9.7 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeA ParadantaArboA Deputación executará a transformación urbanística de San Xoán de Barcela, en...

    A Deputación executará a transformación urbanística de San Xoán de Barcela, en Arbo

    O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou co alcalde de Arbo, Horacio Gil, un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con preto de 370.00 euros, o 90 % do orzamento, os traballos para a mellora da mobilidade peonil na contorna da capela de San Xoán de Barcela. O Concello, pola súa banda, achega o 10 % restante (40.000 euros). Un proxecto que transformará este núcleo nun novo exemplo de municipalismo ao servizo da mellora dos espazos urbanos de Arbo.

    O proxecto está dividido en dúas fases. A primeira, que está valorada en máis de 400.000 euros, centrarase no ámbito central do núcleo de Barcela, unha superficie superior aos 2.100 metros cadrados. Para máis adiante quedará a actuación no viario de acceso a este núcleo. Esta zona presenta unha serie de deficiencias a resolver como a excesiva presencia de vehículos no espazo público, un pavimento pouco axeitada para a mobilidade peonil, ausencia de vexetación e pouco respecto polos elementos patrimoniais. Para solucionar estes problemas, o proxecto contempla a mellora paisaxística e a creación de espazos seguros para os peóns.

    Con estes obxectivos, a obra consistirá na unificación do espazo público da contorna da capela co da Praza Barcela mediante a implantación dunha plataforma única con pavimento de lousa de granito. Ao mesmo tempo, eliminaranse zonas de aparcamento e limitarase a velocidade de circulación dos coches á 10 quilómetros por hora para dar prioridade ás persoas. Renovarase tamén a iluminación e instalaranse novos elementos de mobiliario urbano, así como a plantación de novas especies vexetais.

    Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Arbo realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido. Un acordo subscrito entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Arbo que supón un novo paso adiante na colaboración institucional entre o goberno provincial e as administracións locais para a modernización e transformación dos espazos públicos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.