Venres, 30 Maio de 2025

Baiona reparte a o estudiantado un exemplar do libro “A Walk in Baiona”

0

O Concello de Baiona, fixo entrega de máis de 600 exemplares do libro “A Walk in Baiona” a todo o alumnado de educación infantil e primaria do municipio.

Esta iniciativa, que partiu da Concellería de Educación e a Concellería de Turismo, desenvolveuse ao longo desta semana con motivo do Día Universal da Infancia celebrado este luns 20 de novembro.

A propia concelleira de educación, Nuria Leyenda Gómez, levou un exemplar para cada dun dos alumnos e alumnas, superado os 600 exemplares, a cada unha dos centros escolares municipais: C.E.I.P. Fontes-Baíña, Belesar, C.E.P. Sabarís, C.P.I. Cova Terreña. Tamén a GalEscola de Baiona e a EEI O Areal.

O libro “A Walk in Baiona” trátase da versión en inglés de ”Un paseo por Baiona” unha obra que convida os lectores a descubrir Baiona desde un punto ambiental e turístico. Trátase duns exemplares ideados para que o público infantil e familiar coñezan de primeira man a riqueza natural, paisaxística e cultural que ofrece a localidade desde un punto de vista lúdico. No conto fanse distintas paradas polo noso municipio nas que os máis pequenos e pequenas poderán descubrir marabílloos recursos baioneses e poñan en práctica a lingua inglesa.

A Concelleira tamén aproveitou a ocasión para deixar no depósito da biblioteca de cada un dos centros escolares varios exemplares de “Samagostín” un libro sobre o Samaín.

40 persoas participaron no Pavillón Óscar Pereiro na xornada divulgativa FaleMos de Diabetes

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto coa concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, e outros 40 asistentes, persoas de diferentes idades e colectivos, participaron na charla titulada FaleMos de Diabetes e que foi organizada con motivo do Día Mundial da Diabetes 2023 que se conmemorou o pasado 14 de novembro.

Esta iniciativa foi promovida desde a concellería de Política Social dentro da campaña divulgativa e preventiva sobre esta enfermidade e desenvolvida pola Mesa Local da Saúde. Trátase dunha iniciativa organizada en colaboración tamén con “Anedia” Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia. Estivo presente unha representante da directiva da asociación e outra usuaria socia, falando do seu día a día como diabética.

Dentro da campaña anual que leva a cabo a Mesa Local da Saúde de Mos e na que se traballa con diferentes colectivos a práctica de hábitos de vida saudables e se conciencia sobre a prevención de enfermidades e como previr e afrontar os riscos para a saúde, pónse en marcha a xornada divulgativa FaleMos de Diabetes que se impartiu esta mañá no Pavillón Óscar Pereiro da man de María Insua Lago e Irene Santoro López, Enfermeiras do Centros de Saúde de Mos e membros da Mesa Local da Saúde mosense.

Esta iniciativa organizouse con motivo do Día Mundial da Diabetes que se conmemorou o pasado 14 de novembro. Nela abordáronse a importancia dos hábitos de vida saudables, a realización de prácticas e actividades deportivas, a alimentación sá e evitar costumes nocivos coma o tabaco. Xa que o tabaquismo é unha das causas da diabetes tipo 2. De feito as persoas que fuman teñen máis probabilidades (entre 30 e 40 %) de presentar diabetes tipo 2 que aquelas que non fuman.

Neste senso, ademáis, o Concello de Mos é un municipio moi concienciado coa erradicación do tabaquismo e recibiu da Consellería de Sanidade unha distinción como municipio membro da Rede galega sen tabaco, sendo parte tamén da Rede galega de parques sen fume, que conta con 34 concellos adheridos.

O Concello de Tui colabora cos actos conmemorativos do 101 aniversario dos sucesos de Sobredo

0

Neste ano 2023, no que se celebra o 101 aniversario dos tráxicos sucesos de Sobredo onde tres persoas labregas foron vítimas do disparos das forzas da orde contra unha mobilización agrarista, o Concello de Tui seguirá colaborando, nunha nova oportunidade, coa celebración da homenaxe aos Mártires de Sobredo que terá lugar este domingo 26 de novembro a partir das 11.00 h na carballeira de Sobredo – Guillarei.

Este homenaxe está organizada polo Instituto de Estudios Agrarios “Mártires de Sobredo” e contará coa intervención do profesor tudense Elías Torres Feijó, decano da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Estes sucesos do 28 de novembro de 1922 foron provocados pola represión a unha manifestación que tiña lugar en Sobredo, Guillarei na que trataban de impedir o desafiuzamento dun labrego que non tiña pagado as rendas forais e fora denunciado polo rendeiro. Unha intervención que provocou a  morte de Cándida Rodríguez, veciña de Pazos de Reis, Venancio González, de Budiño, e Joaquín Besada de Soutelo, e que tivo unha ampla repercusión en toda Galicia e acelerou o debate político para rematar co sistema foral, que se lograría finalmente no ano 1926. O pasado ano, ao celebrarse o centenario destes sucesos, o Concello de Tui acordou designar a unha rúa co nome de “Mártires de Sobredo” para, en palabras do alcalde, Enrique Cabaleiro, render unha homenaxe, en primeiro lugar, as vítimas deste desgraciado suceso de Sobredo, pero tamén para reivindicar a importancia da ampla mobilización social protagonizada polo agrarismo nas primeiras décadas do pasado século. Para Enrique Cabaleiro cómpre “reivindicar o papel das sociedades agrarias e o protagonismo tudense neste proceso”. En consecuencia, o Concello mantén a habitual colaboración para o desenvolvemento desta homenaxe anual e tamén co ciclo de actividades “Sobredo, 101 anos despois” realizado en días pasados na nosa cidade.

O Concello de Redondela conmemora o 25N con escolares e asociacións

0

O Concello de Redondela celebrou este mediodía xunto a colexios e asociacións un acto reivindicativo co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia Machista que se conmemora mañá. Os escolares do CEP Santa Mariña e colectivos do municipio Lenda e Andaina foron os protagonistas coa lectura dos manifestos elaborados por eles, nos que reinvindicaron un futuro sen violencia machista. A xornalista e tiktoker galega María Foscaldo, no seu papel de “Virtudes a Repunante”, lembrou que a sociedade ten avanzado moito en materia de igualdade nas últimas décadas, pero que aínda queda traballo por facer, e que nenos, mozos e adultos teñen que implicarse “porque a violencia machista non é cousa de risa”.

A concelleira de Infancia e Maiores, Pilar Martínez, agradeceu a participación dos colexios, asociacións e centros de maiores no acto para amosar o rexeitamento da sociedade redondelá “ante calquera tipo de violencia contra as mulleres”. A edil de Igualdade, Iria Vilaboa, presentou o acto e lembrou que “seguen aumentando as agresións e asasinatos de mulleres” ao tempo que advertiu que os discursos negacionistas “non poderán coa nosa determinación de rematar con esta lacra”. Vilaboa explicou que o Concello de Redondela “seguirá investindo en educación para a prevención de calquer tipo de violencia contra as mulleres porque é a nosa obriga, a de loitar polo dereito á liberdade de todas e de cada unha de nós. Seguiremos visibilizando e concienciando aos nenos e nenas, aos adolescentes e a toda a veciñanza porque ainda queda moito traballo por facer para que Redondela sexa un espazo seguro para as mulleres”.

O acto pechouse coa ofrenda floral no Salgueiral na árbore ginkgo biloba, onde mulleres do grupo de Autoestima municipal leron varios poemas do libro de Sesé Mateo “No camiño do vento” acompañadas do cuarteto de saxos do Conservatorio Municipal.

Tomiño acolle os premios “Vila en flor”

0

A Xunta de Galicia salienta o compromiso dos 38 concellos galardoados este ano cos premios Vilas en flor coa protección dos valores paisaxísticos, ambientais e naturais da Comunidade.

Durante o acto de entrega destes premios, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, recoñeceu o esforzo desenvolvido por estes concellos a prol da mellora do medio ambiente e da calidade de vida dos seus veciños a través de proxectos de axardinamento e ornamentación floral.

De feito, Vilas de flor, unha iniciativa na que colabora a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, supón un importante recoñecemento á revitalización de espazos e servizos públicos mediante actuacións en torno a eixos como a conservación e o impulso do patrimonio vexetal e paisaxístico; o respecto polo medio ambiente e a sostibilidade, o uso social dos espazos públicos, e as sinerxías coa actividade turística.

De Salvador subliñou que a Xunta comparte o interese dos concellos pola mellora dos espazos públicos e pola súa xestión sostible. Así, lembrou que o distintivo Bandeira Verde de Galicia, que se entrega anualmente desde 2020, tamén enxalza as prácticas máis respectuosas dos concellos en canto á protección do medio ambiente, a loita contra o cambio climático, a eficiencia enerxética e a xestión dos residuos.

A maiores, o director do IET destacou a relevancia de que os concellos pequenos tamén se beneficien da posta en valor das súas paisaxes xa que é un “activo fundamental tanto a nivel ambiental como económico xa que é un innegable atractivo turístico”.

Nese senso, puxo en valor as axudas para a corrección de impactos paisaxísticos que a Xunta convoca desde o ano 2021 para colaborar con concellos e particulares no fomento do fermosismo. Nesa liña, dada a boa acollida desta iniciativa nos últimos anos, o orzamento da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para 2024 destina 2 millóns de euros a unha nova convocatoria destas axudas.

A Cañiza presenta o seu “Abecedario para o bo trato”

0

O Concello da Cañiza, dentro das accións que desenvolve para a erradicación da violencia contra as mulleres, este ano deseñou a campaña de sensibilización “Abecedario para o bo trato”, coa intención de visibilizar a necesidade de promover o bo trato no desenvolvemento persoal e social dos nenos como ferramenta preventiva de condutas baseadas na violencia en calquera das súas formas, neste caso facendo especial fincapé na violencia contra a muller.

O “Abecedario para o bo trato” é resultado dun traballo conxunto, promovido polo Concello e no que colaboraron o alumnado e o profesorado do CEIP de Valeixe e do CPI da Cañiza, que recolle todas as palabras que os nenos de infantil e de primaria destes dous centros educativos, idearon e elexiron para contribuir a crear unha sociedade máis tolerante, igualitaria e libre de violencia.

O «Abecedario» estará exposto na rúa Oriente do Concello en forma de círculos colgantes nas arboredas e tamén nos centros educativos de primaria.

A igualdade: unha labor de sensibilización continua

Ademais, o Concello vén de colocar no centro da ESO da Cañiza, «A escaleira da igualdade», unha iniciativa que se estreou xa o 18 de novembro de 2021 no CPI da Cañiza, en infantil e primaria e no mes de febreiro de 2022 no CEIP de Valeixe e que ten por obxectivo continuar coa labor de concienciación e promoción da igualdade, apostando para que sexa un tema trasversal en todas as accións municipais.

«A escaleira da igualdade» recolle tamén exemplos das mensaxes que como sociedade igualitaria debemos inculcar e ter presentes na educación das nosas nenas e nenos. Transmite os principios dunha sociedade tolerante, inclusiva e igualitaria e pretende servir de material de reflexión para todo o alumnado dos centros educativos e de material de traballo para o profesorado. 

Nesta ocasión recolle as propias mensaxes do alumnado a modo de reflexión e rexeitamento.

O Concello continuará traballando de cheo neste eido, poñendo especial atención na importancia da formación, da concienciación e da prevención dende a infancia, tanto dende o ámbito da familia como dende o contexto escolar.

Proxecto “Violetas”

O Concello leva anos desenvolvendo o proxecto “Violetas”. Un programa que traballa co alumnado dende a etapa de primaria a educación secundaria, e no que se abordan contidos como; a autoestima, a educación afectivo sexual, habilidades sociais para a resolución de conflitos, os estereotipos e roles de xénero , todo elo dirixido a promover no alumnado condutas baseadas no bo trato e na tolerancia no respecto. Cun obxectivo principal que é previr calquera forma de violencia, entre elas a de xénero.

O proxecto dará comezo, como todos os anos, no mes de xaneiro.

A Banda de Música Popular de Tui ofrece mañá un concerto solidario de Santa Icía protagonizado polas bandas sonoras

0

O Teatro Municipal de Tui acolle mañá sábado, ás 20 h, o concerto solidario de Santa Icía da Banda de Música Popular de Tui no que as bandas sonoras conformarán o repertorio previsto. A entrada será un quilo de alimentos non perecedoiros para SOS Tomiño – Baixo Miño. Leite, cacao, legumes en conserva, galletas, son algúns dos produtos máis demandados, pero tamén se poden entregar outros vinculados ás celebracións do Nadal.

Nun ambiente cinematográfico, no que amais da música se proxectarán imaxes de película e haberá incluso algunha sorpresa, a agrupación tudense, dirixida por Eloy Carrera, interpretará as bandas sonoras de Century Fox, Pixar, Loney Toons, Enio Morricone, e de filmes coma E.T., Star Wars, O Rei León, Os Vengadores, Aladdin, ou Coco.

No evento colabora o Concello de Tui, a través da concellería de Cultura.

A Deputación unificará os servizos de xestión das visitas aos castelos de Soutomaior e Sobroso e o Museo de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou da aprobación en Xunta de Goberno do expediente de contratación dunha plataforma tecnolóxica de xestión automatizada das visitas ao Museo de Pontevedra e aos castelos de Soutomaior e Sobroso. A institución provincial dedicará 150.000 € a este servizo durante os próximos catro anos co obxectivo de implementar “unha mellora para a experiencia dos usuarios á hora de acceder aos maiores atractivos turísticos e culturais dos que dispón a Deputación de Pontevedra”.

Con esta nova plataforma, asegurou o presidente provincial, “imos mellorar os sistemas de acceso e venda de entradas destes tres centros co obxectivo de axilizar este servizo”. Este novo sistema vai “unificar os tres sistemas de ‘ticketing’ que na actualidade están individualizados para permitir que estean interconectados e, así, que se poida xestionar dunha forma moito máis rápida o acceso”. O novo servizo permitirá tamén “obter información das visitas para poder facer melloras nos servizos prestados e nos recintos”.

O Sistema de Xestión Automatizada da Visita incluirá o sistema de adquisición de entradas e reserva de visitas (renovaranse os portais web dedicados a este fin e, ademais, ampliarase o abano de novas fontes de ingresos), a orde do fluxo das visitas, a xestión de accesos e validación de entradas, a xestión da dispoñibilidade dos espazos, a creación dunha canle específica para profesionais do turismo, a atención aos visitantes en liña, a elaboración de estatísticas e analíticas de datos, a implementación dun sistema de comercialización, a dotación dos equipos e programas necesarios, ou facilitar a integración da ferramenta con outros sistemas aos que deberá proporcionar información, entre outras cuestións.

O contrato inclúe todas as modalidades de visita. No Castelo de Soutomaior, todas as visitas autoguiadas e guiadas, as visitas familiares e as visitas escolares. No caso do castelo de Sobroso, as visitas ordinarias, as reducidas, as familiares e as escolares. E para o Museo de Pontevedra, as visitas escolares, as visitas ás ruínas, as dos edificios Castelao e Sarmiento, as de Santa Clara, as de Castro Monteagudo e García Flórez e tamén as grupais.

Luis López asegurou que “seguimos no noso compromiso de converter a provincia de Pontevedra nun sinónimo de excelencia turística” e lembrou que “o turismo vai ter un gran protagonismo neste mandato provincial, cunha suba real de 1,1 millóns de euros no orzamento de 2024”.

Nigrán proxecta o resultado dos obradoiros audiovisuais para previr a violencia de xénero

0

O Concello de Nigrán proxectará este venres no Auditorio Municipal o resultado dos obradoiros audiovisuais para a prevención da violencia de xénero ofrecidos ao alumnado da ESO no marco da programación municipal do 25-N (‘Día internacional para a erradicación da violencia contra as mulleres’). Así, os 150 participantes de 3º e 4º da ESO do CPI Arquitecto Palacios, IES Proval e IES Val Miñor asistirán a esta xornada matinal que contará coa actuación da drag-pandereteira Meiga-i (Javi Sánchez) e na que poderán ver os microdocumentais que eles mesmos elaboraron grazas á formación ofrecida desde Cru Producións. O Concello investíu nestes obradoiros impartidos durante 4 sesións por tres especialistas un total de 8.000 €.

“A mocidade domina a linguaxe audiovisual e amosa moito interese en manexala correctamente, por iso apostamos por estes obradoiros e o resultado non puido ser máis acertado. A rapazada esforzouse e participou moi activamente”, explica o alcalde, Juan González.

O obxectivo destes obradoiros eran, por unha banda, promover a igualdade, previr a violencia de xénero e fomentar as relacións igualitarias e, por outra, reflexionar sobre a construción das identidades de xénero, cuestionar as relacións establecidas entre homes e mulleres ou promover unha educación afectivo-sexual igualitaria. Para elo, primeiramente o alumnado compartíu e comentou os produtos audiovisuais que consumen, despois recibiron formación e achegamento ao cinema desde unha perspectiva feminista e, finalmente, ensinóuselles a montar un pequeno set de gravación no que, mediante entrevistas, eles mesmos plasmaron na pantalla as súas impresións, reflexións, coñecementos adquiridos… Froito desta gravación e das que a produtora realizou das anteriores sesións, xurdiron os documentais de entre 5 e 7 minutos que verán a luz mañá no Auditorio.

O Concello de Ponteareas pon en marcha a contratación do plan parcial de A Lomba

O Concello de Ponteareas pon en marcha a oferta de contratación pública para o “Servizo de redacción do plan parcial para desenvolver o sector de solo industrial de A Lomba”, unha prioridade que se sitúa como obxectivo das políticas de promoción de actividades económicas e industriais deste termo municipal.

En palabras da Concelleira de Urbanismo Silvia Fernández “este contrato dará resposta a unha demanda histórica e aportará seguridade xurídica ao tecido empresarial de Ponteareas; non só ás empresas xa existentes, senón tamén ás que virán no futuro para que poidan asentarse”. Ademais, confirmou que “proximamente convocaremos a todos os axentes implicados, empresarios, propietarios, asociacións, etc., para facelos partícipes e informalos de todo o procedemento”.

A Alcaldesa, Nava Castro, sinala que o obxectivo primordial deste contrato público é “potenciar e expandir as actividades económicas xa presentes na zona, permitindo o seu crecemento e a incorporación de novas industrias lixeiras e non contaminantes”. Así mesmo, tamén busca resolver as necesidades de infraestrutura viaria dentro deste ámbito. En definitiva, a elaboración deste Plan ven a cubrir unha das grandes carencias coas que se aprobou o PXOM no anterior mandato, como é a ausencia de solo industrial para o asentamento de novas empresas o que condiciona de forma singular o desenvolvemento económico da vila.

O importe do contrato para a redacción do plan parcial que rexerá o desenvolvemento deste sector ascende a un total estimado de 99.720 euros. A data límite para presentarse á oferta será o vindeiro mércores 29 de novembro e, unha vez resolta, o prazo de execución do contrato será de 12 meses a contar dende o día seguinte á súa sinatura.

A redacción do Plan Parcial realizarase conforme á normativa vixente, integrando as directrices da Lei do Solo de Galicia e todas as determinacións do PXOM pertinentes para este sector.

Este proxecto encádrase nunha das liñas prioritarias do actual goberno tripartito para o actual mandato como é o fomento da actividade industrial e por tanto económica a través da posta en marcha de diferentes accións como a apertura do centro de emprendemento ou outras iniciativas que promovan o desenvolvemento urbanístico.

Comprar en Arbo ten premio

0

Baixo o lema “Agora máis ca nunca apoia ao comercio local”, o Concello de Arbo pon en marcha un ano máis a campaña “Comprar en Arbo ten premio”, en colaboración coa asociación de comerciantes do municipio, na que participan máis de noventa establecementos da localidade arbenses.

Os negocios repartirán entre os seus clientes rifas polas súas compras. En total imprimíronse preto de 150.000 rifas. En total repartiranse ao redor de 3.000 euros en premios:

  • 1 vale de 500 euros
  • 1 vale de 250 euros
  • 1 vale de 150 euros
  • 3 vales de 100 euros
  • 25 vales de 50 euros

O sorteo efectuarase en xaneiro, repartindo os vales para descontar nos comercios, bares, restaurantes e empresas de Arbo que participan na Campaña de Nadal, aos agraciados no sorteo.

Coa posta en marcha desta campaña o Concello de Arbo e os seus comercios pretenden atraer a un maior número de clientes e fidelizar aos seus compradores máis habituais. Sinalando ademais a importancia de apoiar o pequeno comercio local tan importante para Arbo e que é a base da economía de moitos arbenses “Comprar en Arbo xera postos de Traballo é Riqueza ao municipio”

O alcalde do Concello de Arbo, anima a que os arbenses e os visitantes desfruten da vila, especialmente atractiva nesta época do ano, e que aproveiten para realizar todas as compras nos comercios de Arbo, nas empresas, a que visiten os nosos locais de hostalería, bares, restaurantes, casas de turismo rural, as nosas adegas, nos que poderen degustar todos os marabillosos produtos, e porque non, a desfrutar dunha fascinante experiencia nunha das nosas empresas de turismo de aventura, encontrándovos, – aínda que sexa con mascarilla e mantendo as distancias de seguridade, con todos os vosos veciños e veciñas para desexarlles un Bo Nadal – remata o rexedor .

O sorteo terá lugar o día domingo 14 de xaneiro ás 18:00 horas no salón de Plenos do Concello de Arbo.

Baiona pon en marcha a campaña “Agarimos de Nadal”

0

A Concellería de Política Social do Concello de Baiona pon en marcha a campaña “Agarimos de Nadal”. Esta actividade busca fomentar a conexión emocional durante a tempada do Nadal.

A través de postais enxeñosas, o Concello convida ,a todos os que queiran participar, a enviar mensaxes afectuosas a persoas que poderían sentirse soas. A iniciativa busca crear momentos especiais e lembrarlles que son valorados. Únete a esta causa, compartindo o teu tempo e afecto para facer que este Nadal sexa máis cálida e significativa para todos.

A Xunta financia a iniciativa proposta pola Asociación Mulleres en Igualdade de Tui

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o CRA Mestre Clara Torres, onde puido comprobar o traballo que está a realizar a Asociación Mulleres en Igualdade de Tui grazas á axuda outorgada pola Xunta.

En concreto, esta asociación empregou os máis de 5.000 euros investidos polo goberno autonómico na edición de dous libros que están a ser repartidos polos centros escolares da contorna e cos que pretenden sensibilizar ao alumnado en cuestións de xénero. As historias, adaptadas ás idades e ás necesidades dos nenos e nenas fomentan valores como a igualdade, a independencia e o compañeirismo.

Reguera quixo agradecer persoalmente o traballo das voluntarias desta asociación que “traballan desinteresadamente para que os nosos mozos poidan vivir nun mundo mellor, máis libre e igualitario”.

O delegado territorial tamén tivo a oportunidade de participar entregar algúns dos exemplares aos nenos e nenas do CRA Mestra Clara Torres. A achega da Xunta permite ademais á asociación continuar coas súas labores de difusión e concienciación a través das redes sociais co proxecto “Redes de Igualdade” que partilla as experiencias de mulleres galegas célebres e fomenta o autocoidado.

Ibérica Confort, a empresa que aposta polo talento xoven galego

Os xóvenes de hoxe en día teñen una gran ambición a nivel laboral, e como meta principal o desenvolvemento profesional pero, para poder acadalo, é preciso que as empresas aposten por eles e lles axuden na súa carreira profesional.

A empresa Ibérica Confort, líder no sector e con máis de 18 anos de experiencia, aposta polo talento xoven galego. É una empresa que cré nos xóvenes, no seu esforzo e na súa dedicación e por iso lles axuda a conseguir os seus obxectivos.

Ibérica Confort trátase dunha axencia especializada na creación de marcas e na súa difusión para acadar así o éxito do produto. Isto é posible grazas á comunicación, ao márketing e aos máis de dezaoito anos de experiencia no sector.

Crecemento de Ibérica Confort

Detrás do gran equipo humano e profesional do que componse a empresa, existen datos que verifican o esforzo dos xóvenes e traballadores. Datos de crecemento anual que tradúcense nunha carteira de clientes estable e que medrou un 17,6 % no último ano.

Ademáis, non se pode deixar atrás o feito de que hai empresas que confían nesta axencia para crear e/ou consolidar a súa marca no mercado.

Atención ao cliente

O éxito de Ibérica Confort non débese só aos números, tamén é moi importante a experiencia dos clientes e a satisfacción dos mesmos, a isto achégase a través dunha atención ao cliente excelente.

O equipo de Ibérica Confort está composto por profesionais especialistas en diversas áreas, como especialistas en produtos ou no trato co cliente. Así a empresa conta cun ratio de satisfacción dun 94 % das empresas que confían na axencia e dos clientes.

A alcaldesa visita o Xadrez nas Aulas no CEIP Pena de Francia

0

Un ano máis volta o xadrez ás aulas de Mos, este curso 2023-2024, como novidade, faino durante o primeiro trimestre de cara a que os escolares que se interesen pola actividade poidan pasar a formar parte do Club Xadrez Mos, entidade deportiva mosense encargada de impartir o taller nos 5 colexios mosenses.

Onte achegouse a compartir un rato da actividade co alumnado de 2º curso de Primaria do Colexio Pena de Francia a alcaldesa, Nidia Arévalo, acompañada da concelleira de Educación, Julia Loureiro; quenes departiron coa cativada e felicitaron a Brais Otero Nogueira, adestrador do clube e encargado de impartir o Xadrez nas Aulas, pola década de vida do Club Xadrez Mos. Xa que coincide que o vindeiro ano 2024 o Club Xadrez Mos cumpre o seu 10º aniversario, cunha década de traballo tras de si, que trouxo un crecemento meteórico e exponencial do clube mosense, que o levou a converterse nun dos mellores de Galicia, tanto en cantidade como en calidade de xogadores. Crecemento motivado tamén, en parte, por esta actividade que se desenvolve nos CEIPs do municipio, promovida e financiada polo Concello de Mos, dentro do Programa de Actividades durante o Horario Lectivo que desenvolve a concellería de Educación mosense. E é que, durante esta década de traxectoria, a entidade deportiva impartiu 8 edicións de ‘Xadrez nas Aulas’, iniciativa promovida e financiada polo Concello, da que saíron moitos dos xogadores do clube, e algúns deles converténdose en campións facendo podios a nivel autonómico e nacional.

“Trátase dunha actividade pioneira e exclusiva entre os concellos da área, e probablemente de Galicia”, tal e como apuntan dende a directiva do Club Xadrez Mos.

Os obradoiros desta 8ª edición de Xadrez nas Aulas lévanse a cabo dende o pasado 2 de novembro e rematarán o vindeiro 5 de decembro, e cada curso realizará 4 sesións. Benefícianse desta actividade todos os alumnos e alumnas de 1º e 2º cursos de educación primaria dos 5 colexios públicos do municipio: CEIP de Atín-Cela, CEIP Mestre Martínez Alonso, CEIP Mestre Valverde Maio, CEIP Pena de Francia e CEIP de Petelos.

O Concello de Mos leva o xadrez ás aulas co obxectivo de optimizar os procesos de aprendizaxe do alumnado, entre outros beneficios.

Esta actividade organízase por oitavo ano consecutivo. E nela, ao longo dun mes, os alumnos/ as de primeiro e segundo de Primaria reciben 4 sesións de introdución ao xadrez. Nelas descobren o taboleiro, as pezas e os seus movementos, así como a normativa básica para poder gozar dunha partida de xadrez.

O encargado de impartir a actividade, Brais Otero Nogueira, adestrador do Club Xadrez Mos, declara sobre a mesma que “é para min un pracer inmenso escoitar a eses nenos e nenas cada semana: xoguei unha partida coa miña nai, co meu avó, co meu amigo, coa miña veciña! É de moito agrado ver a ilusión coa que acollen a nosa paixón. Seguro, na gran maioría de fogares do noso Concello hai un taboleiro escondido nalgún recuncho, e grazas á ilusión destes novos xadrecistas, todos eses taboleiros recuperáronse. Sen dúbida, é a maneira de arraigar o xadrez no noso Concello, espertando o interese dos máis pequenos. Por iso, para o Club Xadrez Mos é un orgullo realizar esta actividade cada ano. É a mellor maneira de sementar a semente da nosa paixón, o xadrez, entre os veciños e veciñas de Mos. Agradecer infinitamente ao Concello e Centros Educativos a súa predisposición e total apoio para realizar levar a cabo a actividade. E por suposto, a eses futuros xadrecistas pola súa ilusión, que sen dúbida nos recarga as pilas para seguir traballando e promocionando o xadrez no noso Concello”.

O xadrez, grazas as súas características lúdicas e intelectuais, é un recurso pedagóxico apropiado para axudar a que nenos e nenas desenvolvan múltiples habilidades mentais que, sen dúbida, optimizarán os seus procesos de aprendizaxe: analizar e sintetizar, concentrarse, memorizar, solucionar e tomar decisións baixo presión, desenvolver a creatividade e a imaxinación, razoar dunha forma lóxica-matemática, e programar. Tamén se lles ensina a revaliar o seu plan cando novas realidades cambian a situación orixinal.

Estes beneficios, foron apoiados por diferentes investigacións educativas. Realizáronse estudios en varias localidades de Estados Unidos e Canadá, que mostran que o xadrez consegue incrementar a puntuación de exames estándar tanto enlinguacoma en matemáticas. Os estudos realizados en Estados Unidos, mostraron que o xadrez consegue maiores puntuacións nos tests “Watson Glaser” para a avaliación do pensamento crítico e no test de “Torrance” para o pensamento creativo.

Ademais dos beneficios relacionados co “mundo científico”, nas escolas, o xadrez axuda a construír lazos de amizade e ensina deportividade: como gañar con elegancia e a non virse abaixo ao afrontarse á derrota.

Para os nenos con problemas de axuste emocional, hai moitos exemplos onde a xadrez consigue aumentar a motivación, mellorar o carácter, a propia imaxe, e incluso a capacidade de atención. Para os nenos e nenas con TDAH, aumenta o grado de concentración e memoria, e favorece o adestramento en atención para aqueles nenos e nenas diagnosticados.

Soamente, esta calidade comprobada do xadrez, xustifica o intento de engadilo dentro da aula e facelo accesible a todos e todas os alumnos e as alumnas a partir dos primeiros anos.

Poñer o xadrez ao servizo da educación non só ten a finalidade de desenvolver a arte de pensar, senón tamén cultivar valores. Existe un estudio piloto sobre os beneficios do xadrez na escola como recurso educativo, demostrando que favorece a optimización dos procesos mentais (atención, memoria e procesamentos) implicados no aprendizaxe.

Ana González Liste, gañadora do III Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético

0

A xornalista Ana González Liste (Vigo, 1990), é a galardoada este ano co III Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético que promove o Concello de Redondela. Este galardón nace co obxectivo de recoñecer publicamente “a ética á hora de tratar informacións relacionadas coa violencia machista, fuxindo de sensacionalismos e respectando a intimidade das vítimas e as súas familias”, explica a alcaldesa Digna Rivas. A súa reportaxe sobre a vida das mulleres galegas vítimas de violencia de xénero que contan con seguemento telemático por parte da policía foi a premiada nesta edición. O xurado valorou no seu traballo, publicado o 23 de febreiro en Praza Pública, a denuncia que fai a xornalista da falta de recursos e os fallos no sistema establecido (Vioxén), e faino con testemuños con moita forza. A concelleria de Igualdade, Iria Vilaboa, salienta que este ano presentáronse 12 traballos en diferentes formatos, “o que pon en valor a calidade da reporataxe de Ana González Liste, que competía con outros traballos que poden resultar máis atractivos como pode ser un audiovisual”.

Ana González Liste manifestou que é “un orgullo recibir este premio que leva o nome de Sesé Mateo, á que non puiden esquecer desde o seu asasinato, que recibiu un tratamento informativo inicial infame que non sucedería se as e os profesionais do xornalismo tivésemos unha axeitada formación para abordar estes temas”. A xornalista viguesa explica que a reportaxe premiada “busca reflectir o día a día das mulleres vítimas de violencia machista que sobreviven e viven cunha pulseira que non lles permite esquecer que o perigo segue aí, pero que á vez fai posible que sigan con vida”. Por iso agradece enormemente “a xenerosidade das mulleres que se abriron comigo e dedicáronme o seu tempo para que esta reportaxe fose posible”.

Licenciada en Xornalismo pola Universidad Complutense de Madrid, Ana González ten un Máster pola Universitat de Barcelona e a Columbia Journalism School e pertence á asociación Xornalistas Galegas. Traballou nos xornais Faro de Vigo, El Paí e Nós diario, na axencia Europa Press e na revista de cultura galega Inorantes. Colabora coas publicacións Luzes, La Marea e Vinte e na actualidade traballa en Praza Pública.

III Gala Premio Sesé Mateo

A gañadora recollerá o premio, dotado con 1.500 euros, na III Gala Premio Sesé Mateo que se celebra no auditorio da Xunqueira de Redondela mañá venres, 24 de novembro, ás 20 horas. A xornalista redondelá Laura Vaqueiro será a encargada de presentar o acto, que contará coas actuacións do grupo Faíscas e a Aula Municipal de Teatro. As gañadoras das edicións anteiores, Patricia Costa (RNE) e Cristina García (CRTVG), participarán nunha charla aberta sobre o machismo nos medios de comunicación. A gala contará coa participación de Joshua Mateo, fillo de Sesé Mateo.

Vintenove anos afondando na micoloxía no Concello de Covelo

0

Vintenove anos dedicados a difundir a importancia dos fungos e o seu coñecemento teórico e práctico non é algo que poidan dicir moitas asociacións, así o apunta o biólogo Hugo Fernández Ricón, de MycoGalicia Plantae, ao falar da Asociación para o Desenvolvemento do Alto Tea, Covelonatural.

“Covelo é unha zona espectacular, con bosques mixtos de coníferas e planifolias, o que propicia que se poidan atopar cogomelos de múltiples especies. Cada ano, a asociación Covelonatural retoma a súa xa tradicional celebración das Xornadas Micolóxicas, facilitándolle ao público interesado coñecementos teóricos e prácticos, da man de diversos expertos, algo que poucas organizacións poden contar. Con case trinta anos de oferta fai que o Concello se convirta nun referente”.

O vindeiro sábado día 25, as persoas afeccionadas ao mundo da micoloxía ou que queiran comezar a descubrir este intenso mundo teñen unha cita no Concello: pola mañá, as 10:30 horas, haberá unha saída guiada ao monte, e logo, pola tarde, no auditorio municipal de Covelo, impartirase a charla “A rede da vida: a simbiose animais-fungos” ás 18 horas, seguida da proxección de cine documental.

“Na charla do día 25 toca falar das diferentes simbioses que establecen os fungos. Estas unións son beneficiosas tanto para eles como para os seres vivos cos que se asocian, as veces dun xeito indivisible, pois todos os involucrados poderían chegar a morrer se non colaboraran entre si. Os fungos conviven con nós de moitos xeitos que non imaxinamos e que pasan desapercibidos. Por exemplo, hoxe en día considérase que todas as plantas terrestres posúen algún fungo micorrícico asociado as súas raíces, o que fai que ámbolos dous organismos (a planta e o fungo), podan desenvolverse moito mellor gracias a axuda que se prestan mutuamente, a simbiose”.

A spin off da Universidade de Vigo, MycoGalicia Plantae S.L, leva dende o ano 2017 ofrecendo asesoría forestal centrada no recurso micolóxico dos montes, na divulgación e na formación en micoloxía e botánica para o público en xeral.

Estamos en plena efervescencia de cogomelos e cada vez son máis as persoas que saen ao monte na súa procura, pero non deberíamos botar nada na cesta sen antes formarnos. “As primeiras saídas deberían ser sempre acompañadas dun experto ou dun bo libro e sen cesta, só coa intención de explorar, de identificar e de clasificar gozando do espectáculo natural. A norma fundamental é o sentido común, non debemos consumir algo que non saibamos o que é ao cen por cen e para iso hai que ter coñecementos. Debemos atender a fontes de información fidedignas, coma xornadas guiadas por expertos, bos libros ou outros recursos de confianza, non chega con atender ao primeiro dato que escoitemos, pois estamos a falar de saúde. Ademais, se queremos comezar sobre terreo máis seguro, podemos atender á tradición, aprendendo a identificar as especies que a maioría da xente coñece: boletos (Boletus edulis), cantarelas (Cantharellus cibarius), níscaros (Lactarius deliciosus) ou zarrotas (Macrolepiota procera), por exemplo. Son especies que moitos iniciados coñecen por ser doadas de identificar, tendo características que as fan únicas fronte a outras especies máis complexas“.

A micoloxía é unha carreira de fondo, na que debemos ir adestrándonos ao longo dos anos con experiencias e acompañados de expertos. Aínda que en outono saen con máis profusión, podemos observar cogomelos ao longo de todo o ano, sempre e cando a climatoloxía acompañe. “Tódalas especies se poden tocar e cheirar, sempre coa precaución de lavar axeitadamente ás mans ao rematar. Polo simple contacto ca nosa pel, non nos imos a intoxicar. Obviamente, non todos os cogomelos se poden consumir, e hai que ser conscientes de que as especies tóxicas poden estar presentes en calquera lugar, aínda que no mesmo medren outras comestibles”.

Non deixar a nosa pegada é imprescindible e así o recolle o decreto galego 73/2020 do 24 de abril, referente aos diferentes aproveitamentos forestais, entre os que está o micolóxico. “Debemos deixar todo como estaba antes da nosa chegada, tanto en cuestións de limpeza, coma de alteracións do solo. Non debemos remexer o solo na procura de cogomelos, alterando as súas capas naturais, pois é algo que prexudicaría aos propios fungos e a outros seres vivos que habitan o chan dos nosos montes. Do mesmo xeito, neste decreto, recóllese que todos os cogomelos deben recollerse enteiros, non cortándoos pola base do pé como se ven facendo tradicionalmente. O primeiro motivo para isto é a nosa propia seguridade, pois se os cortamos, deixaremos características que nos axudan a identificalos no chan, e poderíamos caer en erros máis doadamente. Se ao coller un cogomelo deixamos un pequeno oco no solo onde estaba, o volveremos a cubrir coa terra desprazada”.  

Os cogomelos son unha riqueza e por iso cada vez máis as comunidades de montes veciñais en man común os aproveitan en base a creación de coutos micolóxicos, aos que só se pode acceder con autorización. “Hoxe en día, non é que se poida sementar o monte dun xeito totalmente probado para garantir a frutificación de cogomelos, pero se pode favorecer unha ordenación forestal que facilite a súa obtención, deseñando as plantacións de árbores para que os fungos tamén podan medrar acorde a elas”.

A Banda de Música Xuvenil de Xinzo organiza un concerto por Santa Icía

Este sábado 25 de novembro, a Banda de Música Xuvenil de Xinzo celebra o concerto en honra a Santa Icía, patroa dos músicos, que anualmente ofrece para conmemorar esta data tan especial. Como é usual, o auditorio do Centro Cultural da parroquia pontareán será o espazo que acolla a cita ás 19:00 h.

O concerto, de aproximadamente unha hora de duración, comporase de obras como Una noche en Granada, de Emilio Cebrián, ou Puszta, de Jan Van der Roost, composicións de varios movementos nos que se recollen as melodías tradicionáis andaluzas e húngaras, respectivamente. Ademais, a Banda aproveita cada ano esta ocasión para dar a benvida ós novos integrantes da agrupación. Polo tanto, o sábado se presentarán os catro novos músicos das distintas cordas que se sumaron ó longo do ano 2023.

Ao termo do concerto, a tradicional cea cos músicos, socios da banda e todos aqueles que se inscribiran para asistir celebrarase, ó igual que o pasado ano, no restaurante do Hotel Balneario de Mondariz.

Tomiño acolle novas historias ao son das Catro Estacións de Vivaldi

0

Tomiño pechará o Mes do Amor e a súa programación teatral de novembro a ritmo da música clásica. Este domingo 26 de novembro a compañía Os Monicreques de Kukas chega a Goián para conmemorar o 300 aniversario das Catro Estacións de Vivaldi cun divertido espectáculo para público familiar, ‘Viva Vivaldi (1, 2, 3 e 4 Estacións), no que recollen os cambios que se producen en cada unha das estacións do ano a través de pequenas historias que valoran a importancia da amizade e das relacións afectivas e solidarias.

Interpretado por Marián González, Larraitz Uruzola e Marcelino de Santiago, pequenos, pequenas e maiores poderán gozar durante a tarde do domingo das peripecias da pintura Maruxa, da escritora Rosalía e o músico Antón, que crearán un mundo fantástico e poético cuns monicreques tratados cunha paleta de cores brillantes e contrastados.

A actuación, dirixida a público familiar, será ás 17.30 horas no auditorio municipal de Goián e terá un prezo de 3 euros para persoas adultas e de 1,5 euros para nenos e nenas menores de 12 anos. As entradas poderán comprarse unha hora antes do espectáculo no despacho de billetes do propio auditorio.

O comercio do Porriño súmase ao Black Friday

O comercio do Porriño aposta un ano máis polas ofertas e promocións para dar o pistoletazo de saída á campaña de compras de Nadal.

Co fin de dinamizar o comercio e incentivar as ventas, ACIPOR, en colaboración co Concello do Porriño e a Xunta de Galicia, celebran este venres o Black Friday con descontos, sorteos e comercios abertos ata as 22 h.

Haberá tamén moitas actividades para que a xornada de compras sexa máis divertida. De 17 a 18 h haberá un pintacaras para os cativos e cativas na rúa peonil e ás 18 h comezará a Búsqueda do Tesouro polos comercios. Os nenos e nenas que queiran participar terán toda a información e a primeira pista no posto do pintacaras. Ás 19:30 tamén haberá un obradoiro infantil gratuíto en Hypatia Porriño.

Pero iso non é todo, mercar no Black Friday do Porriño tamén pode ter premio: sorteareanse cinco tarxetas regalo de 100 euros E a partir das 21:30 h, música na praza Arquitecto Antonio Palacios.

O Concello do Rosal mapea de forma dixital a rede de abastecemento de auga municipal e veciñal

0

O Concello do Rosal continúa co seu compromiso coas traídas de augas veciñais. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, mantivo un encontro de traballo coas distintas comunidades de augas para afondar sobre as accións que se levaron a cabo ao abeiro do novo Plan Director da Auga, que incluíu o mapeado dixitalizado da rede de abastecemento de auga municipal e veciñal.

“Para a administración local é fundamental crear un inventario co que ter rexistradas e xeolocalizadas as súas infraestruturas, xa que permite ter información detallada que non só facilita calquera nova obra que se leve a cabo, senón que tamén pode consultarse de forma rápida en caso de calquera incidencia”, explicou Fernández Callís.

O Concello investiu preto de 18.000 euros neste mapeo dixitalizado que ademais de preparar a cartografía base e envorcado da rede municipal e veciñal. Incluíndo as infraestruturas de captación, potabilización, estacións de bombeo, conducións xerais, depósitos reguladores, diámetro das tubaxes e anos e outros elementos que son seu conxunto son susceptibles de levar a auga ata os depósitos de cabeceira ou puntos de conexión.

Este inventario dixitalizado da rede de augas permitiu tamén definir as zonas das traídas veciñais para o seu posterior trazado por parte das comunidades de augas, así como a xeración dos planos específicos.

A rexedora quixo agradecer ás comunidades de augas veciñais a súa implicación, xa que “xogan un papel moi importante na corresponsabilidade e xestión dun ben básico como é a auga, polo que o Goberno municipal seguirá colaborando en todo o que precisen”. O Concello financia as análises de potabilidade obrigatorias en fontes e pozos, ofrece soporte para levar a cabo as reparacións urxentes do día a día e acaba de incorporar aos orzamentos de 2024 unha liña de subvención para acción planificada de 30.000 euros, incrementando nun 50 % a partida dedicada nos últimos dous anos.

Mondariz acolle unhas xornadas sobre xestión sostible de montes veciñais

0

O centro cultural de Mouriscados (Mondariz) acollerá este venres 24 e sábado 25 unhas xornadas orientadas a difundir as posibilidades de xestión sostible dos montes veciñais. O evento abordará a planificación dos montes veciñais, así como as posibilidades que abren os proxectos de absorción de carbono. Estes proxectos representan tanto unha vía de ingresos adicional para as comunidades como unha oportunidade para a restauración de áreas degradadas ou afectadas por incendios forestais.

A Asociación Forestal de Galicia, organizadora das xornadas, aproveitará tamén o acto para presentar o monte demostrativo de Mouriscados, un espazo que aspira a convertirse nun referente de boas prácticas silvícolas.

Para asistir ás xornadas, requírese inscripción previa gratuíta nos teléfonos 986 660 864, 981 564 011 ou 618 752 214. Tamén é posible a inscripcíón vía email a [email protected].

O programa das xornadas será o seguinte:

Venres 24

  • 16:30 a 17:00: presentación do monte demostrativo de Mouriscados
  • 17:00 a 17:45: a importancia da planificación na xestión forestal sostible
  • 17:45 a 18.15: pausa
  • 18:15 a 19: os proxectos de absorción de carbono como impulso á planificación

Sábado 25

  • 10:00 a 13:00: visita guiada ao monte veciñal en man común de Mouriscados

A Guarda presenta a nova marca institucional, a mellora da APP municipal e un novo sistema de incidencias para os veciños

0

Na súa intervención explicou que o deseño e o manual de identidade visual corporativo foi elaborado pola deseñadora local Ana Cividanes quen recibiu o encargo de renovar a imaxe corporativa pero sempre integrando a imaxe do escudo. Escolleuse a cor azul porque A Guarda é auga, polo que a deseñadora empregou un sutil xogo na tipografía empregada representado a nosa vila rodeada polas ondas do mar e do río. O escudo mantén os seus elementos sendo simplificado as liñas e as cores que nas décadas anteriores foron mudando.

O Concelleiro de Turismo, Fernando Reyes, informou que a concellería tamén renova a súa imaxe e o lema,  mantendo a nova marca pero coa característica que esta versión é a múltiples cores representando así a variedade dos elementos e recursos da Guarda: praias, monte, patrimonio, mar, gastronomía…

O novo lema turístico é “A Guarda é teu destino” continuando coa mesma idea que os visitantes escollen gozar da Guarda por diferentes motivos pola arqueoloxía, polo espazo natural, pola gastronomía, pola cultura mariñeira, polo Camiño Portugués da Guarda,… chegando a atraer a diferentes perfís de visitantes. O Concelleiro tamén adiantou que na vindeira semana estará dispoñible unha nova ferramenta turística para os visitantes que son uns mapas interactivos que recollen os elementos turísticos da vila. Esta nova marca turística vai convivir co logo do Camiño Portugués da Costa lanzado o ano pasado por que é específica para a promoción do camiño e aínda ten vixencia.

Neste acto tamén participou Anxo Pena; Concelleiro de Comercio, Empresa e Innovación Tecnolóxica, quen foi o responsable de presentar a mellora da aplicación móbil municipal e a creación dun novo sistema de incidencias para que os veciños podan comunicar os problemas da vía pública dunha forma rápida e sinxela. A nova ferramenta que se atopa no menú principal da aplicación é indispensable para fomentar a participación da veciñanza nos procesos de mellora do pobo de A Guarda. Para a súa descarga en iOS e Android é preciso escribir na AppStore  ‘’municipio inteligente A Guarda’’.

Nos vindeiros días a nova marca será incorporada nos diferentes soportes e na xestión municipal.

A bandeira de Baiona surcará os mares no velero dunha familia baionesa

0

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e o concelleiro de Cultura, Policarpo Vilar Misa, fixeron entrega da bandeira do Concello de Baiona a unha familia baionesa que vai saír no seu veleiro desde a Vila para dar a volta ao mundo.

Esta familia encabezada por Tonichi, veciño baionés integrante do dúo de música “Tonichi e Pacheco” levará a insignia de Baiona ao longo da súa travesía polos distintos continentes. O rexedor e o concelleiro agradecéronlle este detalle e desexáronlle unha moi boa travesía e boa mar, esperando o seu regreso en Baiona tras esta bonita aventura.

Mos informa da posibilidade de participar no seu IX Programa Integrado de Emprego

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Formación e Emprego, Julia Loureiro, informaron hoxe de que desde a Axencia de Colocación do Concello de Mos estase iniciando a selección dos 100 participantes no novo Programa Integrado de Emprego que foi concedido pola Xunta de Galicia á administración local mosense.

O Programa está financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. E as persoas interesadas en participar nel poden chamar por teléfono á Axencia de Colocación do Concello de Mos ao número 986487786, pasar persoalmente polas devenditas dependencias municipais, ou escribir un correo electrónico ao enderezo [email protected].

Esta trátase da IX Edición do Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos. E neste senso a rexedora mosense, Nidia Arévalo, salientou que “aínda que non é unha competencia municipal, unha das miñas máximas prioridades e preocupacións na xestión como alcaldesa é a inserción laboral da veciñanza en situación de desemprego, por iso quero agradecer a man tendida da Xunta de Galicia polo seu apoio incondicional a programas coma este no Concello de Mos, ás empresas pola súa colaboración e participación neles; e, aos usuarios e usuarias, animalos a seguir esforzándose e continuar formándose e realizando unha busca proactiva que, de seguro, dará os seus froitos”.

E é que o recén finalizado VIII Programa Integrado de Mos, que rematou o pasado 16 de novembro e no que participaron un total de 100 persoas, acadou unha porcentaxe de inserción superior ao 60%. Porcentaxe de inserción co que se superou o obxectivo final do programa, pois se establecía a inserción dun mínimo dun 45% das persoas participantes.

Os obxectivos dos Programas Integrados son: a mellora da empregabilidade das persoas participantes. Ser un instrumento útil para as empresas, traducido na adecuación dos perfís profesionáis para unha posible incorporación ás suas empresas. E ofrecer medidas de apoio ao participante tales como a axuda de 10 €/día por participar nas acciós que se establezan nos seus itinerarios de inserción e medidas de conciliación, se as necesitan.

Esta nova IX Edición do Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos conta con subvención auntonómica da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, que aporta 220.000 euros.

Nigrán organiza un roteiro por Chandebrito

0

O Concello de Nigrán abre o prazo de inscrición para participar este sábado 25 de novembro ás 10:00 horas nun roteiro por Chandebrito encadrado no programa municipal ‘Paseando Nigrán’.

É gratuíto, de aforo limitado, e con inscrición previa na Oficina de Turismo Dunas de Gaifar (de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas), no correo [email protected] indicando o nome completo e número de teléfono ou ben no 699859418. A duración aproximada é de 2 horas e a dificultade media-baixa, debendo acudir con roupa e calzado axeitados.

O comercio local de Tui fará gala de orixinalidade e creatividade este Nadal

0

O comercio tudense fará gala de creatividade e orixinalidade nestas festas para participar no I Concurso de Escaparates de Nadal 2023/24 organizado polo Concello de Tui, a través da concellería de Emprego e Comercio, en colaboración con ACITUI, a Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui. O obxectivo do mesmo é dinamizar o comercio de proximidade e impulsar a actividade comercial durante as festas.

Deste xeito, con esta iniciativa, os escaparates presentarán propostas orixinais e creativas con temática do Nadal, creando unha historia única en cada establecemento. Isto contribuirá ao ambiente festivo nestas datas, a incentivar as compras e tamén o paseo polas rúas comerciais para coñecer as creacións de cada comercio. Faise tamén unha aposta pola economía circular xa que na elaboración dos escaparates deberanse empregar técnicas sostibles, materiais de refugallo ou elementos naturais. 

Os establecementos que desexen participar deberán enviar a solicitude ao correo [email protected] até ás 14 h do luns 11 de decembro. Deberase indicar o nome e emprazamento do establecemento e un nome e teléfono de contacto. Axuntaranse dúas fotografías do escaparate e unha breve memoria explicativa.  A partir do 15 de decembro o xurado – formado por profesionais de recoñecido prestixioso nas áreas de escaparatismo, deseño, mercadotecnia, promoción comercial, fotografía e deseño de interiores, e presidido pola concelleira de Emprego e Comercio – visitará os escaparates participantes, que estarán debidamente identificados. Na súa valoración terán en conta a composición e orixinalidade na temática de Nadal, o uso dos artigos que se comercializan coma elementos decorativos, a interacción co público, o emprego obrigatorio de técnicas sostibles, de materiais de refugallo ou elementos naturais, e o traballo realizado na confección do escaparate. Entre todos elixirán aos dez finalistas, que recibirán un distintivo cun código QR que dará acceso ao público a votar a través da aplicación Easy Promos entre 28 de decembro e o 6 de xaneiro. O martes 9 de xaneiro daranse a coñecer os tres establecementos gañadores que recibirán un premio de 300 € o gañador, 200 € o segundo, e 100 € o terceiro clasificado. Amais todas as persoas que participen na votación optarán a seis vales de compra por importe de 50 € para consumir nos comercios participantes. As bases completas do concurso pódense consultar en tui.gal.

O comercio local, ACITUI e o Concello de Tui únense nesta iniciativa que será un atractivo máis para achegarse a Tui nestas festas de Nadal.

Incendio nun establecemento da Avenida de Vigo de Redondela

0

Alertados polo 112 Galicia, axentes da Policía Local de Redondela acudiron esta madrugada, arredor das 04.30 horas, a un incendio declarado no interior dun establecemento da Avenida de Vigo, na parroquia de Chapela. Afortunadamente só houbo que lamentar danos materiais no establecemento.

O edificio donde se atopa o local tamén foi desaxolado pola Policía Local por precaución, debido a abundante fumareda existente no inmoble. No lugar interviron tamén os bombeiros do Baixo Miño e de emerxencias Mos, así como tamén axentes da Policía Nacional.

Catorce touroperadores percorren o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño na procura de experiencias e sinerxías

0

Coñecer de primeira man as oportunidades turísticas do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Ese era o obxectivo co que 14 touroperadores de Galicia e Portugal estiveron percorrendo o territorio nunha visita que supuxo dar os primeiros pasos para estreitar lazos e crear sinerxías co tecido empresarial dos 14 concellos do Xeodestino.

Convidadas e convidados polo Xeodestino, durante toda a xornada, representantes de Rutas Meigas, Tee Travel, Galiwonders, Circuítos Galicia, Always Spain Incoming, Simply Galicia, Pambre Tours, Arribeirados, Grupo Acuña Ons, Go Travel Portugal e Art Natura coñeceron algúns puntos de referencia para o turismo da comarca do Baixo Miño na procura de experiencias que trasladar á súa clientela.

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, recibía á delegación antes de entrar a unha interesante visita ao Mosteiro de Oia, un lugar con séculos de historia no que puideron coñecer de primeira man o proxecto de recuperación previsto e as actividades que xa se están a desenvolver, como as visitas guiadas, as actividades culturais ou o museo no que se conservan partes das inscricións e debuxos feitos nas paredes polos reclusos que pasaron polo mosteiro durante a Guerra Civil.

A seguinte parada no percorrido foi na Guarda, onde tras a recepción do concelleiro de Turismo, Fernando Reyes, as redeiras da Asociación Atalaia ensinaron o seu labor diario, un oficio tradicional no que todo se fai a man con moitas horas de traballo e paciencia. Ademais de elaborar e reparar redes, as sete mulleres que actualmente forman parte da asociación tamén fan visitas guiadas e obradoiros e elaboran pezas de artesanía tecidas con redes e nos mariñeiros.

Na procura de experiencias diferenciais, os touroperadores amosaron especial interese tamén polo traballo realizado nas adegas do Rosal. En Terras Gauda puideron achegarse ao mundo da viticultura, á historia da enoloxía na comarca e degustar algúns dos viños con DO Rías Baixas Subdelegación O Rosal. Parada imprescindible tamén nos viveiros tomiñeses para coñecer o labor cotiá realizado nun sector que exporta produtos do territorio a todo o mundo. A delegación de visitantes percorreu Viveiros Río Tollo para familiarizarse co mundo da planta ornamental e as súas posibilidades turísticas.

Con moita ilusión polas iniciativas atopadas, os touroperadores achegáronse ao Hotel Talaso Atlántico para degustar un menú feito polo chef Javier Fins con produtos do territorio, pratos todos elaborados con materia prima do mar e da horta e con viños da comarca como acompañamento.

A xornada pechouse cun encontro entre os touroperadores e máis dunha trintena de empresas do territorio para tecer unha rede de traballo e fomentar a creación de paquetes e produtos que involucren á oferta turística e ao sector terciario. Como sinalou a presidenta de Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “workshops como o que estamos a celebrar hoxe son unha iniciativa fundamental para que todos os sectores se comuniquen e complementen para potenciar o turismo no territorio”. Unha idea na que incidiu o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, que agradeceu “que se fagan estas cousas para coñecernos e traballar xuntas e xuntos polo territorio”.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, explicou a todas e todos os participantes que o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño naceu “para promocionar todos a unha o noso territorio, que ten un potencial incrible. Só fai falla unir aos touroperadores ás nosas gañas e ilusión para facer do Xeodestino un referente turístico”. Pola súa banda, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, recalcou a importancia de “saír da esfera do local para entender o territorio como un conxunto de oportunidades”. Durante a xornada tamén estiveron presentes o representante institucional do Xeodestino e alcalde de Nigrán, Juan A. González; a concelleira de Turismo de Soutomaior, Silvia Cernadas; a concelleira de Mos Sara Cebreiro e a edil de Turismo de Baiona, Sheila González.

Esta colaboración coas axencias de viaxe que posúen unha ampla experiencia na comercialización de produtos turísticos a nivel nacional e internacional permitirá facilitar o acceso das empresas turísticas do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño ás canles de comercialización e promoción máis relevantes.

A Xunta incorpora ao catálogo de árbores senlleiras varios exemplares de Tomiño

0

A Xunta de Galicia incorpora ao Catálogo de árbores senlleiras dúas sobreiras, localizadas no concello de Valga, e unha formación de 14 exemplares desa mesma especie, que se atopan no municipio de Tomiño, segundo a resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

As Sobreiras da Capela dos Mártires, son dous exemplares cunha idade estimada de máis de 200 anos, localízanse xunto a unha antiga necrópole na parroquia de San Miguel de Valga. De feito, baixo estas sobreiras, hai dous sartegos, de granito, a ras do chan e semisoterrados. Ademais, cómpre salientar que o lugar se atopa no trazado dun antigo camiño sacramental que coincide coa actual Vía Mariana Luso-Galaica.

No que atinxe á formación das 14 sobreiras que se atopan na parroquia de Goián (Tomiño), distribúense en 4 grupos ao longo do adro a carón da capela de San Roque, espazo de interese histórico e patrimonial. A idade estimada dos exemplares está en máis de 250 anos.

Unha ferramenta en constante actualización

O catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables, como é o caso das sobreiras que veñen de incorporarse.

Este rexistro público de carácter administrativo inclúe todas aquelas árbores e formacións excepcionais merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.

Na actualidade, forman parte do Catálogo un total de 192 elementos —151 exemplares e 41 formacións arbóreas— pertencentes a 84 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:

PROVINCIAÁRBORESFORMACIÓNSTOTAL
A Coruña431457
Lugo35641
Ourense20626
Pontevedra531568
Total15141192

O Concello de Baiona tramita as solicitudes para participar no programa Xuntos polo Nadal 2023

0

O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Baiona informa que a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, organiza este programa de promoción do envellecemento activo e convivencia, destinado ás persoas maiores que se atopen soas nestas datas, xa sexa por carencia de familiares ou amigos, perda do seu cónxuxe ou por outras circunstancias.

O prazo de solicitude está aberto ata o día 8 de decembro. A solicitude deberá ir acompañada da declaración responsable e do informe social polo que para  realizar as xestións debe solicitarse cita previa coa traballadora social nos Servizos Sociais do Concello no teléfono 986385926.

Esta iniciativa autonómica ofrece o aloxamento en réxime de pensión completa dende o día 24 de decembro ata o día 7 de xaneiro, e no caso de quedar prazas sen adxudicar, valorarase dar media quenda (do 24 de decembro ao 30 de decembro de 2023, ou do 31 de decembro ao 7 de xaneiro de 2024 se asi se solicita).

A convocatoria de 2023 conta con 270 prazas en repartidas entre as dúas residencias de tempo libre coas que conta a Consellería de Política Social e Xuventude.

A residencia de Panxón, situada no concello de Nigrán, na provincia de Pontevedra, con 140 prazas para os solicitantes de A Coruña e Ourense.

E residencia do Carballiño, situada na provincia de Ourense, 130 prazas para os solicitantes de Pontevedra e Lugo.

O programa de actividades é variado e está adaptado aos gustos e aos recursos tanto patrimoniais como culturais da zona. Inclúe propostas como actuacións musicais, sesións de cine, bailes, obradoiros, campionatos de cartas, excursións, sesións de risoterapia e de ximnasia entre outras moitas.

As persoas beneficiarias deben cumprir os seguintes requisitos: ter 60 anos cumpridos no momento en que remate o prazo de presentación de solicitudes, estar empadroado nalgún concello galego, vivir só no seu domicilio e ter que pasar só/a as datas do Nadal, valerse por si mesmo e non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio, nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da estadía.

O programa inclúe os seguintes servizos:

  • Estancia na residencia durante 15 dias (14 noites)
  • Aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa
  • Desprazamento en autobús desde os lugares que se establezan nas localidades que corresponda (Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo ou Ourense) ata a residencia de tempo libre que se lle adxudique e viceversa
  • Actividades de animación sociocultural

Para máis información poden consultar a páxina web da Consellería de Política Social: https://politicasocial.xunta.gal/gl/recursos/plans-e-programas/xuntos-polo-nadal-2023.

Camiña na natureza no Concello de Covelo

0

Totalmente de balde e doada, así é a ruta de sendeirismo que o Concello de Covelo propón para este domingo día 26. Oito quilómetros ao longo dun trazado circular con tramos lineais que nos permitirán descubrir a beleza do Roteiro dos Carranos PRG-g 95.

As inscricións poderán realizarse a través do número de teléfono que xestiona o guía de montaña e biólogo, Julio Eiroa, 654 500 652, persoa que acompañará ao grupo ofrecendo información útil que nos axudará a entender a riqueza medioambiental e histórica que agocha este roteiro. O punto e hora de encontro para a saída será o Serradoiro dos Carranos ás 09:00 horas.

“Xornadas de portas abertas do Serradoiro dos Carranos e da súa aula de natureza, observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía, roteiros guiados de distintas dificultades programados para cada mes e outras moitas máis actividades que organiza o Concello para promover hábitos de vida saudable e pór en valor o patrimonio medio ambiental, etnográfico e histórica destas terras”, explica a concelleira de Cultura, Lourdes Enes.

Ademais o Concello colabora e da apoio a iniciativas de colectivos que promoven a sensibilización, difusión e promoción da arte e da natureza como as xornadas micolóxicas deste sábado día 25 que organiza Covelonatural e que inclúen un amplo programa con saída guiada ao campo, cociña, charla e proxección documental.

A programación anual do Concello de Covelo permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada que pon en valor o patrimonio cultural e natural.

O Roteiro dos Carranos

O roteiro dos Carranos (PR-G 95) recibe o seu nome do serradorio e percorre o territorio entre as parroquias de Fofe e Maceira. Dende Fofe de Arriba comeza un descenso por antigas corredoiras ata a ponte medieval. Logo de camiñar á beira do río Tea, a senda ascende ata a o Serradoiro dos Carranos, en Maceira.

Existe a posibilidade de desviarse do roteiro na derivación que remata na praia fluvial de Maceira. Ó retornar comeza o camiño de volta a Fofe. Primeiramente os pasos de Ponteliñares e máis tarde volver ao roteiro ata a ponte medieval. Alí, podemos visitar o muíño de Ganza e voltar ata Fofe de Abaixo pechando o percorrido visitato a igrexa de San Miguel.

O Serradoiro dos Carranos é unha obra mestra da arquitectura e enxeñería. Este serradoiro, construído pola familia Vales no 1922, utiliza a forza motriz da auga para mover unha serra de cinta e outras maquinarias. Neste momento está rehabilitado para a visita con material didáctico repartido entre as diferentes estancias do conxunto. As visitas deben ser concertadas no Concello de Covelo ou nos teléfonos do cartel da entrada.

Alumnos do Instituto Illa de San Simón de Redondela representarán a España nunhas olimpiadas de divulgación científica

0

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, recibiu os alumnos do IES Illa de San Simón de Redondela premiados co galardón QuinteSciencie, da Olimpíada Científica Xuvenil Española.

Agora participarán no International Junior Science Olympiad que se celebrará entre o 1 e o 10 de decembro en Tailandia. “É un orgullo que estes mozos e mozas galegos representen ao conxunto do país nun certame internacional de divulgación científica”, anotou Román Rodríguez. O instituto de Redondela participa en diferentes olimpíadas ao longo do ano, actividades nas que contan co apoio económico da Xunta de Galicia.

Os veciños de Bouzavella decidirán o xoves o futuro da rúa

0

Os veciños de Bouzavella (Panxón) decidirán este xoves o futuro da súa rúa: bidireccional (como é actualmente) ou de sentido único a partir do cruce de Gorféns. Así, toda persoa maior de 18 anos empadroada nesta estrada e provista de DNI está chamada a votar en furna o xoves 23 de novembro Salón de Plenos do Concello de Nigrán, de 9:00 a 13:00 e de 16:00 a 18:00 horas. Deste xeito, o goberno de Nigrán aposta novamente pola participación cidadá para zanxar definitivamente este conflito entre os residentes da zona, enfrontados entre as dúas opcións desde hai anos. Así foi acordado hoxe no pleno ordinario de Setembro ao presentar o PSOE esta emenda concreta a unha proposta inicial do BNG que instaba a realizar un proxecto de seguridade viaria na zona. Este referendum inaugura un feito inédito na política local do municipio que vai na mesma liña da consulta pública realizada en xuño de cara a regular a presenza de cans nas praias do municipio (o resultado foi favorable ao cambio da actual ordenanza).

“O Concello acatará a decisión democrática da veciñanza e todos deberán respectala. Inicialmente considerarase ter en conta só a un representante por cada fogar, pero ante as numerosas alegacións recibidas aceptamos amplialo á maioría de idade para gañar en calidade democrática”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza que o reconto será público e se realizará ali mesmo inmediatamente despois de pechar a furna (18:00 horas).

A estreiteza da rúa Bouzavella, unido a aparcamentos indebidos, dificulta a maniobrabilidade e impide que en moitos tramos se poidan cruzar simultáneamente dous vehículos, xerando conflitos entre usuarios polas preferencias de paso, especialmente no verán, cando son centos de coches que atravesan a rúa para acceder a Patos, Madorra ou Monteferro xerando, en consecuencia, retencións. “A xente a emprega como atallo para ir á praia de Patos para evitar ter que facer toda Estrada pola Vía e cruzar polo centro de Panxón, por esta mesma razón moitos veciños demandan que se quede como está, non con sentido único, porque consideran que lles obrigará a dar demasiados rodeos cando o problema é sobre todo estival”, explica o alcalde, quen insiste en que o que sempre evitou foi “tomar unha decisión unilateral sen o consenso da veciñanza, que é a verdadeira afectada”. “Non fun nunca partidario de impoñer unha solución habendo dous bandos veciñais opostos e cada un deles coas súas razóns lóxicamente argumentadas, así que finalmente vin claro que a decisión só podía saír dunha votación democrática entre eles mesmos que non os divida máis”, finaliza. 

O Mercado de Nadal de Tui consolídase coa participación de 50 expositores

0

Comeza a conta atrás para o Mercado de Nadal que Tui que reunirá a un total de 50 expositores ao longo das tres quendas en que se vai celebrar dende o 1 de decembro ao 5 de xaneiro. O espírito do Nadal inundará o céntrico Paseo da Corredoira nunha cita xa clásica durante estas festas na cidade, e que contribúe á dinamización da actividade comercial tudense.

As casetas de madeira nas que se ubicarán os postos estarán coidadosamente decoradas converténdose no mellor escaparate para produtos artesáns, gastronómicos, de agasallo, decoración… que converterán de novo á Corredoira nun punto de referencia na axenda do Nadal tudense.

Desde o 1 de decembro e até o 5 de xaneiro, os expositores rotarán, ofrecendo unha variedade en constante cambio de produtos nas tres quendas establecidas, do 1 ao 12 de decembro, do 13 ao 24 de decembro e do 26 de decembro ao 5 de xaneiro, co que prometen unha experiencia renovada en cada visita.

A diversidade de artigos dispoñibles é un dos puntos fortes deste mercado, que presenta unha ampla gama de agasallos do Nadal confeccionados en materiais como madeira, prata, latón, vidro, coiro, resina, tecidos de gancho e punto, entre outros. Ademais, a oferta gastronómica brindará churros, chocolate, crepes, galletas, pasteis, gofres, mel, hidromel, viño quente … Non faltará a decoración do Nadal cunha variedade interminable de artigos propios da tempada festiva.

O Mercado de Nadal de Tui consolídase coma un referente na zona e gaña forza edición a edición. Amais da actividade expositiva e de venda, non faltarán os obradoiros e a animación musical cun programa que se dará a coñecer en breve.

No Mercado estará situada a “Árbore dos desexos”, adornados con bolas que conteñen os desexos que plasmaron nunha tarxeta os nenos e nenas das familias ás que axuda SOS Tomiño Baixo Miño. As persoas que desexen colaborar deben recoller unha das bolas de Nadal, facer realidade ese desexo e entregalo a SOS Tomiño Baixo Miño. Esta iniciativa solidaria está promovida por EMEmedia.gal, SOS Tomiño Baixo, Viveros Nilo e o Concello de Tui.

O Mercado de Nadal, a decoración sostible, a iluminación de rúas prazas, os concertos… brindarán unha programación de Nadal única en Tui.  

A Deputación executará a transformación urbanística de San Xoán de Barcela, en Arbo

0

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou co alcalde de Arbo, Horacio Gil, un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con preto de 370.00 euros, o 90 % do orzamento, os traballos para a mellora da mobilidade peonil na contorna da capela de San Xoán de Barcela. O Concello, pola súa banda, achega o 10 % restante (40.000 euros). Un proxecto que transformará este núcleo nun novo exemplo de municipalismo ao servizo da mellora dos espazos urbanos de Arbo.

O proxecto está dividido en dúas fases. A primeira, que está valorada en máis de 400.000 euros, centrarase no ámbito central do núcleo de Barcela, unha superficie superior aos 2.100 metros cadrados. Para máis adiante quedará a actuación no viario de acceso a este núcleo. Esta zona presenta unha serie de deficiencias a resolver como a excesiva presencia de vehículos no espazo público, un pavimento pouco axeitada para a mobilidade peonil, ausencia de vexetación e pouco respecto polos elementos patrimoniais. Para solucionar estes problemas, o proxecto contempla a mellora paisaxística e a creación de espazos seguros para os peóns.

Con estes obxectivos, a obra consistirá na unificación do espazo público da contorna da capela co da Praza Barcela mediante a implantación dunha plataforma única con pavimento de lousa de granito. Ao mesmo tempo, eliminaranse zonas de aparcamento e limitarase a velocidade de circulación dos coches á 10 quilómetros por hora para dar prioridade ás persoas. Renovarase tamén a iluminación e instalaranse novos elementos de mobiliario urbano, así como a plantación de novas especies vexetais.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Arbo realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido. Un acordo subscrito entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Arbo que supón un novo paso adiante na colaboración institucional entre o goberno provincial e as administracións locais para a modernización e transformación dos espazos públicos.

A rapazada de Redondela plasma as súas reivindicacións no Pleno Infantil

0

O auditorio do Xunqueira acolleu a celebración dun pleno infantil no que participaron alumnos dos centros de primaria e secundaria do municipio xunto coa alcaldesa Digna Rivas, a concelleira de Infancia, Pilar Martínez, e representantes de todos os grupos políticos da corporación.

Acompañados dous seus mestres, no pleno participou rapazada dos CEIP Alexandre Bóveda, Quintela, Igrexa, Porto Cabeiro, Reboreda, CEP Santa Mariña, Colexio Vigo e os IES Chapela, Illa de San Simón, Pedro Floriani e Mendiño. A sesión plenaria deste Consello Municipal de Infancia e Adolescencia coincide coa celebración onte, 20 de novembro, do Día Internacional da Infancia. O Consello Municipal de Infancia e Adolescencia é un órgano participativo e de carácter consultivo que serve de representación do conxunto da Infancia e a Adolescencia dentro do municipio, e que se artella favorecendo a colaboración da Infancia e a Adolescencia cos adultos na elaboración das políticas municipais, tendo en conta o punto de vista dos máis novos.

A alcaldesa, Digna Rivas, que presidiu o pleno, salientou a importancia desta sesión plenaria “xa que os propios nenos e nenas, de primeira man, poden expoñer as súas necesidades, reivindicacións e inquedanzas”.

“A seguridade na infancia” era o lema deste ano, e a mocidade expresou as súas demandas e inquedanzas neste sentido. Falaron da necesidade de mellorar a saúde mental dos máis pequenos, con atención psicolóxica nos centros de ensino e persoal de apoio para facilitar a integración de todo o alumnado, tamén do que ten necesidades educativas especiais. Mellorar a seguridade viaria foi outra das súas reivindicacións, tanto coa instalación de beirarrúas nas zonas onde non existen como na mellora do alumeado onde é necesario. A concellería de Infancia trasladará todas estas peticións ás administracións competentes.

Unha vez rematado o pleno, a rapazada concentrouse na entrada do Multiúsos da Xunqueira con pancartas feitas por eles mesmos coas súas reivindicacións. A concelleira de Infancia, Pilar Martínez, explcou que as pancartas “quedarán expostas ao longo de toda a semana para que a veciñanza de Redondela poida ver as suas inquedanzas”.

Preto de medio millar de persoas participarán este sábado no VII Urban Trail Night Eurocidade

0

Preto de medio millar de persoas participarán este sábado, 25 de novembro, no VII Urban Trail Night Eurocidade, que partirá ás 19.30 h do Centro Coordenador de Transportes de Valença, e cuxa liña de meta estará situada no Paseo da Corredoira en Tui. Contará, ao igual que en 2022, con dúas distancias 8 quilómetros e 16 quilómetros. A inscrición está aberta até ás 23.59 h deste mércores, 22 de novembro, en www.deporticket.com e en www.lap2go.com.

A proba foi presentada este mediodía na Biblioteca Municipal de Valença polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa, o director técnico da carreira, Serafín Martínez de Noko 360 e Justi Peixoto de Sra Emilia Agencia de Comunicación.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou a Urban Trail Night coma unha proba “emblemática do noso calendario”, do que salientou é “un calendario único no ámbito transfronteirizo da Europa occidental”.  Tamén destacou coma neste evento “se retroalimentan a posta en valor do noso patrimonio e esta proba deportiva”.

O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, remarcou que a Urban Trail Night Eurocidade é “un evento espectacular en todos os sentidos”, engadindo que se trata dunha proba consolidada no calendario deportivo da Eurocidade. Mentres o vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa, destacou que o feito de que a proba sexa nocturna e internacional lle confire un carácter único.

No mesmo sendo se pronunciou o director da carreira, Serafín Martínez, sinalando que este é un evento único por ser o único trail urbano e nocturno que se celebra en Galicia. Ao tempo puxo o aceno na súa espectacularidade polo entorno no que transcorre e salientou coma o percorrido cambia cada ano, incorporando novos emprazamos aos lugares emblemáticos das dúas cidades polos que pasa cada ano coma a Fortaleza de Valença, a vella Ponte Internacional e o conxunto histórico de Tui. Este ano incorpórase no percorrido a ponte peonil sobre a desembocadura do río Loureo. Mentres Justi Peixoto explicaba que esta é un proba diferente por tratarse dun trail urbano que tenta “estreitar aínda máis os lazos da Eurocidade, e pór en valor o gran patrimonio das dúas cidades”.

Salvaterra solicita colaboración cidadá no proxecto de EC4RURAL

EC4RURAL é unha inciativa de creación de comunidades enerxéticas na que participan
22 concellos da comunidade autónoma de Galicia, e da que Salvaterra de Miño é parte.

Por iso, desde o Concello solicitan a colaboración de toda a veciñanza para coñecer o interese que teñen nestas iniciativas de autoconsumo colectivo de enerxía xerada a partir de fontes renovables.

Os veciños da vila participarán completando unha pequena enquisa que tan só leva dous minutos. Este é o enlace que tamén estará activo e visible dende a páxina web e redes sociais do Concello.

Acceso á enquisa: https://www.fegamp.gal/content/proxecto-ec4rural-enquisa-sobre-comunidadesenerxeticas-locais-cidadania-institucions.