13.9 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán garantirá o Servizo de Atención Temperá durante 3 anos cunha inversión...

    Nigrán garantirá o Servizo de Atención Temperá durante 3 anos cunha inversión de 417.000 euros

    O Concello de Nigrán investirá 417.030 € nos vindeiros 3 anos para o ‘Servizo de Atención Temperá’ (SAT), dirixido a crianzas de 0 a 6 anos con algún trastorno transitorio ou permanente no seu desenvolvemento ou en risco de padecelo. O goberno local inaugurou o SAT en xaneiro na antiga ‘Escola de Nenas’ do Ceán e, co obxectivo de garantir a súa continuidade, ven de licitar un novo contrato de 1 ano prorrogable a outros 2 (139.000 €/ano). Actualmente, este servizo público a cargo da concesionaria La Esperanza del Valle Miñor (xestora do CEE Juan María) atende a 70 familias nigranesas que xa non teñen que desprazarse cos seus fillos ata Vigo e que, desde que o solicitan, son avaliados e atendidos en menos de 30 días porque non hai lista de agarda.

    “Somos pioneiros no Val Miñor en contar co noso propio SAT e estamos moi orgullosos de telo; o noso obxectivo é mantelo permanentemente como un piar da nosa política ‘Un Nigrán para todos’, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que “era unha demanda de moitas familias, educadores e sanitarios e unha prioridade para o Departamento de Servizos Sociais de Nigrán, así que a satisfacción é máxima ao contrastar a gran acollida que ten”.

    A principal novidade do vindeiro contrato é precisamente a súa duración, que pasa de 1 a 3 anos, manténdose a sede na antiga Escola de Nenas do Ceán. O servizo contará, como ata agora, cun psicólogo, un logopeda e un fisioterapeuta e seguirá formando parte da Rede Galega de Atención Temperá, (nun 31% dos casos as crianzas acuden a máis dunha especialidade, é dicir, reciben servizos compartidos de logopedia, fisioterapia e/ou psicoloxía) .

    Todos os pacientes son derivados a través dos centros de saúde de Nigrán (pediatría) e os centros educativos ou ben os propios servizos sociais do Concello tamén poden recurren a el para a petición de diagnóstico, sendo fundamental o seu traballo para a detección precoz dos trastornos ou do risco de padecelos. Entre os casos con alta probabilidade de precisar deste servizo están as crianza con gran prematuridade, dano cerebral, parálises, trastornos do espectro autista, TDAH, trastornos de conducta ou emocionais, sordeira, cegueira, anomalías conxénitas do cerebro… Isto xeralmente implica un retraso no desenvolvemento xeral, da motricidade fina ou grosa, do sistema cognitivo, da linguaxe… Noutros casos, a crianza que o precisa se atopa nunha situación de vulnerabilidade evolutiva debido a factores de risco biolóxicos, psicolóxicos ou sociais, e, por tanto, con alta probabilidade de desenvolver un trastorno ou retraso no desenvolvemento de non mediar unha intervención temperá. Polo tanto, ditas actuacións non van dirixidas únicamente aos nenos que padecen algún déficit físico, psíquico ou sensorial, senón tamén aos que poden presentar problemas madurativos ou de adaptación (coñecidos como nenos de alto risco) e aos nenos sen unha patoloxía evidente.

    “A importancia da atención temperá radica na plasticidade do cerebro infantil; co conxunto de intervencións propostas preténdese responder canto antes ás necesidades transitorias ou permanentes da crianza, con independencia de se presenta ou presentará unha discapacidade”, explican desde o SAT de Nigrán.

    O obxectivo é que o Servizo de Atención Temperá continúa deseñando de xeito multidisciplinar sesións individualizadas que permitan potenciar a capacidade de desenvolvemento e de benestar destes pequenos e das súas familias. “Hoxe en día non cabe dúbida que a detención precoz na primeira infancia é fundamental para mellorar infinidade de aspectos na vida das persoas, por iso o consideramos básico para o Nigrán que estamos a construír”, resume o alcalde.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.