Preto de 130 persoas maiores de 50 anos gozarán entre hoxe o venres 1 de decembro do programa “Depotermal” da Deputación de Pontevedra, con estadías en complexos hoteleiros de Sanxenxo. Durante a súa estancia poderán desfrutar de actividades de animación sociocultural e de tratamentos gratuítos como sesións monitorizadas de activación muscular e articular, sauna, piscina terapéutica, aplicación de barros quentes e ducha circular, entre outros.
No Hotel Carlos I Silgar de Sanxenxo aloxaranse preto de 80 persoas dos concellos da Baiona, Cambados, Cangas, Catoira, A Lama, Gondomar, A Guarda, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Tui e Vigo. Pola súa banda, o Gran Talaso de Sanxenxo acollerá a un grupo de 50 persoas de Cangas, Catoira, Pontevedra e Vigo.
O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra, dirixido ás persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65% ou que teñan acreditado un respiro familiar, ten como finalidade facilitarlles aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, ao mesmo tempo, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.
“Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total, son 2.447 as persoas beneficiarias, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783 persoas a asistencia con aloxamento.