19.4 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasO Grupo Parlamentario Socialista trasladará á Xunta unha nova iniciativa sobre a...

    O Grupo Parlamentario Socialista trasladará á Xunta unha nova iniciativa sobre a situación sanitaria da Guarda… e van tres

    Leticia Gallego alerta do “colapso sanitario” do Concello, que ten só 4 dos 8 médicos que lle corresponden

    A parlamentaria socialista Leticia Gallego visitou onte A Guarda para ás portas do Centro de Saúde e acompañada polo alcalde Antonio Lomba, anunciar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamar na Cámara autonómica a cobertura das vacantes nesa instalación sanitaria guardesa, incluíndo o servizo de Pediatría. Os socialistas reclama tamén unha ambulancia medicalizada que dea servizo ao concello e toda a súa área.

    Gallego explicou que a falla de cobertura das ausencias de profesionais médicos derivadas de baixas, vacacións ou xubilacións provoca unha “fonda saturación” dos profesionais, e sitúa á sanidade do concello ao borde do “colapso” con só a metade do persoal habitual de médicos dispoñibles. Actualmente contan con 4 médicos dun total de 8, que no pasado mes de outubro reducíronse a 3.

    Leticia Gallego e Antonio Lomba, conversan con persoal do Centro de Saúde

    Sinala que a saturación do persoal “é extrema” por canto deben dar cobertura tanto á súa axenda como á xestión dos resultados das PCR realizadas, así como o control dos casos sospeitosos de covid 19 nos colexios. Sinala que “non hai médicos de familia suficientes para atender á poboación, e esta situación leva máis dun ano sen solución, o que prexudica a atención e a oferta asistencial da veciñanza”.

    A situación esténdese tamén a servizos como o de Pediatría, que agora mesmo conta con dous profesionais médicos, pero “en setembro só estivo unha pediatra, e a outra praza non se cubriu ata abril”. Ademais, como vén de quedar de baixa a pediatra que atende aos nenos e nenas de O Rosal e Oia, os dous pediatras de A Guarda teñen que cubrir o servizo de Pediatría destes cativos e cativas.

    Engade que “a mala situación da sanidade na Guarda afecta tamén á inexistencia dunha ambulancia medicalizada na zona, unha vella demanda que aínda segue sen cumprirse”. Reclama por iso a dotación dunha ambulancia medicalizada con base no Concello e que poida dar asistencia a toda a área de influenza.

    Lembra que, logo dunha sesión parlamentaria no pasado mes de novembro, o xerente do Sergas anunciara que resolvería a situación coa incorporación de máis facultativos á semana seguinte. Sen embargo, este compromiso traduciuse en “poñer un médico pola tarde no PAC”, unha medida que “non resolve o problema, xa que no centro de saúde “seguen sen médicos polas tardes, e polo tanto os veciños e veciñas non teñen consultas ordinarias na quenda de tarde”.

    “Despois de tres iniciativas parlamentarias, a situación non mellora”

    Antonio Lomba, alcalde da Guarda, subliñou que logo de tres iniciativas parlamentarias do Grupo Socialista –a segunda que se presenta a través de Leticia Gallego– “a situación non mellora e temos tempadas que incluso empeora”.

    O rexedor local chamou a atención sobre un problema que produce “unha situación de estres tanto ás e aos facultativos como ás persoas que acoden a este Centro de Saúde e que non teñen a garantía que cando cheguen, teñan médico para atendelas”.

    Lomba, que cualificou a atención primaria como “fundamental”, insistiu na importancia que ten “á hora de evitar que as e os pacientes cheguen aos hospitais ou ás urxencias”, pese a esa importancia, afirma, “por parte da Xunta de Galicia a comarca do Baixo Miño está totalmente desatendida”.

    As circunstancias especiais que ten a Guarda, deberían ser tidas en conta á hora de dar unha resposta, urxente e precisa, ás necesidades sanitarias da Guarda. “Vivimos moi lonxe de Vigo –explica o alcalde guardés– e necesitamos unha atención mellor que noutros sitios que teñen outras alternativas alternativas sanitarias das que nós carecemos”.

    Unha das vías de solución ás substitucións médicas sería, para Antonio Lomba, unha mínima estabilidade laboral. “Os postos de traballo que deberían ofertar aquí, terían que ser mellores. Non porque vaian a cobrar moito máis –aclara–, pero si en canto a darlles máis estabilidade”. Si se prevé que unha baixa vai durar tres meses “debería contratarse ao persoal por eses tres meses e non irlles facendo contratos de dous días ou unha semana”.

    Finalmente Antonio Lomba sinalou que, se ben o PP da Guarda, apoia ás iniciativas plenarias e asiste ás concentracións veciñais, bota en falta que lle trasladen estas iniciativas aos seus compañeiros de partido en Santiago e “que fagan política activa e que non se limiten a votar nos Plenos”.

    Unha maioría ‘absolutísima’ do PP que rexeita todas as iniciativas

    En todos os plenos e comisións, o grupo parlamentario socialista presenta iniciativas que teñen que ver coa atención primaria, lembrou a deputada Leticia Gallego quen, ao mesmo tempo, recoñeceu sentir “certa sensación de impotencia cando a ‘maioría absolutísima’ do PP rexeita, unha tras outras, todas estas iniciativas”.

    Gallego non dubidou en asegurar que, dende a Xunta “non se fai absolutamente nada pola atención primaria” e achacou a falta de solucións “á falta de planificación e a improvisación continua”. Para a parlamentaria socialista “de existir unha mínima planificación no Sergas, ao mellor estes problemas resolveríanse”.

    O certo é que, anos despois de estar reclamando unha solución, a situación sanitaria da Guarda está moi lonxe de arranxarse. Para vergoña dos que teñen a solución nas súas mans, a Plataforma pola Defensa da Sanidade actualiza diariamente, nun cartel a entrada do Centro, o cadro de persoal que lle corresponde ao Centro de Saúde e o persoal real con que conte nese día.

    Esta é a terceira vez que a sanidade da Guarda vai ao Parlamento de Galicia. Ao mellor, e facendo bó o refran, “á terceira vai á vencida”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.