Mércores, 11 Decembro de 2024

O pleno de Ponteareas aproba os orzamentos para o vindeiro 2024

A Cámara Municipal de Ponteareas vén de aprobar en pleno os orzamentos para o próximo ano 2024. Con 7 votos a favor do Partido Popular, 4 de ACIP e 1 de IP, os presupostos do Concello poderán ser postos en marcha de xeito inmediato ofrecendo ao Concello de Ponteareas un novo enfoque logo da prórroga que o gabinete anterior efectuou no 2023 sobre os presupostos do 2022.

Este orzamento a executar entre xaneiro en decembro de 2024 chega ata os case 21 millóns de euros e cun superávit de 1,5 millóns que será empregado para sanear as débedas contraídas nos últimos anos polo bipartito BNG-PSOE unha situación que segundo o concelleiro de Facenda, Francisco Represas “lastrou a execución das actuacións para garantir a cobertura das necesidades básicas de veciños e veciñas desde xullo e que nos obrigou a traballar con medios mínimos e a contrarreloxo”.

O grupo de goberno centrouse ao longo do Pleno na adecuación das partidas á realidade de gasto de cada unha das áreas municipais e aos ingresos reais, tendo en conta a reclamación daqueles fondos, principalmente europeos que están pendentes de ser aboados nas contas municipais como é o caso de preto de 3 Millóns de euros do IDAE, de quen xa se obtivo o compromiso de desbloqueo desde 2019 ou os fondos da EDUSI dos que aínda non se recibiu ningún ingreso.

Principais investimentos

O gasto público do Concello estará centrado en diversas cuestións, tales como as melloras dos servizos sociais, o desenvolvemento da infraestrutura verde, un novo convenio para o servizo de emerxencias e extinción de incendios, a promoción do patrimonio histórico e o apoio ás actividades deportivas e culturais.

Tamén se apostará polo desenvolvemento de nova infraestrutura mediante a creación do Fondo de Continxencia para RRHH, a Residencia de Artistas e o centro de Emprendemento, Dinamización Empresarial e Coworking, así como o reforzo do servizo tecnolóxico cun aumento da inversión do 25 %.

A humanización da contorna do Concello, con 900.000 euros, a reforma do centro de maiores, con 600.000 euros, a rehabilitación da Ponte dos Remedios, con 400.000 euros, a mellora do parque empresarial de A Lomba con 220.000 euros e a execución das obras da primeira fase do saneamento de Ribadetea por un importe de 380.000 euros conformarán tamén a parte do investimento público. A isto engádeselle máis de un millón de euros que chegarán da Deputación de Pontevedra a través do programa +Provincia, tamén para a mellora de diversas infraestruturas de servizos municipais.