8.1 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasMovemento Salceda e PSOE corroboran a firmeza do pacto de Goberno co...

    Movemento Salceda e PSOE corroboran a firmeza do pacto de Goberno co relevo na Alcaldía

    Movemento Salceda e PsdeG-PSOE ofreceron onte unha rolda de prensa conxunta para anunciar o cambio na alcaldía de Salceda de Caselas, relevo que se fará efectivo o vindeiro día 15 xuño, aos dous anos exactos de mandato.

    A actual alcaldesa, Loli Castiñeira, e a portavoz socialista, Verónica Tourón, –que pasará a ocupar á Alcaldía– lanzaron nun comunicado conxunto coa mensaxe inequívoca de que os pactos están para cumprirse. Para dicilo tal e como se reflicte literalmente na declaración de ámbalas dúas formacións: “somos xente de palabra e aquí estamos dando cumprimento a esta palabra”.

    Certo é, que esa postura e máis que de agradecer nestes tempos convulsos nos que que na política –e fora dela–, os pactos duran menos do tempo que se tarda en redactalos. MS e PSOE demostraron onte que, dentro da normalidade democrática, o pacto asinado hai dous anos segue tendo o mesmo valor e a mesma solidez que cando aínda tiña a tinta fresca.

    A boa sintonía de Goberno quedou reflectida nun comunicado conxunto “de consenso, realizado en equipo como vimos facendo, non só os comunicados, senón o traballo dentro do Concello”, insistiu Loli Castiñeira. O bo entendemento quedaba incluso plasmado na foto dos concelleiros e concelleiras do equipo de Goberno mesturados sen distinción de partido, cousa complexa de atopar nun Goberno de coalición, que non bipartito.

    Repasábase os resultados das últimas eleccións, a conformación dunha maioría de esquerdas estable para dar forma a un Goberno sólido, para pesar de moitos, que daba estabilidade á vida política de Salceda.

    Repasáronse as obras, a crise da covid-19, os esforzos realizados “para minimizar as consecuencias na peor crise sanitaria, económica e social”. Un traballo, sinala o texto do grupo de goberno que fixeron “traballando en equipo e contando cos colectivos sociais”.

    Pese a esa pandemia, que marcaba un novo panorama tan estraño coma preocupante, o equipo de Goberno, subliña a nota, conseguiu desenvolver proxectos importantes pendentes do mandato anterior e foi quen de acometer novos retos “de presente e de futuro” e púxose como exemplo a RPT (Relación de Postos de Traballo) do Concello –a primeira da historia do Concello de Salceda– que será levada a Pleno e o convenio colectivo do persoal municipal no que se segue avanzando.

    “Somos un exemplo de normalidade democrática –afirma o comunicado conxunto– dous partidos políticos diferentes, pero un proxecto común e de esquerdas e con traballo en equipo, un equipo que conforma a maioría absoluta da Corporación, que precisa esa maioría para sacar adiante o Concello para e por Salceda”.

    “Salceda seguirá a ser unha vila de esquerdas e cun Goberno progresista e por nós, non vai quedar”, conclúe.

    Eses pactos sólidos, darán o vindeiro día 15 a Alcaldía á socialista Verónica Tourón que seguirá asumindo as mesmas competencias que viña desenvolvendo ata o de agora: Urbanismo, Participación Veciñal e Emprego.

    Tourón subliñou a capacidade “do Goberno no seu conxunto” de lidiar cunha situación que, a comezo de mandato, ninguén se esperaba como foi a pandemia da covid-19. “Creo que esa situación, difícil e complexa –afirmou–, serviu para demostrar á cidadanía de Salceda a capacidade deste Goberno de xestionar unha situación totalmente nova e que nunca se dera con anterioridade é na que houbo que poñer todos os recursos do Concello ao servizo da veciñanza”.

    No grupo municipal socialista manteranse as mesmas áreas de xestión, mantedo polo tanto Verónica Tourón, as concellerías de Urbanismo, Participación Cidadá, Industria, Comercio, Emprego e Formación amais da alcaldía a partir do día 15. Pola súa banda Gela Ledo mantén Ensino, Infancia, Benestar Social, Sanidade e Voluntariado e Rubén González, Medio Rural, Medio Ambiente e Deportes.

    Pola súa banda, os cambios en Movemento Salceda serán mínimos. Loli Castiñeira, que pasará a ocupar a primeira tenencia de alcaldía, xestionará tamén da Concellería de Vías e Obras que ata o de agora ocupaba Miguel González quen, á súa vez, seguirá a mantendo as áreas de Parques e Xardíns, Mobilidade e Servizos Municipais. Cualificaba Castiñeira como “un reto” asumir unha Concellería que raramente ocupan mulleres e que lle permitirá, segundo as súas palabras, “estar máis preto da cidadanía”.

    Álex Rodríguez continuará en Cultura, Festexos, Normalización Lingüística, Novas Tecnoloxías, Mocidade, Asociacionismo e Patrimonio mentres que Lucía Rodríguez dirixirá as concellerías de Facenda, Réxime Interior, Seguridade, Tráfico e Turismo.

    Para Verónica Tourón, ese cambio nas concellerías de MS permitirá “que Loli Castiñeira e eu, dende os departamentos de Vías e Obras e Urbanismo, sigamos traballando en sintonía e desenvolvendo proxectos para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.

    Normalidade democrática. Diso se trata. Un relevo na alcaldía a metade de mandato non é frecuente pero menos frecuente é que os pactos se cumpran e que a palabra dada sirva para algo. Porén aí está o caso de Salceda que amosa, con feitos, que a normalidade democrática existe; que se pode acadar se se ten a grandeza de miras de poñer, por enriba de intereses persoais ou partidistas, os intereses xerais da veciñanza.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.