de maquinaria de obras.

A nova lexislatura en Mos

Neste senso Nidia Arévalo asegura que “afrontamos este comezo da lexislatura dándolle maior importancia ás obras prioritarias, baseándonos no programa electoral. Por exemplo no caso da senda de Dornelas, Porselo-Brea, xa temos contemplada unha partida para expropiacións de 40.000 euros no novo orzamento municipal para 2024. Tamén son fundamentais, a ampliación do Parque da Pesqueira, a nova estrada de San Cosme, saneamentos diversos e mantemento dos novos asfaltados realizados durante a pasada lexislatura, nos que se investiron máis de 2 millóns de euros e nos que faremos un esforzo para manter o asfalto e incluso incluír a construción de novas cunetas”.

A alcaldesa de Mos explica tamén que “levaremos a cabo a 3ª Fase do Paseo do Louro. A mellora de Pereiras, que inclúe a 2ª Fase da Estrada Pereiras-Tameiga e a humanización da contorna da Igrexa de San Miguel. A humanización da contorna da Igrexa de Sanguiñeda para cuxo proxecto contamos con subvención a través do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra. O remate da humanización do Alto de Puxeiros, para a que estamos pendentes do peche e traslado do aserradeiro alí existente. E a idea de detinar unha partida do Plan Concellos á elaboración dun Inventario Municipal de Bens. Entre outros proxectos”. Conclúe Arévalo.

Comezan as xornadas sobre coidados de maiores en Redondela

0

O Concello de Redondela, a través da concellería de Maiores, organiza as xornadas “Maiores: recursos sobre permanencia no fogar, prevención e coidados”. Esta actividade consta dunha mesa redonda e obradoiros prácticos e está dirixida a toda a cidadanía, “especialmente ás persoas maiores e familias con maiores dependentes”, explica a concelleira Pilar Martínez.

A edil sinala que, co aumento da esperanza de vida, “as familias teñen que facerse cargo dos maiores e dependentes nas casas, compatibilizalo co traballo, adaptar o espazo na vivenda e contar con recursos económicos pola dilatación no tempo do recoñecemento de incapacidade e as axudas institucionais”. Estas xornadas queren ser unha axuda para que as familias coidadoras “poidan ter uns coñecementos básicos para o coidado das persoas dependentes e de primeiros auxilios”, sinala a concelleira.

Na mesa redonda falarase dos recursos para a permanencia no fogar das persoas maiores. Intervirán o departamento de Servizos Sociais, Fundación Formavigo, Cruz Vermella e AFAGA Alzheimer. Será hoxe martes, 21 de novembro ás 19:00 horas no auditorio da Xunqueira de Redondela e o xoves, 23 de novembro ás 19:00 h no auditorio do Piñeiral de Chapela.

A semana próxima celebraranse os obradoiros prácticos. O luns día 27 será o de “Coidados no fogar”, onde a enfermeira Ariana Puga será a encargada de explicar como realizar os coidados básicos das persoas dependentes (cambios posturais, aseo e alimentación) e identificar os primeiros sinais de demencias. O mércores día 29 celébrase o obradoiro “Primeiros Auxilios”, onde a sanitaria formará aos asistentes para poder realizar unha reanimación cardiopulmonar, ou como actuar ante un ictus ou un abafamento. Os dous obradoiros serán ás 18.30 horas no auditorio da Xunqueira de Redondela.

A alcaldesa, Digna Rivas, sinala a importancia de ofrecer este recurso ás familias “especialmente ás mulleres, que son as que tradicionalmente se fan cargo na casa dos coidados dos maiores e persoas dependentes”. Con estas xornadas o Concello pretende dar unha formación básica “para facilitar o traballo das persoas coidadoras, que coñezan e practiquen estas técnicas para o seu día a día e poidan resolvan as dúbidas que teñan no coidado dos maiores”, conclúe a rexedora.

O pleno de Ponteareas aproba os orzamentos para o vindeiro 2024

A Cámara Municipal de Ponteareas vén de aprobar en pleno os orzamentos para o próximo ano 2024. Con 7 votos a favor do Partido Popular, 4 de ACIP e 1 de IP, os presupostos do Concello poderán ser postos en marcha de xeito inmediato ofrecendo ao Concello de Ponteareas un novo enfoque logo da prórroga que o gabinete anterior efectuou no 2023 sobre os presupostos do 2022.

Este orzamento a executar entre xaneiro en decembro de 2024 chega ata os case 21 millóns de euros e cun superávit de 1,5 millóns que será empregado para sanear as débedas contraídas nos últimos anos polo bipartito BNG-PSOE unha situación que segundo o concelleiro de Facenda, Francisco Represas “lastrou a execución das actuacións para garantir a cobertura das necesidades básicas de veciños e veciñas desde xullo e que nos obrigou a traballar con medios mínimos e a contrarreloxo”.

O grupo de goberno centrouse ao longo do Pleno na adecuación das partidas á realidade de gasto de cada unha das áreas municipais e aos ingresos reais, tendo en conta a reclamación daqueles fondos, principalmente europeos que están pendentes de ser aboados nas contas municipais como é o caso de preto de 3 Millóns de euros do IDAE, de quen xa se obtivo o compromiso de desbloqueo desde 2019 ou os fondos da EDUSI dos que aínda non se recibiu ningún ingreso.

Principais investimentos

O gasto público do Concello estará centrado en diversas cuestións, tales como as melloras dos servizos sociais, o desenvolvemento da infraestrutura verde, un novo convenio para o servizo de emerxencias e extinción de incendios, a promoción do patrimonio histórico e o apoio ás actividades deportivas e culturais.

Tamén se apostará polo desenvolvemento de nova infraestrutura mediante a creación do Fondo de Continxencia para RRHH, a Residencia de Artistas e o centro de Emprendemento, Dinamización Empresarial e Coworking, así como o reforzo do servizo tecnolóxico cun aumento da inversión do 25 %.

A humanización da contorna do Concello, con 900.000 euros, a reforma do centro de maiores, con 600.000 euros, a rehabilitación da Ponte dos Remedios, con 400.000 euros, a mellora do parque empresarial de A Lomba con 220.000 euros e a execución das obras da primeira fase do saneamento de Ribadetea por un importe de 380.000 euros conformarán tamén a parte do investimento público. A isto engádeselle máis de un millón de euros que chegarán da Deputación de Pontevedra a través do programa +Provincia, tamén para a mellora de diversas infraestruturas de servizos municipais.   

Volta o concurso de decoración navideña a Arbo

0

Por segundo ano consecutivo, o Concello de Arbo, a través da iniciativa de participación cidadá, presenta o II Concurso de Decoración Navideña “Arbo no Nadal”, dirixido ás Asociacións, colectivos e particulares do municipio, co obxetivo de dinamizar a participación activa dos cidadáns de Arbo, infundir un ambiente do Nadal decorativo baseado en valores como o traballo en común, a fraternidade ou a cooperación, dar protagonismo aos veciños de Arbo e formantar o comercio local.

O Concurso  “quere fomentar a participación cidadá na decoración de luces e decoración de Nadal nos fogares, coa idea de promover ou ambiente festivo nas nosas festas de Nadal” explica o alcalde de Arbo, Horacio Gil.

As propostas presentaranse dende 27 de novembro de 2023 ata o día 19 de decembro de 2023, no rexistro xeral do Concello de Arbo ou a través do correo electrónico [email protected].

Os premios serán cestas da compra valorada en 250 euros o primeiro premio e 150 o segundo, 1 caixa de espumosos para o terceiro, 1 caixa de viño para o cuarto premio e licores bo para o quinto –  produtos todos eles do comercio e adegas de Arbo, para promocionar o mercado local – rematada o rexedor de Arbo.

Aurora Marco presenta en Tui o seu libro “Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos”

0

Este mércores, 22 de novembro, ás 19 h na Sala Félix Rodríguez a escritora e investigadora Aurora Marco que presentará o seu último libro titulado “Carmiña Sierra. A primeira muller no Seminario de Estudios Galegos”. Con esta actividade continua o ciclo de “Sobredo, 101 anos despois” organizado polo Instituto de Estudios Agrarios “Mártires de Sobredo” en colaboración co Concello de Tui

Aurora Marco, neste libro, achega a vida dunha mestra que na súa mocidade formou parte, como socia, do Seminario de Estudos Galegos; entidade da que se ven celebrando o seu centenario. Carmen Sierra, nada en Pontecesures, 1906 (falece en Caracas, 1996); iniciou estudos de Filosofía e Letras en Compostela que conclúe Universidade de Madrid. Foi catedrática de Literatura Española e exerceu como docente antes da Guerra Civil en varios centros de ensino medio fóra de Galiza. Militante do PCE, foi detida o 5 de xaneiro de 1946 e estivo presa no Cárcere de Ventas. Dous anos máis tarde foi xulgada nun Consello de Guerra e condenada a catro anos de prisión. Viviu en Madrid, onde traballou nunha libraría, ata que en 1952 decidiu exiliarse en Venezuela, onde residiu ata a súa morte.

A autora, Aurora Marco, exerceu a docencia na Universidade de Santiago, sendo catedrática de Didáctica da Lingua e a Literatura Galega até a súa xubilación en 2014. Foi presidenta da Sociedad Española de Didáctica de la Lengua y Literatura e colabora habitualmente con múltiples revistas literarias como Alameda, Murguía, Lenguaje y Textos, Andaina, Primeras Noticias, Revista Interuniversitaria de Formación del Profesorado, Cuadernos de Pedagogía. En 2011, recibiu da Academia Galega do Audiovisual o Premio Mestre Mateo ao mellor documental, por “As silenciadas”, que foi dirixido por Pablo Ces e coproducido por ela, cun guión baseado no seu libro Mulleres na guerrilla antifranquista. En 2023, foi recoñecida como Señora das Letras pola plataforma de crítica literaria  feminista A Sega para celebrar o Día das Galegas nas Letras. Especialista en  estudos  de xénero e memoria histórica; ten no seu haber numerosas publicacións; baixo o xénero literario do ensaio achega aspectos da participación das mulleres, activas e implicadas en aspectos sociais, culturais e políticos (agrarias, nas irmandades da fala, no seminario de estudos galegos, guerrilleiras), nun percorrido polo século XX, especialmente nas súas tres primeiras década.

A programación de actos  deste ciclo “Sobredo, 101 anos despois” terminará coa conmemoración anual dos Sucesos de Sobredo este domingo, 26 de novembro, ao pé do Monumento aos Mártires, en Sobredo, na parroquia de Guillarei.

Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, a colaboración coas conmemoracións do aniversario dos sucesos de Sobredo resulta unha obriga para o Concello de Tui comprometido na lembranza daqueles tráxicos acontecementos que marcaron o devir da historia contemporánea de Galicia. Lembra coma dende o ano pasado, cando se celebrou o centenario daqueles feitos, Tui conta cunha rúa “Mártires de Sobredo”.

A Deputación de Pontevedra aproba unha moción en defensa da Constitución de 1978 e en repulsa á Lei de Amnistía

A Deputación de Pontevedra aprobou este luns, nunha sesión plenaria extraordinaria, unha proposta presentada polo grupo popular “en defensa da Constitución Española, da igualdade dos españois e o respecto ao estado de dereito e a democracia”, recollía o título da moción que saíu adiante cos votos favorables dos catorce deputados do grupo popular nun pleno no que os deputados dos grupos do PSOE e do BNG decidiron non participar.  

O voceiro do goberno provincial, Jorge Cubela, foi o encargado de presentar unha moción que recolle cinco propostas de acordo e que criticaba as razóns que levaron ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a promover unha Lei de Amnistía que “anulará xurídica e politicamente a actuación do propio Estado en defensa dos dereitos e liberdades de todos ante o intento de quebra da convivencia máis grave desde 1981, como foi o 1-O, desautorizando a actuación dos xuíces e tribunais, das forzas e corpos de seguridade do Estado, e a do mesmo PSOE que votou o artigo 155”, declarou Cubela.

O primeiro dos puntos deste acordo baséase en “manifestar a firme adhesión á Constitución española de 1978, que é a que mantén viva a unidade de España, a monarquía parlamentaria, a separación dos poderes executivo, lexislativo e xudicial e proclama a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo no noso país”. O segundo punto desta proposta de acordo céntrase en “manifestar que España é unha democracia forte, plural e con principios e que dispón dos resortes para poder contrarrestar a aqueles que queren debilitala”.

O escrito aprobado este luns serve tamén para “sumarnos á denuncia de todas as asociacións de xuíces, dos xuíces decanos, dos presidentes das Audiencias Provinciais e do propio Consello Xeral do Poder Xudicial que censuraron o risco de quebra da separación de poderes que se desprende do acordo cos nacionalistas cataláns”. Un punto que recolle tamén a oposición á referencia ao “lawfare ou xudicialización da xustiza”.

Finalmente, a aprobación desta proposta supón tamén “expresar o noso firme rexeitamento á concesión de privilexios económicos ou fiscais a calquera Comunidade Autónoma, xa que rompe a igualdade e solidariedade entre todos os territorios de España”, así como “manifestar a nosa repulsa a calquera Lei de Amnistía por ir en contra do principio de igualdade de todos os españois ante a Lei”. Este último punto inclúe tamén a repulsa “a celebración de calquera referendo de autodeterminación de calquera territorio de España”.

Redondela celebra o Día Internacional do Neno cun pleno infantil

0

Co gallo do Día Internacional do Neno, que se celebra hoxe, 20 de novembro, mañá martes celebrarase en Redondela un pleno infantil onde nenos e adolescentes teran voz propia xunto a alcaldesa Digna Rivas e os demais concelleiros e concelleiras da corporación. Será ás 11.00 horas no auditorio da Xunqueira. Os rapaces estarán acompañados polos seus mestres, e levarán pancartas feitas por eles mesmos coas súas reivindicacións. Rematado o pleno farçan unha concentracion diante do Concello coas pancartas, que quedaran expostas ao longo de toda a semana para que a veciñanza de Redondela poida ver as suas inquedanzas.

Esta pasada fin de semana rapazada de Redondela particiou no Carballiño no III Encontro Galego de Consellos Locais de Participación Infantil e Adolescente impulsado por UNICEF-Galicia. A concelleira de Infancia, Pilar Martínez, acompañou aos escolares nesta xornada coa temática “Protección da infancia” na que se abordaron cuestións de actualidade para os nenos e adolescentes.

Festival benéfico de Cáritas no Porriño

O vindeiro sábado, 25 de novembro, a segunda pista do pavillón municipal do Porriño acollerá o Festival Benéfico organizado por Cáritas Louriña e a Fundación Trabajo y Dignidad. O evento, que conta coa colaboración do Concello do Porriño, permitirá recadar fondos para que estas entidades poidan continuar coa súa labor benéfica de axuda ás persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade.

A gala dará comezo ás 19:30 h cunha actuación/animación con dj. A partir das 20 h comezarán os concertos, todos eles de artistas locais relevantes como Xeración M, Uxía, Niño Lobo, Antonio Barros e Ialma, Noemí, Raúl Ben, Carla, Javi Casal “Jay Doe” e intervencións especiais e sorpresas que non podemos desvelar. Icía Alcalde e María Díaz serán as condutoras da gala.

A entrada será de 10 euros e gratis para os menores de 10 anos que vaian acompañados dun adulto. Dispúxose tamén unha fila cero a 5 euros.

Obradoiros, música, charlas e arte para camiñar cara á igualdade no Rosal

0

O Rosal avanza no seu compromiso a prol da igualdade e contra a violencia machista. Para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello organizará obradoiros, concertos, charlas, exposicións e diferentes accións de visibilización coas que concienciar e sensibilizar á veciñanza. Unha morea de accións de carácter transversal “coas que continuamos revolucionando mentes e dando pasos para facer do Rosal un lugar máis igualitario no que non teña cabida a violencia machista”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A campaña arrancou este mesmo luns coa colocación dun valado publicitario que incide na campaña contra o acceso dos menores á pornografía, unha iniciativa que dá o pistoletazo de saída a toda unha serie de actividades que desenvolverá o Concello durante este ano e o vindeiro para concienciar e sensibilizar ás familias. Todas as accións que se desenvolvan neste camiño contan co financiamento de fondos do Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.

Xa o martes 21 de novembro inaugúrase unha nova edición da exposición ‘Eu Tomo Partido’, que nesta edición contou coa colaboración da Unión Deportiva Ribera con parte da directiva e persoal técnico do club, que coa súa imaxe amosan o seu rexeitamento á violencia de xénero.

O mércores 22 os obradoiros toman as aulas. O Concello impartirá a última sesión do obradoiro de afectividade e sexualidade ao alumnado de 3º ESO do CPI Manuel Suárez Marquier, no que se traballan conceptos como o consentimento nas relacións, o bo trato e a sexualidade. Pola súa banda, 90 cativos e cativas de educación infantil do CRA María Zambrano  traballarán na igualdade co obradoiro ‘Corresponsabilidade no forno de pan’. Unha proposta baseada no libro de Maruxa e Pepiño de Eva Mejuto no que a través do teatro amósase que as tarefas domésticas son máis amenas se se comparten entre todas as persoas que viven nunha casa. O taller remata con todos os nenos e nenas poñéndose mans á masa e facendo un riquísimo pan.

O xoves 23 a campaña do 25N esténdese a todo o concello con ‘Senta e pensa no último machismo ante o que calaches’. Serán seis paneis que se situarán no CPI Manuel Suárez Marquier, na Biblioteca Municipal, no Concello, no Auditorio municipal, no Centro Social e no Centro de Saúde para convidar a toda a veciñanza a reflexionar sobre o papel da testemuña nos casos de machismo. A campaña está financiada polo Pacto de Estado contra a Violencia.

A música chega ás aulas da ESO do CPI o venres 24 co obradoiro ‘Mulleres na música’, un pequeno concerto en directo con anécdotas, citas e detalles curiosos das compositoras co que concienciar ao alumnado da importancia, incidencia e marxinación das mulleres na música ao longo do tempo. A actividade finalizará coa interpretación dunha peza musical para todo o centro como peche das actividades do 25N.

O Concello anima a toda a veciñanza a participar o propio 25 de novembro na concentración que se celebrará no salón de actos do Concello ás 12.00 horas, no que todos os grupos da Corporación municipal lerán un manifesto. Contará coa colaboración da Agrupación Musical do Rosal e a actuación á frauta de Antía Domínguez.

A actividade continuará ás 12.30 horas coa inauguración da exposición ‘Mulleres que inspiran’, unha mostra que busca render homenaxe ás avoas, nais… e recoñecer o labor destas mulleres como piares das familias e da sociedade. Xa ás 19.30 horas a Agrupación Musical do Rosal ofrecerá no auditorio municipal o seu tradicional concerto de Santa Icía, que este ano incidirá na visibilización do papel da muller nas artes.

A programación do 25N rematará xa o vindeiro xoves 30 de novembro cunha nova sesión dos Cafés en Igualdade, que centrará a súa charla nos ciberdelitos con enfoque de xénero. A axente da Garda Civil Elena Domínguez afondará nestas cuestións a partir das 17.30 horas na Cafetería Juan.

Como colofón, a Maleta viaxeira comeza o seu percorrido polo Rosal coa primeira parada na Biblioteca municipal. Unha mochila con numerosos materiais e recursos formativos en igualdade e para a loita contra a violencia machista que permitirá á veciñanza ter ferramentas para combater as violencias contra as mulleres.

Comezan os traballos de reconstrución do muro no Camiño O Piñeiro, en Baiona

0

Esta mañá deron comezo os traballos de reconstrución do muro en Camiño O Piñeiro, na contorna de la Iglesia Parroquial de Baiona, a Colexiata de Santa María.

A actuación, financiada pola Deputación de Pontevedra, supón un investimento de 41.021,09 €,  a subvención que achega a administración provincial cubrirá o 70 % da mesma, mentres que o diñeiro restante poñerao o Concello con fondos propios.

As obras conlevan un prazo de execución de entrono a 6 semanas e  contempla a reconstrución do muro da Colexiata, derrubado parcialmente tras as fortes choivas de principios de ano. Mentres duren os traballos cortarase o paso ao Camiño Piñeiro.

Abre o prazo para ofertar prazas no programa municipal Concilia Nadal de Redondela

0

A Concellería de Igualdade, que dirixe Iria Vilaboa, organiza un ano máis o programa municipal de conciliación para as vacacións escolares de Nadal. A edil explica que “o obxectivo destes campamentos é o de proporcionar ás familias unha programación educativa e lúdica que lles permita conciliar o coidado dos nenos coas súas obrigas laborais durante as vacacións escolares de Nadal”. O horario dos campamentos será de 09:00 a 14:00 horas durante os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro de 2023 e 2, 3 e 4 de xaneiro de 2024. A actividade está dirixida á cativada de entre 3 e 12 anos.

O número de prazas ofertadas son 180, repartidas entre as diferentes parroquias do municipio: CEIP Plurilingüe Porto Cabeiro 15 prazas, CEIP Plurilingüe de Cedeira, 15 prazas, CEIP Plurilingüe Outeiro das Penas 30 prazas, CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda 45 prazas, CEIP Plurilingüe Quintela 15 prazas, Pavillón de Reboreda 15 prazas e Conservatorio Municipal Víctor Ureña 45 prazas. A alcaldes, Digna Rivas, sinala que deste xeito “o Concello ofrece unha alternativa de conciliación familiar á veciñanza non só no centro da vila, senón tamén nas diferentes parroquias”.

A documentación desta convocatoria está publicada na páxina web municipal e pode solicitar tamén en papel na Casa do Concello ou nas oficinas do Centro de información á muller (CIM). As solicitudes deberán presentarse no Rexistro xeral do Concello. O prazo para a presentación de solicitudes será do 20 de novembro ao 1 de decembro, ambos dous días incluídos. 

Continúan a bo ritmo as obras da praza de abastos de Salvaterra

A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, visitou as obras que se están a realizar na praza de abastos e que supoñen unha mellora das instalacións. Cunha inversión de máis de 20.000 euros levarase a cabo unha reforma integral dos baños, ademais da súa adaptación para minusválidos.

Con esta actuación búscase revitalizar a zona de mercado e súmase á liña de actuacións que se desenvolveron por parte do Concello de Salvaterra de Miño nesta zona. Por un lado neste 2023 remataban as obras da rúa Marqués de Viana, cun investimento de máis de 500.000 euros, para humanizar e remodelar a contorna da Praza de Abastos e así por en valor unha zona moi emblemática e vital para a historia da vila. Por outra banda, fixéronse obras por un importe de 20.000 euros nas cámaras.

Precisamente neste sentido e co fin de dinamizar este espazo, durante os últimos seis anos fixéronse outras accións necesarias como a reforma da cuberta do mercado ou a modificación do reglamento sacando a subasta os postos do interior da praza. No vindeiro 2024 sacaranse novos postos.

Contratadas as obras para arranxar o muro de contención na estrada entre A Cañiza e Moutentán

0

A Deputación de Pontevedra acaba de iniciar o procedemento de contratación urxente da reparación do muro de contención da EP-5002 A Cañiza-Mourentán que se viu afectado polos temporais sucedidos durante as últimas semanas na provincia. A institución provincial dedicará a estes traballos un investimento de 50.000 euros para dar solución ao derrubamento do noiro da plataforma.

A Deputación acometerá esta actuación á altura do PQ 6+000 da vía, onde foi preciso restrinxir a circulación rodado nun dos seus carrís. Os danos ocasionados polo temporal, debido ás choivas torrenciais que provocaron arrastres, están a provocar un grave risco de colapso da estrutura e o derrubamento da calzada. A través destes traballos, que teñen unha duración estimada de dous meses, construirase un muro de sostemento e reporase o carril de circulación afectado.

Adxudicada a redacción do plan de creación do parque empresarial de Louredo, entre Mos e Redondela

A Xunta de Galicia adxudicou por algo máis de 290.000 euros a redacción do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (PEOSE) para a creación do parque empresarial de Louredo, entre os concellos de Mos e Redondela.

O contrato para a elaboración do plan, autorizado polo consello de administración da empresa pública Xestur, pretende ordenar unha superficie de preto de 480.000 metros cadrados en terreos dos dous concellos pontevedreses para poñela posteriormente a disposición do tecido empresarial.

Esta adxudicación do Executivo galego engádese a outras realizadas no marco dos PEOSE do parque empresarial da Sionlla (Santiago de Compostela), Toedo (A Estrada) ou Coristanco. No caso do plan santiagués, aprobouse a súa redacción por importe de preto de 200.000 euros para ordenar unha superficie de máis de 410.000 metros cadrados coa que ampliar o parque nos terreos existentes fronte aos actuais, ao outro lado da AP-9.

A redacción do plan de Toedo, pola súa banda, foi adxudicada por un orzamento de preto de 155.000 euros e ten como obxectivo ampliar a súa superficie en máis de 90.000 euros. Mentres, a redacción do proxecto de desenvolvemento, urbanización e conexións exteriores da primeira fase do parque empresarial de Coristanco conta cun orzamento de máis de 78.000 euros.   

“Encontros en familia” continúa na Guarda mañá 21 de novembro

0

Mañá, martes día 21 de novembro, continúa na Guarda Encontros en familia coa sexta sesión “O Acoso Escolar. Detección, prevención e intervención familiar Nesta ocasión trataremos a importancia de saber actuar ante casos de acoso escolar ou bullying.

Esta proposta do Servizo de educación e apoio familiar (SEAF) pretende crear un espazo de reunión para achegar á cidadanía temas actuais que inviten ao debate e a reflexión sobre o papel da familia na sociedade actual e ao mesmo tempo ofrecer un formato máis práctico con recomendacións e orientacións ás familias, profesionais da educación e coidadores.

O obxectivo destes encontros é fortalecer as súas capacidades e habilidades parentais e de crianza, ofrecendo pautas positivas para consolidar os vínculos familiares e garantir a protección integral das crianzas e adolescentes.  

Na súa organización se tivo en conta as preocupacións e demandas das familias e profesionais do ámbito da educación e sanidade que traballan no concello de A Guarda.

En total son 7 encontros, o primeiro deles tivo lugar no mes de xuño e xunto coa presentación do cicloabordáronse temas tan importantes como a saúde mental, hábitos saudables e o tempo de ocio e familiar. A duración de cada un será de 90 minutos e estarán dirixidos por Esteban Figueirido, psicólogo especializado en terapia familiar e Beatriz Arroyo, traballadora social clínica, psicoterapeuta e tanatóloga. 

PROGRAMA

21 de novembro

  • O acoso escolar”. Detección, prevención e intervención familiar.   
  • DECEMBRO

12 de decembro

  • “A afectación do duelo ás relaciones familiares”. Ferramentas e comunicación para xestionar o duelo.

Todas as charlas realizaranse os martes na Casa dos Alonsos (planta baixa do Concello) en horario de 19:30 h a 21:00 horas. A entrada é libre ata completar aforo. Para máis información chamar aos teléfonos: 680197937 SEAF e 986614507 Servizos sociais.

Mos estrea FP

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación mosense, Julia Loureiro, visitaron a pasada semana, acompañadas pola directora do Instituto, aos 14 mozos que están a estrear a Formación Profesional no Concello de Mos.

Nunca antes na historia do municipio o IES impartira FP, e faino por primeira vez neste curso 2023-2024. Trátase da FP Básica de Servizos Comerciais (Comercio e Márketing), titulación que foi elixida tras dunha exhaustiva valoración conxunta entre dirección e profesorado do centro, membros da ANPA, Concello e AEMOS (Asociación de Empresarios de Mos) en función da maior demanda de perfís laborais detectada tanto na localidade mosense coma na súa contorna.

Deste xeito, e grazas á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, o IES de Mos conta dende este curso 2023/2024 coa impartición de FP Básica no centro.

Dende o Inicio do curso escolar, o IES de Mos conta coa FP Básica de Servizos Comerciais, que na actualidade conta con 14 alumnos.

Os estudos de FP Básica son estudos que se dirixen ás persoas que non finalizasen a ESO e queiran proseguir a súa formación reglada. Converténdose deste xeito nunha oportunidade motivadora para o alumnado, que contempla medidas metodolóxicas adaptadas ás características especificas do alumnado e que inclúe orientación educativa e profesional.

Ó finalizar os dous anos de duración de FP Básica, o alumnado acada o título de Técnico Básico e o Titulo de Graduación en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).

Na súa visita ao IES de onte a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, animou á rapazada a esforzarse para conquerir esta titulación en Servizos Comerciais, que ademais lles garantirá o título da ESO, e motivounos para que continúen a formarse unha vez rematada a Formación Profesional Básica.

Dúas novas accións formativas, esta semana, a cargo de SmartPeme

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana dúas novas accións formativas telemáticas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As actividades, que terán lugar os días 22 e 23 de novembro, abordarán cuestións relacionadas coa iniciación ao SEO e a Intelixencia Artificial.

O mércores 22 de 17:00 a 18:00 terá lugar o obradoiro de “Iniciación ao SEO II: Optimiza a túa páxina web para gañar visibilidade”. Esta acción formativa afondará nos factores externos que afectan ás páxinas web e que inflúen no seu posicionamento, así como as mellores prácticas SEO e a forma de medilas con analítica web para comprender e optimizar os resultados. O obradoiro será impartido por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual con experiencia asesorando empresas do ámbito da comunicación dixital e o marketing online.

O xoves 23, ás 12:00, dará comezo o taller “Intelixencia Artificial I, que é e como funciona”, onde se iniciarán os procesos de clasificación de imaxes empregando unha rede neuronal e unha placa de desenvolvemento Jestson Nano. Tamén se realizarán dúas prácticas coa intención de que o usuario sexa capaz de configurar unha rede neuronal para as tarefas de clasificación de imaxes, recoñecemento de expresións faciais e o movemento autónomo dun robot de adestramento.

Os últimos temporais arrastran congrios mortos á praia de Cesantes

0

A Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Pilar Martínez, informa que desde hai varias xornadas están a aparecer no areal de Cesantes e noutros puntos do litoral de Redondela, ducias de congrios mortos.

A edil explica que desde o Concello se está a contralar a aparición destes peixes e dándolle traslado ás autoridades competentes da consellería do Mar. Pilar Martínez sinala que este fenómeno “dáse nos días seguintes aos temporais, e xa se trasladou o aviso ao técnico de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Todo apunta a que esta mortandade é debida á desalinizacion da auga do mar polas intensas chuvias dos últimos días, e aos cambios de temperatura”. Os servizos municipais están a proceder á retirada destes peixes do areal, e xa se contabilizaron preto de 30.

Concello de Salceda e Banda Cultural escenifican a súa loita pola igualdade

A Banda Cultural de Salceda celebra o seu tradicional concerto de Santa Icía o vindeiro sábado 25 de novembro, que este ano coincide co Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero. Por este motivo a banda decidiu facer un concerto adicado á muller, con un programa formado exclusivamente por composicións feitas por mulleres. O Concello quixo tamén sumarse á iniciativa, sufragando os gastos da obra creada especificamente para ese día, encargada a unha das compositoras de referencia en Galicia, Carme Rodríguez, que levará por título “Raíña Aragonta”.

A Asociación de Amigos e Amigas da Música quere aproveitar o acto tamén para darlle un carácter benéfico, polo  que nesta ocasión, como non podía ser doutro xeito, destinará a recadación á loita contra a violencia de xénero, coa xestión de situacións de urxencia en vítimas directas ou indirectas no Concello de Salceda. O departamento de servizos sociais será o encargado de xestionar eses fondos. As persoas interesadas en facer un donativo voluntario poderán facelo o día do concerto na entrada do Auditorio Municipal ou antes do sábado na oficina da Escola de Música.

Unha vez máis, Concello, Asociación de Amigos e Amigas da Música e Banda Cultural van da man en proxectos ambiciosos ao mesmo tempo que solidarios, nunha iniciativa que sen dúbida resultará de agrado tanto para a familia musical da banda como para o público que asista ao evento.

A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, xunto coa concelleira de igualdade, Selene González, e o concelleiro de cultura, Alex Rodríguez, visitaron á banda cultural nun dos seus ensaios na compaña da xunta directiva para coñecer de primeira man a composición “Raíña Aragonta” que a agrupación musical está a traballar estes días para ter a punto para o vindeiro sábado.

O concerto estará dirixido por Juan Lois Diéguez, e terá como solista á flautista Clara González Ojea.

Rematan as novas instalacións de biomasa na Cañiza, Redondela e Tomiño

Rematan as novas instalacións de biomasa que impulsou a Deputación de Pontevedra en edificios municipais de seis concellos da provincia, que contaron cun orzamento total de 463.000 euros, dos que o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) concedeu unha axuda de 387.900 euros a través do fondo FEDER 2014 – 2020. As obras leváronse a cabo na Cañiza, Cangas, Portas, Redondela, Tomiño e Vilaboa, nos que se substituíu o sistema anterior por unha caldeira de biomasa, co fin de empregar instalacións térmicas máis eficientes, o que lles permitirá reducir a demanda enerxética, o consumo e as emisións de residuos de carbono.

En concreto, en Cangas grazas a un investimento de 110.220 euros instaláronse caldeiras de biomasa na pista de atletismo e no pavillón; en Redondela foron 109.777 euros os que permitiron actuar no pavillón municipal e na casa da cultura, e en Portas cun orzamento de 101.120 euros fixéronse as obras de mellora enerxética no albergue, o campo de fútbol e o pavillón municipal. Ademais, en Tomiño as caldeiras de biomasa instaláronse no edificio de benestar social e policía cun orzamento de 39.322 euros e en Vilaboa a casa do concello conta con novas instalacións térmicas grazas a un investimento de 38.945 euros.

Por último, na Cañiza, cun orzamento de 63.670 euros substituíronse as bombas de calor e radiadores eléctricos por estufas de pellets en 15 edificios municipais: nos centros culturais de Cebreiro, O Couto e Luneda; nos tanatorios do Couto, Luneda, Valixe, Petán e Deva; no consultorio médico, biblioteca e casa da irmandade de Valeixe; nos antigos colexios do Feirón e de Petán, e na casa cultura cafetería e centro cultural Pateiro.

Nigrán comeza unha campaña para que a hostalaría recicle o 100 % do vidro

0

O Concello de Nigrán porá en marcha desde a vindeira semana unha campaña para impulsar a reciclaxe de envases de vidro nos establecementos hostaleiros da localidade. Con este obxectivo, un equipo de educadores ambientais realizará enquisas e entrevistas aos locais para coñecer de primeira man cales son as súas necesidades e poder adecuar os recursos existentes. Ademais, ofrecerán información precisa sobre como reciclar correctamente e as vantaxes sociais, económicas e ambientais que ten a reciclaxe de envases de vidro. Co fin de chegar ao 100 % de reciclaxe de vidro na canle Horeca (Hostalería, Restauración e Catering), entregarase, sen custo para o sector hostaleiro, cubos adaptados para facilitar o transporte dos residuos de vidro.

A hostalería xera, aproximadamente, o 50 % dos envases de vidro dun só uso polo que a súa colaboración é clave para incrementar as cifras de recollida selectiva de envases de vidro e a consecución de obxectivos de reciclaxe. Por iso, avanzar na implantación de hábitos sostibles no sector supón unha mellora significativa na loita contra o cambio climático.

Beneficios ambientais da reciclaxe de envases de vidro

O vidro que se deposita nos contedores recíclase ao 100 % e utilízase para a fabricación de novos envases, de forma indefinida e sen perder as propiedades orixinais. A reciclaxe de envases de vidro é un elemento fundamental para contribuír ao desenvolvemento sostible, fomentar a transición cara á economía circular e loitar contra o cambio climático. Ademais, a reciclaxe de envases de vidro é unha actividade apoia o cumprimento da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, concretamente, redunda sobre os obxectivos (11) Cidades e comunidades sostibles, (12) Produción e consumo responsables e (13) Acción polo clima.

Tomiño acolle a gala de entrega de distincións do programa Vilas en Flor

0

Tomiño é a localidade elixida para acoller a gala de entrega de distincións do programa Vilas en Flor, unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos e que chega á súa sexta edición cun novo récord de participantes.

O vindeiro 24 de novembro ás 12.00 horas o Auditorio de Goián será o escenario no que 39 municipios competirán polas flores de honra, o distintivo que recoñece a súa xestión dos espazos verdes e que concede un xurado especializado composto por expertas e expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo, o viveirismo, a bioloxía e a formación agraria.

Organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), o programa Vilas en Flor valora dende a traxectoria e as accións levadas a cabo polos concellos galegos de menos de 40.000 habitantes para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos ata a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. Nesta edición participarán 15 localidades da provincia de Pontevedra, 15 da Coruña, 6 de Ourense e 3 de Lugo.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, amosou a súa satisfacción e agradecemento á organización por escoller a Tomiño como sede para a celebración dunha nova edición da entrega de distintivos. “Este xesto é un recoñecemento á traxectoria do noso concello neste certame e reflicte a notable evolución de Tomiño nos últimos anos, que pasou das dúas Flores de Honra iniciais ás catro actuais. Este progreso é testemuño do traballo, dedicación e compromiso coa mellora da contorna e da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”, destacou.

Este é o quinto ano que Tomiño participa neste certamen. O ano pasado o Concello conseguía por primeira vez o máximo galardón despois de que o xurado destacara especialmente as intervención artísticas realizadas nas rotondas a  través do proxecto Cultivando Paisaxes, una iniciativa posta en marcha grazas á colaboración da paisaxista Sinda Linda e dos viveiros da comarca coa Fundación Xavier Pousa que permitiu converter as cinco rotondas da Avenida do Baixo Miño nun escaparate da actividade do viveirismo, principal motor económico da vila.

Chapela estrea o campito remodelado

0

O Campito Chapela FS e a veciñanza en xeral poden gozar xa do remodelado espazo do campito. Esta zona deportiva siutada no centro da parroquia presenta un novo aspecto grazas a unhas obras de mellora que supuxeron un investimento de 287.507,36 euros. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, lembra que se trata dunha zona “moi utilizada pola infancia e mocidade da parroquia e que se atopaba en condicións bastante deficientes”. O concelleiro de Deportes, Iván Valles, explicou que o club Campito FS, “que naceu precisamente nestas instalacións, realizou esta mañá os seus primeiros adestramentos na remodelada pista”.

A intervención realizous nun espazo de 1.150 m² e comprende a zona  deportiva situada ao norte da Alameda Rosalía de Castro. A zona deportiva mellorouse cun acceso desde a a alameda cunha escaleira con bancada e polo norte unha rampla que permite a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida. Na zona destinada a pistas deportivas renováronse os valados, e tamén se incluiu nova iluminación.

Comeza a campaña solidaria de xoguetes en Arbo

0

O Concello de Arbo pon en marcha o próximo 20 de novembro ata o 15 de decembro a Campaña do Nadal de Recollida de Xoguetes.

Esta Campaña é unha acción na que se convida a todos os cidadáns á solidariedade nestas festas do Nadal, compartindo xoguetes novos ou en bo estado cos nenos das familias con menos recursos do municipio.

Os xoguetes poderán entregarse no Concello de Arbo de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 horas ou o 2 e 3 de decembro en “ArboNadal Mercadillo Solidario” e distribuiranse a través ás familias con menos recursos  de Arbo.

 Os xoguetes poden consistir en xogos de mesa, bonecas, coches, libros… deben estar en perfectas condicións e apropiados para nenos de entre 0 a 15 anos de idade.

O Concello agradece, un ano máis, a gran solidariedade mostrada por veciños e veciñas cada Nadal, pois co seu xesto fan posible que todas as familias cumpran os soños dos máis pequenos da casa. Por iso, calquera achega por pequena que sexa converteranse nun gran sorriso este Nadal.

O Rosal rematará a súa San Silvestre cunha gran chocolatada e sorteo de premios

0

O Rosal quenta motores para acoller unha nova edición da súa tradicional San Silvestre, unha proba que volve con ganas de reunir a todos os rosaleiros e rosaleiras para desfrutar do último día do ano. O Concello xa abriu o prazo de inscrición para participar en calquera das dúas probas que se realizarán: unha andaina de 2.300 metros para a cativada e unha carreira non competitiva de 4 km.

A andaina sairá ás 11.00 horas dende o pavillón municipal cara a Simón do Mazo para percorrer a rúa dos Castros, Campo da Feira, Camiño da Gandarela e Estrada da Morraceira para continuar polo Camiño Campo da Feira, a rúa Simón do Mazo e rematar na Praza do Calvario.

Alí tamén rematará a carreira, que sairá ás 12.00 horas tamén dende o pavillón municipal para recorrer a rúa dos Castros, Campo da Feira, Camiño da Gandarela, Camiño da Laxe, Camiño Tiarxo, Camiño Laxe do Campo, Camiño a Maceira, Estrada da Morraceira, Estrada de Furnos e Camiño Pampaloas para continuar polo camiño Campo da Feira e a rúa Simón do Mazo ata a Praza do Calvario. As dúas probas rematarán cunha gran chocolatada e sorteo de premios.

As persoas interesadas en participar nesta cita co deporte saudable poden anotarse ata o vindeiro 27 de decembro enchendo o formulario de inscrición na web municipal cos seus datos persoais. Tras o peche da inscrición, os dorsais poderán ser recollidos antes do día 31 de decembro ou o mesmo día de 10.00 a 10.45 no caso da andaina e de 11.00 a 11.45 no caso da carreira.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a participar nesta carreira “coa que desfrutar do deporte ao aire libre nunha verdadeira xornada de diversión e lecer antes de rematar o ano”.

Festa solidaria polos gatos que viven nas rúas do Porriño

O Porriño acolle o vindeiro 25 de novembro Gatitude, a festa solidaria en beneficio dos gatiños que viven na rúa.

A escola de baile Studio57 acollerá este festival, que contará con baile, animacións, sorteos, mesa de doces, mercadiño e unha gran clase de baile con Silvia Taboada, impulsora da iniciativa.

A entrada ao evento, que conta coa colaboración do Concello do Porriño, Studio57, varios comercios e catro protectoras animais (Inma, Patudos Peludos, Gatiños da rúa e Proxecto Gato) , será un donativo ou comida para gatiños.

Gatitude nace da solidariedade e a empatía. Hai dous anos que Silvia a alimentar e atender a gatos que viven na rúa sen contar con ningún tipo de axuda. Esta atención non só é a comida, tamén é atención veterinaria e rescates, o que lle resultaba moi difícil de costear. Foi aí cando xurdiu a idea de dar unha clase solidaria de baile e para a súa sorpresa tivo moito éxito. Grazas a esa resposta solidaria comezaron a organizarse clases solidarias de baile para cubrir os gastos destas intervenicións animalistas. Logo viñeron os mercadiños, a movilización en redes sociais, sorteos e a colaboración con outras protectoras. Ata que chegou Gatitude, un evento de maior magnitude que agarda ter unha gran resposta.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Medio Ambiente, Antía Carrera, animan a todo o mundo a participar do evento e poñer o seu graíño de área para axudar aos peludiños que o necesitan. 

As bandas sonoras protagonizan o concerto solidario de Santa Icía da Banda de Música Popular de Tui

0

A Banda de Música Popular de Tui vai celebrar a festividade de Santa Icía, patroa dos músicos, cun concerto solidario en beneficio de SOS Tomiño Baixo Miño protagonizado polas bandas sonoras. A cita será o próximo sábado, 25 de novembro, ás 20 h no Teatro Municipal de Tui. No mesmo contan coa colaboración do Concello de Tui, a través da concellería de Cultura.

A agrupación tudense, dirixida por Eloy Carrera, preparou para  a ocasión un repertorio cinematográfico no que interpretarán os temas de películas coma Et ou a saga de Star Wars, xunto “O rei León”, “Os vengadores”, “Aladdin”, ou o tema “Recórdame” de Coco. Non faltarán tampouco as composicións coas Morricone puxo banda sonora a outros filmes, ou melodías de Century Fox, Pixar ou Loney Toons.  Os personaxes desta películas formarán parte tamén do concerto con proxeccións audiovisuais ou diversas recreacións.

Tras a súa participación no Certame Galego de Bandas de Música en Narón, onde acadaron o terceiro premio da súa categoría, o medio centenar de compoñentes da Banda de Música Popular de Tui céntranse agora nos ensaios do repertorio que ofrecerán o próximo día 25.

Este será amais un concerto solidario xa que a entrada ao mesmo será un quilo de alimentos que serán doados a SOS Tomiño – Baixo Miño. Leite, cacao, legumes en conserva, galletas, son algúns dos produtos máis demandados, pero tamén se poden entregar outros vinculados xa ás celebracións do Nadal.

A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, felicita á Banda de Música Popular de Tui por esta iniciativa musical e solidaria. A edil convida á cidadanía a asistir a este concerto o próximo día 25 ás 20 h no Teatro Municipal de Tui.

Mondariz-Balneario recibe 90.000 € da Deputación para reparar infraestruturas municipais

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha axuda para o Concello de Mondariz-Balneario que lle permitirá reparar varias infraestruturas e instalacións municipais. O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, informou deste asunto polo que o Concello recibirá “preto de 90.000 € para reparar un muro de contención e o parque e área de esparexemento do Paseo de Troncoso”.

No caso do muro de contención, este está situado no encontro entre o río Tea e mais o Xabriña. A construción non tiña zapata de apoio e non estaba armado, polo que sufriu un derrubamento. No que se corresponde co Paseo de Troncoso, cambiarase o pavimento por un máis resistente ás inclemencias meteorolóxicas, ao estar o actual levantado por mor das augas. Tamén se limpará o pavimento de paso entre as áreas de esparexemento, repararanse o muro e o peche perimetrais do recinto, e substituiranse os xogos que se viron afectados polo paso da riada.

O vicepresidente Domínguez lembrou que só hoxe na Xunta de Goberno a Deputación mobilizou “máis de 1,5 millóns de euros para os concellos”. O vicepresidente asegurou que “seguimos a tender pontes con eles, destinando recursos directos para mellorar as súas infraestruturas, para modernizalos e avanzar na construción do noso modelo de provincia”.

Ponteareas obtén o compromiso da IDAE de desbloquear o cobro de 3 millóns de euros en fondos europeos

A alcaldesa, Nava Castro e os concelleiros  Silvia Fernández e Francisco Represas trasladáronse a Madrid para reunirse persoalmente coa Secretaría Xeral do Instituto para la Diversificación y el Ahorro de la Energía, IDAE, organismo adscrito ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico e solicitar o desbloqueo de preto de 3 Millóns de euros que este organismo lle adebeda ás arcas municipais.

O obxectivo do encontro foi solicitar o aboamento destes fondos á maior brevidade posible tendo en conta que se trata de Fondos Europeos retidos por este organismo e que se corresponde a obras executadas entre os anos 2019 e 2020 principalmente aínda que tamén algunha de menor contía entre 2021 e 2022.

De feito a maior parte destes fondos, arredor dun 75% se corresponde co cambio do alumeado das vías públicas a LED, para garantir un menor gasto e eficiencia enerxética e cumprir así cos obxectivos de aforro enerxético e transición a enerxías máis limpas e respectuosas co medio ambiente. 

A delegación ponteareana, a primeira que se achega a Madrid para reclamar estes fondos desde o 2019, volveu da capital co compromiso por parte da Secretaría Xeral do IDAE de axilizar ao máximo posible a tramitación da chegada destes fondos ás arcas municipais desbloqueando a paralización actual.

350 persoas participan esta fin de semana no programa “En Ruta coa Depo”

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana oito saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares do territorio provincial. Neste caso, entidades dos concellos de Vigo, Baiona, Cangas, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Ponteareas mobilizarán a 350 persoas para coñecer espazos singulares da provincia.

Dúas das saídas están programadas para este sábado, 18 de novembro. Integrantes da Asociación Amigos de los Pazos (Vigo) farán un percorrido polos pazos pontevedreses de Lourizán e Gandarón e o de Oca na Estrada. A Asociación Ardelume Baíña (Baiona) visitará o castro de Santa Tegra na Guarda, xunto con outros espazos de Tui como o seu conxunto histórico, o monte Aloia e Alto dos Cubos.

Para o domingo 18 hai cinco saídas programadas. A Asociación de Veciños Malladoiro (Cangas) desprazarase ata Caldas de Reis e Cuntis para coñecer os seus conxuntos históricos e Castrolandín. Pola súa banda, a Asociación Cultural Reiriz 2016 “A Queimada” (Pontevedra) fará unha ruta polo conxunto histórico e parque da Canuda de Salvaterra de Miño, e polo Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea en Arbo. Por outra banda, a Asociación Folclórica Unión Piñeira Treboada de Guillán (Vilagarcía de Arousa) visitará diferentes puntos de Cangas, como Cabo Home ou a igrexa de Hío, e Bueu como o Museo Massó e Cabo Udra. A Asociación ALCER (Pontevedra) ten programada unha ruta marítima ata a illa de San Simón, para máis tarde visitar o castelo de Soutomaior e o museo Meirande en Redondela. E integrantes do Centro Cultural San Félix de Celeiros (Ponteareas) irán ata Cambados para coñecer o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo, a bodega do pazo de Fefiñáns e o Museo do Muíño de Mareas da Seca.

A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra está a fomentar a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano daranse cita preto de 20.300 persoas de case 400 asociacións. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100 % co obxectivo de achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

O Porriño planta cara á violencia de xénero

O Concello do Porriño súmase, un ano máis, á conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres que se celebra o 25 de novembro.

A concellería de Igualdade deu hoxe a coñecer a programación que dará comezo o vindeiro luns e estará composta por múltiples actividades que pretenden facer reflexionar e crear conciencia sobre o gravísimo problema da violencia de xénero e sobre a importancia de traballar para a súa erradicación.

Coloquios, un ciclo de curtametraxes, seminario de defensa persoal, música, obradoiros e unha andaina familiar dan forma a un programa de actividades que arrancará o luns 20 de novembro coa colocación dun gran lazo violeta no balcón do Concello que permanecerá durante toda a semana para amosar o compromiso institucional contra a violencia de xénero e o apoio ás mulleres vítimas.

O martes 21 celebrarase no Centro Cultural Municipal a mesa redonda “A violencia contra as mulleres, dende o ámbito xudicial e social”. Dará comezo ás 17 h da man de Dna. Raquel Casas Santomé, Xuíza do Xulgado de 1ª Instancia e Instrucción Nº· do Porriño baixo o título “A violencia de xénero no sistema xudicial”. Continuará ás 17:45 a Fiscal da Fiscalía Provincial de Pontevedra, Dna. Paula Blasco Muela coa charla coloquio “O réxime de visitas no marco normativo” e pecharase a xornada ás 18:30 h coa mesa redonda “Prestacións económicas a favor das mulleres vítimas de violencia de xénero e outros tipos de violencia” da man de persoal responsable da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

As actividades continúan o venres 24, a partir das 18:30 h,  no centro cultural co Ciclo de cinema contra a violencia de xénero no que se proxectarán sete curtametraxes : “36” de Ana Lambarri sobre violencia no fogar, “A entrevista” de Fernando Tato e Susana Sampedro sobre violencia no fogar, “Anatomía dunha serea” de Adriana Páramo sobre violencia obstétrica, “O peor que podería pasar” de Elena Tara sobre Ciberviolencia, “Harta” de Julia Castro sobre violencia vicaria, 16 de decembro de Álvaro Gago sobre acoso sexual e “Best seller” de Mark Lemcke sobre rapto.

O sábado 25 de novembro as actividades serán pola mañá. A partir das 10 h instalarase o Punto Violeta na praza do Concello á vez que dá comezo o seminario de defensa persoal feminina. Ás 11 h sairá da praza arquitecto Antonio Palacios a I Andaina Familiar contra a Violencia de Xénero e unha vez finalizada, arredor das 12:30 h na praza procederase á lectura do manifesto e gardarase un minuto de silencio para recordar a todas as mulleres vítimas.  Pechará a conmemoración un concerto de piano e corda na súa memoria. O mércores 29 de novembro pecharase a programación con obradoiros nos IES sobre a “Violencia de xénero e o novo contexto dixital”, impulsados polo Concello do Porriño en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

A Deputación avanza na transformación dixital dos concellos de menos de 20.000 habitantes

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde á contratación de dous novos proxectos de transformación dixital dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, aos que destinará un total de 730.000 euros. En concreto, 530.000 euros permitirán contratar a integración dos sistemas de administración electrónica dos 45 concellos que o solicitaron coa Carpeta Cidadá da Administración do Estado, a plataforma tecnolóxica que permite á cidadanía un acceso sinxelo e rápido a diferentes tipos de información relacionada cos seus trámites.

Por outra banda, destinaranse 200.000 euros para incorporar aos equipos de almacenamento xa existentes nos Centros de Procesado de Datos (CPD) dunha nova infraestrutura de alta capacidade e rendemento para acoller as novas ferramentas que se porán en marcha ao abeiro deste programa, como a plataforma de videoactas e retransmisión de plenos. Cabe lembrar que este proxecto, ao que se adheriron 50 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, está financiado con 2,5 millóns de euros dos fondos europeos Next Generation, e está formado por cinco liñas diferentes. 

Tomiño realiza dous talleres de autoestima dirixidos a mulleres

0

O Concello de Tomiño continúa camiñando cara á igualdade e a erradicación da violencia de xénero cunha ampla variedade de actividades coa que conmemorar o 25N. Dentro deste programa, porá en marcha dous talleres de autoestima, dous obradoiros de hora e media de duración no que as participantes poderán “aprender a construír o amor propio coas técnicas máis avanzadas e efectivas de autocoñecemento: o coaching e a intelixencia emocional e corporal”.

Impartido pola coach e formadora Ana Pazo, as participantes nos talleres adquirirán unhas ferramentas sinxelas e claras coas que poder construír a súa autoestima cada día, con dinámicas prácticas doadas de integrar na súa vida cotiá.

O Concello organizará dúas quendas para este taller, unha primeira que será o mesmo 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O segundo obradoiro celebrarase xa o vindeiro ano, o 9 de marzo. Ambos talleres serán na Casa Salgosa en horario de tarde, de 17.00 a 18.30 horas. Serán de balde e con prazas limitadas.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse xa tanto para o taller deste mes de novembro como para o de marzo de 2024 a través da web municipal.