O Concello de Redondela, a través da concellería de Maiores, organiza as xornadas “Maiores: recursos sobre permanencia no fogar, prevención e coidados”. Esta actividade consta dunha mesa redonda e obradoiros prácticos e está dirixida a toda a cidadanía, “especialmente ás persoas maiores e familias con maiores dependentes”, explica a concelleira Pilar Martínez.
A edil sinala que, co aumento da esperanza de vida, “as familias teñen que facerse cargo dos maiores e dependentes nas casas, compatibilizalo co traballo, adaptar o espazo na vivenda e contar con recursos económicos pola dilatación no tempo do recoñecemento de incapacidade e as axudas institucionais”. Estas xornadas queren ser unha axuda para que as familias coidadoras “poidan ter uns coñecementos básicos para o coidado das persoas dependentes e de primeiros auxilios”, sinala a concelleira.
Na mesa redonda falarase dos recursos para a permanencia no fogar das persoas maiores. Intervirán o departamento de Servizos Sociais, Fundación Formavigo, Cruz Vermella e AFAGA Alzheimer. Será hoxe martes, 21 de novembro ás 19:00 horas no auditorio da Xunqueira de Redondela e o xoves, 23 de novembro ás 19:00 h no auditorio do Piñeiral de Chapela.
A semana próxima celebraranse os obradoiros prácticos. O luns día 27 será o de “Coidados no fogar”, onde a enfermeira Ariana Puga será a encargada de explicar como realizar os coidados básicos das persoas dependentes (cambios posturais, aseo e alimentación) e identificar os primeiros sinais de demencias. O mércores día 29 celébrase o obradoiro “Primeiros Auxilios”, onde a sanitaria formará aos asistentes para poder realizar unha reanimación cardiopulmonar, ou como actuar ante un ictus ou un abafamento. Os dous obradoiros serán ás 18.30 horas no auditorio da Xunqueira de Redondela.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinala a importancia de ofrecer este recurso ás familias “especialmente ás mulleres, que son as que tradicionalmente se fan cargo na casa dos coidados dos maiores e persoas dependentes”. Con estas xornadas o Concello pretende dar unha formación básica “para facilitar o traballo das persoas coidadoras, que coñezan e practiquen estas técnicas para o seu día a día e poidan resolvan as dúbidas que teñan no coidado dos maiores”, conclúe a rexedora.