Venres, 19 Setembro de 2025

As redes de alta capacidade por fibra óptica chegarán ao rural da Cañiza

0

As parroquias da Cañiza contarán, en breve, con fibra óptica. Así se desprende da reunión mantida entre o alcalde, Luis Piña, e a coordinadora do despregamento de fibra óptica en Galicia e Asturias de Telefónica, Patricia Rodiño Piñeiro quen confirmou ao rexedor local as actuacións que a operadora de telefonía acometerá no municipio grazas aos distintos plans subvencionados polo Ministerio de Transformación Dixital, os datos de cada consurso e a data límite de execución para cada plan.

O despregamento dará cobertura a un total de 3.600 vivendas do rural o que suporá pasar dun 0 % a un 63 % de cobertura entre o 2021 e 2022, para chegar ao 100 % entre 2023 e 2024. Tal e como sinalou Luis Piña, contar coa fibra óptica “é o empurrón que precisaba a Cañiza para atraer iniciativas empresariais e asentar poboación xa que o noso municipio está moi por debaixo da fenda dixital”.

Luís Piña asegurou que Telefónica “está a demostrar ter moi comprometida a capacidade de investimento no noso municipio e esta é unha das mellores novas para A Cañiza de cara a seguir reconstruíndo e modernizando a localidade”.

Máis do 63 % do territorio da Cañiza contará entre 2021 e 2022 con redes de nova xeración e alta capacidade por fibra óptica grazas aos plans de extensión de banda ancha de nova xeración, coñecidos como PEBANG do Ministerio de Transformación Dixital, financiados pola UE a través dos Fondos FEDER de Desenvolvemento Rexional.

Segundo os plans de despregamento dados a coñecer por Patricia Rodiño ao alcalde Luis Piña, entre o , con cargo aos plans subvencionados, darase cobertura de fibra óptica aproximadamente a 3.600 vivendas, das 5.700 existentes, o que suporá un grao de cobertura no territorio da Cañiza do 63 %.

Esta nova rede FTTH permitirá dotar aos nosos núcleos rurais de funcionalidade e calidade no acceso aos servizos dixitais necesarios para a transformación dixital e por suposto , terá un impacto directo no aumento do benestar e calidade de vida dos veciños contribuíndo ao éxito dun modelo de crecemento sostible baseado na ‘sociedade do Gigabit’. Estas redes de alta capacidade son ultrarrápidas, capaces de ofertar 100 megas, pero Telefónica xa parte cun mínimo de oferta de 600 mg a un Gigabit.

Con esta nova infraestrutura de telecomunicacións A Cañiza disporá dunha ferramenta esencial para o impulso doutros proxectos e plans enfocados ao desenvolvemento rural e ao crecemento sostible. Coa crise do COVID-19 puidemos comprobar e mesmo sufrimos as consecuencias de non contar cunhas modernas redes de telecomunicacións que garantan a conectividade  e o servizo universal a todos os cidadáns.

Festa da Coca, paseos e conversas

0

Dende a Concellería de Turismo do Concello de Redondela lanzan unha nova proposta para este mes que comeza: a realización de paseos tutelados polas/os guías turísticas/os polas rúas de Redondela cun tema concreto: a Festa da Coca.

Tódolos xoves de xuño, ás 19:00 horas, dende a Oficina de Turismo do Concello de Redondela, sairá unha visita guiada e de balde explicando, a través da historia da Festa da Coca, os sitios máis emblemáticos de Redondela.

Non é unha visita guiada. É un paseo. É unha conversa. É un encontro especial onde cada quen poderá contar, aprender, preguntar, escoitar e explicar as súas lembranzas sobre a Festa da Coca.

Trátase dunha invitación para as persoas turistas que visiten o municipio este mes, mais tamén unha invitación para as persoas de Redondela que viviron a Festa noutros momentos, noutras épocas, e que teñan lembranzas, anécdotas que compartir en grupos. 

Por límites sanitarios da Covid-19 e seguindo as recomendacións dictadas pola Consellería de Sanidade, o grupo non poderá exceder de 20 persoas.

Para poder desfrutar destes paseos gratuitos, é preferible facer reserva previa na propia Oficina de Turismo, no teléfono 986 40 17 13 ou en [email protected].

Pero achegarse ás 19:00 horas, os xoves de xuño e unirse no caso de que queden prazas dispoñibles, tamén é posible.

Gondomar obtén o selo oficial Calcula 2 do Ministerio de Transición Ecolóxica

0

Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente o concello de Gondomar ven de recibir a confirmación da súa adhesión a esta iniciativa que desenvolve a Rede Española de Cidades polo Clima en colaboración co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITERD) que outorga Gondomar un selo oficial Calcula 2 que ratifica o cálculo e metodoloxía empregados e engade a pegada de carbono a un Rexistro Nacional.

A iniciativa “busca mellorar noso traballo na loita contra o cambio climático e na conversión de Gondomar nunha localidade sostible ou resiliente”, afirma o alcalde Paco Ferreira, quen lembra “que con este novo paso demostramos que a nosa aposta polo medio ambiente , e o futuro da nosa contorna e do noso planeta é firme e decidida.

A pegada de carbono de Gondomar calculouse tendo en conta o gasto que xeran os edificios e sedes municipais, a iluminación pública e as frotas de vehículos dependen tes do concello, sendo o resultado de 958, 68 toneladas de dióxido de carbono anuais.

Dende a Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Brais Misa, se traballa de forma decidida por reducir a pegada de carbono na medida do posible. Proba delo é o uso de enerxía renovables e a súa progresiva implantación nos próximos anos, que se fixou como obxectivo o goberno local. Na actualidade, os Consistorio e o edificio de Urbanismo empregan xa biomasa.

Unha enerxía que se está a implantar no Centro de Desenvolvemento Local (CDL) no que están en marcha xa as obras de instalación dunha nova caldeira. Neste proxecto se investirán algo máis de 100.000 euros, financiados a cargo dos orzamentos do Instituto Enerxético de Galicia Inega e cofinanciado a través dos fondos europeos FEADER. Ademais da instalación térmica da biomasa, o proxecto contempla a colocación dun depósito de inercia de 1000 litros que almacena enerxía quexera a caldeira, así como a instalación dun contador para a medición de kWh térmicos consumidos.

Unha mellora que repercutirá positivamente na pegada de carbono do concello no futuro e que nestes momentos, tendo en conta os parámetros que a definen, foi identificada pola Concellería de Medio Ambiente , dirixida por Brais Misa, no período 2019-2020.

O cálculo e rexistro da pegada de carbono de Gondomar “permitiranos ser conscientes de que impacto ambiental xeramos coa nosa actividade diaria, e ao mesmo tempo poñer en marcha e deseñar todas as actuacións que estean ao noso alcance para reverter esta situación e lograr reducilo, mantendo así o nos o obxectivo de converternos nun referente como municipio sostible e verde”, concluíu o alcalde Paco Ferreira.

Nenos e nenas da Guarda participaron en “A flote en Igualdade”

0

O Centro de Información á Muller e a Concellería de Igualdade do Concello da Guarda organizou na tarde do pasado xoves unha acción que consistiu nun encontro de nenas e nenos ao redor do xogo para a realización dunha xincana onde descubrir con que elementos a igualdade nos permite estar a flote e de que xeito a desigualdade pode acabar fundíndonos.

Esta actividade na que participaron nenos e nenas de entre 5 e 10 anos realizouse na Praia da Ribeira no Porto da Guarda.

Presentouse o xogo dunha xincana cooperativa (non competitiva) onde o traballo conxunto de nenas e nenos axudou a descubrir que para que a sociedade consiga estar a flote necesita da igualdade.

Esta actividade estivo financiada polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

A Deputación súmase ao Día Mundial do Medio Ambiente con varias actividades

A Deputación de Pontevedra súmase este sábado, 5 de xuño, á celebración do Día Mundial do Medio Ambiente coa posta en marcha de varias das iniciativas que a institución provincial desenvolve no marco deste eido, un dos eixos fundamentais nas súas políticas de xeito transversal desde a chegada do actual Goberno provincial. Ese firme compromiso coa sustentabilidade, a transición ecolóxica e co cumprimento dos ODS da Axenda 2030, que como di a presidenta Carmela Silva “é a Axenda da Deputación de Pontevedra”, ten o seu reflexo en programas como os “Bosques Terapéuticos” e “Voando nas Rías Baixas”, que regresan este xuño, xunto a unha nova edición do Proxecto Libera para a retirada de “basuraleza” nos espazos naturais da provincia. O obxectivo común: permitir á cidadanía reconectar coa natureza e animala a implicarse no seu coidado, amais de promover a provincia como destino sostible. En total, a Deputación ofertará 710 prazas nas actividades.

“Bosques Terapéuticos”: máis visitas e máis prazas

Desde o vindeiro sábado 12 de xuño, a cidadanía da provincia poderá volver a desfrutar dos “baños de bosque”, actividade participativa que conxuga os beneficios para a saúde deste contacto coa natureza a través de todos os sentidos, coa interpretación da historia e o patrimonio que albergan estas contornas da provincia. Se o pasado ano a iniciativa chegou a 450 persoas, que participaron nas 30 rutas guiadas por 5 parques forestais da provincia, este ano a institución provincial amplía a oferta, con 600 prazas para as 40 visitas que se farán ata o 25 de setembro a 9 espazos naturais da provincia .

En concreto, haberá 15 prazas para cada unha das rutas guiadas a estas contornas. Amais dos espazos de Cabo Udra (Bueu) e o parque da Picaraña (Ponteareas), que xa estaban no programa do pasado ano, este 2021 incorpóranse a dos Salóns do Lérez (Pontevedra), a do Parque natural Monte Aloia (Tui), a do espazo natural Arco da Vella (Bembrive, Vigo), a Ruta da Pedra e da Auga (Meis), o Sendeiro Azul do río Verdugo (Ponte Caldelas), a Senda de Almofrei (Cerdedo-Cotobade) e a Fraga de Catasós (Lalín). As citas terán lugar todos os sábados e domingos, e nos meses de xullo e agosto, tamén os venres. Co fin de facilitar a participación, programaranse varias visitas a cada un dos espazos, a fin de que as persoas interesadas poidan facer distintas rutas. Este mesmo venres, ábrese o prazo de inscrición para as rutas programadas en xuño e as persoas interesadas poden apuntarse a través do formulario que atoparán na web da Deputación (www.depo.gal). Serán un total de seis, polos Salóns do Lérez (12 de xuño),  Parque Monte Aloia (día 13), Espazo Natural Arco da Vella (día 19), Cabo Udra (día 20), a Ruta da Pedra e da Auga (día 26) e o Bosque da Picaraña (día 27).

Os baños de bosque están destinadas ao público xeral (menores acompañados) e terán unha duración de entre hora e media e dúas horas. Comezarán ás 10 da mañá polas especiais características de procura de tranquilidade e conexión coa natureza e desenvolveranse co habitual protocolo anti Covid, de xeito que en todo momento se manterá a distancia física recomendada e será obrigatoria a máscara.

“Voando nas Rías Baixas” coa novidade da Serra do Cando

O día 20 a Deputación iniciará a IV edición do programa “Voando nas Rías Baixas”, as rutas ornitolóxicas gratuítas que desenvolve coa colaboración de SEO Birdlife, para dar a coñecer a riqueza da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos.

En total, ofertaranse 100 prazas, 20 en cada unha das cinco rutas programadas entre xuño e decembro, que se desenvolverán con todas as garantías sanitarias. Arrancarán o día 20 deste mes nas Brañas de Xestoso (Silleda, Forcarei e A Estrada), un espazo declarado de Especial Conservación e protexido pola Rede Natura 2000 e continuarán xa logo en setembro, o día 5, coa ruta pola Serra do Cando (Cerdedo-Cotobade, Forcarei, A Lama e Beariz), que é novidade este ano.  Este sistema montañoso, tamén protexido pola Rede Natura 2000, é dun alto valor ecolóxico e mítico tamén pola presencia do lobo ibérico e aves rapaces.  A terceira das rutas terá lugar o 24 de outubro no Complexo Intermareal Umia-O Grove (situado entre os concellos do Grove, Sanxenxo, Meaño e Cambados), considerada a Reserva Ornitolóxica mais grande de España. Posteriormente, o 14 de novembro, as persoas participantes realizarán a actividade na Enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa) e o 19 de decembro o programa finalizará coa ruta no Esteiro do Río Miño (A Guarda) e Foz da Ramallosa (Nigrán e Baiona), zonas protexidas pola Rede Natura 2000.

A inscrición para tomar parte na primeira das visitas ás Brañas de Xestoso abrirase o próximo luns día 7 e as persoas interesadas deberán cubrir un formulario habilitado na páxina web da Deputación, con prazo ata o 17 de xuño.

Xornada “Proxecto Libera” este ano na Paradanta

O 12 de xuño, a Deputación sumarase de novo á iniciativa colaborativa que convoca anualmente o Proxecto Libera (promovida tamén por SEO/Birdlife en alianza con Ecoembes)  baixo o lema “1m² contra a basuraleza” e que consiste nunha mobilización a nivel nacional para recoller lixo nas contornas naturais. O obxectivo deste encontro é intentar reducir o lixo e residuos que hai na natureza ata cero, así como tipificar e caracterizar o tipo de residuos recollidos nestes puntos mediante unha metodoloxía estandarizada.

A xornada celebrarase este ano na contorna de Praia Maceira, no concello de Covelo, na comarca da Paradanta. Ofertaranse 10 prazas para que persoas voluntarias participen no evento, que se desenvolverá baixo un estrito protocolo anti Covid. Para asistir, as e os interesados deberán cubrir o formulario de inscrición que atoparán na web da Deputación. O prazo ábrese hoxe venres.

A actividade terá unha duración de dúas horas. As e os participantes contarán cunha app que lles axudará a compartir os resultados, que serán incorporados ás bases de datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e servirán para buscar estratexias máis eficientes para acabar con este grave problema ambiental.  Para desenvolver a actividade, desde o Proxecto Libera facilitarase material como guantes, bolsas de distintas cores para segregar os residuos (azuis, amarelas, verdes e negras) e protección para a cabeza fronte ao impacto directo do sol. Tamén se fará cargo do seguro de todas as persoas participantes.

Concurso “Reacción polo Clima” con premios de maior contía

Por último, a Deputación xa está a valorar os oito traballos audiovisuais presentados pola mocidade da provincia á II edición do concurso audiovisual “Reacción polo Clima”, co que desde o ano pasado tenta involucrar dun xeito máis activo á xuventude na loita contra o cambio climático. A institución destaca a enorme calidade dos audiovisuais presentados, que amosan o gran talento das novas xeracións, así como o seu compromiso para ser partícipe na posta en marcha das políticas activas no marco da Axenda 2030.

Nesta II edición do certame a Deputación incrementou a contía global dos  premios, que ascende a un total de 4.000 euros, para recoñecer o talento e a implicación das mozas e mozos da provincia de entre 16 e 30 anos,  na loita contra este desafío do cambio climático. Haberá un primeiro premio dotado con 2.400 €, un segundo de 1.000 € ou un terceiro de 600 €, que se entregarán a finais de ano na Gala da Xuventude da institución provincial.

O Concello de Nigrán dispón xa dos quioscos de praia do municipio a pleno funcionamento

0

O Concello de Nigrán conta xa cos quioscos de praia do litoral funcionando a pleno rendemento desde hai dúas semanas e así seguirán ata o 30 de setembro despois de que o ano pasado, por mor do confinamento que obligou a retrasar toda a tramitación, só estivesen 3 meses operativos.

En total, o Concello sumará uns ingresos polo alugueiro dos 8 postos de 140.193 €, resultando a oferta máis cuantiosa a do paseo de Praia América (31.613 € fronte ao mínimo de 24.000 € que cotemplaban as bases) e a menor a de A Madorra (5.350 € fronte aos 2.500 € mínimos que se requirían).

En total, os areais de Nigrán contan con 7 quioscos de venda de xeados, refrescos e alimentos (2 en Patos, 1 en Area Fofa, 1 na Madorra, 1 en Panxón, 2 en Praia América, e 1 de venda de churros tamén nesta praia). Como o ano pasado, os pregos obrigan ao adxudicatario a cumprir en todo momento a normativa Covid-19.

“Este verán, fronte ao ano pasado, os quioscos retoman o seu periodo de explotación habitual, o que resulta positivo económicamente para as dúas partes, Concello e adxudicatarios. Temos que ter en conta que este é un servizo de praia que dá traballo a diferentes familias e que, ao mesmo tempo, os cidadáns agradecen, especialmente nestas circunstancias, cando o máis saudable é estar ao aire libre”, indica o alcalde, Juan González.

A Guarda homenaxeará a Eliseo Alonso coincidindo co XXV aniversario do seu pasamento

0

Atendendo ás propostas presentadas no Concello de A Guarda, subscritas por varias persoas vencelladas ao eido cultural, o Concello de A Guarda amosa toda súa disposición e compromiso para tributar unha homenaxe a Eliseo Alonso Rodríguez, escritor, etnógrafo, poeta e xornalista.

Con ese propósito creouse a Comisión Organizadora da Homenaxe a Eliseo Alonso, que está formada por Mª Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Cultura do Concello de A Guarda; Marta Verde Rodríguez, tesoureira da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (S.F.N.G.); Antonio Martínez Vicente, membro da Asociación InfoMAXE e Ricardo Rodríguez Vicente, cronista de A Guarda.

En colaboración coa familia de Eliseo Alonso, proponse desenvolver varias actividades nas que se está xa traballando e cun programa no que tamén se ten coma obxectivo nomear a título póstumo a Eliseo Alonso Rodríguez como Fillo Adoptivo de A Guarda, agradecendo deste xeito todo canto fixo a prol de A Guarda, en xeral, e de xeito moi especial, pola súa contribución á posta en valor do seu patrimonio etnográfico mariñeiro.

Ao longo da súa vida, Eliseo Alonso visitou á vila guardesa en innumerables ocasións, un gran amigo de moitos pescadores, artistas e fotógrafos, foi un activo publicista dos singulares atractivos que posúe A Guarda, das súas festas, da súa gastronomía, do mar, do Río Miño, das súas tradicións e costumes populares.

Deste xeito e para dar dar inicio o cumprimento desa débeda que o pobo da Guarda ten coa figura de Eliseo Alonso, o pasado 30 de marzo reuníronse no salón de Plenos do concello da Guarda os portavoces de todos os grupos municipais e acordaron, de xeito unánime, iniciar a tramitación administrativa para que nun Pleno Extraordinario se recoñeza a Eliseo Alonso Rodríguez como Fillo Adoptivo da Guarda, máxima distinción que outorga o Regulamento de Honras e Distincións a unha persoa non nacida na localidade.

Os actos a realizar están previstos que coincidan co XXV aniversario do pasamento de Eliseo Alonso, e contarán coa participación das autoridades municipais e a cidadanía de A Guarda.

O alcalde de Baiona esixe que se reforce o persoal do Centro de Saúde e do PAC da Xunqueira

0

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, esixe á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a cobertura necesaria para dar servizo ao Centro de Saúde de Baiona e do PAC da Xunqueira, que dá servizo ao Val Miñor, “fronte ao importante aumento de persoas usuarias que atraerá ata estes servizos sanitarios a tempada estival”.

O rexedor baionés, que tamén xestiona a Concellería de Turismo, fai esta reivindicación “tras realizar unha análise coas técnicas do departamento para coñecer a previsións de ocupación do municipio durante os meses de verán. As cifras lanzan unha ocupación do 95 %”.

Así mesmo, Gómez mantivo conversacións con persoal do centro de saúde que lle trasladaron que ante a previsión desta gran demanda dos servizos sanitarios, “os profesionais ven inviable a atención a todas aquelas persoas que non residan no municipio”.

O alcalde amosou a súa preocupación ante esta situación e esixe á Consellería “que asuma a responsabilidade” de dar cobertura a esta zona para atender a unha poboación que se multiplica no verán como consecuencia do turismo.

“Esta situación require dunha solución inminente”, sentenciou Gómez, que aproveitou ademais para reclamar un servizo de plena restitución dos servizos de atención primaria e de máis persoal e recursos para o centro de saúde baionés e para A Xunqueira.

Neste sentido Goméz detalla tres puntos fundamentais de reivindicación:” primeiro, a recuperación progresiva da atención presencial nos centros de saúde do conxunto da zona sanitaria, garantindo as medidas de prevención oportunas; segundo, que se poña ao dispor dos centros de saúde os recursos humanos e técnicos necesarios para evitar a demora na atención telefónica das citas médicas; e terceiro, dotar aos centros do persoal e equipamento suficiente para atender as necesidades de cada municipio conforme a súa poboación e #ante o aumento desta durante a época estival, incluída a substitución das baixas dos especialistas para non interromper a atención aos pacientes”.

O mandatario baionés conclúe expoñendo que o goberno local “comparte a preocupación e o malestar existente polas deficiencias de funcionamento do Sergas e a postura da Xunta negando existencia de problemas en xeral, e máis en concreto no centro de saúde de Baiona e na propio PAC da Xunqueria, que son os casos coñecidos directamente no Val Miñor e obxecto de reiteradas queixas e denuncias por parte dos usuarios e usuarias, profesionais dos propios centros sanitarios”.

Os municipios ‘raianos’ percorren o río Miño internacional

O pasado día 29 de maio, os representantes dos municipios raianos do tramo internacional do Miño pecorreron en barco o treito comprendido entre Valença-Tui e Monção-Salvaterra de Miño. A iniciativa tiña o obxectivo de avaliar a viabilidade da futura ruta turística fluvial do Río Miño, que se pretende lanzar ao público durante o verán.

Acompañados por membros da Capitania de Tui, representantes dos municipios de Salvaterra de Miño, Tui, Monção, Valença, nomeadamente, a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Varcácel, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a concelleira Yolanda Rodríguez, e os vareadores de Monção e Valença, responsables da área de Turismo, João Oliveira e Mário Rui, respetivamente, tiveron a oportunidade de observar e avaliar in situ o futuro percorrido da futura ruta fluvial do río Miño.

O obxectivo era confirmar a viabilidade do trazado e as condicións de navegabilidade do río, simulando as condicións reais da futura ruta. Nese sentido, foi empregado en tempo real a App Calados Salvaterra (Google Store), que permite coñecer de forma instantánea o calado do río Miño Internacional e trazar a ruta ideal, tendo en consideración a existencia de determinadas zonas con baixa profundidade.

Neste último ano, os municipios das dúas Eurocidades do Miño traballaron arreo para lanzar unha campaña de promoción do río Miño, tendo como base o percorrido fluvial ao longo da súa canle Internacional entre Monção-Salvaterra e Tui-Valença.

De feito os municipios lanzarán un concurso internacional para alugar unha embarcación fluvial de 20 prazas, así como outros medios de transporte terrestre, medios que permitirán ao operador turístico contratar e organizar rutas turísticas entre os catro municipios.

O obxectivo da campaña é o de relanzar o turismo local fronte á recente epidemia COVID-19 e ao mesmo tempo promover os principais recursos e atractivos turísticos da subrexión turística transfronteiriza do Río Miño Internacional.

A campaña turística da ruta fluvial do río Miño está previsto que sexa lanzada neste mesmo verán de 2021. Tanto a ruta fluvial do río Miño Internacional e a App Calados Salvaterra son accións contempladas no proxecto Río Miño Destino Navegável, aprobado polo Programa de Cooperación Transfronteirizo España-Portugal ( POCTEP), INTERREG V-A 2014-2020, que conta con cofinanciamento europeo.

A Concellería de Igualdade pon en marcha o Programa Municipal de Conciliación 2021

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela, que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, vén de abrir o prazo de inscrición para participar no Programa Municipal de Conciliación para este ano 2021, unha iniciativa que busca que veciñas e veciños poidan compaxinar a vida laboral e familiar e permitir que as e os participantes poidan gozar de actividades lúdico-educativas no tempo estival.

O prazo de inscrición, totalmente de balde, permanecerá aberto ata o día 14 de xuño. O programa está destinado a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos e, no caso de menores con necesidades educativas especiais, avaliarase cada solicitude de xeito individual.

Como novidade para esta edición 2021, a Concellería de Igualdade abre a posibilidade da inscrición por quincenas en lugar de facelo por meses enteiros como acontecía en edicións anteriores. “Hai familias –explica Digna Rivas– que polas súas circunstancias laborais so precisan que os seus fillos e fillas estean un mes enteiro no programa e, con esta novidade na inscrición, atendemos as súas demandas”. O novo sistema permite, a maiores, que participen un maior número de nenos e nenas e, polo tanto, aténdase ás necesidades de conciliación de máis familias.

O Programa desenvolverase durante os meses de xullo e agosto en centros educativos das parroquias de Cabeiro, Cedeira, Cesantes, Chapela, Quintela, Reboreda e Redondela, ofertándose un total de 240 prazas. Nese sentido Digna Rivas subliñou que esta distribución de emprazamentos “permite achegar á iniciativa ás parroquias e poder ofrecer ás nenas e nenos espazos abertos que supoñen unha garantía adicional fronte á actual situación de pandemia”.

En todo caso, explicou a alcaldesa e concelleira de igualdade, o número de prazas estará suxeito á normativa e medidas ditadas polas autoridades competentes na materia por motivo da Emerxencia sanitaria polo COVID 19, pudendo sufrir variacións.

O horario será de 09:00 a 14:00 horas, de luns a venres e, tanto o horario coma os meses nos que se levará a cabo o programa, estarán suxeitos á normativa e medidas ditadas polas autoridades competentes na materia por motivo da Emerxencia sanitaria pola COVID-19, pudendo sufrir variacións.

Amais de permitir a conciliación da vida laboral e familiar, este programa permite que nenos e nenas teñan acceso ao mundo das actividades lúdico-educativas, poñéndoos en contacto con outros rapaces e rapazas, ampliando o seu círculo de amizades habituais e participando en iniciativas que contribúen a inculcar valores como o respecto, á diversidade, o traballo en equipo e a solidariedade.

Este ano, como resposta ás demandas e necesidades actuais das familias, foi necesario adaptar o Programa á nova realidade e situacións xurdidas pola COVID-19, modificando os requisitos para adxudicación de prazas acorde coa situación laboral das familias e adaptando a ratio de atención, o número de prazas e o desenvolvemento do Programa ás normativas, obrigas e recomendacións que diten as autoridades competentes no tratamento da pandemia.

O domingo O Porriño convértese na capital do ciclismo co ‘Gran Premio Concello do Porriño Élite e Sub-23’

Coa participación de 150 corredores dos mellores equipos ciclistas das categorías elite e sub-23 tanto de Galicia como do resto do Estado, O Porriño vai recuperar sitio no ciclismo nacional coa celebración do Gran Premio Concello do Porriño que terá lugar o vindeiro domingo 6 de xuño.

A proba foi presentada onte nun acto que contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Davia Alonso; o deputado de Deportes, Gorka Gómez; o seleccionador galego da categoría sub 23, Xacobo Ucha e Djamel Avendaño en representación do club organizador, o ‘Master da Louriña’.

O concelleiro de Deportes, David Alonso reivindicou que “grazas ao traballo de moita xente o apoio das institucións, O Porriño disfrutará de novo do mellor ciclismo”.

A proba, organizada por ‘Master da Louriña’, co apoio do Concello e da Deputación Provincial, será puntuable para a Copa de España de clubs e ao mesmo tempo a última cita antes do Campionato de España. Por esta razón o seleccionador galego da categoría sub 23, Xacobo Ucha, subliñou “a importancia que vai ter o resultado na convocatoria que realizará para os ciclistas que sexan seleccionados para representar a Galicia no Campionato de España”.

Pola súa banda, Djamel Avendaño, en representación do club organizador, explicou que o percorrido do Gran Premio Concello do Porriño “será moi atractivo e ao tempo moi recoñecible para os aficionados locais” con tres subidas –San Cosme e Abelenda por dúas veces– e un total de 140 quilómetros con saída e chegada na Avenida Domingo Bueno.

Gorka Gómez, deputado de Deportes, eloxiou o traballo do club organizador e do Concello no apoio do deporte e celebrou que “a recuperación de eventos deportivos é unha boa nova para axudar na reactivación polo que supoñen en turismo e polo tanto en movemento económico”.

Durante o acto, tanto Gorka Gómez como David Alonso, no nome da Deputación e do Concello expresaron as súa tristura pola nova do pasamento de Isaura Abelairas e trasladaron as súas condolencias á familia da deputada autonómica e exconcelleira de Vigo.

Carmela Silva subliña no ‘Digital Tourist’ de Benidorm a “firme aposta” da Deputación pola dixitalización do turismo

“Se queremos ser máis competitivas e competitivos e promover a pronta recuperación da actividade turística, e máis neste contexto, precisamos apostar pola dixitalización e as novas tecnoloxías. Non son o futuro senón o presente”. Así o asegurou esta tarde Carmela Silva en Benidorm durante a primeira xornada do Congreso ‘Digital Tourist’, que se estenderá ata mañá venres para debater sobre a intelixencia artificial como garantía de sustentabilidade turística e a súa utilidade para as Smart Offices; sobre o turismo intelixente e modelos de negocio sustentables, a tecnoloxía nos novos produtos turísticos, o plan de recuperación e resiliencia, os plans de sustentabilidade turística e os ODS no turismo dixital. A cita, na que participou o secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, reúne a autoridades do Estado, representantes da Organización Mundial do Turismo e das máis importantes empresas do sector privado.

Carmela Silva participou na mesa de debate ‘Dixitalización do comercio turístico: reconstrución do sector’ xunto á concelleira de Innovación de Benidorm, Aida García; o CEO de Pecunpay, Antonio García; o vicepresidente de Government Engagement de Mastercard, Daniel Nieto; e o director do centro SPEC de Cibernos, Emilio Herrera. A Presidenta sinalou que “na Deputación tiñamos moi claro desde que chegamos ao goberno cal debía de ser o noso modelo e levamos desde 2016, coa creación de SmartPeme, mentorizando e apoiando ás pemes e ás persoas emprendendoras, impulsando actuacións no eido da dixitalización e coa dotación de ferramentas TIC”.

Así, a presidenta detallou a atención a 6.363 empresas, os 10.210 asesoramentos do persoal de SmartPeme e as 1.662 actividades nas que participaron 17.157 persoas. Tamén puxo en valor Turistic, a carteira dirixida ao sector cara a mellorar a eficiencia e produtividade mediante a capacitación tecnolóxica. Destacou actividades como a Xornada Turistic, os premios ao Talento Turístico, o reto Hackaton, ou a aceleradora do sector na que xa participaron 20 empresas da provincia.

Carmela Silva incidiu no gran reto no que traballa a Deputación: “queremos que o noso destino sexa o primeiro territorio intelixente certificado. Así o temos contemplado no noso novo Plan Estratéxico, que prevé dez programas entre os que se atopa a capacitación, a vixilancia competitiva e intelixencia turística e a sustentabilidade”. Para elo, afondou no proxecto ‘Tourist Inside’ que, dotado con 1,9 millóns de euros, está a permitir avanzar na transformación da provincia como Destino Turístico Intelixente, “algo que espero que conseguiremos xa a finais de ano”. A través deste programa, tamén se están a transformar dixitalmente as oficinas de turismo da Red Info Rías Baixas, así como a implantar servizos, dixitalizar o territorio mediante equipamento TIC, facilitar ferramentas ao sector e implantar unha plataforma de interoperabilidade. Fixo fincapé no reforzo realizado na intensificación do impulso da dixitalización durante a pandemia, “ao entender que impoñía unha nova realidade”, e destacou os obradoiros online orientados á comercialización, á ciberseguridade, ao posicionamento SEO, así como a primeira aceleradora de comercio e a formación online das 300 empresas que forman parte do SICTED, para avanzar na mellora continua da calidade

A presidenta puxo en valor o papel “crucial” que xogaron as entidades locais durante a pandemia e, por elo, significou que “son administracións que están sobradamente preparadas para executar con eficacia os fondos Next Generation”. “Amais, engadiu, os recursos deben destinarse a transformar e a reactivación debe chegar aos pequenos concellos ao través das deputacións porque durante a crise xa demostramos a nosa eficiencia para facelo”. Carmela Silva mostrou o seu optimismo cara á recuperación do turismo. “Está a ser moi duro pero estamos saíndo do túnel e este país ten preparación, coñecemento, ilusión, forza e talento para conseguilo”.

Na mesa moderada polo presidente da Comisión de AMETIC, Alfonso Borrero, tamén se abordaron cuestións como o binomio turismo-comercio e de como pode contribuír a paliar unha das debilidades dos destinos litorais: a estacionalidade. Amais, puxeron en valor a colaboración pública-privada e a importancia da tecnoloxía para mellorar a oferta turística e comercial, adaptándoa ao gusto de potenciais visitantes, facéndoa máis accesible e segura.

Amais do ‘Digital Tourism’, a axenda en Benidorm da presidenta incluíu a súa presenza na comisión executiva e na comisión plenaria da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes.

Xunta e Concello de Mondariz Balneario ignoran á Valedora do Pobo que os insta a informar sobre o estado do Hotel Roma

A Plataforma SOS Fonte de Troncoso que, acertadamente, vén de ampliar o seu abano de actuación a todo o referido á defensa do patrimonio de Mondariz Balneario, vén de denunciar o silencio administrativo tanto da Xunta como do Concello da vila balnearia que ignoran á Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, que instaba a ámbalas dúas institucións a informar sobre o estado do Hotel Roma.

Cómpre salientar que en outubro de 2019 a Plataforma presentou unha denuncia ante a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia polo estado ruinoso deste ben protexido, “pero non obtivemos resposta, de aí que decidíramos presentar unha queixa ante a Valedora do Pobo”, sinalan fontes da Plataforma.

Unha estudada a queixa de SOS Fonte de Troncoso, que foi acompañada de abundante documentación complementaria, a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, comunicoulle á plataforma, o 11 de xaneiro deste ano, que “dámola por admitida ao entender que reúne os requisitos formais recollidos no artigo 18 da Lei da Valedora do Pobo, e que atopa, en principio, cobertura constitucional derivada do artigo 103.1 da Constitución.”

Desde a súa admisión a trámite, María Dolores Galiño reiterou os requirimentos de información o 11 de febreiro, 16 de marzo e 28 de maio pero, tanto o Concello de Mondariz Balneario coma a Consellería de Cultura, “seguen sen cumprir coa súa obriga legal de informar a SOS Fonte de Troncoso, á Valedora do Pobo e, sobre todo, á veciñanza de Mondariz Balneario”, argumenta a Plataforma.

Segundo a lexislación vixente corresponde aos concellos a competencia para velar polo cumprimento dos deberes de conservación e rehabilitación, de acordo co artigo 13 da Lei 8/2012, de Vivenda de Galicia, así como as ordes de execución que obriguen as persoas propietarias de bens inmobles a realizaren as actuacións necesarias para dar cumprimento a este deber, de acordo co artigo 136 da Lei 2/2016, do Solo de Galicia.

Ademais, a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia establece no seu art. 25:

  1. Os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do Patrimonio Cultural de Galicia están obrigados a conservalos, coidalos e protexelos debidamente para aseguraren a súa integridade e evitaren a súa perda, destrución ou deterioración.
  2. Os poderes públicos garantirán a protección, a conservación e o enriquecemento do Patrimonio Cultural de Galicia.”

O Catálogo de bens a protexer do Plan de Ordenación do Medio Rural de Mondariz Balneario recolle o Hotel Roma “como ben cultural obxecto de protección”. Inaugurado no ano 1907, este antigo hotel sitúase no centro da vila balnearia e o seu lamentable estado de conservación chama a atención de todos os visitantes polo seu estado de ruína.

Na publicidade do s. XX os seus propietarios promocionaban o hotel “enclavado en el sitio más céntrico y elevado del balneario”. “Se halla a la altura de los mejores de su clase, dotado de amplias y ventiladas habitaciones, amuebladas según los más refinados adelantos y con luz directa, divisándose desde ellas hermosos y pintorescos valles.”

Charla informativa sobre as traídas de augas veciñais en Mondariz

0

O Concello de Mondariz convocou esta semana a representantes de traídas de augas veciñais das diferentes parroquias para participar este sábado nunha charla informativa sobre a situación actual e os retos de futuro da xestión comunitaria da auga. No evento, ademais do alcalde e concelleiro de Participación Veciñal, Xosé Emilio Barros, estará Rafael Carrera, directivo da Comunidade Xeral de Augas de Galicia (COXAPO).

“Para este goberno, os servizos básicos son prioritarios. A xestión comunitaria da auga que se realiza a través das traídas veciñais é fundamental e pensamos que é importante promovela con información, orientación e axudas”, sinala Barros.

Unha das novidades do último plan orzamentario municipal foi incluír unha partida de axudas para as traídas de augas veciñais. “É a primeira vez que se inclúe unha partida orzamentaria para esta finalidade. Polo momento é unha cantidade simbólica, pero reflicte o interese deste goberno por apoiar as traídas de augas veciñais no Concello de Mondariz”, engade.

No Concello de Mondariz hai alomenos 43 traídas de augas veciñais que foron convocadas a esta charla informativa. O evento será realizado no Auditorio do Centro Social de Mondariz ás 20:00 horas do sábado, 5 de xuño. A entrada será libre até completar a cabida permitida.

O concello da Guarda asumirá unha redución do 25% da taxa de lixo para o 2022

0

O goberno local  cumpre así o compromiso de rebaixar a taxa de lixo aos establecementos que se viron afectados pola pandemia da Covid, en concreto a aqueles que tiveron que pechar as portas dos seus establecementos polo  confinamento.

Durante este exercicio do 2021 solicitaron este desconto do 25% na taxa do lixo  82 establecementos  comerciais, de servizos e hostalería. Destas 82 peticións, 70 foron aceptadas e o recibo de lixo xa se emitiu con esa redución e  12 peticións foron rexeitadas debido fundamentalmente a presentarse fóra de prazo  ou non cumprir os requisitos requiridos.

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, anuncia que no exercicio do 2022 tamén se vai aplicar esta medida para tratar de paliar, na medida das posibilidades do concello, os prexuízos que a pandemia ocasionou na economía local. Esta redución do 25% da taxa do lixo poden solicitala os titulares de actividades económicas, autónomos ou negocios afectados polo peche.

Rematadas as obras de conservación do entorno da Capela de San Xoán

0

Con estas actuacións, que incluíron a limpeza do ámbito, retirada da capa de formigón do entorno cércano a capela e a colocación de adoquín, colocación de bancos e dunha Varanda de protección nas escaleira de acceso peonil, o Concello de Arbo deu vida ao entorno da Capela de San Xoán, un punto emblemático do barrio e da parroquia de Arbo, dotando aos veciños e veciñas do lugar de un espazo de lecer. 

Con estas obras o Concello de Arbo dotou ao barrio de San Xoán dun espazo público acorde as necesidades dos veciños e veciñas, unha actuación que se enmarca na recuperación e posta en valor dos elementos arquitectónicos e patrimoniais de Arbo.

“Unha serie de melloras que dan resposta a demanda dos veciños e veciñas de San Xoán e que ademais supón  a posta en valor da gran riqueza patrimonial coa que conta o municipio de Arbo e donde ademáis, pretendese evitar situación de perigo, polo que se proxecta a execución dunha pavimentación do ámbito acorde o entorno existente”, remata o rexedor.

O concello de Arbo, asinou un convenio coa Diocesis de Tui-Vigo para a cesión dos terreos a favor desta administración para a realización do acondicionamento do entorno da Capela de San Xoan para mellorar as condicións estéticas e funcionais do espazo existente no entorno da capela,  un entorno degradado polo paso dos anos e facelo máis accesible.

O importe das obras ascendeu a 45.000€ e da realización dos traballos encargase unha empresa do concello de Arbo, tal e como adiantaba o alcalde no plan de reactivación do sector local despois da crise sanitaria ocurrida por mor da Covid-19.

“Dende o consistorio este grupo de goberno, quere seguir dotando aos arbenses de novos espazos de lecer, coa recuperación e mellora de espazos xa existente”, manifesta o edil “e seguir atendendo a demanda dos veciños e veciñas, na medida que sexa posible”.

Tomiño homenaxea o labor das traídas de auga veciñais co documental “Da nosa man”

0

Onte foi presentado no auditorio de Goián o documental “Da nosa man”, unha peza audiovisual que rende homenaxe ao labor desenvolvido polas 36 comunidades de augas veciñais existentes no municipio nunha tarefa tan importante como o é a autoxestión dun ben imprescindible para a sociedade.

O acto, ao que asistiron moitos dos membros destas comunidades, contou tamén coas intervencións iniciais da alcaldesa Sandra González e do vicepresidente de COXAPO (Asociación de Traídas de Augas de Pontevedra), Humberto M. González, que resaltaron o “heroísmo” daqueles veciños que alá pola década dos anos 70, sen medios económicos nin axuda da administración, decidiron loitar por cumprir o soño de ter auga encanada nas súas casas. “A capacidade de asociarse, o esforzo e o sacrificio da veciñanza para xestionar un ben común é verdadeiramente exemplar, e desde o Concello o mínimo que podemos facer é que poñer en valor é apoiar ese modelo de autoxestión para que sirva como exemplo noutros lugares”, destacou a alcaldesa.

Pola súa parte, o vicepresidente de COXAPO puxo en valor o traballo desenvolvido pola asociación, creada fai 15 anos co fin de defender os intereses das traídas de auga. “Podemos dicir con orgullo que en dez anos realizamos un aforro de máis de tres millóns de euros ás administracións, un traballo que tamén fai que as nosas traídas sexan referentes en Galicia e España, pero tamén en países como Irlanda, Austria ou Suecia. Por iso tamén queremos agradecer que o Concello de Tomiño fose o primeiro en apostar pola autoxestión da auga, ese ben tan apreciado”, destacou.

Unha vez rematada a proxección da emotiva peza, que emocionou a máis de un dos presentes, a alcaldesa aproveitou para agradecer o excepcional traballo da súa directora, Marta Piñeiro, quen mostrou a súa satisfacción polo proxecto. “Eu non coñecía a realidade das traídas e cando vin a importancia que tiñan foi toda unha sorpresa. Ao comezo a idea era facer un pequeno vídeo de cinco minutos pero había tantas cousas interesantes que contar que ao final rematou sendo unha historia máis longa coa que homenaxear non só aos pioneiros, senón tamén ás persoas que traballan na actualidade nas traídas e as continúan mantendo vivas”, comenta a directora.

Semana do Medio Ambiente

Ademais da proxección do documental, o Concello de Tomiño continúa organizando diversas actividades do 2 ao 5 de xuño con motivo da celebración da Semana do Medio Ambiente. O xoves 3 de xuño haberá dúas actividades principais. Ás 17.00 horas está prevista a plantación de árbores autóctonas a cargo do Consello da Infancia e Adolescencia “Voces Novas”, e ás 20.30h emitirase no Facebook do Concello unha conversa sobre alternativas para o tratamento e depuración das augas, que contará coa presenza da alcaldesa, Sandra González; o enxeñeiro experto en enerxías renovables e tratamento de augas residuais, José Luis Peraza, e a xefa de servizo de Aqualia en Tomiño, Marián Lago.

O programa continúa o venres 4 de xuño con outra conversa a través das redes do Concello (Facebook); neste día falarán sobre a compostaxe Ana Belén Casaleiro, concelleira de Medio Ambiente; Carlos Pérez, químico asesor de residuos da Deputación de Pontevedra, e Sandra Alonso, mestra composteira.

O sábado 5 de xuño será o día grande da Semana, coincidindo co Día Internacional do Medio Ambiente. Na Praza do Seixo haberá xogos e talleres infantís (de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00h) a cargo da Granxa Escola Corazón de Carballo, cunha temática vinculada ao Medio Ambiente e a riqueza natural de Tomiño. Haberá sorpresas e agasallos relacionados co medio ambiente e a sustentabilidade para as persoas que se acheguen.

A Deputación traslada o seu enorme pesar polo pasamento de Isaura Abelairas

A Deputación de Pontevedra amosou esta mañá o seu enorme pesar polo falecemento de da ex deputada provincial Isaura Abelairas, “feminista desde sempre, cun constante activismo e compromiso na loita pola defenda dos dereitos das mulleres e cunha longa traxectoria no municipalismo” como así a cualificou a presidenta provincial. Cun “ata sempre compañeira”, Carmela Silva, que trasladou as condolencias de toda a corporación provincial, despediuse da “inigualable” Isaura Abelairas amosando sentirse “moi triste, totalmente desolada. Foron moitos anos traballando xuntas, tanto en Vigo como aquí, na Deputación. É un golpe moi duro”.

“Isaura Abelairas merece todo o noso recoñecemento”, asegurou a presidenta provincial ao tempo que anunciou que “imos organizar dende a Deputación un grande acto de recoñecemento e homenaxe pública á súa figura”. Carmela Silva enxalzou a traxectoria da ex deputada poñendo en valor tanto o seu compromiso co progreso social da cidade de Vigo e da provincia de Pontevedra como co feminismo e coa loita polos dereitos das mulleres.  Tamén tivo palabras para recordar a súa despedida da Corporación Provincial, aló polo mes de febreiro de 2020, “cando nos pediu que seguiramos loitando pola igualdade e aportando todo o necesario para que a sociedade fose máis xusta. Así faremos e con máis forza, se cabe, agora. Non nos imos deter. Non imos parar ata conseguilo”.

Isaura Abelairas ocupou a área de Igualdade na Deputación de Pontevedra dende o primeiro mandato de Carmela Silva, cando se creou o servizo, inexistente ata o 2015. Con ela ao fronte, a igualdade converteuse nun eixo prioritario na institución e bandeira transversal a todas as políticas do goberno. Liderou iniciativas como a posta en marcha da primeira Escola de Igualdade de Galicia, María Vinyals; o primeiro Plan de Igualdade da Deputación; os programas “Mulleres en acción. Violencia Zero” ou “Cinema e Muller”; os premios Sofía Novoa; as exposicións “Rompe. Xoga en igualdade”, “Sorrisos transformadores” ou “Achegas das mulleres ao mar”; a Cátedra de Feminismos 4.0 coa Universidade de Vigo; as campañas de xogo igualitario do Nadal ou a impulsada nos festivais de música “Lembra! Eu decido, ti respectas”; ou as axudas para concellos e entidades para impulsar a igualdade e previr as violencias machistas, entre outras accións.

Mestra de profesión e directora do CEIP Emilia Pardo Bazán de Vigo dende 1993 ata 2007, Isaura Abelairas tivo unha ampla traxectoria política como concelleira, deputada provincial nos períodos 1999-2003 e 2007-2020) e parlamentaria autonómica (2020-2021).

Salceda aproba por unanimidade a rebaixa do IBI ao 0,40

O Pleno da Corporación Municipal de Salceda de Caselas ven de aprobar a modificación da Ordenanza Fiscal reguladora do imposto de bens inmobles (IBI) marcando o tipo nun 0,40%, no lugar do 0,50% existente ata o de agora. A proposta da alcaldía presentouse para tratar de compensar dalgún xeito o impacto que poida ter na economía da veciñanza a revisión que catastro está a levar a cabo nos Concellos de Salceda de Caselas, Bueu, O Porriño e Mos.

O Equipo de Goberno apoiou a modificación da ordenanza a pesares dos informes desfavorables de intervención e tesourería, consciente de que a revisión da Dirección Xeral de Catastro chega nun dos peores momentos, en medio da crise sanitaria máis importante das últimas décadas, que está a supoñer tamén unha importante crise económica. “A pesares de que tanto a veciñanza como toda a corporación sabíamos que a revisión catastral chegaría en calquera momento, o certo é que acontece no peor momento posible, polo que dende o Concello facemos un esforzo por minimizar ese impacto económico con esta baixada do tipo ao mínimo que nos permite a lei”, destacou a alcaldesa, Loli Castiñeira.

O Equipo de Goberno traballa tamén na liña de poder realizar bonificacións ás persoas e familias máis desfavorecidas, coincidindo en que o máis xusto ante estes cambios é ofrecer beneficios fiscais a aquelas persoas que máis o precisan baseándose na situación socioeconómica da veciñanza para o cal o departamento de servizos sociais xa emitiu o informe que está a servir como base do traballo desta nova modificación da ordenanza.

Esta medida ven a completar as demais iniciativas que se levaron a cabo dende o Concello de Salceda de Caselas para axudar á veciñanza, na medida do posible, a afrontar este proceso de regularización que de xeito unilateral iniciou o Ministerio de Hacienda, e que supuxo a emisión de máis de 15.500 notificacións á veciñanza de Salceda.

O goberno municipal estudia tamén co departamento xurídico o xeito de solucionar un dos maiores problemas que plantexa esta revisión, que é o das parcelas que se consideran urbanas nos núcleos rurais dende o 1997 coa aprobación das normas subsidiarias vixentes, e que na realidade non reúnen os requisitos para edificar. Nestes casos dende catastro aplícase un coeficiente redutor que vai dende o 0,6 ata o 0,8 dependendo das características das parcelas, pero o equipo de goberno considera que estas parcelas, mal definidas nas normas subsidiarias, deberían quedar fora desta regularización.

Lucía Pereira, Concelleira de Facenda: “esta baixada do IBI supón unha importante diminución nos ingresos do Concello, mais neste momento consideramos fundamental axudar á veciñanza ainda en detrimento da facenda municipal”. Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Hai moitas formas de facer política. Uns optan por facer populismo e balbordo, xerar crispación e vender falsas solucións. Nós apostamos por aceptar a realidade e poñernos a traballar, xestionando cinco medidas de apoio á veciñanza para minimizar o impacto desta revisión do Ministerio de Facenda”.

Escolas de verán de piragüismo e hípica no Concello de Mondariz

0

O Concello de Mondariz, por segundo ano consecutivo, organiza dúas escolas de verán para iniciar á mocidade no piragüismo e na hípica, en colaboración co Club Tea de piragüismo (Mondariz-Balneario) e coa escola hípica A Lagoa (Mondariz). O período de inscrición para ambas actividades, que son gratuítas, comezou o 2 de xuño e permanecerá aberto até o 22 de xuño.

A Escola de Piragüismo está dirixida a mozos e mozas de 7 a 14 anos. É unha actividade que se desenvolverá tres días á semana (luns, mércores e venres) en horario de 10:30-13:00 horas, desde o 28 de xuño até o 10 de setembro. O Club Tea de piragüismo, con sede no veciño Concello de Mondariz-Balneario, está dentro da Federación Galega de Piragüismo e é moi activo na organización de competicións deportivas de ámbito nacional e estatal, como a Copa de España de piragüismo, na modalidade de slalom olímpico. Aínda que esta actividade é gratuíta, os mozos e as mozas participantes deberán aboar unha tasa de 15 € para federarse.

A Escola de Hípica está dirixida a mozos e mozas de 4 a 17 anos. É unha actividade que se desenvolverá un día á semana, a escoller polas persoas participantes: luns, mércores ou venres, en horario de 19:30-20:30 horas, ou sábado, en horario de 10:00-11:00 horas. A escola hípica A Lagoa está localizada xunto ao complexo deportivo da Lagoa, no Concello de Mondariz, e ofrece actividades formativas, lúdicas e terapéuticas relacionadas cos cabalos.
“Estas actividades permiten dar a coñecer o atractivo medio natural de Mondariz, sobre todo a contorna do río Tea e os seus afluentes, ao tempo que se exploran prácticas deportivas relacionadas coa natureza. Colaborar con organizacións locais tamén é unha decisión estratéxica, pois pretende apoiar actividades emprendedoras de proximidade”, explica o alcalde e concelleiro de Desenvolvemento Económico e Turismo de Mondariz, Xosé Emilio Barros.

O Concello de Mondariz subvenciona estas actividades grazas á financiación aportada pola Deputación de Pontevedra. Para solicitar máis información e tramitar a inscrición, as familias interesadas deberán contactar coa Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Mondariz a través de teléfono (986 664 306) ou correo electrónico ([email protected]). As prazas son limitadas, polo que se recomenda non agardar até os últimos días do período de inscrición.

Redondela prepárase a vivir unha Festa da Coca diferente, obrigada polas circunstancias, pero “mantendo viva a súa esencia”

0

Redondela comeza hoxe, xoves 3 de xuño, unhas festas da Coca 2021 atípicas, por las circunstancias de precaución sanitaria que segue a impoñer a pandemia da covid-19 pero que, en palabras ca alcaldesa Digna Rivas “buscan manter vivo o espírito dunha das nosas celebracións máis tradicionais”.

As alfombras reduciranse en número, coa fin de evitar aglomeracións nas rúas, e realizaranse na Praza do Concello, adro da igrexa parroquial, rúa Adro, praza Reveriano Soutullo (praza de Lenda), Casa da Torre e praza José Figueroa. Pola súa banda, o domingo confeccionarase unha última alfombra na rúa Rita Regojo.

Paralelamente, a Concellería de Eventos que xestiona Marta Alonso, vén de elaborar un programa de actividades que comezará mañá, xoves 3, ás 11 horas cos pasarrúas da Banda de Música de Redondela para, ás 11:30, celebrarse o tradicional desfile da Coca escoltada polos Xigantes e Cabezudos e que contará co acompañamento musical do grupo de gaitas O Carballo das Cen Polas.

O venres 4 de xuño, ás 19 horas e na Alameda Castelao, terá lugar o concerto de Uxía Lambona.

O sábado 5 de xuño, ás 11 horas, a xornada abrirase cos pasarrúas da Banda de Música de Arcade, quen, ás 13 horas, ofrecerá un concerto na Alameda Castelao. A xornada pecharase co concerto que ás 20 horas, tamén na Alameda Castelao, ofrecerá Sabela Cereijo.

O domingo 6 de xuño, xornada na que se confeccionará a alfombra en Vilavella (rúa Rita Regojo), a Banda de Música de Chapela, ofrecerá o tradicional pasarrúas ás 11 horas e, cara ás 11:30 h a Coca e os Xigantes e Cabezudos, acompañados polo grupo de gaitas O Carballo das Cen Polas, percorrerá as rúas da vila.

A xornada rematará co concerto que ofrecerá a Banda de Música de Chapela na Alameda Castelao ás 19 horas.

“Non son as festas de sempre, as que nos gustan a todas as redondelás e redondeláns, pero son, pese a todo, as festas da Coca”, insiste a alcaldesa Digna Rivas ao mesmo tempo que adianta que “o vindeiro ano, en que esperemos a pandemia estea superada, Redondela vivirá unhas Festas da Coca como sempre foron, de celebración nas rúas, coa Danza das Espadas e das penlas que forman parte inseparable da nosa propia identidade”.

Os Galp galegos celebran un seminario sobre Realidade Virtual e Aumentada aplicada aos museos

0

O proxecto Pasaporte REMA achega a cultura do futuro aos museos. Para iso, a fábrica de Sel en Muros (A Coruña) acolle o venres, 11 de xuño, ás 10 horas un seminario para mellorar a experiencia dos visitantes aos museos mediante o uso da Realidade Aumentada e Virtual, entre outras tecnoloxías.

A charla estará a cargo da startup galega Xoia Extending Reality, creadora do primeiro museo 100% virtual en España. O seu CEO, Xoel Vázquez explica que “o Museo 4.0 pode proporcionar unha experiencia auténtica e personalizada; que se inicia antes da propia visita ao espazo físico”. O mapeo interior no deseño das salas ou o uso de sensores e beacons, que son pequenos dispositivos con tecnoloxía bluetooth que permiten a comunicación automatizada; son outros exemplos de avances tecnolóxicos sobre os que falará durante o seminario.

Os membros da Rede de Espazos con contido Museístico Atlántico (Rede REMA), composta por 31 museos localizados en Galicia, Portugal e Asturias, están convidados a participar no evento. Ademais, calquera persoa ou institución interesada en poñer en valor o patrimonio mariñeiro atlántico europeo pode asistir ao seminario.

As persoas interesadas en acudir deben realizar previamente a súa inscrición a través do correo electrónico: [email protected]. A charla poderá seguirse tamén de forma virtual. Ao público que non poida acudir de forma presencial, facilitaráselles a ligazón para iso.

PASAPORTE REMA

Pasaporte REMA, proxecto financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP), ten como obxectivo desenvolver unha actividade turística creativa e adaptada á nova realidade. Para iso, o proxecto persegue a implementación das TIC como canle para a información, aprendizaxe e formación dos visitantes e para a promoción da oferta cultural dispoñible nos espazos da Rede REMA.

Rede REMA

Correo electrónico: [email protected].

A Cañiza acolle na Casa do Concello unha exposición sobre o dano cerebral

0

Esta mostra é unha continuidade da charla impartida o pasado 6 de maio no Concello sobre esta enfermidade. A exposición estará disponible desde mañá 4 de xuño ata o 18 de xuño baixo o lema “Punto e seguido”.

Ten como obxectivo informar sobre as causas e factores que a producen, recoñecer os síntomas, qué facer ante un Ictus, as secuelas que pode deixar e sobre todo cáles son os recursos dos que podemos dispor en caso de padecer esta enfermidade. 

FEGADACE é a Federación galega que coordina o movemento asociativo das cinco asociacions de daño cerebral que existen en Galicia e a súa principal labor é apoiar e axudar despois de sufrir un Ictus, cando o enfermo é dado de alta e chega ao seu fogar. O seu contacto é 659 177 709, web: www.fegadace.org e o enderezo electrónico: [email protected].

Qué é o Dano Cerebral Adquirido

Algunhas persoas defíneno como un abismo; un cambio enorme, un tsunami.

Como algo que pon todo patas arriba. Como unha ferida.

O dano cerebral adquirido é unha discapacidade que cada ano se presenta nas vidas dunhas 7.000 familias galegas, dándolle a volta a proxectos vitais, parellas, amizades, veciñanza.

Converte a persoas traballadoras en dependientes, a parellas e familiares en coidadoras, a nenos e nenas en mestres dun pai ou dunha nai que esqueceu como sumar ou como escribir.

Deixa fogares que se teñen que recompoñer, casas que se teñen que transformar, economías que se teñen que adaptar, relacións e roles que se teñen que reorganizar.

Un puzzle para o que as familias non contan con toda a axuda que precisan.

Un ictus ou un accidente de tráfico son cuestión de segundos.

Un punto e seguido para o que virá despois.

Secuelas visibles e invisibles. Orgánicas, físicas, sensoriais, cognitivas, emocionais, condutuais, económicas, sociais.

Pero tamén apoio, rehabilitación, novos proxectos de vida, novas relacións, novas lecciones, novos gustos e intereses.

Unha Federación e as asociacións galegas de dano cerebral queremos, con estas fotografías, achegarte á realidade das persoas con dano cerebral adquirido.

Abrirche a porta das nosas casas.

Amosarche que o dano cerebral non é un punto final.

Que é un punto e seguido para unha nova vida.

Achegarte á realidade das persoas con dano cerebral adquirido.

‘Sementando vida, deixando pegada’, Baiona súmase ao Día Mundial do Medio Ambiente

0

O Concello de Baiona, coa colaboración do Baíña Fútbol Sala e as comunidades de montes, con motivo do día do medio ambiente que se celebra o vindeiro sábado, día 5 de xuño, desenvolverá unha iniciativa de plantación de árbores baixo o lema ‘Sementando vida, deixando pegada’.

Desde o Concello de Baiona anímase aos distintos clubs, asociacións ou centros que se queiran unir a esta iniciativa “e deixar pegada na Vila”. A actividade está aberta a todas aquelas persoas que o desexen que poderán inscribirse e solicitar máis información no teléfono 655 755 716.

Nigrán colabora coa Fundación Menela para facer accesible o Pazo de Pías na Ramallosa

0

O Pazo Pías de San Pedro da Ramallosa en Nigrán é desde hoxe máis accesible para todos os peregrinos e peregrinas que realizan o Camiño Portugués da Costa, un dos itinerarios máis escollidos para chegar a Santiago de Compostela. Facer esta ruta máis accesible desde o punto de vista cognitivo é un dos obxectivos do proxecto ‘Xacobeo Autismo. Un Camiño de todos’, unha iniciativa promovida pola Fundación Menela que se enmarca dentro do programa O teu Xacobeo e que conta coa colaboración do Concello de Nigrán mediante a subvención directa de 4.000 €.

Baixo este obxectivo de construír unha sociedade máis igualitaria para todas as persoas, esta mañá representantes e usuarios de Menela, xunto co alcalde de Nigrán e a concelleira de Servizos Sociais, colocaron nas estancias do albergue Pazo Pías preto de 50 pictogramas, uns apoios visuais que facilitan a comprensión do entorno a persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e outras dificultades de comunicación. Lugares como a capela, a sala de reunións, os baños, a recepción, as habitacións, o comedor… teñen desde hoxe cadanseu pictograma.

“Adoitamos dicir que as persoas con Trastorno do Espectro do Autismo son pensadoras visuais, polo que os apoios e adaptacións do entorno deben basearse nestas claves que o dotan de maior significado e melloran a comunicación”, explican desde a Fundación Menela, entidade de referencia para a atención de persoas con este trastorno. De feito, destacan que o uso de pictogramas non so beneficia as persoas con TEA, senón tamén as persoas con discapacidade intelectual, maiores, persoas que non saben ler e escribir, ou aquelas que descoñecen o noso idioma. En todos os casos, a comprensión facilitada do entorno as fai máis capaces e lles achega seguridade e autonomía.

“Desde o Concello estamos plenamente concienciados coas necesidades especias das persoas con trastorno do espectro autista. Un Camiño e un municipio accesible desde o punto de vista cognitivo é tamén parte do noso programa ‘Un Nigrán para Todos’, no que ademais participa a Fundación Menela xunto con outras entidades”, incidíu o alcalde, Juan González, quen destaca que a propia casa consistorial foi dotada na reforma de 2016 de pictogramas para facilitar a identificación de cada departamento.

A iniciativa ‘Xacobeo Autismo. Un Camiño de todos’ deste ano 2021 permitíu tamén que un grupo de 20 persoas con TEA do Centro de adultos Castro Navás compartise a experiencia do Camiño Portugués da Costa desde Nigrán ata Pontevedra (no 2019 foi desde A Guarda ata Nigrán e o obxectivo é que no 2022 alcancen Santiago de Compostela).

O Rosal celebra o Día do Medio Ambiente cunha andaina de recollida de lixo en espazos naturais

0

O Rosal celebrará este sábado 5 de xuño o Día Mundial do Medio Ambiente cunha andaina para a recollida de lixo en espazos naturais aberta a todos os públicos. A ruta realizarase en grupos reducidos e cumprindo con todas as medidas de precaución e seguridade necesarias dada a situación sanitaria.

As persoas interesadas en participar deberán presentarse ás 17.00 horas na Casa do Río, o antigo matadoiro. Unha vez xa no punto de encontro a organización distribuirá a todas e todos os participantes en grupos en función do número de persoas e repartirá o material necesario para a actividade.

O Día Mundial do Medio Ambiente, establecido pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas no ano 1972, celébrase este ano baixo o lema ‘Reimaxina, recrea, restaura’ para incidir na necesidade de realizar accións que poidan aprazar e deter a degradación dos ecosistemas e fomentar a súa recuperación. Ademais, esta data busca sensibilizar ás persoas sobre cuestións ambientais, promover a implicación da sociedade nun cambio de actitude para un desenvolvemento sostible e fomentar a cooperación para garantir que as vindeiras xeracións gocen dun futuro máis próspero e seguro.

O Grupo Parlamentario Socialista trasladará á Xunta unha nova iniciativa sobre a situación sanitaria da Guarda… e van tres

A parlamentaria socialista Leticia Gallego visitou onte A Guarda para ás portas do Centro de Saúde e acompañada polo alcalde Antonio Lomba, anunciar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamar na Cámara autonómica a cobertura das vacantes nesa instalación sanitaria guardesa, incluíndo o servizo de Pediatría. Os socialistas reclama tamén unha ambulancia medicalizada que dea servizo ao concello e toda a súa área.

Gallego explicou que a falla de cobertura das ausencias de profesionais médicos derivadas de baixas, vacacións ou xubilacións provoca unha “fonda saturación” dos profesionais, e sitúa á sanidade do concello ao borde do “colapso” con só a metade do persoal habitual de médicos dispoñibles. Actualmente contan con 4 médicos dun total de 8, que no pasado mes de outubro reducíronse a 3.

Leticia Gallego e Antonio Lomba, conversan con persoal do Centro de Saúde

Sinala que a saturación do persoal “é extrema” por canto deben dar cobertura tanto á súa axenda como á xestión dos resultados das PCR realizadas, así como o control dos casos sospeitosos de covid 19 nos colexios. Sinala que “non hai médicos de familia suficientes para atender á poboación, e esta situación leva máis dun ano sen solución, o que prexudica a atención e a oferta asistencial da veciñanza”.

A situación esténdese tamén a servizos como o de Pediatría, que agora mesmo conta con dous profesionais médicos, pero “en setembro só estivo unha pediatra, e a outra praza non se cubriu ata abril”. Ademais, como vén de quedar de baixa a pediatra que atende aos nenos e nenas de O Rosal e Oia, os dous pediatras de A Guarda teñen que cubrir o servizo de Pediatría destes cativos e cativas.

Engade que “a mala situación da sanidade na Guarda afecta tamén á inexistencia dunha ambulancia medicalizada na zona, unha vella demanda que aínda segue sen cumprirse”. Reclama por iso a dotación dunha ambulancia medicalizada con base no Concello e que poida dar asistencia a toda a área de influenza.

Lembra que, logo dunha sesión parlamentaria no pasado mes de novembro, o xerente do Sergas anunciara que resolvería a situación coa incorporación de máis facultativos á semana seguinte. Sen embargo, este compromiso traduciuse en “poñer un médico pola tarde no PAC”, unha medida que “non resolve o problema, xa que no centro de saúde “seguen sen médicos polas tardes, e polo tanto os veciños e veciñas non teñen consultas ordinarias na quenda de tarde”.

“Despois de tres iniciativas parlamentarias, a situación non mellora”

Antonio Lomba, alcalde da Guarda, subliñou que logo de tres iniciativas parlamentarias do Grupo Socialista –a segunda que se presenta a través de Leticia Gallego– “a situación non mellora e temos tempadas que incluso empeora”.

O rexedor local chamou a atención sobre un problema que produce “unha situación de estres tanto ás e aos facultativos como ás persoas que acoden a este Centro de Saúde e que non teñen a garantía que cando cheguen, teñan médico para atendelas”.

Lomba, que cualificou a atención primaria como “fundamental”, insistiu na importancia que ten “á hora de evitar que as e os pacientes cheguen aos hospitais ou ás urxencias”, pese a esa importancia, afirma, “por parte da Xunta de Galicia a comarca do Baixo Miño está totalmente desatendida”.

As circunstancias especiais que ten a Guarda, deberían ser tidas en conta á hora de dar unha resposta, urxente e precisa, ás necesidades sanitarias da Guarda. “Vivimos moi lonxe de Vigo –explica o alcalde guardés– e necesitamos unha atención mellor que noutros sitios que teñen outras alternativas alternativas sanitarias das que nós carecemos”.

Unha das vías de solución ás substitucións médicas sería, para Antonio Lomba, unha mínima estabilidade laboral. “Os postos de traballo que deberían ofertar aquí, terían que ser mellores. Non porque vaian a cobrar moito máis –aclara–, pero si en canto a darlles máis estabilidade”. Si se prevé que unha baixa vai durar tres meses “debería contratarse ao persoal por eses tres meses e non irlles facendo contratos de dous días ou unha semana”.

Finalmente Antonio Lomba sinalou que, se ben o PP da Guarda, apoia ás iniciativas plenarias e asiste ás concentracións veciñais, bota en falta que lle trasladen estas iniciativas aos seus compañeiros de partido en Santiago e “que fagan política activa e que non se limiten a votar nos Plenos”.

Unha maioría ‘absolutísima’ do PP que rexeita todas as iniciativas

En todos os plenos e comisións, o grupo parlamentario socialista presenta iniciativas que teñen que ver coa atención primaria, lembrou a deputada Leticia Gallego quen, ao mesmo tempo, recoñeceu sentir “certa sensación de impotencia cando a ‘maioría absolutísima’ do PP rexeita, unha tras outras, todas estas iniciativas”.

Gallego non dubidou en asegurar que, dende a Xunta “non se fai absolutamente nada pola atención primaria” e achacou a falta de solucións “á falta de planificación e a improvisación continua”. Para a parlamentaria socialista “de existir unha mínima planificación no Sergas, ao mellor estes problemas resolveríanse”.

O certo é que, anos despois de estar reclamando unha solución, a situación sanitaria da Guarda está moi lonxe de arranxarse. Para vergoña dos que teñen a solución nas súas mans, a Plataforma pola Defensa da Sanidade actualiza diariamente, nun cartel a entrada do Centro, o cadro de persoal que lle corresponde ao Centro de Saúde e o persoal real con que conte nese día.

Esta é a terceira vez que a sanidade da Guarda vai ao Parlamento de Galicia. Ao mellor, e facendo bó o refran, “á terceira vai á vencida”.

Ponteareas celebra un Corpus comedido con pequenas mostras florais e medidas de prevención

Ponteareas celebra este ano o seu Corpus de xeito comedido, seguro e íntimo. A vila prepárase xa para esta Festa de Interese Turístico Internacional que, dada a situación sanitaria, incluirá actividades exclusivas para a súa veciñanza e retransmisións en directo a través das redes sociais do Concello para o resto da poboación, evitando así a chegada de visitantes doutros municipios e aglomeracións.

Nesta edición as rúas ponteareás encheranse de pequenas mostras florais que ocuparán menos do 40% da súa extensión habitual. Estes tapices comezarán a confeccionarse con todas as medidas de prevención o mesmo domingo 6 ás 06.00 horas e non a noite anterior, como viña sendo habitual. Ademais, para garantir as distancias de seguridade, cada mostra deberá manter un espazo de separación de tres metros con respecto ás fachadas dos edificios.

Será un Corpus comedido que tamén se deixará notar na iluminación festiva, que se instalou reducindo un 70% o investimento dedicado en pasadas edicións, nas que se celebraba con normalidade.

A programación do Corpus arrancará este venres 4 ás 20.30 horas coa presentación na sala multiusos do Auditorio Municipal da revista Pregón e do Museo de Corpus a ceo aberto. O sábado 5 será a quenda da lectura do pregón por parte de Maite Isla, unha persoa cunha ampla e recoñecida traxectoria no tecido social de Ponteareas. O acto, que contará tamén cun concerto a cargo da Orquestra de Cámara Galega, será no Auditorio Municipal ás 20.30 h con aforo limitado e retransmitido en streaming.

Durante a mañá do domingo 6 poderá verse en directo a confección das mostras florais a través das redes sociais do Concello e, xa ás 20.30 horas, o parque da Feira Vella acollerá o concerto da Banda de Música Unión de Guláns. A programación continuará o luns 7 cunha actividade de lecer para a veciñanza: un tobogán acuático que estará colocado de 10.00 a 20.00 horas na rúa Braña. A ofrenda floral diante do Monumento ao alfombrismo porá o broche final a unha celebración que converte a Ponteareas en referente mundial da arte floral efémera.

Entrega premio da XXXI edición da Festa da Bicicleta

0

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, fixo entrega da bicicleta a Francisco Javier Fernández Ferendez, gañador do sorteo por parte do Concello de Baiona realizado con motivo da celebración da XXXI edición da Festa da Bicicleta, sen dúbida, a súa edición máis especial xa que a tradicional cita deportiva do Val Miñor este ano adaptouse á época COVID.

Desde o Concello de Baiona, encargado de organizar esta edición, ideouse unha fórmula semi virtual para que os veciños e veciñas interesados puidesen participar na proba.

En total, cento cincuenta persoas participaron nesta iniciativa, que levou a cabo coa intención de seguir fiel á tradición e continuar fomentando o uso de de a bicicleta e esta práctica deportiva no Val Miñor.

Este ano organizouse unha festa virtual que se prolongou desde o 1 de maio ata o 17 de maio, data tradicional na que viña celebrando a festa ata o ano pasado que se viu obrigada á súa suspensión debido á crise sanitaria derivada do Covid-19 e ao estado de alarma vixente.

Desde o Concello de Baiona e o de Gondomar móstranse moi satisfactorios coa participación e o acollemento desta actividade posta en marcha por primeira vez como alternativa segura á tradicional celebración.

Movemento Salceda e PSOE corroboran a firmeza do pacto de Goberno co relevo na Alcaldía

Movemento Salceda e PsdeG-PSOE ofreceron onte unha rolda de prensa conxunta para anunciar o cambio na alcaldía de Salceda de Caselas, relevo que se fará efectivo o vindeiro día 15 xuño, aos dous anos exactos de mandato.

A actual alcaldesa, Loli Castiñeira, e a portavoz socialista, Verónica Tourón, –que pasará a ocupar á Alcaldía– lanzaron nun comunicado conxunto coa mensaxe inequívoca de que os pactos están para cumprirse. Para dicilo tal e como se reflicte literalmente na declaración de ámbalas dúas formacións: “somos xente de palabra e aquí estamos dando cumprimento a esta palabra”.

Certo é, que esa postura e máis que de agradecer nestes tempos convulsos nos que que na política –e fora dela–, os pactos duran menos do tempo que se tarda en redactalos. MS e PSOE demostraron onte que, dentro da normalidade democrática, o pacto asinado hai dous anos segue tendo o mesmo valor e a mesma solidez que cando aínda tiña a tinta fresca.

A boa sintonía de Goberno quedou reflectida nun comunicado conxunto “de consenso, realizado en equipo como vimos facendo, non só os comunicados, senón o traballo dentro do Concello”, insistiu Loli Castiñeira. O bo entendemento quedaba incluso plasmado na foto dos concelleiros e concelleiras do equipo de Goberno mesturados sen distinción de partido, cousa complexa de atopar nun Goberno de coalición, que non bipartito.

Repasábase os resultados das últimas eleccións, a conformación dunha maioría de esquerdas estable para dar forma a un Goberno sólido, para pesar de moitos, que daba estabilidade á vida política de Salceda.

Repasáronse as obras, a crise da covid-19, os esforzos realizados “para minimizar as consecuencias na peor crise sanitaria, económica e social”. Un traballo, sinala o texto do grupo de goberno que fixeron “traballando en equipo e contando cos colectivos sociais”.

Pese a esa pandemia, que marcaba un novo panorama tan estraño coma preocupante, o equipo de Goberno, subliña a nota, conseguiu desenvolver proxectos importantes pendentes do mandato anterior e foi quen de acometer novos retos “de presente e de futuro” e púxose como exemplo a RPT (Relación de Postos de Traballo) do Concello –a primeira da historia do Concello de Salceda– que será levada a Pleno e o convenio colectivo do persoal municipal no que se segue avanzando.

“Somos un exemplo de normalidade democrática –afirma o comunicado conxunto– dous partidos políticos diferentes, pero un proxecto común e de esquerdas e con traballo en equipo, un equipo que conforma a maioría absoluta da Corporación, que precisa esa maioría para sacar adiante o Concello para e por Salceda”.

“Salceda seguirá a ser unha vila de esquerdas e cun Goberno progresista e por nós, non vai quedar”, conclúe.

Eses pactos sólidos, darán o vindeiro día 15 a Alcaldía á socialista Verónica Tourón que seguirá asumindo as mesmas competencias que viña desenvolvendo ata o de agora: Urbanismo, Participación Veciñal e Emprego.

Tourón subliñou a capacidade “do Goberno no seu conxunto” de lidiar cunha situación que, a comezo de mandato, ninguén se esperaba como foi a pandemia da covid-19. “Creo que esa situación, difícil e complexa –afirmou–, serviu para demostrar á cidadanía de Salceda a capacidade deste Goberno de xestionar unha situación totalmente nova e que nunca se dera con anterioridade é na que houbo que poñer todos os recursos do Concello ao servizo da veciñanza”.

No grupo municipal socialista manteranse as mesmas áreas de xestión, mantedo polo tanto Verónica Tourón, as concellerías de Urbanismo, Participación Cidadá, Industria, Comercio, Emprego e Formación amais da alcaldía a partir do día 15. Pola súa banda Gela Ledo mantén Ensino, Infancia, Benestar Social, Sanidade e Voluntariado e Rubén González, Medio Rural, Medio Ambiente e Deportes.

Pola súa banda, os cambios en Movemento Salceda serán mínimos. Loli Castiñeira, que pasará a ocupar a primeira tenencia de alcaldía, xestionará tamén da Concellería de Vías e Obras que ata o de agora ocupaba Miguel González quen, á súa vez, seguirá a mantendo as áreas de Parques e Xardíns, Mobilidade e Servizos Municipais. Cualificaba Castiñeira como “un reto” asumir unha Concellería que raramente ocupan mulleres e que lle permitirá, segundo as súas palabras, “estar máis preto da cidadanía”.

Álex Rodríguez continuará en Cultura, Festexos, Normalización Lingüística, Novas Tecnoloxías, Mocidade, Asociacionismo e Patrimonio mentres que Lucía Rodríguez dirixirá as concellerías de Facenda, Réxime Interior, Seguridade, Tráfico e Turismo.

Para Verónica Tourón, ese cambio nas concellerías de MS permitirá “que Loli Castiñeira e eu, dende os departamentos de Vías e Obras e Urbanismo, sigamos traballando en sintonía e desenvolvendo proxectos para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.

Normalidade democrática. Diso se trata. Un relevo na alcaldía a metade de mandato non é frecuente pero menos frecuente é que os pactos se cumpran e que a palabra dada sirva para algo. Porén aí está o caso de Salceda que amosa, con feitos, que a normalidade democrática existe; que se pode acadar se se ten a grandeza de miras de poñer, por enriba de intereses persoais ou partidistas, os intereses xerais da veciñanza.

A Deputación anima a apuntarse á Escola de Cantería, que xa abriu o prazo de preinscricións

A Escola de Cantería ten aberto ata o 12 de setembro o prazo de preinscrición para formarse nun dos oficios máis antigos de Galicia. O centro da Deputación de Pontevedra volve ofertar para o curso 2021-2022 as titulacións de canteira/o e mestra/e canteira no seu afán por estimular a vocación artística e conservar e promover o patrimonio da arquitectura tradicional. Para animar á poboación a realizar estes estudos a Deputación vén de lanzar na web institucional e nas súas redes sociais un audiovisual no que a presidenta provincial, Carmela Silva,  deixa claro que este “é un traballo con futuro” posto que “a pedra xunto coa auga é a alma de Galicia” e lembra que a Escola ten “canteiros e canteiras traballando nas obras máis importantes do mundo”. Xunto a Carmela Silva aparece no audiovisual alumnado e ex-alumnado da Escola que explica as súas experiencias e como lles serviron para acadar as súas metas laborais.

Todas as persoas que queiran acceder aos estudos deben encher un formulario de preinscición dispoñible no sitio web da Escola (https://escoladecanteria.depo.gal/). Logo terán do 13 ao 24 de setembro para formalizar a súa matrícula, para o que necesitarán achegar toda a documentación requirida. O curso comezará o 1 de outubro e levarase a cabo de xeito presencial cumprindo con todos os protocolos de seguridade sanitaria. Os estudos para ser canteiro teñen unha duración de tres anos, durante os cales se impartirá unha formación moi práctica que se centrará na construción, escultura, restauración e rehabilitación. Para acceder será necesario posuír un título de graduado escolar ou equivalente e superar as probas de selección. No caso dos estudos de mestra/e canteira, cunha duración de dous anos adicionais, é preciso posuír o título de cantería.

A Escola de Cantería é un centro de formación único a nivel mundial que ofrece coñecementos ancestrais herdados do gremio á vez que combina unha sólida formación teórica co acceso á tecnoloxía actual. As obras que realiza o alumnado e ex-alumnado da Escola locen por todos os recunchos da provincia, como a peza dedicada a Teresa Portela inaugurada en Cangas no mes de marzo ou o cruceiro que preside dende abril a subida á igrexa de San Paio de Lavadores, en Vigo. Do mesmo xeito chegan a lugares de todo o mundo como Brasil, México, Arxentina, Panamá ou Portugal.  Ademais, antigos alumnos e alumnas da Escola chegaron a traballar en proxectos tan emblemáticos coma a restauración do Capitolio de Washington e do barrio de Chiado de Lisboa, ou as actuacións de rehabilitación da Catedral de Santiago, de Westminster en Londres e de construción da Sagrada Familia de Barcelona.

O Conservatorio Municipal de Música festexa o seu fin de curso cun concerto ao aire libre

O Conservatorio Municipal de Música de Ponteareas prepara xa o seu fin de curso. Ante a situación sanitaria que se está a vivir, nesta ocasión o Conservatorio cambiará a súa tradicional actuación no auditorio municipal por un concerto para todos os públicos ao aire libre.

A orquestra e o coro do grao profesional e do grao elemental serán os catro protagonistas da xornada.

O concerto ofrecido terá lugar este xoves 3 ás 19.00 horas na Praza Doutor Fernández Vega, onde se habilitará un espazo con aforo controlado coas correspondentes medidas de prevención para que toda a veciñanza goce do espectáculo de xeito seguro.

A Xunta incrementa as axudas para a formación práctica en centros de traballo en en FP Dual

A Consellería de Cultura, Educación, Universidade e Universidade vén de convocar as axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo (FCT), incluído o alumnado que cursa a modalidade de FP Dual, ao que se destina un orzamento de 800.000 euros.

O obxectivo desta liña de actuación é compensarlle ao alumnado parcialmente os gastos extraordinarios derivados da realización das devanditas actividades, que se desenvolven na empresa; ao tempo que se favorece a mobilidade transnacional das persoas que desexan formarse ou contribuír a actividades de formación noutros países, o que permite a mellora das competencias lingüísticas e profesionais.

Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado matriculado en ciclos formativos de grao profesional básico, grao medio ou grao superior de formación profesional inicial, cursos de especialización, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas formativos ou nalgún ciclo formativo de FP Dual. En calquera caso, deberá rematar o período de formación práctica en centros de traballo ou FP Dual antes do 31 de decembro deste ano.

Modalidades

A convocatoria establece dúas modalidades, unha dirixida aos que realizan a formación dentro do territorio español e outra para os que a fan fóra do mesmo.

Na modalidade A, destinada a quen realice a formación dentro do territorio español, a contía da axuda dependerá de onde se realicen as prácticas, e o número de xornadas. Así, o alumnado que realice a FCT ou a FP Dual dentro da comunidade autónoma recibirá ata un máximo de 375€ (o que supón un incremento respecto dos 300€ da convocatoria anterior), sempre que  o concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello do centro educativo ou o de residencia do estudante durante ese período. A contía a percibir polo alumnado establecerase en función do número de xornadas realizadas no módulo de FCT ou, no caso da FP Dual do número de xornadas de permanencia na empresa.

No caso do alumnado que realice a formación fóra da comunidade autónoma, percibirá unha cantidade fixa de 200€ aínda que realice a FCT ou a FP Dual en varios centros de traballo.

Na modalidade B, destinada a quen realice a formación fora do territorio español,  a contía das axudas variará en función do país de destino. Deste xeito, establécese unha contía base dependendo do país (para todo o alumnado con independencia das semanas de estadía no estranxeiro), e unha cuantía adicional segundo as semanas de estadía no estranxeiro para dita formación.

Solicitudes

O alumnado deberá tramitar as axudas a través do centro educativo no que estea a estudar a FP e haberá dous prazos para facelo. O primeiro deles estará aberto ata o 5 de xullo e está dirixido a quen realizase a FCT nos períodos outubro 2020-marzo 2021 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2021, así como ao alumnado de FP Dual.

O segundo prazo, comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2021, será para o alumnado de ciclos formativos que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2021 e que a remate antes do 31 de decembro de 2021.

A Biblioteca Municipal do Porriño incorporarase á rede “Bibliotecas en igualdade”

A Concellería de Cultura informa que mañá 3 de xuño formalizarase a sinatura da carta de adhesión da Biblioteca Municipal do Porriño ao manifesto “Bibliotecas en igualdade”.

Trátase dunha iniciativa de ámbito estatal de “Clásicas e Modernas”, unha  asociación para a igualdade de xénero na cultura que busca rachar coa fenda de xénero na literatura. En Galicia xa asinaron a súa adhesión as bibliotecas de Verín, Cangas do Morrazo, Redondela, Viveiro e a Universidade de Vigo con todas as súas bibliotecas. E a partir de mañá, a Biblioteca Municipal do Porriño, de sempre moi sensible nesta materia, tamén incorporarase á Rede “Bibliotecas en Igualdade”.

Cami Moreira, concelleira de Cultura xa avanzou que con esta incorporación a Biblioteca Municipal do Porriño “contribuirá a dar unha maior visibilidade ás escritoras e as súas obras, especialmente ás escritoras galegas, incorporar á Biblioteca as publicacións de estudos e investigacións sobre as achegas das mulleres á cultura ao longo da historia e promover a adquisición de obras de lectura e consulta procurando o equilibrio na autoría”.

O acto de firma da adhesión da Biblioteca do Porriño terá lugar mañá a partir das 18,30 es estará presidido pola alcaldesa do Porriño, Eva Garcia a quen acompañarán a concelleira de Cultura, Cami Moreira, a presidenta de “Clásicas e Modernas”, Fátima Anllo e outras directivas desta asociación.

Alcaldesa e concelleiro do Rosal visitan as obras de mellora do ramal de San Xián

0

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, e o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, visitaron estes días as obras de mellora que se están a realizar no ramal de San Xián. Trátanse de traballos de asfaltado e de mellora de muros de contención que realizou a Deputación de Pontevedra neste tramo sobre o que ten competencia e que vai transferir ao Concello ao abeiro do convenio para a reforma integral da EP-3303, que une os dous núcleos da ribeira do Rosal con Goián.

En fase de adxudicación

De xeito paralelo, Concello e Deputación continúan a dar pasos para o arranque da primeira fase do proxecto de transformación radical da estrada entre Tabagón-As Eiras-Goián. O proxecto atópase xa en fase de adxudicación e, seguindo os prazos marcados, prevese que as obras de execución comecen a finais de verán.

Unhas obras que suporán “unha transformación do Rosal non só en termos de mellora viaria, senón tamén de mobilidade e de comunicación entre os núcleos rurais”, que, como sinala a rexedora, permitirá seguir camiñando cara a “un novo modelo no que se recuperen espazos para a veciñanza e se fomente unha mobilidade sostible, dándolle prioridade aos peóns, poñendo en valor as persoas e o ámbito rural e contribuíndo a reducir a pegada de carbono”.

Nas obras desta primeira fase do proxecto investiranse máis de 650.000€, dos que o 80% serán achegados pola Deputación de Pontevedra e o outro 20% polo Concello do Rosal. Con elas está previsto remodelar un tramo de 1,7 quilómetros dos 4,5 totais, unha zona que conta cun intenso tráfico rodado e cunha importante mobilidade a pé. Os traballos contemplan a creación dun carril peonil e ciclista que se completará cunha plataforma de circulación con dous carrís con beiravía e con redutores de velocidade. Durante as obras tamén se renovará a rede de drenaxe, farase a canalización soterrada da rede de iluminación pública e disporase dunha plataforma única con limitación de velocidade a 20 km/h na zona do CRA María Zambrano.

A Escola de Letras retoma hoxe a súa actividade presencial

Coa mellora da situación sanitaria, a Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia retoma este mércores a súa actividade presencial, despois de que os primeiros obradoiros deste ano, a cargo de Inma López Silva, tiveran que desenvolverse de xeito telemático. Así, o curso de poesía que impartirá Antonio García Teijeiro, que ten as súas quince prazas cubertas, terá lugar esta tarde, cunha nova sesión o 9 de xuño, no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra en horario de 18 a 20 horas.

Antonio García Teijeiro  (Vigo, 1952) é profesor, escritor e crítico de literatura infantil e gañara o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2017 polo seu poemario “Poemar o mar”. Foi galardoado co Premio Merlín por Na fogueira dos versos, e no 2018 a súa obra “Lendo lendas, digo versos”, escrito en colaboración con Antonio Reigosa, entrou na lista de honra do Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY, polas súas siglas en inglés). Así mesmo, ten recibido o Premio Europeo Pier Paolo Vergerio da Universidade de Padua (Italia), un dos máis prestixiosos de Europa (1998). Co poemario Arredor do teu corpo gañou o Premio Illas Sisargas. Doutra banda, algúns dos seus poemas foron musicados por grupos de Galicia e músicos coma Antón Seoane e Paco Ibáñez. Mantén unha intensa actividade na rede co seu blog Versos e Aloumiños

Despois deste obradoiro, as actividades da Escola continuarán xa no mes de setembro, co obradoiro literario que ofrecerá Anna R. Figueiredo baixo o título “Escribir unha novela”, que se desenvolverá en Vigo en oito sesións, concretamente os días 15, 22 e 29 de setembro; o 6, 13, 20 e 27 de outubro e o 3 de novembro. Os dous últimos obradoiros previstos este ano desenvolveranse en Pontevedra. En concreto, o curso literario que impartirá Diego Giráldez terá cinco sesións os días 6, 13, 20 e 27 de outubro e o 3 de novembro, mentres que o de poesía con Elvira Ribeiro contará con dúas sesións os días 2 e 9 de decembro.

Coa mellora da situación sanitaria, a Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia retoma este mércores a súa actividade presencial, despois de que os primeiros obradoiros deste ano, a cargo de Inma López Silva, tiveran que desenvolverse de xeito telemático. Así, o curso de poesía que impartirá Antonio García Teijeiro, que ten as súas quince prazas cubertas, terá lugar esta tarde, cunha nova sesión o 9 de xuño, no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra en horario de 18 a 20 horas.

Antonio García Teijeiro  (Vigo, 1952) é profesor, escritor e crítico de literatura infantil e gañara o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2017 polo seu poemario “Poemar o mar”. Foi galardoado co Premio Merlín por Na fogueira dos versos, e no 2018 a súa obra “Lendo lendas, digo versos”, escrito en colaboración con Antonio Reigosa, entrou na lista de honra do Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY, polas súas siglas en inglés). Así mesmo, ten recibido o Premio Europeo Pier Paolo Vergerio da Universidade de Padua (Italia), un dos máis prestixiosos de Europa (1998). Co poemario Arredor do teu corpo gañou o Premio Illas Sisargas. Doutra banda, algúns dos seus poemas foron musicados por grupos de Galicia e músicos coma Antón Seoane e Paco Ibáñez. Mantén unha intensa actividade na rede co seu blog Versos e Aloumiños

Despois deste obradoiro, as actividades da Escola continuarán xa no mes de setembro, co obradoiro literario que ofrecerá Anna R. Figueiredo baixo o título “Escribir unha novela”, que se desenvolverá en Vigo en oito sesións, concretamente os días 15, 22 e 29 de setembro; o 6, 13, 20 e 27 de outubro e o 3 de novembro. Os dous últimos obradoiros previstos este ano desenvolveranse en Pontevedra. En concreto, o curso literario que impartirá Diego Giráldez terá cinco sesións os días 6, 13, 20 e 27 de outubro e o 3 de novembro, mentres que o de poesía con Elvira Ribeiro contará con dúas sesións os días 2 e 9 de decembro.

Arranxadas as pistas de tenis do Polideportivo Municipal do Porriño

A alcaldesa do Porriño, Eva Garcia, comprobou o resultado das obras de arranxo das pistas de tenis do Polideportivo Municipal. A rexedora compartiu a visita co concelleiro de Deportes, David Alonso e co presidente do Club de Tenis Porriño, Agustín Doval.

Arranxouse a superficie de pavimento “tenninsquick” nas dúas pistas. Repararonse e pintaronse de cor violeta. O orzamento das obras superou os 12.000€.

Aproveitando o encontro, a alcaldesa e o presidente do club firmaron o convenio anual de subvención nominativa polo que a entidade deportiva recibe unha achega municipal de 2.000€.

Mediante o devandito convenio, o Concello cede gratuitamente as pistas do Centro Deportivo Municipal ao Club de Tenis Porriño para a práctica deportiva, tanto adestramentos como competicións. O uso das instalacións é gratuito para calquera persoa allea ao club que solicite hora a través das oficinas do Polideportivo Municipal.

O Concello de Baiona realiza unha campaña de concienciación sobre reciclaxe nos colexios

0

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e a Concelleira de Medio Ambiente, Rosa María Domínguez Roda, acudiron xunto ao alumnado do C.P.I. Cova Terreña, a unha charla divulgativa sobre a importancia da reciclaxe de residuos para o coidado do medio ambiente.

Os alumnos dos centros escolares de Baiona recibirán durante esta semana charlas dirixidas a promover a concienciación ambiental e a coñecer o funcionamento do punto limpo municipal.

O obxectivo destas charlas é concienciar e implicar aos máis pequenos na correcta separación dos residuos nos distintos contedores de reciclaxe. Ao longo da semana as charlas repartiranse nos centros educativos da Vila. Hoxe será a quenda do C.E.I.P. Sabarís. O xoves tocaralle ao alumnado de Fontes e o venres ao de Belesar.

Un técnico de FCC, a empresa encargada do punto limpo e a recollida de residuos selectivos no municipio, é o encargado de impartilas en colaboración coa concellería de medio ambiente do Concello de Baiona.

A campaña de educación ambiental apoiada desde o Concello de Baiona persegue fomentar que o municipio continúe aumentando os seus cocientes de reciclaxe e diminuíndo a cantidade de residuos do contedor da fracción resto que leva a valorizar energéticamente en SOGAMA, co aforro económico que isto supón.

Cos nenos, que son os cidadáns do futuro, realízanse actividades para que adquiran conceincia da importancia de separar correctamente os residuos. Explícaselles a estratexia das tres 3 R: REDUCIR, REUTILIZAR E RECICLAR, e convídaselles a que poñan en práctica esta estratexia cos maiores do seu fogar. Por outra banda, achégase aos estudantes conceptos como a compostaxe ou os puntos limpos, como modelo dunha correcta xestión de residuos municipais, que irán cobrando máis importancia no futuro.

A iniciativa tivo unha gran acollida tanto entre o alumnado como entre a comunidade educativa.

O Concello de Baiona aumentou considerablemente a cantidade de residuos depositados. Cada vez recíclase máis no municipio e con residuos de mellor calidade xa que non se mesturan os residuos que son coñecidos como impropios, cos consecuentes beneficios sociais, ambientais e económicos que este aumento supón.

“O obxectivo desta iniciativa é a promoción da educación ambiental. Concienciar aos nenos e nenas do municipio, e grazas a eles ás familias, da importancia de separar os residuos correctamente e de como se debe usar o punto limpo municipal” , sinala o Alcalde, Carlos Gómez Prado.

Tui acollerá o parladoiro entre a literatura galega e as historias de navegación

0

A Sala Municipal de Exposicións de Tui acolle hoxe mércores, 2 de xuño, ás  20 horas o parladoiro “A Galicia navegante no imaxinario literario”. No mesmo participarán os escritores Víctor Freixanes, Pemón Bouzas e Ramón Nicolás.

Esta actividade complementa a mostra “Inventio Mundi” que até o próximo mércores, 9 de xuño, se pode visitar na mesma Sala Municipal.

A cita pretende reflexionar sobre a importancia do mar e das navegacións na literatura. Os tres escritores afondarán no parladoiro,  a través das súas propias experiencias, na relación entre a literatura galega e as historias de navegacións mariñas.

Tanto a exposición coma o parladoiro están organizados polo Consello da Cultura Galega.

Sanidade establece o nivel máximo de restricións no concello de Mos

O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19, vén de acordar o establecemento do nivel máximo de restricións nos concellos de Mos e A Pobra do Caramiñal.

Así mesmo, o comité tamén determinou o nivel alto de restricións nos municipios de Ordes e Viveiro.

Ademais, as medidas do nivel medio serán de obrigado cumprimento nos concellos de Moraña, Ponteareas, Cenlle, Lobios, O Barco de Valdeorras, Ribeira, Boiro, Oroso, Xove, Vilalba e Monforte de Lemos.

No resto dos concellos galegos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado, 5 de xuño.